Un avance para a lingua
No artigo da semana valoro como un avance (a pesar dalgunhas insuficiencias) o decreto consensuado polos grupos paralamentarios sobre o uso do galego como lingua vehicular no ensino non universitario.
No artigo da semana valoro como un avance (a pesar dalgunhas insuficiencias) o decreto consensuado polos grupos paralamentarios sobre o uso do galego como lingua vehicular no ensino non universitario.
“Este libro comezou sendo un traballo para o seminario “Produción e empresa editorial. Tradición e novas tecnoloxías”, impartido polo profesor Víctor Fernández Freixanes no curso de doutoramento 2005/06 da facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. O obxectivo orixinal do traballo era referirse á situación do libro dixital galego en Internet, centrándose nos libros escritos en galego. Pero parecía interesante amplialo para estudar a presenza na rede do conxunto de libros dixitais producidos na comunidade en calquera lingua ou que sexan de interese para os lectores e lectoras de Galicia e que se poidan atopar en calquera das grandes bibliotecas dixitais do mundo, para consultar ou descargar de xeito legal”.
Beizóns para o autor polo esforzo que redundará en tecer a rede en galego.
No artigo da semana recomendo a visita á exposición instalada na Fundación Caixa Galicia con motivo do centenario da Academia Galega. Sería magnífico que se puideron ler na rede máis contidos (sobre todo as imaxes) desta mostra memorable.
Os meus parabéns aos colegas de Galaxia, Cumio e Ediciós do Castro que se uniron para acometer conxuntamente dende a iniciativa privada o importante proxecto da Diciopedia do século XXI.
Actualización (o4-12-2006): interesante anotación sobre LV de Juan Varela.
Vieiros confirma hoxe un ruxe-ruxe, que coñeciamos dende hai unhas semanas, sobre a intención do Goberno Galego de aprobar un decreto que estableza que a partir do vindeiro curso, coincidindo coa implantación dos novos currícula, serán impartidas en galego a metade das áreas da ESO. O Goberno Galego poñería así en marcha unha das medidas educativas fundamentais previstas no Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado en 2004. Ata agora na ESO, como mínimo, debían impartirse en galego as áreas de Xeografía e Historia e de Ciencias da Natureza (incluíndo a Bioloxía e Xeoloxía e a Física e Química), feito incumprido en grande número de centros como teñen denunciado de forma reiterada a Mesa pola Normalización Lingüística e como amosan de forma contundente as estatísticas das investigacións sociolingüísticas.
A medida que se pretende aprobar, a pesar de que chega tarde, pode ser fundamental para revitalizar a ranqueante galeguización educativa. A utilización do galego como lingua vehicular en áreas como Matemáticas, Música ou Tecnoloxía (lembremos que o alumnado da ESO conta ata 11 áreas, o que suporía que canto menos en galego deberían impartirse cinco ou seis) é imprescindible para acadar o obxectivo establecido pola Lei de Normalización de 1983, de acadar unha competencia equilibrada en galego e castelán, tanto oral como escrita, de todo o alumnado ao remate da escolarización obrigatoria (daquela 8º de EXB). Posición que foi moi ben matizada polo documento de NEG, Modelo de Normalización Lingüística para o Ensino (elaborado en 1988 e revisado dez anos despois), que propoñía a necesidade dun punto terminal normalizador (situado aos 12 anos, ao remate da Educación Primaria) a partir do que se deberían impartir todas ás áreas na nosa lingua.
A utilización do galego como lingua vehicular na metade das áreas da ESO, sen ser o obxectivo que defendemos, constitúe un importante avance no proceso normalizador. Unha medida que para ser exitosa precisa dunha coidada estratexia de comunicación e formación entre o profesorado (para vencer algunhas resistencias, que sabemos as hai), ao tempo que unha firme vontade de velar polo seu cumprimento por parte das autoridades educativas (desde a Inspección ata as Delegacións Provinciais), precisamente o que fallou no famoso “Decreto Regueiro“.
Esta medida debe ir amparada, ademais, por unha recuperación do pulo galeguizador dentro dos centros e da súa comunidade educativa. Como ben sinala Marcos precisamos en todos os centros de Axentes da causa do galego, papel que hai vinte anos desempeñaron nos centros de EXB os “habilitados de galego” e, logo, os membros dos Equipos de Normalización Lingüística. Esa atmosfera propicia e en positivo para a lingua nosa pode ser o mellor acicate para o éxito da medida que se anuncia. Agardamos pola súa concreción normativa para valorar aspectos máis miúdos da medida.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
