Día europeo das linguas

O vindeiro 26 de setembro celebrarase o Día europeo das linguas organizado polo Consello de Europa. Recomendo a visita a este sitio web onde hai materiais e iniciativas abondas para a conmemoración da xornada, que ten unha clara dimensión educativa. Fedellando nas páxinas, chama a atención que nunha xornada na que se celebra a diversidade lingüística europea a información apareza publicada só en inglés. Tampouco sei se hai espazo para todas as linguas oficiais españolas. A pesar destas carencias, os autocolantes e o cartel son simpáticos.
Etiquetas:

O Valedor e o galego

Moi mal comeza o novo Valedor do Pobo coas súas primeiras declaracións que rezuman os máis tópicos prexuízos sobre a lingua. Fóra do seu pobre uso do galego, o máis significativo é como se despacha co idioma de todos: unha lingua perigosa para a Xustiza, unha lingua que pode crear animadversión nos alumnos de Secundaria, ademais de considerar a medida da utilización do galego como lingua vehicular nalgunhas materias como unha “posible imposición”…
A anotación de acontrafío de hoxe é moi oportuna, así como o aluvión de críticas que provocaron semellantes e tan desafortunadas declaracións. Este maxistrado posuía o perfil máis axeitado para defender os dereitos lingüísticos de todos os cidadáns, unha das súas principais obrigas? Non semella un golazo en propia meta do bipartito? Oxalá nos equivoquemos: este nomeamento, se non hai unha rectificación inmediata, pode traer moita cola.

Actualización (01-08-2007)
: Moi clarificador o artigo de Xosé González Martínez (Pepe de Redondela).

Etiquetas:

A presentación d’ A lingua galega na cidade no século XX de Gabriel Rei-Doval, celebrada onte no Consello da Cultura Galega, supuxo unha reflexión sobre o futuro social da lingua nos medios urbanos, as posibles consecuencias da ruptura do consenso arredor do decreto de uso do galego no ensino e as medidas máis axeitadas para a planificación lingüística.

Etiquetas:

Ser urbanita e falar galego

Camilo Franco entrevista a Gabriel Rei-Doval con motivo da presentación hoxe en Compostela d’ A lingua galega na cidade. Recollo para o arquivo esta afirmación de Gabriel:

Quizais agora haxa menos falantes, pero os que o fan son máis leais e máis competentes. Pero a outra cousa que cambiou radicalmente é a percepción que a xente ten do galego. Agora case todo o mundo é receptivo e positivo coa existencia do galego. Unha percepción que hai trinta anos non era así para nada nas cidades. É posible que a xente non queira falar en galego, pero está mesma xente é favorable ás políticas de normalización ou á presenza do galego na escola. Na historia social da lingua, este é un cambio moi importante.

Etiquetas:

"A lingua galega na cidade"

Esta semana continuamos coas presentacións do libro do sociolingüista Gabriel Rei-Doval A lingua galega na cidade no século XX. Mergullados na falsa e interesada polémica sobre o decreto de uso do galego no ensino non universitario, a obra de Doval constitúe, como sinalou o tamén sociolingüista Fernando Ramallo, “un libro alerta fundamental para entender a situación social da lingua galega durante os últimos vinte e cinco anos”. Ademais de proporcionar e sistematizar milleiros de datos e de realizar un estudo diacrónico da situación do galego nas sete primeiras cidades do país, o libro achega e arrisca reflexións sobre o futuro da lingua (en medios como a familia ou sobre as posibilidades da regaleguización), polo que a súa utilidade para o proceso de planificación lingúística nos medios urbanos resulta evidente.

Etiquetas:

Historia lingüística de Galicia

A ortografía é unha actitude

Ten toda a razón Tiscar. En galego, aínda que moitos non acrediten niso, tamén.
Etiquetas: Ortografía

Xeración E Logo!

Esta iniciativa da SXPL é fermosa. Xa era de tempo de propoñer o nacemento como a primeira etapa normalizadora. Propostas de arrolos (todo un luxo de Espido, Mercedes Peón, Uxía, Xabier Díaz) escolma de nomes e outros materiais para celebrar aniversarios e seguir o libro da vida deben contribuír a mudar as actitudes das novas nais e pais arredor da lingua inicial para os seus fillos. Tamén o papel das institucións sanitarias e dos sanitarios pode ser moi interesante para o futuro da lingua.

Etiquetas: Galego

Aula virtual de lingua galega

Coñezo a Aula virtual de lingua galega do Departamento de Lingua galega e Literatura do IES Otero Pedrayo de Ourense. Pareceume moi completa. Permite, polo momento, a consulta das programacións, a consulta e descarga de recursos didácticos e de materiais de diversificación curricular (tanto de xeografía, galego coma castelán). Complétase cunha completa páxina de enlaces, onde aparecen moitos dos recursos educativos máis valiosos existentes na rede en galega. Espazos na rede coma este demostran as súas enormes posibilidades recurso didáctico e, o que me parece aínda mías importante, coma forma de abordar a textualidade electrónica no sistema educativo. Seguiremos a páxina con moito interese. Sabemos que axiña será enriquecida cun curso interactivo de galego dirixido a poboación inmigrante.