Onte 532: #twitterengalego

A versión beta do Twitter en galego constitúe outro éxito colectivo da comunidade da internet galega. Esta posibilidade de escoller o galego entre as opcións de idioma en Twitter é un paso importante na normalización da presenza do nos ididoma na rede. Gustei das solucións escollidas polo equipo de tradución, sobre todo de termos novidosos como «chío», «rechío», «rechouchiado», «rechouchioute», ás que nesta versión beta haberá que engadir algunhas melloras. Iniciativas como a de #twitterengalego , ou a de Navega en galego, amosan o feliz vínculo entre lingua e comunicación dixital, ademais de constituír un avance decisivo de cara a consecución do dominio .gal. Para escoller o #twitteregalego abonda con seguir a secuencia CONFIGURACIÓN > IDIOMA > GALEGO. Beizóns a todas as persoas que xa utilizan o twitter en galego e aquelas xenerosas voluntarias que o traduciron. Twitter en galego somos todos nós. Eu xa chio, chía ti agora!

Onte 524: «Chamamento polo galego»

Asinei o «Chamamento polo galego» solicitando que a Xunta acate as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o decreto de plurilingüismo de 2010.  O anuncio de iniciar os trámites para presentar recurso de casación diante do Supremo (un tribunal alleo a Galicia, que xulgaría unha materia de competencia exclusiva da nosa autonomía) é un xesto inadmisible de inequívoca intencionalidade política por parte dos responsables da Xunta de Galicia. De chegar a facelo, Feijoo amosaría a súa vontade partidista de non rectificar un decreto contestado pola cidadanía e que non foi avalado polo TSXG. Como sinala o «Chamamento polo galego», un texto plural e apartidario, apoiado inicialmente por case dous centos de cidadáns,  «o que ao idioma galego lle cómpre son políticas activas de apoio e promoción no ensino e nos demais ámbitos, políticas que deben fundarse nun amplo consenso político e social, como o plasmado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004».

Onte 518: A pegada lingüística e cultural

No magnífico coloquio organizado en Expo-l@ngues 2013 polo Centre Maurits Coppieters quedei interesadísimo coa ponencia que presentou Jordi Balta i Portolés sobre «A pegada lingüística e cultural». O investigador catalán transfire a noción de pegada ecolóxica (o que sería o impacto da acción humana sobre os recursos naturais ao servizo dunha comunidade) aos eidos das políticas lingüísticas e culturais. Nocións que para el están unidas ambas as dúas ás da equidade interxeracional (debemos velar que a seguinte xeración teña o mesmo nivel de recursos e benestar que as anteriores) e de desenvolvemento sostible.

Balta xustifica este concepto de «pegada lingüistica e cultural» polo recoñecemento que nos documentos internacionais se realizou nas últimas décadas dos factores lingüísticos e culturais, xunto aos sociais, económicos e medioambientais, como indispensables para o desenvolvemento humano sostible. Balta considera que é indispensable garantir a equidade xeracional sobre as capacidades lingüisticas e culturais dunha comunidade. Para conseguilo propuxo desenvolver cinco principios: Primeiro, equidade interxeracional, o que obriga a unha visión a longo prazo. Segundo, equidade intraxeracional, o que obriga a garantir o acceso para todas as comunidades e para todos os seus membros. Terceiro, recoñecemento do valor das identidades culturais. Cuarto, cautela, xa que as medidas sobre as políticas lingüísticas e culturais poden ter consecuencias irreversibles. Quinto, holístico, o que obriga a interconectalas con todos os outros elementos, os sociais, económicos e medioambietais. Un enfoque sobre o que paga pena volver e profundizar nos seus documentos.

Onte 517: Expo-l@angues 2013

Convidado polo Centre Maurits Coppieters, a instancias da Fundación Galiza Sempre, cheguei no serán de onte a Expo-l@ngues 2013 para representar a Galicia nunha mesa redonda sobre «Edición e linguas minorizadas». Tras tres décadas de actividade, este salón parisino sobre as linguas do mundo e o mundo das linguas, dedica esta edición ao impacto do dixital sobre as linguas. A análise das consecuencias do tránsito entre paradigmas da comunicación cultural sobre a difusión das linguas, a súa aprendizaxe e uso é fulcral para o futuro de cada unha delas. Ademais de participar no coloquio, hoxe terei oportunidade de visitar un salón –no que participan sobre todo libreiros, editores, institucións e empresas de servizos lingüísticos– que semella moi atractivo, sobre todo no que atinxe ao ensino e didáctica das linguas. Na primeira ollada chamoume a atención que dentro da representación institucional das nosas linguas oficiais, ademais do Instituto Cervantes, o Institut Ramon Llul e o Etxepare, estivese o IPEX (Instituto de Promoción Exterior de Castela A Mancha). A Xunta de Galicia non participa nesta edición.

Actualización (8-02-2013): Galería de fotos de Expol@ngues 2013.

Onte 508: #DoutorAgustin

Para todos os amigos de Agustín Fernández Paz foi unha fachenda tremenda acompañalo no seu acto de investidura como Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Sabiamos que non era outra homenaxe máis das recibidas nos últimos anos polo autor de Contos por palabras. Tratábase do seu recoñecemento institucional como educador, como mestre de mestres, probablemente tamén o recoñecemento implícito o labor da súa xeración –á que Henrique Costas na súa magnífica laudatio definíu como «Xeración de mestres narradores», á que tamén temos bautizado  aquí como «Xeración Lamote (da que forma parte xunto a Xabier DoCampo, Paco Martín, Fina Casalderrey e Xavier Senín»– na creación e pulo da literatura infantil e xuvenil en galego. Tratábase, ademais, como tamén salientou Costas, de recoñecer no #DoutorAgustin un «exemplo de ética coa Terra A Nosa e coa Terra enteira», ese compromiso que o novo doutor definiu no seu discurso como «o trazo máis característico da cultura galega, o de ser célula de universalidade, a vontade de sermos unha peza máis no mosaico mundial das culturas; a conciencia de que só se pode ser universal desde a asunción das propias raíces». Agustín artellou a súa maxistral intervención sobre o eixo de seis lembranzas e unha narración. Tempo haberá de lela e gozala devagariño como merece. Adianto tres parágrafos anotados na libreta que me pareceron marcantes.

Primeira: «A min, non só como cidadán, non só como o docente que fun durante tantos anos, non só como escritor en galego, esta realidade máncame no máis íntimo [referíase á política lingüística]. Que difícil é construír, canto traballo leva conseguir avances, e que doado e rápido resulta o labor de demolición!» .

Segunda: «Ás veces un sente a tentación de, como o protagonista d’A mirada de Ulises, o lúcido filme de Theo Angelopoulos, brindar «Polas esperanzas rotas. Polo mundo que non cambiou a pesar dos nosos soños». Mais, como a que movía a Penélope e finalmente se viu cumprida coa arribada de Ulises ás ribeiras de Ítaca, os azos e a esperanza no futuro camiñan sempre canda nós».

Terceira: «Escribir como un acto de rebeldía, como un acto de amor. Escribir co desexo intenso de crear algo que antes non existía. Escribir coa mesma entrega con que meu pai facía unha mesa ou un armario. E ser consciente de que «aramos sobre os mortos desta terra», de que a nosa escrita se alimenta da dos autores que nos precederon, primeiro dos que escribiron na miña lingua, mais tamén dos de toda a literatura universal. O saber que vén de lonxe pasa a través de min, de nós, e proxéctase no futuro».

Compromiso, esperanza, amor tres palabras das grandes para un discurso memorable.

Onte 507: #PolaLinguaQueNosUne

Pagou moito a pena mollarnos en Compostela para participar na manifestación #PolaLinguaQueNosUne. Fixémolo no grupiño dos compañeiros e compañeiras de Nova Escola Galega e, ao longo do percorrido, tivemos a oportunidade de falar devagariño e compartir desacougos e esperanzas con algúns deles sobre o futuro da lingua no eido educativo. A pesar do éxito que supuxo unha participación elevada nun día no que caeu choiva a eito, saín da Quintana coa sospeita de que probablemente esta convocatoria de Queremos Galego agotou un modelo de mobilizacións a prol da lingua. De cara a futuro, se pretendemos xerar unha ampla maioría social en Galicia a prol dunha nova política lingüística será necesario artellar outras accións cívicas aínda máis plurais, máis proactivas e máis orixinais. Un reto complexo e ilusionante do que debemos corresponsabilizarnos os militantes da lingua. Pagou moito a pena viaxar onte a Compostela, como pagará moito a pena ensaiar esas novas accións coas que intentaremos contribuír a recuperar os retrocesos sofridos #PolaLinguaQueNosUne.

Onte 491: A lingua devala nos orzamentos

O informe elaborado pola CTNL amosa que o goberno de Feijoo ten previsto dedicar á lingua galega en 2013 só un terzo do que hai vinte anos dedicaba o goberno de Fraga. Un retroceso orzamentario brutal que supón pasar daqueles 17 millóns de euros de 1993 (o 0,43 % dun orzamento total da Xunta que daquela acadaba os catro mil millóns de euros) aos apenas 5,7 millóns de 2013 (o 0,06 dun orzamento actual, a pesar dos recortes, de máis de nove mil millóns). Noutras palabras, a pesar de que nestas dúas décadas a Xunta duplicou o seu orzamento, reducíu as partidas para a lingua galega nun 66,82 %. Un retroceso moi significativo, unha perda de peso político da lingua galega que, como demostra o completísimo cadro resumo elaborado pola CTNL, prodúcese, sen excepción, en todas as partidas cos que conta a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Así, por poñer algúns exemplos do que máis directamente coñezo, as subvencións a empresas editoriais para a edición de materiais didácticos diminúen un 79,2 % con respecto á convocatoria do derradeiro goberno Fraga en 2005, xusto tras a aprobación do PXNLG, até os 250.000 euros de 2013 (unha cantidade que supón unha diminución do 16,7 % sobre o pasado ano). Outrosí sucede coa partida para proxectos de fomento da lingua galega nos centros educativos non universitarios, que diminúe un 25 % con respecto a 2012 ou as campañas de normalización que contarán en 2013 co 48,5 % menos ca no ano anterior. Máis alá de declaracións retóricas ou de xestos de mercadotecnia política, os orzamentos son o documento esencial para valorar as políticas gobernamentais, xa que é onde se fixan obxectivos e prioridades, ao tempo que se asumen compromisos. Polo que amosan estes orzamentos, xa no trámite de debate parlamentario, as políticas de Feijoo sobre a lingua galega seguirán en 2013 o seu devalo até os territorios da insignificancia. Mesmo sendo moi xenerosos, non enxergamos por ningures motivos para identificar unha posibilidade de mudanza da tendencia. Así continúan as cousas.

Expreso gratitude e recoñecmento a CTNL polo seu magnífico e rigoroso informe.

Onte 487: Don Paco

Conmemoramos onte o centenario do nacemento de don Paco, o home luz da cultura galega do século XX. Lembramos a Del Riego, o home ponte, o patriota que mantivo o fío coa Xeración Nós, asegurando así a continuidade do relato da nación nacido con Faraldo, Anón, Murguía e Rosalía. Homenaxeamos a Francisco Fernández del Riego, o home lente, o Salvador de Lorenzana que como editor disciplinado, escritor e lector compulsivo sostivo o proxecto da editorial Galaxia, da revista Grial e da Biblioteca Penzol durante décadas, alicerzando un sistema cultural galego que permitise desvelar a literatura galega e desenvolver unha industria editorial na nosa lingua. Gabamos ao home rede, que soubo tecer acordos, aglutinar vontades, contaxiar alento para acometer tarefas colectivas. Como abeizoamos ao home de aceiro que deu a súa vida toda por unha única causa “a de que os galegos falasen a fala que rezumaba da súa terra”. Ao longo deste ano do seu centenario, tempo haberá de volver sobre o inmenso legado de don Paco, creador de institucións culturais coma o 17 de maio, rosaliano de corazón e cidadán galego sempre crítico e inconformista.

Onte 485: Entrevista no «Culturas»

Gustoume moito como titulou Ramón Nicolás a entrevista que me fixo para o número 500 do «Culturas», o suplemento de La Voz de Galicia. «O conformismo é incompatible co oficio de editor» entendo que unha frase acaída para resumir a actitude proactiva coa que os editores galegos debemos afrontar a crise e o proceso de mudanza profunda que vive o noso sector. Non hai dúbida que o vieiro posible para sairmos da crise actual está na mudanzas das políticas estratéxicas sobre a lingua e a lectura, como tamen por unha aposta pola dixitalización e a innovación. As miñas beizóns a La Voz de Galicia por estes dez anos do seu suplemento cultural e a nosa gratitude pola oportunidade de expresar as opinións do sector editorial nas suas páxinas.

O texto da entrevista completa (incluída unha pregunta e unha resposta que quedou fóra por cuestión de espazo) pode lerse no blog de Ramón Nicolás.

Onte 471: Twitter 4.000

O meu perfil de Twitter superou onte as 4.000 persoas seguidoras. Non agocho a miña perplexidade polo feito, non exenta de satisfacción, tanto por ser unha cifra elevada para un perfil cuxa lingua vehicular é a galega, coma polo acicate que supón na estratexia, na que vimos teimando dende hai nove anos, de contribuír a tecer e tecer a rede na nosa lingua. A miña maior gratitude a todas aquelas persoas que seguen hoxe o perfil, como tamén aqueloutras que se cansaron de facelo, no que coma facemos no blog compartimos información sobre as nosas preocupacións: a edición, os libros, a lectura, a lingua, a literatura, a política e o fútbol (celeste). Na medida das miñas posibilidades, continuarei apostando para que «compartir» sexa o primeiro verbo en Twitter.

(Desculpas por esta anotación de «autobombo»)