Onte 341: Mapa europeo dos recurtes culturais

A iniciativa colaborativa de The Guardian de debuxar o mapa europeo dos recurtes cutlurais vai collendo corpo. Son os lectores e lectoras os que sitúan (por medio deste formulario) xeograficamente os recurtes que coñecen nos diversos eidos da cultura (teatro, música, museos, festivais, protección patrimonio, iniciativas educativas…). A iniciativa (recollida por El País, Público, Le Monde e La Stampa, entre outros) evidencia que é España o estado europeo máis afectado polos recurtes orzamentarios das súas iniciativas culturais, mesmo a pesar de que no mapa faltan por incluír moitos dos retallazos, como a maior parte dos realizados en Galicia. Consultar este mapa interactivo achega información moi relevante, como a existencia do oasis francés, onde a pesar da crise mantéñense a maior parte dos orzamentos culturais, ou a debacle sen paliativos que se produce en Portugal, Italia e España. Non estaría de máis que todos colaborásemos en actualizar esta información, un xeito de defender o patrimonio e as industrias culturais europeas.

Onte 270: Xerais web

Dedicamos unha intensa xornada a puír a nova web de Xerais, que nos deseñou o Estudio de Pumpún Dixital, esa factoria viguesa de Internet de Chiu Longina e Berio Molina. Un traballo magnífico! Tratamos de actualizar completamente a identidade dixital da editorial, mudamos o deseño do blog e da web corporativa, creamos o xermolo do que será unha completa web de recursos educativos, con especial atención á nova edición dixital, tanto á educativa, como a dunha Biblioteca Dixital de lectura en rede. Apena so inicio dun proxecto de edición dixital que, despois do verán, incrementará moi considerablemente a nosa oferta de e-books para lectura en dispositivos portables.

Onte 268: Premios da Crítica Galicia

Abrimos a web dos Premios da Crítica Galicia, outro dos proxectos en man común nos que me sinto orgulloso de participar. A renovada Fundación  –da que turra con enorme xenerosidade, dende hai trinta e cinco anos, o editor Bieito Ledo– é un espazo plural, independente e interxeracional que pretende acrisolar a tradición dende o diálogo coas expresións da creación cultural. Estes días pechamos a composición dos xurados dos Premios 2012, que se fallarán o 20 de outubro. Até entón celebraranse diversas mesas redondas en cada unha das sete cidades, baixo o lema «35 anos de Cultura Galega», un xeito de tomarlle o pulso ao estado de cada un dos eidos da cultura nosa. O sábado, 16 de xuño, nas Bodegas Martín Códax de Cambados, a Fundación convocou un xantar de irmandade ao que foron convidados os gañadores dos premios dende 1978. Outra oportunidade  para afianzar os vínculos de afecto dun proxecto de vontade integradora.

Onte 264: puntoGAL

Magnífico acto de presentación da candidatura puntoGAL, que procura un dominio propio para a lingua e cultura galegas en Internet. Brillante foi a defensa que fixo Manuel González, o presidente da Asociación, salientando que a consecución do dominio supoñería «un fito decisivo na historia de Galicia. Lembraría día a día que existe unha comunidade que se chama Galicia, aumentando psicoloxicamente a nosa autoestima e socialmente a cohesión interna». Para González, ademais, «permitiría que os buscadores ordenasen os contidos en galego de forma máis completa» e «daríanos acceso a participar na gobernanza de Internet e a reinvestir os beneficios en Galicia no emprego da lingua en Internet». A presentación da experiencia da Fundación puntCAT, a cargo do seu director Jordi Iparaguirre, foi moi clarificadora sobre as posibilidades que o dominio puntCAT (53.000 dominios na actualidade) abriu para a lingua e cultura catalanas, incrementando a súa presenza social e liderando a incorporación de amplos sectores sociais nunha Internet segura.«O puntCAT permitiu que deixásemos de ser invisibles, achegando prestixio a nosa lingua que xoga na primeira división de Internet». Agardamos que nun ano poidamos celebrar a posta en marcha do puntoGAL, que axudará a visibilizar e proxectar no mundo a nosa industria cultural e aumentar a audiencia dos sitios en galego que, como sinalou con acerto Manuel Gago, «dende 2008 quedou lastrada polos algoritmos de Google».

Onte 257: O «Libro en rede» de Xerais

Anunciamos o proxecto «Libro en rede», os contidos dixitais para Lingua e literatura de 2º de ESO nos que vimos traballando nos últimos meses. Para nós constitúe un chimpo, un xeito de reinventarnos profesionalmente como editores educativos, ao tempo que unha achega novidosa á construción do proxecto colectivo de escola dixital galega. Axiña publicaremos en aberto, na web de Xerais, unha unidade completa de mostra. A providencia laica fixo que onte nacese Comba, a filla de Anaír e Noli, os motores principais do proxecto do «Libro en rede» e dos materiais de didácticos de Lingua e literatura de Xerais durante a última década. Beizóns para eles dous e longa vida para a meniña que «envía bicos de cerdeira nova».

Aquí pode consultarse a unidade de mostra.

Onte 143: #twitterblackout

Fomos moitos os que onte non demos nin chío para así expresar a nosa queixa sobre a posibilidade que Twitter introduza unha censura selectiva sobre determinados contidos nalgúns países. A censura non pode ser aceptable en ningún país do mundo nin xustificable por tratarse dun servizo (até agora de publicación e acceso gratuíto, a pesar de que inclúe publicidade) proporcionado por unha empresa privada. Máis aínda, sendo a rede informativa mundial con máis usuarios , o papel de Twitter é capital na defensa da liberdade de expresión e na promoción e fomento dos valores da paz e dos dereitos humanos. Twitter supera fronteiras e valados nunha irmandade planetaria de linguas, culturas, estados e xeracións. Paga a pena defender que continúe funcionando con estes criterios nunha Rede neutral e de acceso libre.

Onte 136: Despois de Megaupload

As leccións de Megaupload explicounas mellor ca ninguén Juan Varela. Tras a retirada da SOPA e da PIPA, despois desta intervención do FBI sobre unha empresa que supostamente se lucraba de contidos protexidos con copyright, precísase un discurso con máis matices que o baseado na simplificación de asistirmos a unha guerra entre «usuarios da rede» e a «malvada industria do lecer». Que o peche de Megaupload non nos distraia dos temas de fondo. Como sinala Varela hai que rematar con tanto ruído  e promover un pacto entre autores, industria e consumidores. Iso é posible, sempre que a industria dos contidos culturais se reinvente  e aumente a súa oferta dixital sobre todas as plataformas e aos prezos máis axustados, e sempre que se reforme a lexislación internacional de propiedade intelectual, de xeito que se asegure a xusta retribución dos autores e os dereitos de acceso libre dos usuarios. Sigo crendo que é imprescindible asegurar que os autores poidan vivir do seu traballo e que Internet continúe sendo un espazo neutral e independente dos gobernos onde os usuarios poidan compartir o coñecemento e expresarse con total liberdade. Por díficil que isto semelle, deben existir fórmulas que o fagan posible.

Onte 135: Vitaminas para o galego en Redondela

Magnífica foi a presentación do proxecto Vitaminas para o galego en Redondela, na que tiven a honra de participar en representación de Prolingua. Alleos ao serán festeiro do día de San Sebastián e a súa estrondosa foguetería, medio cento persoas encheron o salón da Casa da Cultura para apoiar esta iniciativa cívica destinada a fortalecer os medios de comunicación en galego. En todas e cada unha das intervencións da mesa salientouse que o futuro da lingua galega é unha responsabilidade compartida; unha tarefa na que as Administracións Públicas deben desenvolver as tarefas a elas encomendadas na Lei de Normalización Lingüística e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, mais na que tamén todos e cada un de nós, sexa no ámbito do público coma no privado, debemos constituírnos en axentes activos de galeguización. Salientouse, ademais, a necesidade de contar cun espazo comunicacional en galego, un requisito imprescindible para definirnos como país, con soportes diversos e plurais na prensa, radio, televisión e internet. O excelente e moi emocionante discurso de Henrique Sanfiz, primeiro promotor destas Vitaminas para o galego e fundador de Radiofusión, adaptando para o caso aqueloutro de Martin Luther King, e a actuación de Roi Casal e Silvia Ferre, pecharon un serán que moito pagou a pena.

Onte 132: Fervenzas Literarias

Dende hai cinco anos Fervenzas Literarias é un espazo de referencia na rede para a literatura galega. O seu seguimento diario da actualidade editorial, as conversas con autores e editores e, sobre todo, o repositorio de recensións merecen o noso maior interese. No entanto, son os seus premios anuais, outorgados por votación entre os seus lectores e lectoras, que abranguen todos os subxéneros de edición e actividades relacionadas coa edición e a lectura en galego, referencia indiscutible de rigor e independencia para todo o noso sector. Onte coñecimos os correspondentes ao ano 2011. Polo que nos atinxe non podemos estar máis agradecidos, tanto polos recoñecementos recibidos polos libros editados por Xerais e, outra edición máis, por estas Brétemas. Expreso a miña gratitude a todas as persoas (case cincocentas) que participaron nas votacións e a Fervenzas Literarias pola continuidade de labor tan importante para facer visible a literatura galega.