Onte 1410: Verán literario en Sanxenxo

sanxenxo_07-08-2015

Presentamos onte no concello de Sanxenxo a biografía intelectual de Xosé Filgueira Valverde preparada polo profesor Xesús Alonso Montero. Organizado pola Librería Nós de Sanxenxo dirixida polo noso admirado Xaime Corral, o acto formaba parte do ciclo «Verán literario 2015» e pretendía iniciar unha nova tradición, a de celebrar na cidade de Silgar a comezos do mes de agosto o Día das Letras Galegas. Unha programación de nove presentacións e sinaturas de libros, realizadas ao longo de cinco semanas en diversos lugares de Sanxenxo (Hotel Justo, Adega Eidos de Padriñán, casa do concello e a propia libraría), no que cun gran esforzo se mesturan novidades editoriais e autores e autoras moi diversas. Con esta magnífica oferta cultural, que se remonta a máis dunha década, como coa organización do premio Luis Cuadrado de cultura, investigación e historia sobre o concello de Sanxenxo, o libreiro Xaime Corral amosa o papel dinamizador da libraría cultural independente que dialoga coa súa comunidade lectora. Xullo e agosto son tamén meses magníficos para as actividades literarias. Unha experiencia que merece ser emulada e recoñecida.

Onte 1379: Estrañamento lector

1006-t4-barajas_565Intentei onte en tres tendas de libros da T-2 de Barajas mercar algunha novidade para aliviar dúas horas de espera e viaxe. Fun incapaz. As poucas que me interesaban xa as lera e o resto non tiñan curiosidade ningunha para min, fose a «novela autobiográfica» da televisiva Olvido Hormigos (o lanzamento mellor situado), o último libro dun tertuliano para explicar a crise, unha das traducións da «mellor novela negra europea» ou o bestseller do momento de Planeta. Sufrín unha sensación de estrañamento semellante á que pasada semana vivín na sección de libraria duns grandes almacens de Vigo, cuxa oferta tamén se vai homoxeinizando con idénticos criterios. Sei que, por fortuna, a biodiversidade da oferta lectora queda nalgunhas librarías culturais capaces de resistir este tsunami de frivolidade e mediocridade literaria que ameaza con destruír o sector do libro en España. A redución das vendas a tres dixitos (menos de mil exemplares) de libros literarios de referencia (como os dos últimos premios Cervantes), a redución das tiradas até os mil exemplares, como a baixa moi significativa das vendas do libro literario, reflectida nas cifras do avance do estudo de Comercio interior do libro de 2014, expresan este doloroso estrañamento lector e a profunda crise que sofre a edición literaria en España.

Onte 1375: O pregón de Ledicia Costas

Ledicia_Costas_03-07-2015

Inaugurouse onte a cuadraxésima primeira edición da Feira do Libro de Vigo cun extraordinario pregón de Ledicia Costas. A mudanza de ubicación ao primeiro treito da rúa Progreso, a pesar das súas dimensións reducidas, facilitará o encontro da cidadanía viguesa co libro, ademais de contribuír a dinamizar a actividade do pequeno comercio no centro de Vigo. Chamou a atención que no acto non participase ningún representante do goberno municipal, fose o alcalde Abel Caballero ou o concelleiro de Cultura, sendo a Feira do Libro un dos eventos culturais máis importantes do ano. Máis alá das liortas entre o concello de Vigo e a Xunta de Galicia, que poden explicar as razóns políticas do caso, a falta en Vigo dunha política municipal de lectura é algo dificilmente xustificable.

Xaora, o pregón de Ledicia Costas compensou calquera insuficiencia institucional. Peza literaria ben traballada e equilibrada nas doses xustas de documentación e emoción, a autora de Recinto gris alicerzouna dende a memoria familiar dos seus barrios vigueses de Brea Muiñeira, «onde conviven o real e o imaxinario», e de Beade, «o lugar onde aprendín a devorar libros e onde me acheguei ao galego de xeito definitivo». Fíxoo para reivindicar o espírito filantrópico nos eidos da educación e da cultura de figuras viguesas como Ramón Nieto, Tomás Alonso ou García Barbón, mais tamén dunha longa nómina de escritores e escritoras viguesas en lingua galega, reclamando visibilidade na cidade para os seus textos. Citou Costas algunha sobras recentes do Vigo literario e desvelou o nome dos locais onde se recita de madrugada poesía galega actual. Referiuse á condición de Vigo como capital editorial de Galicia e reclamou que os creadores fosen incorporados á cidade, xa que sen eles «está perdida». Rematou apelando a crenza no valor actual da filantropía. Un discurso vibrante, magnífico, que nos abriu outra xanela por onde enxergar esperanza.

Onte 1371: Feira do Libro de Vigo detrás do Marco

Xa podemos confirmar que a Feira do Libro de Vigo, tras tres décadas na beirarrúa exterior da praza de Compostela, muda de ubicación á rua Progreso, detrás do Marco. Paréceme unha decisión valente do concello e da asociación de librarías de Vigo que pode axudar a relanzar esta feira do libro. Ocupar un espazo máis centrico e frecuentado é unha oportunidade para facer chegar a oferta lectora a novos públicos, ao tempo que crea un novo aliciente para os feirantes. Agardo que as presentacións e asinaturas das editoriais e as escollas bibliográficas das librarías (15 en total) conviden a facer da rúa Progreso un fervedoiro de lectoras. Mágoa da desaparición da tan exitosa semana da música infantil de edicións anteriores, que organizaba a editorial Galaxia co apoio da Consellaría de Cultura. Xaora, o comezo coa escritora Ledicia Costas como pregoeira non pode ser máis acaído. Agardemos que esta sexa a Feira do Libro de Vigo que, por fin, inicie unha nova etapa.

Onte 1362: Tendencias de consumo cultural

evolucionconsumocultural

Cheguei onte a unha anotación esencial do meu admirado Txetxu Barandiarán sobre datos económicos e tendencias no consumo cultural en España. Non hai dúbida que os datos agoiran malas perspectivas para os sectores do libro e das publicacións periódicas: de 2006 a 2013, no entorno da chamada crise económica, o consumo cultural descendeu en España un 25 %, manténdose moito mellor os sectores dos espectáculos cos das publicacións e aumentando todo o relacionado con Internet. A pesar de que os datos apenas expresan tendencias, non é difícil identificar que a compra media por persoa de libros (30,00 euros en 2006, 19,00 en 2013) e publicacións periódicas vai á baixa, supoñendo en 2013 só a metade do gasto anual de cada persoa en Internet (88,20 euros). Tratándose de datos referidos estritamente ao consumo de produtos e servizos, descoñecemos se a lectura como actividade de lecer, adopta un perfil semellante, modificado polo incremento de uso das bibliotecas e polo acceso a contidos textuais dixitais gratuítos. Como tampouco sabemos se estamos diante dunha mudanza de hábitos do consumo cultural ou só do procedemento de acceso aos contidos. En todo caso, as consecuencias para a reorientación urxente do sector do libro parecen evidentes.

Onte 1358: Libraría Biblos de Betanzos

Biblos_Club_de_lectores_Betanzos

Acompañei onte a Xesús Alonso Montero na presentación que fixo na Biblos de Betanzos da súa biografía de Xosé Filgueira Valverde. Como é adoito nesta casa dos libros de Betanzos foi moi numeroso o público que seguiu a conferencia do presidente da Academia Galega, o que sempre é unha grata noticia. A libraría de Tucho Calvo e Carmela González, un desenvolvemento do seu proxecto editorial e de distribución do libro galego, Biblos Clube de Lectores, constitúe xa un referente en Galicia, tanto pola continuidade e diversidade da súa programación cultural (reunións do club de lectura, presentacións, debates, conferencias, cursos, obradoiros, exposicións…) como pola coidada escolla do seu fondo bibliográfico sobre tres alicerces: infantil, galego e libro literario en castelán. Biblos amosa a necesidade de reinventar o modelo de pequena libraría cultural, transformándoa en centro cultural e cívico da súa comunidade lectora. Parabéns e azos para continuar para Tucho e Carmela.

Onte 1352: Vigo cidade lectora

lectoresvigoChamáronme onte de Faro de Vigo para solicitar a miña valoración sobre a enquisa de Amazon que sitúa a Vigo como a sexta cidade lectora de España. Non puiden agochar a miña sorpresa sobre o caso dunha cidade que até agora, tanto polos seus índices baixos de uso de bibliotecas públicas como polos datos da súa rede libreira, ocupaba posicións precarias en temas de lectura. Xaora, a pesar de que quizais sexan interesados os datos da multinacional estadounidense da distribución cultural, constitúen un aliciente para tirarlle partido, máis aínda cando facilitan que a lectura se incorpore como unha das preocupacións da axenda pública cidadá utilizada polos medios de comunicación e poderes públicos. Sempre acreditei que Vigo ten posibilidades de incorporarse á rede de cidades lectoras, sexa polo volume da súa poboación urbana, fose polo seu carácter de capital editorial de Galicia e cidade literaria onde se localizan hoxe algunhas das obras literarias en galego que contan con maior número de lectores e lectoras. Desta volta, aínda que sexa de forma excepcional, facémoslle caso a Amazon.

Onte 1345: Ler baixo a lúa

CGk6_RjWwAAP_7YA Feira do Libro de Madrid pechou onte de forma excepcional ás 10:30 da noite para «ler baixo a lúa». Organizada pola Asociación de Editores de Madrid e concibida para evocar o misterio e o encanto da lectura ao comezo da noite, esta novidosa actividade consistiu na lectura continuada que autores, editores e actores realizaron dos contos das Mil e unha noites. A iniciativa, que tivo moi boa acollida, puido seguirse por twitter coa etiqueta #leerbajolaluna, incitando así tamén ás persoas que non puideron achegarse ao Retiro. En todo caso, propostas de actividades coma esta, nas que a lectura ocupa o espazo público con todo o seu engado e misterio, contribúen a sacar ás feiras do libro da súa rotina conformista e abrirse a novos públicos. Non estaría de máis poder emular esta idea nas Feiras do Libro de Vigo e da Coruña, que se celebrarán na primeira decena de xullo e de agosto. Ben que presta poder ler na nos aterra baixo a luz do lueiro.

A Comercial de Príncipe

Dedico o artigo da semana de Faro de Vigo a homenaxear a Papelería Comercial que despois de 98 anos en Príncipe 25 pecha as súas portas o xoves 14 de maio.

papeleria-comercial-113693_01_hd

O pasado sábado merquei por derradeira vez media ducia de cartuchos de tinta de cores e un par das miñas libretas dun cuarto acartonadas na Papelaría Comercial, que despois de 98 anos en Príncipe 25 pechará as súas portas o 14 de maio. Joaquina («Quinita») Mur, a súa propietaria, non podía agochar a súa tristeza polo peche do decano dos comercios de Príncipe, xunto á xoiaría de R. Fernández. A ruína do edificio que compartía coa xoiaría Rosende e co estudio de Pacheco obrigou a Quinita a botar o cadeado e facer «unha liquidación con cariño» dos centos de artigos de papelaría e varia fantasía dos que ofrece unha mostra nun dos escaparates máis fermosos da nosa rúa do paseo.

Aberta en 1917, pretiño do Café Suízo, a Comercial foi o establecemento no que Luis Lorenzo López entrou a traballar como rapaz dos recados e do que chegaría a ser propietario en 1927 tras mercarllo ao seu xefe por 33.000 pesetas, entón unha fortuna. Especializado en artigos de papelaría e libros escolares, pasou despois a mans do seu fillo que ampliou o negocio aos artigos de entroido, pel e figurinos. En 1995 fíxose cargo a súa dona, Joaquina Mur, que o especializou nos artigos para zurdos, nos xoguetes de madeira de calidade de orixe centroeurpea e noutras fantasías da memoria. A Comercial foi sempre un facho de beleza de espírito clásico no centro de Príncipe. O seu escaparate, en constante renovación, nunca defraudaba, agochaba sempre algunha sorpresa, fosen novos modelos de soldadiños de madeira, réplicas de automóbiles, caixas de música, reloxos de peto, fotos antigas de Vigo, mapas e carteis de vello, algún número atrasado de TBO ou as coleccións de fascículos de Faro de Vigo encadernadas, que aínda se expoñen nestes días derradeiros da súa liquidación.

O peche da Comercial, arruinada polo abandono dun edificio moi ben situado na «milla viguesa de ouro», supón a desaparición da derradeira peza do pequeno comercio tradicional daquel Príncipe dos nosos avós, dos nosos pais e tamén da nosa mocidade. Un Príncipe desaparecido, arrasado pola globalización comercial, do que conservamos apenas a memoria dos nomes dos comercios e algunhas (poucas) fotos en internet das súas fachadas e escaparates.

Quédanos a lembranza da Papelaría Española, a libraría situada no recanto con Velázquez Moreno, fronte ao Mercantil, e da libraría Barrientos nas galerías Durán. Conservamos a pegada dos establecementos de fotografía, o xa citado estudio de Pacheco, o longo escaparate de Foto Club, onde se facían as fotos de carné e as exposicións de fotógrafos amadores, e a tendiña de Foto Mecánicos da familia Bilbatúa, a dos cineastas galegos exilados en México DF. Recordamos a drogaría Sanchón, a pastelaría Las Coloniais, o despachiño de pan de La Madrileña, a carón de Guantes Varadé, o estanco número 1, o escaparte dos esmaltes dos irmáns Hernández e a farmacia Carrascal. Non esquecemos os longos escaparates de Tobarís nas galerías de La Norma nin tampouco os da xoguetaría Moya nin os do Sport, a primeira tenda de deportes e da cerámica de Sargadelos en Vigo. Lembramos as mercerías de La Favorita e Amalia, tamén administración de lotaría, e as tendas de roupa infantil Kadete e a zapataría Chavalín, cuxo escaparate sempre era engaiolante para os picariños. Non esquecimos os almacéns de Alfredo Romero, de Príncipe e de Olmedo nin os tecidos Bravo nin as tendas de Carbajo, a xastrería Esmart, a Camisería Industrial e a boutique Karina. Recordamos os escaparates de La Ideal, Barros e Mapusela e as zapatarías de Segarra, Miami, Bar, Cruces e El calzado español. Como é imposible esquecer a cafetaría Flamingo, onde tocaban conxuntos, nin as máis recentes (tamén desaparecidas) Nea e Lorena. Hoxe apenas nomes que se confunden (polo que pido desculpas polos esquezos e erros) nas nosas memorias, luces dunha cidade cosmopolita e aberta, mais incapaz de manter a continuidade necesaria para moitos dos seus proxectos.

O peche da Comercial supón a despersonalización total da rúa do Príncipe, a súa transformación en rúa comercial insípida, semellante á de calquera outra cidade da nosa contorna, onde se suceden sen sorpresa as franquicias e tendas das cadeas internacionais que hoxe monopolizan o comercio minorista. A humanización das cidades non se consegue só pola modernización do seu viario e por facilitar a mobilidade da súa veciñanza. Requírese, ademais, a existencia de referentes de continuidade interxeracional que, como sinala o escritor Fran P. Lorenzo, autor doutra gran novela viguesa Cabalos e lobos (Xerais 2015), sexan capaces de vencellar o histórico co íntimo, de facilitar a integración dos cidadáns coa súa cidade. O peche da Comercial de Príncipe arríncanos unha peza que incorporamos decontado ás páxinas voluminosas do Vigo da memoria.

Onte 1319: Tras a feira de Compostela

Feiras-do-libro-20152Finalizada a nosa participación na Feira do Libro de Compostela podemos expresar xa a nosa insatisfacción polo seu resultado. A escasa afluencia de público nas xornadas laborables e a moi baixa asistencia nas presentacións, coma o cativo número de casetas (catro librarías xeralistas, dúas especializadas, a dos Editores de Compostela e a do Ministerio de Defensa) expresan a crise da cita anual cos libros na Alameda. Todos os anos insistimos sen éxito ningún na necesidade de reformular un modelo de feira do libro que no marco do proceso de hibridación do sector perdeu o engado e interese para os públicos. Cómpre un punto e á parte. É imprescindible reconsiderar o calendario, as condicións de participación, o programa de actividades como, e sobre todo, o modelo (inexistente) de comunicación e promoción. Non é comprensible que en Sevilla ou en Madrid, a pesar da crise do sector, as feiras do libro repunten no interese cidadán, mentres en Galicia esmorecen vitimas da rotina e do conformismo. É posible outro futuro para as feiras do libro. Como sei é posible enxergalo de forma compartida entre os responsables da Federación de Librarías de Galicia, da Asociación Galega de Editores e dos poderes públicos implicados.