50 anos do «Polycommander»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao cincuentenario da marea negra do Polycommander:

Hai medio século da semana inesquecible do Polycommander, que marcou a memoria da miña xeración. Todo comezou cando o petroleiro noruegués de 230 metros de eslora, pretendía saír da ría pola canle Norte. Ás catro e vinte da madrugada do martes 5 de maio de 1970, cargado con 49.414 toneladas de cru da variedade arabia lixeiro, bateu nas pedras de Cíes, á altura da Punta Muxieiro, diante da praia de Figueiras na illa norte. Un encallamento de causas dificilmente explicables que destruíu a sala de máquinas e abriu unha fenda de tres metros no casco do costado de babor, pola que comezou a verterse o contido dos tanques 5 e 6, onde se aloxaba case un terzo da carga.

Derrame que, tras varios estoupidos de orixe nunca aclarada, deu paso a un incendio pavoroso da embarcación, fabuloso espectáculo seguido con asombro e preocupación polos vigueses durante corenta e oito horas dende o outeiro do Castro ou os miradoiros de Camelias ou do Paseo de Afonso (como no caso noso), e que foi cubrindo cunha densa nubada tanto a ría como a propia cidade. Marea negra, na que se derramaron até 18.000 toneladas de petróleo, que durante anos deixaron as súas inconfundibles pegadas de «pichi» (chapapote) en todas os nosos areais e da que medio século despois se conservan aínda pequenos vestixios nalgunhas rochas dos cons de Mougás e Monteferro.

Daquela primeira gran traxedia ecolóxica da ría de Vigo conservamos algunhas fotos impresionantes tiradas con enorme afouteza dende unha lancha de oito metros por Magar e por Freire, os reporteiros gráficos de Faro de Vigo e El Pueblo Gallego, así como algunhas crónicas xornalísticas moi valentes para a época sobre a precariedade dos traballos de extinción do incendio por parte dos bombeiros vigueses, das dificultades das tripulacións de varios pesqueiros para conter a marea cos medio artesanais que idearon ou dos efectos do orballo de cinzas sobre os cultivos do Val Miñor.

Porén, carecemos aínda dun relato contrastado capaz de explicar as razóns que provocaron o accidente e o alcance dunha marea negra, que chegou á portada da revista The New Yorker en maio de 1973, mais que as autoridades franquistas de Mariña pretenderon minimizar e reducir ao vertido controlado de apenas mil e pico toneladas de petróleo. Un naufraxio iniciado, como tantas outras veces, por unha circunstancia inesperada, nesta caso a necesidade dunha arribada forzosa ao porto de Vigo para desembarcar á tripulante Karin Alstad, que corría o risco de sufrir un aborto e quedaría ingresada no sanatorio de Troncoso. Unha situación que obrigou ao capitán Mr. Strom Olsen a recalar en Vigo na noitiña e unhas poucas horas despois, xa de madrugada, recuperar a rota iniciada en Sidón (Líbano) cara ao seu destino, o porto bretón de Donges, a carón de Saint-Nazaire.

Un sinistro absurdo do que se descoñecen aínda as súas causas, xa que resulta inexplicable como foi ás pedras unha embarcación que contaba co moderno sistema de navegación Decca e con axudas suficientes. Non se comprende como dende a ponte, na que debería estar aínda Joaquín Miller, o veterano práctico do porto de Vigo, asesorando ao capitán, ao primeiro oficial e ao temoneiro, non se iniciou coa antelación necesaria o cambio de rumbo a estribor. Unha manobra equivocada que a Autoridade Militar de Mariña atribuíu ao capitán noruego, mentres que para aseguradora Lloyd’s e para os organismos internacionais de loita contra contaminación mariña, como o CEDRE francés (ao que tantas veces acudimos procurando información na marea negra do Prestige), correspondeu a unha neglixencia do práctico do porto de Vigo.

Un naufraxio no que se salvaron os 39 tripulantes, entre eles tres mariñeiros de Ribeira, cuxo bote salvavidas foi remolcado nunha arriscada manobra polo pesqueiro Centinela, un dos primeiros en acudir ao auxilio do petroleiro. No entanto, foron algúns os feridos e catro os queimados de importancia (mariñeiros de reemprazo) das tripulacións dos buques da armada, como o cruceiro Canarias, a fragata Legazpi e o remolcador de altura RA-1, participantes nas tarefas de extinción, xunto aos remolcadores do porto Elduayen e Serviola. Como tampouco se dispón dun informe técnico que explique a actuación con máis vontade que acerto de oito avións do exército do aire e dun helicóptero que pretenderon axudar nos labores de extinción, antes da chegada da aviación norteamericana e a súa choiva nociva de dispersantes aromáticos sobre a ría, o que provocou danos para a flora e a fauna mariña, o que supuxo importantes consecuencias para a pesca de baixura e nas colonias de aves.

50 anos despois, paga a pena recuperar a memoria daqueles días do Polycommander, axuda a mellor valorar o tesouro da ría, o noso primeiro patrimonio da humanidade.

Peonalización sen túnel

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño a peonalización da Porta do Sol, Paseo de Afonso e rúa Elduayen para as que entendo é innecesario o túnel previsto

É unha excelente noticia a peonalización da Porta do Sol, á que se debería engadir a do Paseo de Afonso, o noso espazo máis fermoso, o miradoiro de solpores incribles que en palabras de Valentín Paz Andrade abren as rotas do mar de Galicia. Peonalizacións que deberían incluír, ademais, a da rúa Elduayen, coa que se pecharía a ferida aberta no Vigo vello entre o barrio Alto e o barrio do Berbés desde que se trazou en 1879 unha nova rúa, chamada inicialmente Travesía, que unía a recén aberta Porta do Sol co barrio da Falperra e coa estrada de Camposancos. Peonalizacións que suporían un fito na historia da cidade xa que se gañaría para o paseo o espazo existente entre a Farola de Urzaiz e o comezo da rúa Pi e Margall, alongando tamén o eixo comercial de Príncipe até a Oliveira.

Unha peonalización que se converte nunha oportunidade para abordar cos criterios da Axenda 2030 das Nacións Unidas de desenvolvemento sostible un modelo de mobilidade para Vigo orientado a reducir as emisións de CO2 e o consumo de enerxía, o que obriga a limitar a entrada de vehículos no espazo concibido como «Vigo central». Un plan de mobilidade no horizonte de 2050 para unha cidade metropolitana intercomunicada, inclusiva e accesible para todas as persoas, baseado no funcionamento dunha rede de transporte público funcional, intermodal e non contaminante (coincidindo coa finalización do contrato de Vitrasa) e unha nova planificación urbana, recollida no Plan Xeral de Urbanismo, na actualidade en proceso de elaboración, que contemple a apertura de viais horizontais e verticais, de carrís bici, vieiros peonís escolares… Senllas oportunidades para poñer en marcha en Vigo neste mandato tamén as recomendacións do obxectivo 11 da Axenda 2030 da ONU no que atinxe ao pulo da participación activa da cidadanía na gobernanza e xestión da cidade.

Unha peonalización entre o Paseo de Afonso e a Porta do Sol que apenas precisaría para poñela en marcha dun corte do trafico semellante ao que se ven realizando en Nadal ou Entroido. Peche que, porén, debería estar contemplado no novo modelo de mobilidade e no seu correspondente plan de tráfico da cidade. O que obrigaría a implementalo de forma gradual, afectando primeiro aos vehículos privados, permitindo a circulación aos vehículos públicos e de reparto en función do calendario de posta en marcha do novo modelo de transporte urbano e da finalización das actuacións urbanísticas pendentes na zona (Panificadora, Barrio do Cura…).

Unha peonalización gradual que facilitaría a recuperación progresiva da rúa de Elduayen co seu estilo histórico de finais do dezanove. Mais sería unha medida incompatible coa construción do túnel previsto e a súa insólita sucesión de muros, ramplas de pendente ascendente do 14 % e bocas que pola súas dimensións obrigarían ao estreitamento das beirarrúas con dimensións inferiores ás existentes, o que impediría o paseo dos peóns. Obras cunha profundidade equivalente a dúas plantas dun edificio, o que podería afectar ás estruturas de edificios históricos protexidos. Un túnel que probablemente incrementaría a circulación do número de vehículos polo Vigo central, o consumo enerxético e as emisións, o que é incompatible tanto co fixado na Axenda 2030 para a mobilidade en cidades sostibles como cos eixes de Transición Ecolóxica nos espazos urbanos para evitar gases de efecto invernadoiro e as consecuencias do cambio climático.

Aínda é posible reconsiderar a execución dunha obra que ameaza constituír un erro histórico que condicionaría de forma irreversible o futuro do Vigo central nas vindeiras tres ou catro décadas, como no seu día sucedeu coa instalación no Areal da emerxente industria conserveira, o que pechou para sempre o Vigo pétreo ao mar, ou coa destrución do patrimonio pétreo durante os mandatos de Portanet e Ramilo, ou o que puido suceder co Scaletrick de Lepanto, por ventura reconsiderado in extremis polo alcalde Manuel Soto. Aínda é posible un trasacordo cando tan relevante actuación non aparece contemplada en ningún dos plans xerais nin sequera pode ser considerada unha obra prioritaria, cando existen puntos negros na mobilidade da cidade, que precisarían unha actuación semellante máis urxente, como a conexión entre as avenidas Antonio Palacios e Castrelos, por poñer un caso dun atoamento estrutural.

Hai marxe para reconsiderar a construción do túnel de Elduayen e ao mesmo tempo continuar coa peonalización e co arranxo previsto para a Porta do Sol e agardemos que tamén para o Paseo Afonso así como para dotar á cidade metropolitana dun novo plan de mobilidade. Un proxecto ilusionante para a toda a cidade que polo seu carácter estratéxico debería contar co apoio unánime dos grupos políticos e colectivos veciñais. A alcaldía debería valoralo.

 

A oliveira nosa

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao futuro e a memoria da Oliveira de Vigo

A piques de comezar as obras do túnel da rúa Elduayen e da actuación urbanística no barrio do Cura e na rúa Poboadores é lóxico preguntarse como vai afectar a Oliveira do Paseo de Afonso XII, o símbolo que figura no emblema heráldico da cidade nosa, desde que en 1813 o alcalde Cristóbal María Falcón solicitou ás Cortes a súa inclusión no escudo de Vigo como «eterno monumento á posteridade». Unha árbore centenaria, incluída no «Catálogo Galego de Árbores Senlleiras», confeccionado pola Xunta de Galicia, no que tamén figuran o matusalén de camelias e os tulipeiros de Virxinia do Pazo de Castrelos, as casuarinas da Alameda e os eucaliptos e as faias do Parque de Castrelos. Árbores todas elas merecedoras dun ámbito especial de protección de posibles riscos e ameazas, das que se garante a súa protección no Decreto 67/2007 da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, aprobado sendo presidente da Xunta de Galicia Emilio Pérez Touriño.

Non é doado establecer a idade exacta da Oliveira de Vigo. Os expertos municipais calculaban hai pouco máis dun ano, despois de realizarlle unha tomografía, que con carácter orientativo puidese ter uns 174 anos. Mais hai unha década, outra medición, utilizando tamén procedementos de tomografía sónica, asumindo unha marxe de erro estimou que superaría os 193 anos, o que significaría que superou xa os douscentos anos, unha idade parella ao carácter bicentenario da propia cidade coa que en boa medida comparte historia. Xaora, estas medicións son coherentes co relato acuñado sobre a súa orixe, unha oliveira plantada arredor do século XII polos monxes templarios no adro da primitiva igrexa románica de Santa María, sobre a que en 1403 se levantou outra de tres naves de estilo gótico, que sufriría o ataque das tropas de Francis Drake (1589) e cuxo estado era xa ruinoso cando chegaron os franceses (1809).

Unha peripecia a daquela vella oliveira que quedou marcada pola explosión da polvoreira do castelo de San Sebastián o 28 de marzo de 1813, o día do cuarto aniversario da Reconquista, que destruíu a que xa entón era igrexa colexiata. Coincidindo co inicio da construción do templo actual (1815), proxectado por Melchor de Prado Mariño, abriuse unha praza diante da portada, o que semella obrigou a derrubar a oliveira da que se contaba se podían sentar a traballar arredor dela até sete persoas. Segundo Avelino Rodríguez Elías, o administrador de aduanas Manuel Ángel Pereira, xenro do alcalde de Lavadores Cayetano Parada, un dos heroes da Reconquista, tivo a intelixencia de recoller un gallo da vella oliveira e plantalo extramurallas nun eido do barrio do Salgueiral, hoxe entre a Porta do Sol e a rúa do Príncipe, onde arraigou.

Crese que foi con motivo do quincuaxésimo aniversario da Reconquista cando os descendentes de Parada plantaron a oliveira no actual emprazamento, no mais fermoso miradoiro vigués dos solpores sobre o anfiteatro da Ría, onde medrou vizosa, acompañando ao da propia abella da ribeira. As investigacións do filatélico vigués Manuel Lago amosan que en 1881 a oliveira aparece nunha tea do pintor Verísimo cun tamaño considerable. Porte que tamén se aprecia nas postais das décadas de entre séculos a carón da saída das dilixencias e primeiros ómnibus metropolitanos. Sabemos polo semanario «La Ráfaga» que 1914 se lle colocou para a súa protección unha pequena reixa. Mais foi o 14 de agosto de 1932, cando nun acto cívico celebrado no entón Paseo Ramón Franco, que así se chamaba o miradoiro na Segunda República, cando se inaugurou a reixa actual, sufragada por suscrición popular, deseñada por Jenaro de la Fuente e forxada en Vulcano, a empresa de Enrique Lorenzo. Unha homenaxe a oliveira, promovida por Avelino Rodríguez Elías, entón cronista oficial da cidade, na que se colocou a placa na que aínda se pode ler un texto que sintetiza o valor deste símbolo para a cidadanía viguesa: «a promesa firme do seu amor, da súa lealdade e da súa abnegación pola cidade amada».

Oliveira que expresa o carácter emprendedor e liberal da cidade, nome escollido en 1856 por Eduardo e Alejandro Chao para o seu semanario, «La Oliva», a primeira publicación progresista viguesa, impresa por Juan Compañel no seu prelo da rúa Real. Como Oliva foi tamén o nome dun orfeón e logo sociedade recreativa que en 1908 promoveu a instalación na Alameda do monumento ao poeta Manuel Curros Enríquez.

Descoñecemos cal vai ser o futuro que lle agarda a nosa árbore primeira nas actuacións urbanísticas previstas na súa contorna, entre a rúa Poboadores e o Paseo de Afonso. A oliveira é un patrimonio principalísimo da cidade que non pode ser ameazado nin sometido a risco ningún. Os responsables dos proxectos deben presentar como quedaría un espazo urbano que representa o que é a cidade dende hai 800 anos.

 

Con Greta Thunberg

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á activista climatica Greta Thunberg:

O pasado mes de marzo comentabamos con admiración a iniciativa de Greta Thunberg, unha rapaza sueca de dezaseis anos, de promover diante do parlamento do seu país a primeira folga escolar mundial polo clima. Dende entón, o movemento estudantil Friday For Future, que deu pé ao do profesorado Teachers For Future, denunciaron dende centros educativos de diversos puntos do planeta o escaso compromiso dos estados co medio ambiente e reclamaron a redución das emisións de carbono establecidas no Acordo de París (2015), dentro da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, para manter o aumento da temperatura mundial por debaixo dos 2 graos e proseguir os esforzos para limitalos a 1,5 graos. Mobilizacións escolares intensificadas este curso ao fío da celebración da «Cumbre del clima 2019», coñecida como COP25, convocada polas Nacións Unidas coa intención de acadar un compromiso para reducir de forma drástica as emisións, canto menos nun 7% anual, evitando así o que sería un punto de non retorno na vida do planeta.

Prevista para celebrarse no Brasil e despois en Chile, o cumio abriuse estes días en Madrid coa intervención do secretario xeral da ONU, António Guterres, que recoñeceu que a escala global as emisións continuaban incrementándose, sendo insuficientes os compromisos unilaterais dalgúns estados. Como sinalou Inger Andersen, directora do Programa Ambiental da ONU, se queremos un planeta libre de emisións de carbono en 2050, obxectivo compartido xa por 67 estados, entre eles España, á luz das novas evidencias científicas, cómpre actuar colectivamente e de forma inmediata, o que obriga a profundas mudanzas. Velaí a cerna dos debates deste COP25 no que se confrontan, dentro e fóra dos salóns de IFEMA, as posicións dos activistas climáticos e membros dos movementos ecoloxistas de todo o planeta coas posicións negacionistas sobre o cambio climático abrazadas polos políticos populistas encabezados por Trump, Bolsonaro e polos partidos da extrema dereita europea. Unha durísima lea política e económica sobre a necesidade de «desinvestir» en combustibles fósiles (carbón, petróleo e gas) e facelo en «enerxías renovables». Un debate a gran escala sobre como poñer freo á deforestación, a revisar as políticas agrarias, a protexer as augas dos océanos ou a regular a mobilidade e o tratamento dos residuos das grandes áreas urbanas, entre outros temas.

Nesa tremenda confrontación de intereses, á que non son alleas as presións da industria petroleira nin a ruptura do multilateralismo na resolución de conflitos nin o pobre papel actual da ONU, é onde se encadra o ataque inadmisible por parte dalgúns medios a Greta Thunberg, desde a súa chegada a Madrid para participar na «cumbre» climática. Un tratamento sen piedade nin respecto para unha menor de idade con síndrome de Asperger, ao que ademais dos intereses económicos e políticos citados, semella obedecer tamén a ser muller e neurodiversa, dúas condicións moi difíciles de aceptar nun entorno aínda patriarcal no que se privilexia o modelo masculino e neuronormal. Así o denunciou o Comité para a Promoción e o Apoio para as nenas e mulleres autistas (CEPAMA) para quen «Greta Thunberg ten dereito, como todas as persoas do Trastorno do Espectro Autista (TEA), a participar de forma activa nos diferentes ámbitos da vida social sen ter que agochar nin as súas diferenzas nin disimular a súa capacidade». Greta non padece doenza ningunha, mesmo a síndrome de Asperger nin sequera hoxe existe como categoría diagnóstica no DSM-5 (2013). Cadora, como outras persoas do Trastorno de Espectro Autista, con toda a súa variabilidade, Greta amosa capacidades singulares que a fan unha persoa de sensiblidade extrema, concienciada e comprometida coa causa do cambio climático, mesmo a pesar de recibir por isto rexeitamentos e críticas.

O que algúns non entenden de Greta é que ela, como outras persoas neurodiversas, manexa códigos de comunicación diferentes aos da maioría considerada neuronormal. A súa linguaxe é explícita e directa, sen os matices e eufemismos das convencións sociais; como o seu sistema de comunicación non verbal fai que poida ser percibida como unha persoa anoxada, nalgúns momentos distante, noutros fría ou indiferente. Greta é unha rapaza que está actuando de acordo as súas conviccións máis profundas, o que a obriga a intentar moverse polo planeta utilizando transportes sen emisións (o que non sempre é posible nin doado). Xaora, o feito de que Greta sexa TEA non pode ser utilizado para desmerecer o valor do seu activismo sobre o cambio climático nin de amosar unha forma de vida que pretende ser apenas consecuente coas ideas que defende.

Grazas, Greta, por teimar que é posible outro futuro para a túa xeración e para o planeta.

Verán entre a brétema

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo a comentar a aparición do libro Os tempos e o clima de Galicia (Xerais 2019):

Foi este un verán entre a brétema, un fenómeno característico da Ría de Vigo, que os meteorólogos denominan «néboas de advección» e atribúen ao afloramento de augas frías profundas sobre as que se despraza o aire quente e húmido. Un fenómeno de nebulosidade costeira, semellante ao que se produce en California, na baía de San Francisco, razón pola que non é estraño atopar semellanzas entre as fotografías da Golden Gate e as da Ponte de Rande (coma esa tan fermosa de Rogelio Grobas, gañadora do recente concurso convocado por Audasa) emerxendo ambas as dúas entre o neboeiro dunha tarde de verán. Xaora, sabemos que estas brétemas, que por moito incomoden un día excelente de praia, non impiden que a nosa ría sexa considerada pola maioría dos galegos como un dos lugares de Galicia con mellor aptitude climática para vivir.

A ría, como en xeral todo o espazo metropolitano de Vigo, pola súa proximidade co océano, goza dun réxime térmico cuxos valores máximos e mínimos, entre 10º e 25º C, son sempre moderados, sendo a súa amplitude térmica media diaria moi baixa, 7º no verán e apenas 5º C no inverno, e o seu nivel de insolación, 2.553 horas de sol o ano, o segundo máis elevado de Galicia. Datos aos que cómpre engadir que Vigo, a pesar de ser a cidade máis chuviosa de Galicia (1.791 mm de media anual de precipitación) e contar cunha media de 15 días de treboada ao ano, goza dun clima magnífico para vivir.

Cifras todas que escollemos do libro Os tempos do clima en Galicia (Xerais, Básicos Ciencia 2019) de Alberto Martí, Dominic Royé, Juan Taboada e Xavier Fonseca, equipo multidisciplinar formado por dous xeógrafos da Universidade de Santiago, especializados en Climatoloxía, un físico de MeteoGalicia, dedicado á predición meteorolóxica e un comunicador formado na divulgación científica, que por vez primeira ofrecen unha obra para coñecer a realidade e a singularidade meteorolóxica e climática de Galicia, así como os seus notables matices comarcais.

Un libro pioneiro no que se combina de forma equilibrada o rigor científico propio da investigación académica básica cun tratamento didáctico, con afán de alta divulgación, tanto dos factores do tempo e do clima en Galicia como das súas variables: a radiación solar, a insolación, a temperatura, a precipitación, a nubosidade, a humidade do aire e o vento. Sen esquecer responder con moita claridade a preguntas clave e curiosidades do tempo e do clima, como entre outras: «por que no verán está máis fría a auga nas praias das Rías Baixas que nas praias cantábricas?», «que son os veranciños de San Miguel e san Martiño?», «a que cheira a chuvia?» ou «por que se produce o fotometeoro que aquí chamamos arco da vella?».

Sen embargo, é o capítulo dedicado ao cambio climático en Galicia o máis novidoso e inquietante. Pois se algo queda claro na lectura destas páxinas é que ninguén pode pechar os ollos ás evidencias que confirman a enorme responsabilidade dos gases de efecto invernadoiro no cambio climático actual. Nas palabras dos autores: «a humanidade embarcouse nun experimento xeofísico sen precedentes na historia modificando a composición atmosférica e, por ende, o clima xa que este aumento das temperaturas medias arrastran outros factores como a subida do nivel do mar e a variabilidade das chuvias».

Mudanzas que xa identifican en Galicia onde dende 1962 a temperatura media aumentou 0,19º C por decenio, incrementáronse os días de verán, aqueles nos que a temperatura media supera os 25º C, (no caso de Vigo unha media de 4,4 días), adiantáronse os primeiros días de verán (en Vigo 7,5) ou detéctase en Santiago e Vigo nas dúas últimas décadas unha tendencia a diminuír a súa precipitación anual. Sen esquecer que dende 2005 producíronse xa cinco episodios de seca severa en Galicia, gañando importancia os fenómenos de poucos días con moita chuvia.

Aínda que advirten que non é posible contar aínda cun modelo rexionalizado de cambio climático, os autores contemplando dous escenarios, un optimista, se conseguimos mitigar en parte os efectos do cambio, outro pesimista, no que o cambio segue a un ritmo semellante ao que estamos vivindo, non dubidan en que no período 2061/2090 as mudanzas climáticas en Galicia serán moi significativas: as temperaturas medias subirán en Ourense a valores semellantes aos que hoxe teñen Sevilla ou Córdoba e as chuvias diminuirán entre un 20% e un 40%. O que suporá dificultades para o subministro de auga, aumentará o risco de incendios forestais ou modificará as pautas do turismo.

Os tempos e o clima de Galicia é un libro tan singular como necesario para mellor comprender unha cuestión fulcral do noso tempo . Non debería faltar en ningunha das bibliotecas escolares nin tampouco nas dos responsables das diversas administración públicas.

Vigo con raíces

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a necesidade que ten o concello de Vigo de contar cun plan estratéxico de arborado:

 

«A árbore é o poeta». Federico García Lorca

Lembraremos este verán do 19 por ser no que o Concello de Vigo ordenou talar todas as árbores das beirarrúas da Gran Vía, entre as rúas María Berdiales e Venezuela. Coincidindo coas obras de humanización no mesmo treito, a decisión do goberno local foi avalada polos informes dos técnicos municipais que determinaron o mal estado de saúde e o perigo que supoñían para os peóns. Dúas mañás abondaron para que unha desapiadada motoserra rematase con esta ducia e media de tileiros e castiñeiras de indias, que ao longo de sete décadas formaron parte das características ringleiras vexetais laterais da primeira avenida con bulevar central das existentes no país noso.

Unha actuación irreversible que provocou a indignación da veciñanza deste parte da Gran Vía, máis aínda cando puidemos comprobar in situ ou polas fotos que cidadáns e fotoxornalistas sacaron durante unha actuación realizada con inusual rapidez, que unha moi boa parte das árbores gozaban de aceptable saúde e que máis alá do inevitable deterioro provocado polo seu teimoso combate contra a polución atmosférica, nun dos puntos de maior contaminación da cidade, as follas, o tronco e as pólas non tiñas marcas aparentes de pragas ou doenzas. A que obedeceu entón esta tala masiva, onde non se indultou a árbore ningunha, unha das máis agresivas que lembramos na cidade, cando estas árbores plantadas cando se abriu a avenida poderían ser conservadas na actuación proxectada no bulevar? Que se fixo nas últimas décadas para evitar semellante deterioración que levou á perda de parte tan significativa do patrimonio natural da cidade?

Mais nesta cuestión da conservación e coidado do arborado no núcleo urbano vigués chove sobre mollado, xa que nas obras de «humanización» (eu prefiro substituír ese termo propio da mercadotecnia política polo de «renovación do viario») as árbores foron consideradas máis como unha parte do «mobiliario urbano» que como integrantes do patrimonio natural. Valoración que levou a substituír as árbores existentes e as súas incómodas raíces para o pavimento por maceteiros ornamentais onde colocar arbustos e flores, dos que as oliveiras bonsais de Rosalía e a dinosebe son dúas boas mostras. Substitución ornamental que semella será tamén a que se produza nas beirarrúas desa Gran Vía liberada de raíces, na que se anuncia a colocación en espazo preferente dun bautizado como «peixesebe» (no proxecto, «un topiario en forma de peixe», cun valor de 40.000 euros).

As árbores son seres vivos sensibles, fonte de vida e de luz, mananciais de osíxeno e recendos, razón pola que a súa presenza nos espazos urbanos máis saturados é indispensable, sen menoscabo da beleza que engaden á paisaxe. As sufridas árbores urbanas viguesas, como as camelias, laranxeiras, sempreverdes, chopos ou tileiros das nosas principais avenidas, melloran a calidade do aire e foron até agora os únicos amortecedores da contaminación acústica e atmosférica. O arborado urbano, ademais de facilitar o dereito cidadán a gozar dos espazos de sombra en rúas, paseos e espazos infantís de xogo (algo que de forma incomprensible non se contemplou nos macroparques infantís como o da rúa Venezuela), no verán axuda a arrefriar o ambiente e no inverno a reducir a velocidade do vento, o que contribúe a baixar a temperatura e a incrementar o aforro enerxético. Favorece a retención da auga de choiva, ademais de constituír os hábitats principais dos paxariños, os principais animais vertebrados da cidade, poboación en Vigo hoxe moi minguada. Sen esquecer tanto o seu valor educativo, xa que as árbores caducifolias son os principais testemuños de paso das estacións, como a súa contribución á saúde das persoas e a súa capacidade para estruturar espazos de encontro.

O concello de Barcelona aprobou un modélico plan director do arborado para desenvolver de 2017 a 2037 (pode lerse en Internet), orzamentado con case dez millóns anuais, que debería terse en conta na nosa Barcelona atlántica para reorientar a actual política municipal sobre o arborado. Un plan estratéxico que, asumindo os efectos do cambio climático, considera o arborado urbano como elemento fundamental do patrimonio natural da cidade. Un plan concibido cunha visión global e transversal que, entre outras liñas de actuación, pretende preservar o valor patrimonial, a protección, a saúde do arborado e a súa biodiversidade, velando polo benestar da cidadanía.

Continuamos insistindo en que o Vigo do século XXI precisa para facerlle fronte os retos do cambio climático substituír o actual modelo de cidade ornamental polo dunha cidade máis orientada á preservación do seu patrimonio arquitectónico e natural. Evitar arboricidios como os recentes da Gran Vía sería o comezo dun Vigo con raíces.

O Xurés, territorio privilexiado

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar a visita da serra do Xurés:

Hai pouco tiven a fortuna de afondar nos vieiros da Serra do Xurés no Val do Limia. Unha viaxe polas paisaxes dun territorio de beleza austera, ás veces enigmática, outras impoñente, onde se mesturan o mito e a historia. Guiados por Xosé Benito Reza, o autor de «Terradentro» (Xerais 2017) e promotor da creación en 1993 do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, durante dous días percorremos os seus seis concellos e visitamos cadansúas «portas» (centros de interpretación), de Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e Calvos de Randín, e fixemos algunhas incursións no territorio portugués do Parque Nacional de Peneda-Gerês, espazo natural limítrofe que dende 2009 foi declarado conxuntamente co galego «Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés» pola UNESCO. Un periplo labiríntico entre corgas, encoros e afloramentos graníticos ao longo dunha ferradura natural formada polas serras de Castro Leboreiro e do Xurés, estendida entre o río Miño, á altura do concello de Padrenda, e o río Salas, ao pé da Serra do Larouco, no concello de Calvos de Randín, no chamado Couto Mixto, o que fora microestado independente de mil habitantes até 1868.

Unha experiencia na que o curioso pode pescudar nalgunhas das alfaias do tesouro do patrimonio galego como Santa Comba de Bande, a igrexa visigótica do século VII, a máis antiga de Galicia, aínda pouco valorada e protexida. Descuberta que pode continuar na igrexa de Santa María a Real de Entrimo coa súa impresionante fachada barroca, a mellor de estilo churrigueresco das existentes en Galicia, sen esquecer na súa visita refrescarse ao pé do teixo tricentenario do seu adro. Viaxe na que se poden seguir os vestixios da «Via Nova», o formidable eixe de comunicación romano trazado no corazón da Gallaecia, aberto o ano 79, que unía Bracara Augusta (Braga) con Asturica Augusta (Astorga), do que se conservan o parque dos miliarios de Portela de Homen e importantes edificacións como a mansión balnearia Aquis Originis, á beira do Río Caldo, e Aquis Querquennis, o enorme campamento militar de Porto Quintela de Bande, descuberto en 1922 e comezado a escavar en 1975 polo profesor Antonio Rodríguez Colmenero, hoxe o mellor centro de interpretación didáctica dos existentes en Galicia para divulgar a pegada da romanización e a dimensión daquela Gallaecia decisiva na nosa historia.

Itinerario polo Xurés no que ten protagonismo de seu a cultura megalítica, xa que neste espazo hai unha das maiores concentracións de túmulos funerarios e mámoas do país. Velaí espazos megalíticos extraordinarios como os de Maus de Salas no concello de Muíños, onde ao pé da Gramalleira e Fontefría, os cumes da Serra do Xurés, se poden visitar alfaias reconstruídas como o Foxo do Lobo de Salas, a Casiña da Moura e o Casolo do Foxo, con cadansúa lenda e o seu espazo sagrado. Como é outra visita obrigada a da parroquia A Cela (16 habitantes), no concello de Lobios, onde din naceu San Rosendo. Un dos lugares máis máxicos de Galicia, onde os bolos, afloramentos graníticos, forman parte das casas e eidos; outro paraíso das pedras flotantes, como os que procura polo mundo enteiro o ilustrador vigués Kiko da Silva, perfecta integración dunha paisaxe natural humanizada que conforma outro espazo sagrado. Este d’ A Cela é un do segredos mellor gardados de Galicia, protagonista agora dun libro fermoso, «A Cela. Vivir na aldea dos bolos» (Edicións Picós 2019), con fotografías de José Caruncho e textos de Antonio López.

Non se debe finalizar a viaxe ao Xurés sen a visita o territorio dos mixtos, atravesando o Camiño Privilexiado, para visitar a igrexa de Santiago de Rubiás, onde se custodia a arca das tres chaves que gardaba os seus privilexios, e fotografarse coa estatua de Delfín Modesto Brandón, último xuíz do Couto Mixto, feita en 2008 polo escultor vigués José Molares. Un territorio fascinante, estudado polo escritor Manuel García Mañá que localizou tamén alí a intriga da súa novela, «Por que as sombras non teñen ollos» (Xerais 2015).

Serras do Xurés e Leboreiro identificadas co territorio literario de «Arraianos» (Xerais 1991), un dos cumes artísticos de X.L. Méndez Ferrín. Como tamén o foron as súas xentes protagonistas do filme etnográfico «O carro e o home» (1945), dirixido por Antonio Román sobre un guión que compartiu con Xoaquín Lourenzo «Xocas», e do documental «Os días afogados» (2015) dirixido por Luís Avilés Baquero e César Souto Vilanova, que relata como foi anegada a aldea de Buscalque polo encoro portugués do Lindoso.

Aconsello visitar estas serras arraianas do Xurés e do Leboreiro, un territorio privilexiado, para prender alí da beleza da súa insignia natural, o Lirio do Xurés, das súas paisaxes históricas e da súa gastronomía e hostalaría balnearia anovada. Paga a pena.

 

Onte 2027: Lirio do Xurés

Entre os descubrimentos da nosa visita á Serra do Xurés o que máis me impactou foi a beleza do lirio do Xurés ou lirio do monte (Iris boissirei), un endemismo deste espazo natural, do que hai algunhas testemuñas tamén no Monte Pindo. Desque vin unha fotografía desta planta na visita o centro de interpretación da flora do Parque Natural do Xurés na porta de Lobios non teño dúbida que debería constituír a insignia desta Reserva da Biosfera Transfroiteriza.  Planta bulbosa, considerada especie ameazada, ten a singularidade de que cada talo fica rematado nunha soa flor de cor violácea, con divisións externas  cunha flor central amarela e pelos tamén desta cor. Unha marabilla, unha beleza.

Lirio do Xurés é tamén o nome dunha asociación sen ánimo de lucro nacida coa intención de dinamizar e impulsar a comarca do Xurés dende os principios de conservación da súa cultura e natureza. Organiza actividades como rotas fotográficas e de ecotursimo que axudan a coñecer, dinamizar e a pór en valor un territorio esquecido do mundo rural que como a flor do lirio do Xurés constitúe outro tesouro galego agochado.

Lirio do Xurés, unha marca con futuro.

Onte 2026: Seis portas para o Xurés

Desde aquel curso 1988-1989, no que exercín de mestre no Colexio Público Xoaquín Lourenzo de Bande, non volvera afondar nos camiños do Val do Limia, sobre esa ferradura arraiana formada polas serras do Leboreiro e do Xurés. Foi unha fortuna ser convidado a facelo durante dous días moi intensos  formando parte dun grupiño de persoas curiosas e entrañables (Manuel Gago, Lucía Pérez, Carlos Vizcaino e Jorge Coira) reunidas polos responsables da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Geres-Xurés e guiadas polo mestre Xosé Benito Reza, o escritor de Terradentro e creador do Parque Natural do Xurés.

Unha experiencia que puxo a funcionar a memoria daquel curso no que amigamos en Bande con persoas tan marcantes para nós como foron dona Gloria e don Elixio Rodríguez, secretario de Castelao e redactor da revista Vieiros en México, a quen anos despois publicaría o seu libro de memorias Matádeo mañá. Curso no que mercamos o noso primeiro ordenador, un Comodore PC 40 III cun disco duro de 40 MB na ferraxaría de Abraham, no que coñecimos a Xoaquín Lourenzo Xocas, poucos meses antes do seu pasamento.

Tras tres décadas melloraron as estradas principais, tanto que case se pode chegar ao Vieiro en autovía, aforrando moitas das dificultades de chegar a Bande, Entrimo e Lobios. Adiantos que se levaron por diante algúns monumentos naturais como o formidable arco de pradairos existente á saída de Bande, o que considerei xa daquela unha desfeita como a que se estaba perpetrando entón no encoro do Lindoso por parte da empresa EDP, anegando as aldeíñas de Compostela, Aceredo e a de Buscalque, como recolleron  Luis Avilés Baquero  e César Souto Vilanova no seu impresionante documental Os días afogados.

Constatei, tamén, o devalo demográfico tremendo que se produciu nestes trinta anos neste Val do Limia, cuxa testemuña máis evidente foi a transformación do Colexio Público de Lobeira nunha residencia de maiores xestionada pola fundación San Rosendo. Devalo poboacional que levou ao abandono dalgunhas actividades agrarias, como a plantación de tabaco no val de Grou, do noso admirado Camilo Modesto Domínguez. Fenómenos que levaron a procurar un esforzo de terciarización da comarca, con resultados excelentes tanto na mellora da oferta de restauración e hostalaría, velaí o excelente Balneario de Lobios ou o restaurante Lusitano, como dos recursos museísticos e de interpretacion do parque natural dispoñibles para o viaxeiro.

Comprobámolo na primeira parada da nosa viaxe, Aquis Querquennis, o campo militar romano de Porto Quintela de Bande, unha excavación comezada polo profesor Antonio Rodríguez Colmenero en 1975, que lembro visitaramos acompañando ao propio Xocas na primavera de 1989. Entón o centro de interpretación era apenas un proxecto, hoxe un dos mellores e máis completos recursos didácticos para entender a pegada da cultura romana no Val do Limia e a dimensión da Gallaecia e da Via Nova, que unía a Bracara Augusta con Asturica Augusta, que pasaba polo medio e medio de Aquis Querquennis.

Sen embargo non sucede outro tanto na visita a Santa Comba, a igrexa visigótica do século VII, a máis antiga de Galicia, unha das alfaias do patrimonio galego, aínda insuficientemente valorada e protexida. Inevitablemente, lembrei a miña admirada Maribel Santos e ao seu pai, mestre coma ela, que nos ensinaron a descubrir os segredos dunha peza chea de aras e materiais romanos integrados. Xosé Benito lembrounos alí a aliñación da bufarda da capela de San Miguel de Celanova (937-942) co sol cada equinoccio de primavera, o que constitúe un proeza arquitectónica para o século X. Como tamén nos chamou a atención que Santa Comba sexa máis visitada por viaxeiros foráneos que polos propios galegos, como puidemos comprobar nos libros de asinaturas dispoñibles na igrexa que, dende hai vinte anos, abre con grande amabilidade María Isabel Alonso, unha veciña.

Tras a visita da porta de Bande, collemos a sinuosa estradiña que nos levou a Lobeira, onde os responsables do parque instalaron a segunda porta do Xurés, dedicada a etnografía, xa que na parroquia de Facós tiña casa de seu Xocas e alí morreu. Foi nestas terras de Lobeira onde se filmou ao longo doe 1940  O carro e o home, a película dirixida por Antonio Román sobre un guión que compartiu co propio Xocas, estreada en 1945 sen sonorizar. Unha película da que Xocas gardou unha copia como oro en pano e que desvelaría en 1980, cando foi sonorizada e restaurada por Eloy Lozano en colaboración co Museo do Pobo Galego.  Filme ao que se refire a escritora María Sánchez no seu libro Tierra de mujeres (Seix Barral, 2019), como «un exercicio perfecto para adestrar a vista, para rescatar todo aquilo que non se ve», xa que dá conta dos traballos comunitarios, dos oficios esquecidos ou amosa as razas autóctonas que hoxe non existen ou están ao borde da extinción.

Saímos de Lobeira, camiño de Entrimo, gozando das vistas sobre a parroquia de Grou do concello de Lobios, onde lembro presentamos un 4 de xaneiro de 2008 moi frío a segunda edición de Matádeo mañá, poucos meses despois do pasamento de don Elixio Rodríguez en México D.F. Un acto no que se descubriu a placa da Praza de Elixio Rodríguez onde naceu o afouto aviador galeguista. Chegados a Entrimo visitamos Santa María a Real, impresionante a súa fachada barroca e o seu teixo tricentenario. Xaora, chegou a ben pouco a parada na porta de Entrimo, a terceira do Xurés, onde Xosé Benito Reza deu unha lección maxistral da xeoloxía e dos procesos que configuraron o relevo da Serra do Laboreiro, que atravesamos despois, boa parte xa en territorio portugués. Unha paixase granítica onde foi inevitable lembrar que constitúe o territorio de Arraianos, o libro maxistral de Ferrín, que todos os viaxeiros confesabamos tiñamos presente.

Tras un almorzo competente de especialidades arraianas (cabrito e bacallau) en Castro Laboreiro procuramos a porta de Lobios, especializada na flora do parque, da que é protagonista e insignia o Lirio do Xurés. Tras visitar as modernas instalacións da sede do Parque Natural do Xurés, nas que chamou a atención o excelente soporte audiovisual, subimos cara a Portela de Homen para seguir dende alí até o parque dos miliarios, onde Reza explicou o carácter da Vía Nova como medula romana do parque natural. Vivimos despois uns dos mellores momentos da viaxe coa camiñada de apenas catro quilómetros polo sendeiro da Vía Nova finalizado coa vista á mansión de Aquis Originis, á beira do Río Caldo e a carón do magnífico Caldaria de Lobios onde nos hospedamos.

Iniciamos a segunda xornada ascendemos pola serra do Xurés por un territorio rochoso e unha estrada moi sinuosa, na que tras pasar Guende  chegamos á parroquia de A Cela, outro paraíso máxico das pedras flotantes das que procura o noso admirado Kiko da Silva. Non hai dúbida que A Cela, unha parroquia de apenas dezaseis habitantes, onde se di que naceu San Rosendo, será un dos segredos mellor gardados da viaxe, tanto pola integración das vivendas e dos eidos coas impresionantes pezas graníticas como polo seu carácter sagrado. Un territorio onde afondar.

Camiño do Couto Mixto, Xosé Benito Reza descubriunos a extraordinaria penichaira que leva As Maus de Salas, un territorio megalítico do concello de Muíños. Alí, ao pé do embalse de Salas, ao pé máis próximo da Gramalleira e Fontefría, os cumes da serra do Xurés, gozamos do Foxo do Lobo de Salas, da Casiña da Moura e da Casola do Foxo, tres alfaias reconstruídas con cadansúa lenda, que paga moito a pena visitar.

Entramos despois nas terras do Couto Mixto por Tourem onde tomamos un garoto e ruamos un pedaciño. Tras percorrer o Camiño Privilexiado, foi interesantísima a visita a porta de Calvos de Randín, a quinta do noso itinerario, a carón da da igrexa de Santiago de Rubiás, onde fomos recibidos por un dos homes de acordo. Apaixonante foi esta visita na que contemplamos a Arca da stres chaves e coñecimos a curiosa historia da santiña tardogótica encastrada na base dun retablo barroco. Foi inevitable, á saída da visita, fotografase na estatua de Delfín Modesto Brandán, o derradeiro xuíz do Couto Mixto.

Durante o tempo que estivemos no Couto Mixto lembrei que moi pretiño de alí se desenvolve a trama dunha das novelas máis orixinais de Luís García Mañá, Por que as sombras non teñen ollos, autor tamén do que considero a mellor monografía sobre este espazo de privilexio. Por que foi neste espazo galego-barrosá onde en febreiro de 1944 se estrelou un bombardeiro Hudson da Royal Air Force, un acontecemento real que dá pé a García Mañá a desenvolver unha ficción de intriga que converte a este territorio en escenario dun episodio da guerra de espionaxe entre nazis e británicos. O que non está nada mal.

Antes de pechar a viaxe no complexo O Corgo do concello de  Muíños, na penichaira de Calvos de Randín atopamos as cachenas, raza autóctona do Val da Limia, que se recupera, por ventura, aquí e noutras comarcas da provincia de Ourense. No Corgo visitamos a porta de Muíños, dedicada a auga no parque, así como o centro de interpretación da cultura megalítica. Concluímos a viaxe no chamado Parque de Outeiro de Cela, onde fixemos a fotografía de grupo desta viaxe inesquecible.

Tras a experiencia destas dúas xornadas, non podo máis que recomendar moi vivamente percorrer os camiños arraianos do Xurés e Castro Leboreiro, unha paisaxe tan esquecida como fascinante para o viaxeiro. Dificilmente pode atoparse no país unha combinación máis estimulante e diversa de paisaxes históricas e literarias, dende as megalíticas de Maus de Salas e Requiás e Guntumil ás romanas de Aquis Querquernis, Aquis Originis e a Vía Nova. Sen esquecer a maxia da aldea de A Cela ou da igrexa visigótica de Santa Comba de San Trocado e a barroca de Santa María a Real de Entrimo.

 

Un territorio de paisaxes xeolóxicas inquedantes como a do Castro Laboreiro dende o miradoiro do Pedreiriño ou da penichaira de Salas sobre ao pé da Gramalleira. Sen menoscabo da presenza dunha fauna de grande valor como a aguia real (cun programa específico de recuperación) nin da flora endémica, co seu exclusivo Lirio do Xurés (Iris boissieri), insignia deste espazo natural. E tampouco podo deixar de citar a anovada gastronomía arraiana, tanto nos pratos de caza como nas carnes de cachena nin tampouco a potente oferta termal, outros interesantes alicientes do Xurés e das súas seis portas.

Plásticos cero

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á campaña #ZeroWaste de concienciación sobre o uso de plásticos:

A pasada semana, coincidindo coa celebración o 5 de xuño do Día Mundial do Medio Ambiente, desenvolveuse cun éxito apreciable a iniciativa mundial «Refugallo cero» impulsada polo movemento Zero Waste e por numerosas organizacións ecoloxistas, entre elas a galega ADEGA, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia. Unha campaña consistente en evitar consumir plásticos e envases dun único uso que apela a corresponsabilidade cidadá na recuperación da saúde do planeta e na loita contra o cambio climático. Aproveitando a facilidade de viralización nas redes sociais das súas etiquetas #zerowaste, #plasticfree, #refugallocero ou #boicotalplastico, este desafío expansivo pretende concienciar á poboación sobre os riscos do plástico e do seu uso na distribución alimentaria como axente contaminante convidándoa do 3 ao 8 de xuño a non adquirir nin consumir ningún alimento nin produto ningún presentado con ese material.

Unha campaña que pretende alertar á cidadanía sobre ese estúpido sen sentido que supón utilizar un plástico para envolver un alimento durante uns días ou apenas unhas horas, ou empregar unha bolsa de plástico (unhas 180 por consumidor cada ano en España) para transportalo durante os minutos que nos leve chegar a casa, envases que tardarán máis dun século en degradarse completamente e que irán parar nun 80 % ao fondo dos océanos, onde constitúen o principal axente contaminante. Depósitos de plásticos capaces de conformar illas xigantes de refugallo, como a do Océano Pacífico, que segundo as investigacións recentes ten unha superficie equivalente á de Alemaña, Francia e a península ibérica, acumulando 1,8 billóns de pezas de plástico, que pesan 80.000 toneladas métricas. Aglomeracións de refugallos non biodegradables, modeladas polas correntes oceánicas, que aboian na maior parte dos océanos, baixo as que se suspenden concentracións de columnas de microplásticos, procedentes da degradación de bolsas e produtos domésticos, que ameazan á fauna e aos fondos mariños.

Un disparate creado polo consumo desaforado de plásticos que dende 1950 non para de incrementarse que de non ser atallada se estima provocará que no 2050 o peso dos residuos plásticos nos océanos sexa superior ao da fauna mariña. Un previsible colapso medioambiental que obrigou a Unión Europea a aprobar a prohibición de usar plásticos dun único uso (as tres cuartas partes dos utilizados) a partir de 2021 e a aumentar as esixencias de reciclaxe de plásticos. Mais isto non abondará se non conseguimos reutilizar canto menos unha parte dos residuos existentes, se non se reduce de forma significativa a produción dese refugallo e se non se utilizan para o envasado e para a distribución materiais alternativos cuxa degradación non xere novos problemas de acumulación e danos ao medio ambiente. Xaora, é posible vivir sen plásticos ningúns? Que podemos facer para contribuír a que a nosa sociedade supere a súa adicción ao emprego do plástico? Non deberiamos renunciar ás comodidades da nosa vida actual baseada no dispendio de plásticos de usar e tirar e mudar os nosos hábitos de consumo?

A fórmula dos tres R («reducir, reutilizar e reciclar») continúa sendo unha guía eficaz para propoñérmonos unha vida sen plásticos, o que irá modificando devagariño o noso modelo como consumidoras, asemellándose ao utilizado hai décadas polos nosos avós e avoas. Reducir o consumo de todo aquilo que non se necesita, priorizando gradualmente a compra de produtos a granel (comezan a aparecer este tipo de establecementos, sobre todo de alimentación e produtos de limpeza e coidado persoal) ou de unidades grandes que xeren menos plásticos e evitando adquirir artigos refugados dun único uso. Reutilizar o que xa se posúe, utilizando bolsas de tea ou materiais reciclados, sempre coa intención de non incrementar as cantidades de refugallo. Reciclar os envases que producimos, contribuíndo a súa correcta separación. Tres erres, aos que habería que engadir un cuarto, o erre de reclamar tanto ás persoas da nosa contorna familiar e veciñal como aos establecementos comerciais e de hostalaría, un emprego máis responsable dos plásticos.

Reclamar tamén de todas as administracións, que tomen medidas eficaces que contribúan a parar a produción e o consumo sen mesura de plásticos, así como un tratamento dos residuos, dende a súa separación no fogar e a súa recollida selectiva, acorde co obxectivo de conseguir océanos limpos. Reclamación que debería acadar ao mundo das empresas, incentivando con medidas fiscais a aquelas cuxos produtos e prácticas de distribución contribúan eficazmente a esta mudanza imprescindible para a saúde dos océanos do planeta. Consumidoras, empresas e administracións son corresponsables neste eido.