Onte 1007: A voltas co blogomillo

eu_son_do_blogomillo-512x174

Marcus Fernández publicou onte unha anotación na que repasa a situación actual daquel blogomillo de hai case unha década. Lembro aqueles anos como un tempo de entusiasmo dixital, onde forxamos amizades que por fortuna hoxe se consolidaron, onde moito aprendimos e compartimos sobre a utilización dos soportes dixitais e a escritura hipertextual. Mais o blogomillo foi sobre todo unha primeira comunidade de blogueiras e blogueiros, dalgún xeito un precedente das actuais redes sociais. Se repasamos a relación de blogs existentes en 2005, comprobamos que foron moitos os que pecharon, outros mudaron de nome ou reorientaron o seu contido. Como tamén houbo blogueiros e blogueiras moi activos daquela que mudaron as súas preferencias e modalidades de publicación dos seus contidos na rede. Tamén é certo que se repasamos os blogs máis activos e lidos en  galego na actualidade comprobamos que foron moitas as incorporacións, o que constitúe un fito esperanzador. Continúo crendo relevante do fenómeno do blogomillo foi que impulsou o proceso de expansión da internet en galego, ao tempo que facilitou a súa utilización didáctica, sobre todo no eido de fomento da lectura, para o que foi esencial a xenerosidade da plataforma de Blogaliza. Hoxe para a nosa satisfacción son moitos máis os blogs activo en galego ca en 2005 ou 2006. Aquel blogomillo como comunidade non resistiu a competencia de Twitter e Facebook nin tampouco a especialización dos contidos na rede. Unha reflexión que non debera desacougarnos. Pola miña banda, diante de tanto ruído e confusión, sigo acreditando na utilidade dos blogs de referencia, lugares seguros, arquivos sen intermediación, en definitiva un espazo de comunicación e aprendizaxe. Seguimos.

Onte 1006: Graduación

Acompañamos a María na súa Graduación na facultade Xornalismo da USC. Foi un serán moi emocionante para os tres, remate de dúas décadas de ensino regrado, tamén o inicio de novos vieiros incertos e esperanzosos. Gostei do rigor co que os graduados artellaron a velada, que resultou moi áxil, divertida e emocionante para todos, na que tamén houbo tempo para reclamar a dignidade e o futuro do xornalismo e dos seus profesionais, nunha excelente intervención do padriño Alfonso Hermida. Xaora o minuto de ouro do serán, no que se utilizaron con moi bo criterio os diversos recursos da comunicación actual, foi a intervención do profesor Miguel Túñez, unha peza fermosa, na que salientou os valores da vontade e dos afectos para a vida e para a profesión. Entre os aplausos do alumnado posto en pé codou: «querer é querer». Eis enxergamos a esperanza da nova etapa.

Onte 1005: Amor de cadeado

Candadospontdel´archeveche1Desque un anaco da varanda da Ponte das Artes sobre o Sena foise abaixo, o concello de París decidiu retirar os cadeados que alí deixaban os namorados. Un costume presente en diversas cidades emulando aos protagonistas de Tengo ganas de ti, unha das novelas xuvenís de Federico Moccia, que se prometían amor eterno pendurando un cadeado nunha ponte do Tíber ao que logo tiraban a chave. As novelas do italiano e o cadeado son hoxe iconas do mito do amor romántico e eterno coma unha cadea. Este mito nefasto e reaccionario mantén o seu pulo nas series xuvenís perpetuando así os modelos patriarcais de submisión das mozas, que chegan a ser controladas minuto a minuto polos seus mozos. Noxento.

Nos últimos meses publicamos en Xerais dúas obras dirixidas a público xuvenil que considero moi importantes para combater este mito do amor romántico, a triloxía Ámote Leo A. de Rosa Aneiros e o libro de poemas Penúltimas tendencias de Carlos Negro. En ambas as dúas critícase a idealización do amor que leva á posesión e ofrécese dende a literatura unha alternativa baseada na autonomía, responsabilidade e liberdade de cada unha das persoas. Moi atinadamente Carlos Negro cita nas presentacións do seu libro unha frase de Antoine de Saint-Exupery en Ciudadela que resume a crítica ao amor de cadeado:

«Non confundas o amor co delirio de posesión, que achega os peores sufrimentos. Porque pola contra, segundo a opinión común, o amor non fai sufrir. Mais o instinto de propiedade si fai sufrir, o que é o contrario do amor.»

Onte 1004: «A voz do vento» en Cangas

A_voz_do_vento_Cangas_12-06-2014

Emocionante e memorable resultou no serán de onte a presentación d’ A voz do vento na rúa Cega de Cangas, ao pé da rúa Real. Case un cento de persoas ocuparon durante máis dunha hora o espazo público arredor da taberna O Rincón, un dos locais con máis sabor da vila, fundado en 1955, para escoitar a gran intervención de Pemón Bouzas sobre a novela que recupera a memoria do ataque berberisco de 1617 e anova o mito de María Soliño. Na súa intervención Pemón reconstruíu minuciosamente a vila de hai catro anos, deitada sobre a praia de Areas gordas, centro de intercambio comercial e marítimo, cuxos oitocentos habitantes foron atacados por unha impresionante flota de trece embarcacións. O relato do proceso de crise posterior que viviu a vila e o papel dalgunhas mulleres como María Soliño centrou o discurso engaiolante do narrador. Se non abondase, as numerosas intervencións do público coincidiron en abeizoar ao autor mais tamén en solicitar a celebración do cuarto centenario da invasión e do proceso do tribunal da Inquisición a María Soliño. Onte a rúa Cega cangueira convertiuse da man dunha novela en praza Maior, un auténtico galano. A nosa gratitude a Lito da libraría Maraxe pola súa axuda e a Antón por transformar a súa taberna popular, que saca semanalmente o jazz a rúa, en centro cívico e cultural. Un modelo a imitar para visibilizar o libro galego. Regresamos moi satisfeitos.

Onte 1003: Subversivos

Dobarro_Pillado_e-Alonso_Montero_Ferrol_11-06-2014

Na presentación de onte na Feira do Libro de Ferrol da quinta de edición do Pedro Petouto todos os tres discursos centráronse sobre o carácter «subversivo» do libro de Xesus Alonso Montero e a súa actualidade. O primeiro en sinalalo foi Xosé María Dobarro cando realizou unha nota sobre o subtítulo da obra, «Traballos e cavilacións dun mestre subversivo»: «Daquela [referíndose a comezos dos setenta] estabamos orgullosos de ser subversivos, hoxe pasou a moda, a pesar de que hai razóns abondas para a subversión. Hoxe subversivos ten que haber aínda que non empreguemos a palabra». «Hoxe é un bo momento para reclamar a subversión e a nosa condición de subversivos. Este Pedro Petouto non é unha reliquia do pasado, é un texto necesario para os cidadáns deste país sen queren enfrontarse á realidade so seu país», rematou.

Abondou nesta referencia Rafael Pillado que comezou o seu discurso dicindo que «”subversivo” era a palabra coa que o franquismo se refería a nós durante moitos anos». Lembrou despois que «Xesús foi dos primeiros intelectuaiis que acudiu a Ferrol naqueles momentos [referíase ao 72] en solidariedade cos traballadores, coas nacentes Comisións Obreiras e cos membros do Partido Comunista, para iluminarnos coa súa palabra de Pedro Petouto». Referiuse despois á adicatoria do libro, na que aparece citado. «Son o único dos catro que hoxe vive, Aneiros, Amor Deus e Rioboo morreron por mor das condicións de traballo de Bazán, onde o amianto inundaba os talleres, un material do que descoñeciamos o seu carácter contaminante e canceríxeno. Foi a nota negra». Relatou con moita emoción a primeira noticia que tivo de Pedro Petouto: «Foi na cárcel de Carabanchel. O libro fóra presentado en Madrid, na Galería Sargadelos, coincidindo coa visita das nosas compañeiras que viñeran en autobús dende Ferrol. Elas ensináronnos o libriño vermello na cárcel. Daquela eu tiña 24 anos de petición fiscal e as nosas mulleres querían animarnos. Na presentación atopáranse con Xesús e Celso Emilio Ferreiro, un acto que rematou coa interpretación dunha pandeirada. aquilo foi unha expresión de apoio que recibimos como auga de maio». Rematou Pillado dicindo que «Pedro Petouto é a expresión dun percorrido histórico do noso pobo, onde tanta xente se sacrificou para abriros ollos. Pedro Petouto é unha homenaxe a toda a xente comprometida. Un recordatorio de que precisamos moitos activistas que contribúan a conformar unha maioría social capaz de derrotar a aqueles que teñen posta a bota enriba nosa».

Xesús Alonso Montero recoñeceu que «subversivo» é unha palabra que se emprega pouco agora. «O subversivo é o que quere darlle a volta á tortilla, como pretendía Rafael Pillado, subvertir. Pedro Petouto é tamén un mestre subversivo». Corrixiu Xesús o relato de Rafael Pillado precisando que a presentación na Galería Sargadelos de Madrid fora do primeiro volume da poesía completa de Celso Emilio Ferreiro publicada por Akal. Referiuse entón a Ramón Acal, o editor comunista, «un gran músico de orella, que tivo cheiro editorial, capaz de publicar nos anos setenta as completas de Marx, Lenin e as obras selectas de Gramsci». Lembrou que en Akal coñecera a Alberto Méndez, o autor de Los girasoles ciegos. Alonso Montero rematou gabando a figura humana e política de Julio Aneiros: «se non houbera persoas coma el non merecería apenas vivir».

Onte 1002: Raimon

RaimonRaimon recibiu onte no Palau de la Música o Premio de Honra das Letras Catalás outorgado por Ómnium Cultural. Recoñécese así a traxectoria artística, cultural e cívica do cantante e poeta de Xátiva, destacando o seu papel como defensor da lingua catalá desde 1963, ano no que publicou en Edigsa o seu primeiro disco, o que inclúe  «Al vent». Onte, tras recibir tan importante recoñecemento, Raimon confesou que «moitas veces teño a sensación de que non son dos meus», «non me sinto dos meus cando os meus queren que eu sexa como eles quixeran que eu fose e non como eles saben que son», «a loita entre o meu “eu” e o seu colectivo fanme pensar que eu non son dos meus». Un xeito moi sutil de afirmar na súa madurez humana e artística a súa liberdade de criterio e o seu compromiso coa súa memoria. Raimon, figura da música popular catalá, que continúa defendendo os valores democráticos, merece as nosas beizóns. Parabéns tamén a Ómnium Cultural, unha entidade cívica apartidaria que coma Raimon leva cincuenta anos ao servizo da lingua, da cultura e do país.

Onte 1001: Sacrificio

Hernandez_Curras

Feijoo decidiu na encrucillada, aínda que chama moito a atención que sacrificase ao seu conselleiro de Infraestruturas para tratar de conservar a Alcaldía de Compostela. Agustín Hernández Fernández, un dos membros do Goberno Galego con fama de mellor valorados, un marathoniano que ocupara de forma simbólica a última posición da lista municipal compostelá, deberá asumir a remuda dun Currás ilexitimado por inhabilitacións, demisións, imputacións, fraudes fiscais e escándalos no equipo formado formado por Gerardo Conde Roa. Unha carambola difícil. Probablemente, tamén, un sacrificio para Agustín Hernández que durante menos dun ano deberá montar un equipo de goberno sen concelleiros ou concelleiras electas capaz de recuncar nas vindeiras eleccións. Todo un espectáculo teatral cuxo argumento principal semella cada vez máis esperpéntico, case unha homenaxe o xénero daquel Valle que pasou os seus derradeiros días (moi fríos) en Compostela. Xaora, non acabo de entender as razóns polas que Feijoo, quen gosta presentarse nos foros televisivos como implacable inimigo da corrupción, decidiu apodrecer a situación en Raxoi, prolongando até onte a agonía de Ángel Currás, evitando a disolución da actual corporación compostelá e novas eleccións. Non hai dúbida que só unha convocatoria electoral, só a voz da cidadanía expresada nas urnas, pode devolver a lexitimidade aos xestores do concello de Santiago. Diante de semellante esperpento, a esquerda conta con todas as posibilidades para recuperar o vindeiro ano a Alcaldía. Agardemos que desta volta non queden os seus votantes na cama nin o seitarismo malogre esta oportunidade.

Onte 1000: Seguimos

nube-ninoO 9 de setembro de 2011 comezamos unha serie de anotacións co título «Onte», coas que pretendiamos recuperar a escrita hipertextual no blog. Acadamos o número 1000 deses textos diarios (apenas fallamos media ducia de días), a maior parte deles breves e en diálogo cunha imaxe significativa. A serie, xa a máís voluminosa do blog, foise conformando como unha certa crónica do meu traballo como editor e cidadán galego nun tempo crítico. Esa é a razón pola que a edición e a política son os fíos principais do relatado. Xaora, nestes ontes tamén aparecen uns poucos de temática futbolística (completando a serie de prosas celestes «Campo do Fragoso») ou de carácter memorialístico ou persoal. En todos eles, coa excepción obrigada das crónicas das presentacións literarias, o afán foi o da brevidade e o do esforzo por utilizar unha prosa hipertextual económica. Continúo acreditando no papel esencial do blog, como cerna e arquivo da miña identidade dixital, expresada tamén en Twitter, Facebook e Pinterest, onde tamén se publican. A escrita dun blog é unha aprendizaxe permanente, unha ollada á espreita, unha disciplina por compartir e escoitar. Seguimos.

Onte 999: Gratitude

Capitan_Nemo_San_Simon_07-06-14Nin o vento nin a chuvia puideron co entusiasmo das duascentas cincuenta participantes na cerimonia na que onte demos a coñecer o ditame dos Premios Xerais 2014. A miña primeira gratitude é para elas polo seu apoio xeneroso e fraternal, pola súa calor e ledicia contaxiosas ao longo de todo o serán, fose na velada literaria coma no convivio posterior. É o espírito dos Xerais de San Simón que se multiplica despois no feis. A miña gratitude para Xavier Senín, figura esencial para o desenvolvemento do libro galego entre séculos, pola súa brillantísima loanza da lectura e a súa homenaxe aos membros da Xeración Lamote, á que el pertence. Beizón para Xiana Lastra que conseguiu emocionarnos cos seus dous temas musicais. Gratitude para as quince lectoras que tomaron as decisións dos xurados, trece delas mulleres, que apostaron polo pulo irresistible da xeración de narradoras do novo século que toma a remuda. Beizón para o traballo extraordinario do equipo de profesionais de Xerais, que dende hai máis de catro meses ocupou a Celia Torres na organización de todos os detalles do premio e a Helena Pérez, Xosé Manuel Moo e Francisco Alonso nas secretarías dos xurados. A ledicia compartida onte é a confirmación de que os proxectos con futuro son os alicerzados no rigor do traballo e os que conservan o plano dos valores sempre sobre a mesa.

Manuel G. Vicente preparou esta fotogalería do serán de San Simón.

Onte 998: Predicións

San_SimonEstivemos pendentes das diversas predicións meteorolóxicas para o serán deste sábado no que daremos a coñecer na illa de San Simón o ditame dos Premios Xerais 2014. Hai moitas probabilidades que chova, coma xa sucedeu nos dous últimos anos; aínda que tamén algunhas da existencia de clariños intermitentes. En definitiva, tempo variable e incerto, como lle acae a esta primavera do país de noso. Con todo, non teño dúbida que celebraremos o magnífico discurso de Xavier Senín de gabanza da lectura e dos membros da Xeración Lamote, gozaremos da música de Puntada sen fío, o grupo musical no que participa Xiana Lastra, gabaremos a Jules Verne na súa semana viguesa, leremos anacos d’ A illa misteriosa na tradución galega de Ánxela Gracián, coñeceremos tres novos textos, chufaremos ás súas autorías e, sobre todo, compartiremos co polbo e cos petiscos que prepara Fita anceios e angueiras de amigos e amigas chegados de todo o país. Eis a importancia do serán de convivio de San Simón. Quen dixo choiva!!!