Cidade granito

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a publicación de Granito de Álex Alonso, novela viguesa gañadora ex aequo do Premio Torrente Ballester 2019

Vigo é unha cidade granito. O porto de Vigo é o terceiro do mundo en tráfico de pedra, tanto polo seu volume de exportación de granito en bruto como polas importacións para súa elaboración por parte das empresas transformadoras instaladas na súa maior parte no Porriño. Unha actividade extractiva e industrial iniciada hai case un século pola familia Ramilo, que na actualidade factura máis de 300 millóns de euros sendo un dos sectores económicos máis consolidados da área metropolitana viguesa tanto pola importancia do seu emprego como polo feito de que o prestixioso granito rosa do Porriño constitúe unha referencia internacional para a nosa área metropolitana. Vigo é unha cidade pétrea, ademais, pola importancia da súa arquitectura do granito, deseñada dende hai máis dun século nos ensanches da súa cidade portuaria por arquitectos como Jenaro de la Fuente, Michel Pacewicz, Manuel Gómez Román, Antonio Palacios, Antonio Cominges, Francisco Castro Represas, Pedro Alonso, entre outros, que legaron un patrimonio construtivo extraordinario que hoxe forma parte da identidade e do orgullo da propia cidade.

Defendido de forma teimosa polo arquitecto Jaime Garrido e por outros estudosos do Instituto de Estudios Vigueses, este carácter granítico de Vigo contaxiou a narrativa nosa que comezou a localizar as súas ficcións neste espazos icónicos para a memoria viguesa. Velaí as achegas pioneiras de «novelas viguesas» de Cid Cabido (Panificadora, 1994) e Manuel Forcadela (Fóra de xogo, 1993), ás que na última década se engadiron as de Pedro Feijoo, Domingo Villar, Fran P. Lorenzo, Ledicia Costas, Manuel Esteban, Francisco Castro, Beto Luaces, Elena Gallego Abad, Alicia Borrás… Unha relación aberta á que se engade agora Álex Alonso, o narrador de San Miguel de Oia, autor da extraordinaria Granito (Xerais 2020), premio Torrente Ballester 2019, ex aequo con O paraíso dos inocentes (Galaxia 2020) de Antón Riveiro Coello. Coñecido polos seus libros de relatos Xénero imperfecto (2016) e Tempos de bébidas isotónicas e fast-food (Xerais 2016), con esta novela de lectura aditiva e longo alento (568 páxinas), ao fío daquel terrible crime de Nigrán do 1 de febreiro de 1994, Álex Alonso reconstrúe a memoria social, cultural e política do Vigo de hai case tres décadas, cando en plena crise económica se iniciaban as profundas mudanza urbanas do Vigo de fin de século.

Álex Alonso segue o ronsel iniciado polo mestre Cid Cabido con Unha historia que non vou contar (Xerais 2009), na que cuestionando os moldes da propia ficción afondara no mítico crime do industrial conserveiro Antonio Alfageme de 20 de abril de 1974. Alargando os recursos literarios da novela de non ficción, Álex reconstrúe en Granito o cuádruplo crime de Priegue do que foran vítimas o industrial do granito David Fernández, a súa dona Pilar Sanromán, a filla de ambos os dous, Marta e a traballadora doméstica Ana Isabel Costas; crimes dos que foron autores os policías nacionais Manuel Lorenzo Vázquez e Jesús Vela Martínez, que serían condenados a 212 anos de cárcere. Utilizando personaxes literarios de ficción, cuxos nomes apenas comparten a inicial cos reais, Alonso ofrece con detalles de espírito evidencialista o que puideron ser na realidade as historias de vida de vítimas e asasinos durante o mes que precedeu á matanza. Un procedemento narrativo semellante ao que Truman Capote utilizara en A sangue frío para radiografar aquel cuádruplo asasinato da familia Clutter, outro crime sen motivo aparente. Un intelixente procedemento literario de novela xornalística que propón ao lectorado atravesar as certezas pola peneira da ficción para que cadaquén faga a súa interpretación.

Se isto xa non abondase, Granito ofrece moito máis que as razóns documentadas que levaron a dous policías fracasados a acabar con toda unha familia. Granito reconstrúe o Vigo de comezos de 1994, os locais e establecementos, cando era alcalde Carlos G. Príncipe, reitor Luis Espada Recarey e adestrador do Celta Víctor Fernández. Unha crónica xornalística, na ficción o narrador é un periodista en prácticas de Faro de Vigo, que retrata un Vigo en mudanza no que grandes actuacións urbanísticas se presentan como o Vigo futuro (centro comercial das Travesas, praza Elíptica ou «Abrir Vigo ao mar»). Un xornalista que reclama a conservación do patrimonio da Alameda, lembra o carácter metropolitano do tranvía ou denuncia a precaria situación das persoas sen teito que sobreviven no km 0 da cidade, na planta baixa dun abandonado edificio Simeón. Vigo rebelde, no que triunfa sen paliativos a folga xeral do 28 de xaneiro contra a reforma laboral de Felipe González… Recomendo vivamente Granito, moi valiosa novela viguesa, que recupera a nosa memoria máis recente.

A Salvo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a publicación do libro A Salvo de Tomás Alonso, biografía deportiva de Joaquín Salvo Pastor

Fun a correr a Librouro en canto souben da publicación d’ A Salvo (La Fábrica de Libros 2020), a biografía deportiva de Joaquín Salvo Pastor (Vigo 1958-2016), escrita polo xornalista Tomás Alonso. Imaxinaba que se trataría de materia moi sensible para min e abofé que non me decepcionou xa que prendín neste relato emocionante, que reconstrúe a traxectoria deportiva e vital do mellor xogador da historia do baloncesto vigués e un dos deportistas mais destacados da nosa cidade. Un texto biográfico alicerzado sobre os piares das voces testemuñais das amizades e das declaracións de admiración unánime dos seus colegas de canastra.

Un relato enriquecido coas pingas de humor e entusiasmo dos días felices nos que o protagonista compartía a ledicia de vivir con xenerosidade desbordada. Páxinas que, sen embargo, non agochan nin as dificultades dalgúns excesos nin a dor das duras xornadas de melancolía nin dos meses da doenza mortal de Quino cando regresou a Vigo, a súa cidade amada, despois dun longo periplo de tres décadas pola península como xogador e adestrador, como un romántico do vello baloncesto aprendido nas canchas de piche e cemento dos salesianos da Ronda.

A Salvo é ademais un referente sentimental para toda aquela rapazada que nos educamos no Colexio Salesianos entre a metade das décadas do sesenta e dos setenta, anos aínda de franquismo e nacional catolicismo nos que o deporte, o cine e o escultismo, as actividades extraescolares preferentes, mitigaban os rigores da férrea disciplina académica e relixiosa da cultura do máximo esforzo que impoñía nas aulas «el consejero» e o resto do profesorado salesiano. Lendo nestas páxinas sobre Salvo, chamabámonos polo primeiro apelido, quedei enchoupado cos recordos e saudades do colexio de Taboada Leal, cuxas novas instalacións inauguramos en 1966. Quedei rendido da fidelidade do narrado cando nun dos primeiros capítulos se conta como o protagonista viña ao centro co seu balón Mikasa botando, fintando, e facendo cambios de mans polas beirarrúas ou entre os coches dende Pizarro á Ronda de don Bosco.

Anécdota que activou a memoria de interminables partidas de frontón e pachangas de minibasket sobre unha única canastra, na mesma cancha onde se formou aquel equipo emblemático de baloncesto, onde o mellor era sempre aquel Salvo incansable, no que tamén xogaban o seu irmán José, Julio Bernárdez e Augusto de la Concepción, dende entón inseparables de Quino, hoxe comprometidos animadores ambos os dous da asociación Memorial Quino Salvo. Adestrado polo avogado Juan Aires de Palacio e promovido polo entusiasmo teimoso do salesiano Amador Lama Tombo, formaban parte daquel equipo das clases dos nacidos no 58 e no 59, entre outros, Jaime Molares (mestre de milleiros de xogadores e xogadoras), Pachi Reigosa (actual reitor da universidade), Berto, Tabo, Gilino, Pazó, José Manuel Dios, Antonio Docampo…

O relato de Tomás Alonso acompaña a Quino ao longo das súas quince tempadas como xogador de elite, dende as dúas primeiras no Obradoiro (1975-1976), onde coincidiu con Tonecho Lorenzo, para el «o mellor xogador do mundo», pasando polas do Helios de Zaragoza e as cinco no Fórum Filatélico de Valladolid en ACB, onde probablemente ofreceu as súas mellores campañas nunha cidade onde deixou un recordo extraordinario, até a súa retirada con trinta e cinco anos en Donostia no Askatuak (1992-1993) de LEB ouro. Traxectoria continuada como adestrador durante case dúas décadas, iniciada en Ciudad de Huelva e Torrelavega, onde ascendeu a Cantabria Lobos de EBA a LEB e despois a ACB (unha das súas xestas), pasando por León e Los Barrios, até o seu regreso a Vigo (2006-2007) para dirixir a fantasía do Gestibérica, que intentaron Julio Bernárdez e Pepe Conde, e rematada en Marín no Peixe Galego (2012), cando lle asexaba o abismo da depresión.

Xaora, a cerna deste relato vital moi emotivo está en cada páxina onde é posible recoñecer a xenerosidade do seu protagonista e o seu amor incondicional a un deporte que fixo razón da súa vida. Un baloncesto romántico que este xigante concibía como un xogo de asociación e cooperación baseado na entrega incansable fose como defensor tenaz (Quino foi o único xogador capaz de anular a Epi) ou fose como asistente desinteresado ou tirador preciso. Valores humanos e deportivos recoñecidos aquela noite memorable do 20 de febreiro de 2016 no Coliseum da Coruña onde o vigués nunca distinguido foi ovacionado durante tres minutos por milleiros de afeccionados que recoñecían así a un home que fixo da súa vida BALONCESTO. Por ventura, libros como este de Tomás Alonso e actividades como as organizadas cada ano pola asociación Memorial Quino Salvo contribúen a continuar en Vigo esa loita incesante da memoria contra o esquecemento. Grande Salvo!

Onte 2088: A reedición de «Catro cartas» do mestre DoCampo

A reedición de Catro cartas (Xerais 2020) de Xabier P. DoCampo, ilustrada por Fino Lorenzo, lembroume a xestación de Sopa de Libros, a colección onde foi publicada a súa primeira edición por Anaya Infantil y Juvenil (2000). Un agasallo que Xabier fixera ao seu amigo o editor Antonio Ventura, entón responsable da colección, onde despois de obter o premio nacional (1994) publicara O pazo baleiro (1997), na edición orixinal en galego e na traducidas para o castelán e o catalán. Foi o de Sopa un proxecto editorial, bautizado de forma informal como «Amadís», no que os directores de tres das editoras con catálogo infantil do Grupo Anaya, Emilio Pascual (Anaya Infantil y Juvenil), Ramón Besora (Barcanova) e eu mesmo (Xerais) intentamos deseñar unha colección de lecturas graduadas de calidade na que se trasvasasen de forma normalizada textos e ilustracións procedentes das tres linguas (castelán, catalán e galego) a carón de textos traducidos europeos.

Aquel proxecto Amadís con espírito de clásico de cabalaría, finalmente, naceu como Sopa de Libros e  sen a presenza de Xerais durante os primeiros anos, noutra das periódicas reviravoltas da relación da editora viguesa coa súa propietaria. Tras aquel vello e decepcionante trasacordo, non podo agochar o meu entusiasmo polo feito de que aquelas Catro cartas de Docampo, testemuña imperecedoira e extraordinaria sobre o valor do libro, a lectura e a literatura, sexan publicadas vinte anos despois por Xerais, feito que sei moito hai que agradecer a María Xesús Bello Formoso e Daniel Puente Bello, as herdeiras de Xabier. Un libro breve, apenas corenta páxinas ilustradas por Fino Lorenzo, o mestre galego da colaxe e da ilustración povera, mais unha obra esencial para entender a concepción da literatura como unha emoción compartida, poética que Xabier defendeu ao longo de toda a sua obra.

Catro cartas, que son cinco, que o mestre cheirego escribe a súa amada («os libros foron un lugar de encontro ao que vamos procurándonos»), ao fillo («eu sei que a miña vida durará tanto como eu perdure no teu recordo»), a mai («a lectura é un traxe que lle senta ben á alma e faina máis fermosa..»), a R.L.S. («aprendín a ler, a convertir cada lectura nunha aprendizaxe») e ao lector ou lectora das cartas anteriores («ler e escribir son dúas iniciativas individuais que nos axudan a indagar en nós e, ao mesmo tempo, substanciarse no outro, por medio da entrega, da xenerosidade, do amor…»)

Transcorridos vinte anos daquela primeira edición, confeso que a lectura destas Catro cartas, libro de cabeceira ao que volvín en moitas ocasións, produciume aínda maior emoción xa que identifiquei nestas páxinas boa parte das hélices do ADN literario de Xabier. Identifiquei os argumentos das súas intervencións orais sobre o valor da lectura como a semente de textos de creación ou de crítica posteriores, xa que para Paco (así o chamaba o mestre Agustín) «toda escritura é sempre un treito da viaxe que nos conduce a nós mesmos». Como aquí aparece que a lectura é para cada lectora unha indagación sobre unha mesma, na procura do amor, da tranquilidade, do coñecemento, da salvación… Ideas e fíos que Docampo desenvolveu en libros fulcrais como O libro das viaxes imaxinarias (2008) ou A illa de todas as illas (2013). Como nestas páxinas está tamén a súa convición de que a lectura constitúe unha creación e recreación de cada lector nun exercicio que a todos converte en narradores, xenerosos doadores de palabras e de historias.

Benvida esta reedición de Catro cartas, agora en Merlín (a outra colección graduada de Xerais que conta xa con 300 títulos!), un texto ideal para volver a reflexionar sobre o valor da lectura literaria como vieiro mellor para vivir unha vida máis plena, unha das causas polas que entregou a vida e a palabra o mestre Xabier. Parabéns a herdeiros e editora por tan excelente iniciativa.

«A vinganza dos homes bos»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación da terceira novela de Manuel Esteban, A vinganza dos homes bos:

A vinganza dos homes bos (Xerais 2020), a novela de Manuel Esteban (Vigo 1971), mantense durante todo o verán como o libro galego máis vendido tanto na táboa publicada cada sábado en Faro de Vigo como nas dos diversos medios literarios dixitais. Un recoñecemento do lectorado, compartido pola excelente e unánime acollida da crítica literaria, para esta nova entrega dunha serie policial de marcado enfoque social, localizada en Vigo e protagonizada polo inspector Carlos Manso, iniciada con A ira dos mansos (Premio Xerais de novela 2016), homenaxe a José Saramago na que se reivindicaba o valor das persoas que traballan con colectivos coa síndrome de Down, e continuada con O meu nome é Ninguén (Xerais 2018), que o autor definía como «un manual de filosofía para perdedores».

Precedida dunha cita de Miguel de Unamuno, «o perdón é a vinganza dos homes bos», a terceira novela de Manuel Esteban desenvólvese en dous espazos e dous tempos, Vigo e a illa de Fuerteventura, convidando á lectora a reflexionar como o pasado axuda a entender o presente e como a vinganza soterrada baixo a culpa destrúe a quen a exerce. Manso desdóbrase desta volta en dous momentos decisivos da súa vida. O vivido en Puerto del Rosario en 1998, no seu primeiro destino como axente de policía, cando perseguindo a unha banda de narcotraficantes é protagonista dun acontecemento traumático. O segundo, xa en Vigo, vinte anos despois, tras ser obrigado a abandonar o corpo, como investigador privado que intenta desvelar unha complexa trama de corrupción. Dúas historias enfiadas que ofrecen o retrato dun Manso na madurez da súa condición de antiheroe, anoxado e autodestrutivo, engulido polas dúbidas e polos remorsos, mais tamén pola súa lucidez para entenderse e comprender o valor dunha vida. A vinganza dos homes bos é unha novela policial e de intriga construída coa precisión do reloxeiro e a harmonía e beleza que un ourive imprime a unha prosa punzante, sempre clara e elegante.

Estoutra marabilla de Manuel Esteban é unha das pezas máis logradas dese subxénero da narrativa galega conformado como «novela viguesa». Unha indicación de calidade que ben lle acae a unha novela que nas súas principais localizacións escolle para abraio do lectorado dous túneles esquecidos, húmidos e escuros, dos aínda existentes en Vigo. O primeiro, a rúa soterrada para peóns que hai máis dun século comunicaba as inmediacións da rúa do Príncipe coa Alameda, unha galería que na novela vai dende o calello dos Caños, onde noutrora houbo un lavadoiro, hoxe unha zona de servizos detrás do edificio do antigo Hotel Moderno, até a bóveda aberta e tapiada no canellón da rúa Joaquín Nogueira Alonso, unha traveseira sen saída da rúa Vitoria, preto da Alameda. O segundo, o chamado «túnel do peixe», ao que se pode acceder dende Afonso XIII, debaixo da derradeira saída da AP-9, unha vella vía de tren subterránea de douscentos metros de lonxitude, inaugurada en 1898 e abandonada en 1963, que unía a Estación de Urzaiz e o barrio do Roupeiro (hoxe desaparecido) co peirao do Comercio, do que aínda se conserva un treito que finaliza nun garaxe da rúa Rosalía de Castro.

Dous túneles que forman parte do trazado do Vigo oculto, cuxas minas, galerías e conducións de auga foran inventariadas na década de 1990 para o concello por membros da Federación de Espeleoloxía e máis recentemente (2017) explorada por un grupo do club Montañeiros Celtas que publicaron na rede algunhas das súas entradas nestas covas urbanas. Velaí a galería do castelo de San Sebastián, que en 2009 xa aparecera nas obras de humanización da rúa de Santiago e nun túnel anexo máis estreito, que podería datar de época romana, formando parte da rede de abastecemento de augas ao Vigo Vello. Velaí o túnel de cen metros existente baixo o monte da Guía ou os polvoríns da ETEA, unha obra militar de hai case un século, que parece inacabada. Velaí esoutra galería que corre baixo a rúa Pracer e o Paseo de Granada que conecta co túnel que baixaba desde o castelo do Castro, descuberto a máis de quince metros de profundidade ao realizar as obras da subestación eléctrica do Castro, na rúa Venezuela, e que probablemente continuaría por Abeleira Menéndez en dirección á batería de Laxe. Un patrimonio do Vigo soterrado reivindicado do seu esquezo de forma incansable e teimosa polo escritor Pedro Feijoo ao que lle dedica o capítulo, «As catacumbas da cidade», no seu libro Camiñar o Vigo Vello (Xerais 2018), un dos títulos imprescindibles da bibliografía viguesa.

Recomendo vivamente a lectura de novelas como as da serie do inspector Manso de Manuel Esteban ou a media ducia que Pedro Feijoo localiza no Vigo da memoria, textos literarios todos que axudan a coñecer, entender e defender o patrimonio dunha cidade bimilenaria tan desmemoriada coma a nosa.

Foto do autor: Óscar Vázquez, LVG. Grazas.

Onte 2086: «Wolfram», a nova banda deseñada de Alberto Varela Ferreiro


Unha das noticias máis esperanzadoras da edición galega actual é a publicación normalizada de libros de banda deseñada nos catálogos das editoras xeralistas. Velaí o caso destacado de Xerais que neste verán, ademais dos dous primeiros volumes da magnífica serie «Lendas do recreo» de El Hematocrítico e Albert Monteys, publica Wolfram. espías, nazis e maquis (Xerais 2020) de Alberto Varela Ferreiro, un dos máis veteranos autores de cómic da xeración Golfiño. Tras Ulf de Jakobosland (Xerais 2018), Ferreiro volve visitar os vieiros do xénero de aventura histórica cunha trama de espionaxe localizada na Galicia en guerra do comezos da década de 1940. Mesturando con grande habilidade narrativa figuras reais con héroes de ficción, o espía W.C. Morgan do MI6 e a axente de intelixencia estadounidense Molly Morrison, acontecementos históricos con outros ficcionais, Ferreiro ofrece dende a narrativa debuxada unha singular e atractiva ollada a aquel momento decisivo da nosa historia.

Unha temática e un tempo que comeza por ventura a ser visitada con máis frecuencia pola literatura galega recente, tanto en obras de non ficción, como as xa clásicas Galicia en Guerra (Xerais 2006) de Eduardo Rolland e O volframio de Varilongo (Xerais 2016) de Carmen Blanco, como de ficción en novelas como Cabalo de ouros (Galaxia 2010) de Víctor Freixanes, Febre (Xerais 2011) de Héctor Carré, Izan o da saca (Xerais 2015) de Xabier Quiroga ou O exército de fume (Xerais 2018) de Manuel Gago, entre outras.

Ademais do interese da temática e do seu tratamento novidoso, no libro de Alberto Varela Ferreiro destaca a extraordinaria recreación iconográfica da arquitectura, vestiario e vehículos de época, amosando que o seu estilo de liña clara emparenta ao carballés cos clásicos do cómic belga como o Hergé de Tintin ou o Edgar Jacobs de Black e Mortimer, o que supón outra interesante liña normalizadora para o catálogo da BD galega. Traballo iconográfico no que destaca, sobre todo, a fidelidade na reprodución de todo tipo de vehículos e medios de transporte, como se pode comprobar no book trailer da obra, unha das pezas visuais máis interesantes das producidas na edición galega nos últimos anos.

Recomendo vivamente este Wolfram tanto polo seu interese gráfico e documental (incluído un glosario histórico ben documentado) como pola súa utilidade didáctica. Non debe faltar en ningunha comicteca galega. Parabéns a Alberto e á atenta editora.

Búrbida e Turonio, as orixes de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar o libro Búrbida. As orixes de Vigo (Toxosoutos, 2020) do arqueólogo vigués Manuel Santos-Estévez:

A pasada semana citabamos Burbida como o nome do Vigo da época romana. Unha mención que tirabamos dos textos de Manuel Santos-Estévez (Vigo, 1968), investigador no Laboratorio de Paisagens, Património e Território (Lab 2PT) da Universidade do Minho. Autor dun cento de traballos arqueolóxicos, acaba de publicar Búrbida. As orixes de Vigo (Toxosoutos, 2020), unha obra de síntese na que empregando os datos arqueolóxicos dispoñibles se reconstrúe nun cento de páxinas a historia da comarca viguesa dende as comunidades agrícolas neolíticas e a aparición da primeira arquitectura megalítica (hai 4.500 anos), pasando polo esplendor do Vigo celta-castrexo e romano (entre os séculos I e VII), até o rexurdir no século XI, cando aparece na historia por vez primeira co seu nome, do Vigo medieval cantado por Martín Codax.

Un libro concibido polo arqueólogo vigués, tamén, coa pretensión de desmontar os prexuízos asociados a unha visión minimizadora da historia viguesa, xurdida no século XIX polos intereses políticos da nova división administrativa provincial de 1833, cando se acuñou o mito negacionista de que Vigo carecía de historia, desavaliando, como sinala no limiar o profesor Carlos Barros, a historia antiga e medieval da maior cidade de Galicia.

Con esa intención Santos-Estévez e analizando tanto a paisaxe arqueolóxica, fundamentalmente dende a época romana até a Idade Media, como os grandes achados arqueolóxicos que tiveron lugar en Vigo dende a década de 1990, vai respondendo con inequívoco afán didáctico a unha serie de preguntas claves que desmontan esa visión que pretendía anular a historia viguesa: que pobo habitou a comarca de Vigo antes da chegada dos romanos?, cando comezou a súa actividade portuaria e comercial a longa distancia?, cando naceu a cidade?, que conexión existe entre o Castro de Vigo e o santuario do facho de Donón?, cales eran as vías romanas que chegaban a cidade?, como foi o Vigo romano e como desapareceu?, como e cando rexurdiu o Vigo amurallado medieval?

Respostas do historiador Santos-Estévez que amosan a grande importancia que tivo a urbe viguesa xa no século II antes de Cristo cando o Castro de Vigo se converteu (antes da conquista romana) en oppidum do pobo helleno (que tiña na cerva o símbolo da súa comunidade), nacendo a primeira cidade en Vigo, a que será coñecida como Búrbida (palabra que significa tanto manancial como outeiro), cunha enorme extensión, 14 hectáreas (das que hoxe se ten escavado apenas un 2%), e cunha poboación estimada entre os 2.500 e 3.000 habitantes, unha das máis grandes do que despois sería a Gallaecia.

Importancia que Búrbida mantivo tras a incorporación ao Imperio Romano (século I), urbe castrexo romana identificada no Itinerario Antonino (séculos III e IV) de vías romanas. Como importancia adquiriu a nova poboación costeira de fundación romana, produtora de sal, conservas de peixe e garum, tamén núcleo comercial e administrativo, asentada arredor dun porto onde finalizaba a ruta mediterránea. Urbe romana soterrada entre as rúas do actual Vigo Vello e o Areal e entre Policarpo Sanz e García Barbón e a costa, que Santos-Estévez cre podería tratarse do Turonio citado no Parroquial Suevo (ano 569), coincidindo cun dos períodos de maior esplendor do porto de Vigo.

Durante os séculos V e VI, converteuse nun dos principais portos da capital sueva, participando tanto nas rutas comerciais mediterráneas do Imperio Bizantino como nas atlánticas co reino Franco e coas illas británicas. Xaora, na segunda metade do século VI coincidindo coa caída da monarquía sueva e a interrupción do tráfico marítimo, comezou a súa decadencia como porto comercial e a práctica desaparición como entidade urbana. Habería que agardar ao século XI, tras séculos de escuridade, para que Vigo volvese medrar sobre o seu porto mariñeiro, desta volta xa co seu nome actual e protexido por unha muralla.

Un relato que para Manuel Santos-Estévez demostra que a historia de Vigo estivo vencellada a súa condición de porto marítimo con inmellorables condicións en canto a súa situación xeográfica: «os momentos de expansión da cidade foron tamén os momentos propicios para as relacións comerciais, non obstante, os períodos de decadencia foron aqueles nos que primaron as ideas autárquicas». Este de Santos-Estévez é un libro esencial e recomendabilísimo para entender a estirpe atlántica da nosa urbe milenaria e para colocar a Vigo no lugar da historia que lle corresponde.

Mágoa que os responsables do goberno local se conformen con contar cun modestísimo museo con algúns contidos de historia local, carente de actividade didáctica e investigadora algunha. As urbes de Búrbida e Turonio, quizais o noso maior monumento histórico, continúan aos nosos pés, aínda por descubrir.

Onte 2085: «Aitaren etxea», a novela impresionante de Karmele Jaio

Unha das doenzas do centralismo cultural que padecemos é a escasa circulación das novidades literarias (tamén musicais, cinematográficas ou teatrais) en catalán, éuscaro ou galego mais alá das súas fronteiras lingüísticas. Porén, de cando en vez o sistema editorial español acepta a tradución dalgúns textos ou autorías moi consolidadas destas nosas literaturas avalándoas por algún dos premios acadados ou por unha importante cifra de vendas no seu primeiro mercado. Por ese camiño cheguei a La casa del padre (Destino 2020), a tradución ao castelán de Aitaren etxea (Elkar 2019), a novela da escritora euscalduna Karmele Jaio, presentada polo grupo Planeta como «o mellor libro en éuscaro» pola asociación de librarías de Nafarroa. Foi unha fortuna deixarme levar por esta recomendación da mercadotecnia editorial despois da lectura a comezo da pandemia da tradución ao castelán de Etxeak eta hilobiak (Pamiela 2019), Casas y tumbas (Alfaguara 2020), a novela potente do meu admiradísimo Bernardo Atxaga.

Tras a lectura de Aitaren etxea, Karmele Jaio pasa a formar parte indiscutible da relación de autorías euskaldunas que seguirei, xunto á do propio Atxaga,  Kirmen Uribe e Harkaitz Cano, dos que en Xerais  publicamos algúns títulos anosados para o galego polo escritor Isaac Xubín, sempre pendente de tender pontes da nosa literatura coa basca. Confeso que Aitaren etxea impresionoume como poucas outras novelas nos últimos anos. Entusiasmoume tanto pola súa arquitectura narrativa na procura da identidade das voces dun home e dunha muller, para o que emprega o artificio de expresalas unha en primeira persoa e outra desdobrada en dúas segundas, como pola súa construción en forma de novela de intriga que afonda sobre a transmisión xeracional de valores e mandatos de xénero no marco familiar. O xogo maxistral destas voces e unha trama leve, construída apenas sobre un accidente familiar, unha caída que obriga a hospitalización da ama e aos fillo e a filla a acompañar ao aita, permite afondar, cavar sería máis preciso, nos silencios, dores e medos da familia.

Aitaren etxea fala sobre como se constrúen sobre o silencio da familia os valores e os comportamentos que nos condicionan como homes e mulleres, mais tamén como tomamos conciencia sobre eses condicionantes. Particular interese ten a construción do personaxe masculino, Ismael, un escritor en déficit creativo, sobre o que xira toda a reflexión arredor dun modelo determinado de masculinidade, tamén moi marcado xeracionalmente, ao que non son alleas violencias sutís sobre as súas compañeiras. Como tamén é extraordinaria a construción do personaxe de Jasone, capaz de falar dende as súas entrañas sobre a ferida da violación (sempre aquela manada de san fermín axexando), sobre o seu papel de coidadora e amante, como sobre as renuncias daquelas mulleres que teñen necesidade de ser aceptadas polos homes.

Aitaren etxea propón, tamén, unha reflexión sobre a propia escritura de homes e mulleres, e como está condicionada polo xénero duns e doutras (velaí a procura do cuarto propio de Woolf). Mais tamén da escritura como lugar onde aparecen as verdades escritas con palabras de chumbo, esas palabras que pesan, fronte as palabras ocas da bixutería literaria que buscan algúns editores, representados aquí polo personaxe de Jauregui. En definitiva, unha novela conmovedora, de lectura envolvente e arrebatadora, capaz de interpelar á lectora sobre como o xénero determina dende onde e como ollar o mundo. Moi recomendable.

Onte 2084: «Alcaldesa vermella», o mellor Hematocrítico

Alcaldesa Vermella (Xerais 2020), o libro máis recente de El Hematocrítico, ilustrado  por Mar Villar, é outra desas marabillas narrativas do escritor, mestre e creativo coruñés. Sen desmerecer a Feliz Feroz. O lobiño riquiño (Xerais 2016) nin Axente Riciños (Xerais 2016), as súas primeiras obras nas que acuñou a súa fórmula de relectura rodariana e antipatriarcal dos clásicos infantís, o noso admirado Hemato xunta nesta memorable quinta entrega unha longa nómina de protagonistas de conto: a Madrastra Malvada, os tres porquiños, Garavanciño, Hansel e Gretel, O Gato con Botas, o unicornio… Convocados todos eles por unha afouta Carapuchiña afrontan a crise provocada pola presenza na fraga do Xenio e a súa lámpada dos desexos. Unha narración fluidísima con voltas de porca argumentais na viravolta de cada dobre páxina enfronta ao primeiro lectorado cunha historia sobre o valor da representación e da participación para artellar o espazo do común.

Un texto medidísimo, cunha versión galega precisa e preciosa de Anaír Rodríguez, iluminado de forma xenial por  Mar Villar, que consigue darlle cara e corpo propio e singular a un elenco privilexiado de conto, conforma un libro da categoría dos perdurables e imprescindibles en todas as bibliotecas, sexan familiares, de aula ou de centro. Aventuro que Alcaldesa Vermella será anosado por contadoras diversas e reinterpretado visualmente por milleiros de primeiros lectores. Unha marabilla! Parabéns ao meu admirado Hemato, un autor que con apenas media ducia de títulos convertiuse pola orixinalidade e calidade de cada un dos seus textos nun dos referentes da lix ibérica. Beizón, mestre!

Onte 2080: «Simplemente perfecto», Gaarder en estado de graza

Entre a media ducia de autorías non galegas das que sigo con fidelidade cada nova entrega (McEwan, Atxaga, Camilleri, Landero, Edurne Portela…) está a do meu admiradísimo Jostein Gaarder, o autor d’ O enigma do espello (1993), o primeiro a quen lle escoitamos nunha entrevista que «se unha historia é boa para as crianzas tamén pode ser lida por persoas adultas». Con escasa presenza na edición galega (unha das moitas espiñas que na miña vida de editor en lingua galega non me puiden sacar), reducida a un dos seus títulos recentes, A Terra de Anna (Kalandraka 2016), o narrador noruego acaba de publicar en castelán e catalán Simplemente perfecto (Siruela, Ámsterdam 2020), unha das súas novelas máis conmovedoras e fermosas.  Velaí a historia dun profesor de secundaria aparentemente feliz a quen a súa médica de cabeceira, noutrora unha das súas mozas, lle comunica que padece ELA e que lle queda pouco tempo de vida.

Como acontece na maior parte das súas obras, Gaarder agóchase tras a voz potente dunha primeira persoa para ofrecernos unha historia breve (homenaxe implícita a Stephen Hawking, autor d’ Unha breve historia do tempo), que dura menos de corenta e oito horas. Un relato comezado o 23 de abril de 2009 (outra homenaxe ao mundo do libro e da lectura), unha longa carta que o protagonista escribe a súa familia para poñer en orde a súa vida, que ven sendo tanto como falar do amor e da súa relación co universo. Cunha escritura confesional e vibrante, Gaarder colle á lectora polos camiños da memoria dunha vida para proponerlle nun momento no que pode ser completamente sincero e honesto unha reflexión sobre a eternidade, a finitude da vida: «non existe outra eternidade que unha serie de momentos de presenza irremprazable» (o que mestre Agustín Fernández Paz acuñou como «días felices»); «durante case toda a vida estamos condenados a vivir coa certeza de que todo o marabilloso que vivimos  nos veremos obrigados a abandonalo tras uns poucos anos».

Gaarder en estado de graza utilizando o conto clásico de Riciños de ouro (1837) e a súa versión máis doce d’ Os tres osos (ese relato dentro do relato, recurso metaliterario tan frecuente nas súas novelas) como alegoría para advertir que a humanidade vive de auténtico milagre na zona habitable do universo; o noso planeta é apenas como o Casa do Conto onde Albert, o seu protagonista, lembra os «anos da maxia»: «só os cerebros dos nenos están adaptados á ledicia pura e dura do xogo espontáneo». Simplemente perfecto é unha viaxe a cerna do universo, xusto onde está a estirpe da condición humana. Unha novela que nos reconcilia co valor da literatura como acicate para a vida plena.

Onte 2079: Ana Pontón en conversa con María Reimóndez

Os libros de conversas políticas constitúen un xénero con apreciable lectorado dentro da edición galega. Títulos xa clásicos como o que os editores Francisco Pillado e Miguel Anxo Fernán Vello prepararon con Xosé Manuel Beiras, A nación incesante (cunha primeira edición en 1989 e unha segunda actualizada en 2000, as dúas publicadas por Sotelo Blanco), o do escritor Suso de Toro con Camilo Nogueira, CN e outras voces (Xerais, 1991) ou o do xornalista Xosé Manuel del Caño con Méndez Ferrín (Xerais 2005), acuñaron un modelo de libro de conversas moi achegado á memoria biográfica e xeralmente enfiado como argumento principal pola participación do protagonista na construción do pensamento galeguista no seu sentido máis amplo.

Xénero deste tipo de conversas que constituíu unha das etiquetas da colección Crónica de Xerais, se ben nas últimas entregas adoptou un afán de clara renovación, tanto no libros de conversas entre Martiño Noriega e o xornalista Daniel Salgado, A contradición permanente (Xerais 2017), como entre Ana Pontón e a a escritora e activista María Reimóndez, A semente, a árbore, a froita (Xerais 2020).  Dous libros que sinalan unha mudanza profunda tanto no formato deste xénero, na axenda política abordada, como na modulación das propias voces políticas da esquerda nacionalista, procedentes xa das xeracións dos CAF en diante. Ademais,  A semente, a árbore, a froita, o libro que recolle as conversas de Ana Pontón e María Reimóndez, é o primeiro deste tipo protagonizado por dúas mulleres, o que pon en evidencia o carácter patriarcal do nacionalismo galego como os criterios que adoptamos os editores en lingua galega cando publicamos esta clase de libros.

Unha cuestión á que se refiren as dúas interlocutoras cando valoran a mudanza que se está producindo no BNG a partir dunha perspectiva de xénero, tanto polo feito da consolidación do liderado na organización de Ana Pontón, pola incorporación sen volta do pensamento feminista ao ideario nacionalista, como polo que supón de empoderamento das mulleres na actividade política. Unha reflexión matizada devagariño por ambas as dúas, como coidado é o estilo do cento de páxinas, que conforma a cerna dun libro tematicamente transgresor e aberto, formalmente moi literario e politicamente útil para coñecer a figura da candidata do BNG á presidencia da Xunta e o alcance das mudanzas que a súa direccion está imprimindo ao proxecto nacionalista.

Á diferenza dos modelos de libros de conversas  haxiográficos e masculinos doutrora, a escritora María Reimóndez asume o reto de ofrecer un retrato humano e político de Pontón en primeira persoa, que ao fío dunha sororidade e empatía xeracional, compartida e cómplice, vai transformándose en voz colectiva, nun dos acertos máis rotundos do libro. Como particular interese ten na conversa –onde hai algún momento incómodo, cando as interlocutoras non coinciden total ou parcialmente nas análises– a segunda parte do libro cando se debullan os contidos da axenda política de Pontón, máis centrados na preocupación polas persoas, pola conquista dos dereitos (esa leira onde sachar, como defende Reimóndez) e polo sistema público de coidados,entre outros, ca por posicionarse en cada unha das interminables liortas da tradición doutrinal nacionalista, como acontecía decote noutros libros do xénero.

Nestas páxinas, que saben a pouco, Pontón amosa experiencia política abonda, determinación e afouteza para sinalar prioridades (mesmo xa ten moi claras as dez primeiras medidas da súa presidencia), así como bo coñecemento da realidade galega, manexa cifras económicas con rigor, amosa curiosidade pola creación cultural e non dubida en mollarse cando aposta por «unha sociedade con moitísimo dinamismo e moitísima capacidade de adaptación aos cambios». Unha confianza nas propias posibilidades do país e un compromiso coa esperanza que Pontón resume en «traballar para facer de Galiza un país mellor no que vivir», «un país desenvolvido, a pleno rendemento, un país con igualdade…, un país onde as persoas sexan felices e teñan motivos para sorrir».

A semente, a árbore, a froita é un libro de lectura agradable que me resultou valioso para cargar os depósitos de esperanza da Galicia alternativa, o que lle agradezo a Pontón e Reimóndez. Recoméndoo vivamente.

A foto das autoras é de Nós diario. Moitas grazas.