Onte 532: #twitterengalego

A versión beta do Twitter en galego constitúe outro éxito colectivo da comunidade da internet galega. Esta posibilidade de escoller o galego entre as opcións de idioma en Twitter é un paso importante na normalización da presenza do nos ididoma na rede. Gustei das solucións escollidas polo equipo de tradución, sobre todo de termos novidosos como «chío», «rechío», «rechouchiado», «rechouchioute», ás que nesta versión beta haberá que engadir algunhas melloras. Iniciativas como a de #twitterengalego , ou a de Navega en galego, amosan o feliz vínculo entre lingua e comunicación dixital, ademais de constituír un avance decisivo de cara a consecución do dominio .gal. Para escoller o #twitteregalego abonda con seguir a secuencia CONFIGURACIÓN > IDIOMA > GALEGO. Beizóns a todas as persoas que xa utilizan o twitter en galego e aquelas xenerosas voluntarias que o traduciron. Twitter en galego somos todos nós. Eu xa chio, chía ti agora!

Onte 497: Fervenzas literarias 2012

Por sexto ano consecutivo Fervenzas Literarias fixo públicos os seus premios anuais elixidos por case cincocentas tarxetas de votación. Este premio dos lectores e lectoras de literatura galega na rede consolídase como o primeiro referente de cada xeira anual de recoñecementos a obra editada, ao tempo que pola súa continuidade e diversidade (xa que valora todos os xéneros da edición como actividades arredor da lectura) como un dos máis prestixiosos no noso sistema editorial e de lectura. Agradezo moi sinceramente a todas as persoas que participaron nestas votacións os apoios que proporcionaron aos libros publicados por Xerais, que obtiveron excelentes resultados. Outrosí pola súa xenerosidade, outro ano máis, con estas bretemas escollidas como mellor blog. Uns recoñecementos que constitúen para nós un aliciente xeneroso para proseguir o traballo diario. As miñas beizóns para Fervenzas Literarias e para os seus lectores e lectoras.

Onte 488: @AcademiaGalega

Excelente noticia foi a incorporación dende onte da Academia Galega a twitter (@AcademiaGalega). Coa súa presenza nesta rede informativa, a nosa Academia profundiza e mellora a súa comunicación dixital e o seu servizo público, un proceso que iniciara hai dous anos coa renovación do seu agora modélico espazo web e a apertura do seu utilísimo dicionario en liña. A conformación da identidade dixital da Academia Galega únese a outros moitos e importantes proxectos de modernización e presenza social da institución centenaria impulsados pola actual presidencia de Xosé Luís Méndez Ferrín, que neste 2013, entre outras iniciativas, homenaxeará a Roberto Vidal Bolaño e conmemorará o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos. Para desenvolver esta decisiva e enorme tarefa de dinamización cultural por todo o país, como a súa responsabilidade no eido da investigación lexicográfica, literaria e histórica, a Academia precisa contar con recursos suficientes. Razón pola que o financiamento da nosa primeira institución cultural constitúe unha das responsabilidades principais das políticas culturais de todos os poderes públicos en Galicia, dende o Goberno de España, a Xunta de Galicia até as administracións locais. Neste contexto, non hai argumentos que xustifiquen os recortes brutais das achegas públicas previstas para este 2013 que poñen en perigo o funcionamento da institución e, ao tempo, amosan unha desconsideración para a nosa lingua e para a nosa cultura. A pesar das presións desesperadas dos sectores galegofóbicos, é perfectamente posible para o Goberno Galego reconducir a situación e asegurar un financiamento digno para a entidade. O futuro da Academia Galega, un patrimonio da nación, será tamén o futuro de Galicia.

Onte 471: Twitter 4.000

O meu perfil de Twitter superou onte as 4.000 persoas seguidoras. Non agocho a miña perplexidade polo feito, non exenta de satisfacción, tanto por ser unha cifra elevada para un perfil cuxa lingua vehicular é a galega, coma polo acicate que supón na estratexia, na que vimos teimando dende hai nove anos, de contribuír a tecer e tecer a rede na nosa lingua. A miña maior gratitude a todas aquelas persoas que seguen hoxe o perfil, como tamén aqueloutras que se cansaron de facelo, no que coma facemos no blog compartimos información sobre as nosas preocupacións: a edición, os libros, a lectura, a lingua, a literatura, a política e o fútbol (celeste). Na medida das miñas posibilidades, continuarei apostando para que «compartir» sexa o primeiro verbo en Twitter.

(Desculpas por esta anotación de «autobombo»)

Onte 450: Ser libris no Culturgal


Nunha xornada memorable do Culturgal 2012, na que se bateron todas as marcas de afluencia de público, presentamos a campaña «SER LIBRIS» promovida pola Asociación Galega de Editores. Esta peza de 47 segundos, preparada polo equipo de Illa bufarda, é o eixo dunha iniciativa coa que os editores pretendemos contribuír a sensibilizar á cidadanía galega sobre as lecturas como agasallo de Nadal. Baseada no carácter transversal e interxeracional da lectura, a peza ofrécese ademais como un recurso con posibilidades de aproveitamento didáctico.

Onte 449: Gústame o galego en Cultugal

Entre as moitas iniciativas e accións que se desenvolveron na intensa primeira xornada de Culturgal, moito me gustou participar en Gústame o galego, a promovida pola CTNL. Unha marabilla! A tarefa de desmontar prexuízos arredor da lingua e de prestixiala en todos os eidos da vida social require da corresponsabilidade de todas as persoas. Accións imaxinativas e divertidas como esta de «Gústame o galego» pola súa facilidade de viralización e pola súa capacidade de  ontaxiar entusiasmo poden ser doadamente emuladas ou reinventadas de forma creativa en centros educativos ou noutros eventos da cultura de noso. «Gústame que intentes falar galego, aínda que che custe un pouquiño», «Gústame o galego con acento africano», «Gústame que non me traduzan o café con leite», «Gústame que me digan “qrt m8″», «Gústame que me lembres en galego»… son mensaxes potentes que merecen ser compartidas. Participar nesta iniciativa é outro motivo máis para viaxar esta fin de semana a Pontevedra e pasar un tempiño no magnífico Culturgal, que paga moito a pena.

Onte 434: “O corazón de Xúpiter” de Ledicia Costas

O salón de actos da Casa do Libro de Vigo encheuse no acto de presentación d’ O corazón de Xúpiter, a excelentísima segunda novela de Ledicia Costas. Unha obra na que con grande afouteza sen mexericadas nin paños quentes Ledicia aborda en toda a súa complexidade o tema do acoso ás mulleres novas, tanto no ámbito escolar como cibernético (o “ciberacoso” ou “ciberengano”). Presentada externamente como “novela de instituto” protagonizada por unha rapaza de dezasete anos apaixonada pola Astronomía que tras mudar de cidade e centro procura a súa integración, O corazón de Xúpiter propón unha reflexión sobre os límites entre ficción e realidade no eido da comunicación dixital, sexa nos formatos de comunicación instantánea como nos vídeodixitais. O amor e a morte, a soidade e a ansia son algúns dos temas sobre os que xira esta novela dura mais de lectura engaiolante. Para presentala Ledicia Costas utilizou un chat en tempo real, até agora un procedemento inédito na presentación dun libro, ademais dunha lectura de varios fragmentos sobre música e imaxes de Mig Seoane, un dos seus compañeiros dos Poetas da Hostia. Finalizou o acto coa proxección do impresionante vídeo de Amanda Tood, a rapaza de 15 anos que hai apena sun mes se suicidou, no que se resume a traxedia sobre o que xira O corazón de Xúpiter.

Onte 382: Navega en galego


Grazas á renovada e utilísima web de Prolingua, chego a Navega en galego, un blog que axuda a «navegar na web como galegos», que non é outra cousa que utilizar a lingua galega como preferida. Este blog sirve para coñecer a estatísticas do idioma preferido das nosas visitas como para comprobar a configuración da lingua de cada navegador e para galeguizalo, se non se fixera con anterioridade. É importante para potenciar a presenza do galego en Internet (mesmo para solicitar a galeguización de programas e utilidades) que os navegadores que utilicemos estean configurados na nosa lingua. Recomendamos espallar tan boa iniciativa.

Onte 381: As cifras de Twitter

Preparando a miña intervención na Rede de Coñecemento Compartido que a AGE organiza o vindeiro martes sobre «A identidade dixital da editorial», din con algunhas desas cifras desorbitantes (das que descoñezo a súa fiablidade) sobre o uso de Twitter. Pareceume impresionante que sexan xa 500 millóns os usuarios de Twitter no mundo, estimándose que en España xa superan a barreira dos cinco millóns. Botando contas e asumindo a fenda dixital galega, estimo que en Galicia contan con perfil nesta rede informativa entre 200.000 e 250.000 persoas. Xa sei que moitas estarán inactivas ou que o utilizan só para a participación pasiva, mais ninguén pode negar o impacto sobre os nosos hábitos de acceso á información desta lectura dixital, realizada na maior parte das ocasións sobre pantallas de teléfonos móbiles. Unha mudanza dun enorme calado.

Onte 375: Proyecta

Sabiamos dende hai tempo da xestación da Plataforma Proyecta, unha iniciativa de educación dixital promovida pola Fundación Amancio Ortega Gaona. Onte foi o día no que comezou o lanzamento deste proxecto concibido para que o profesorado non universitario poida compartir obxectos e contidos educativos dixitais, ademais de contar con ferramentas para crealos e de espazos e materiais formativos sobre o proceso de dixitalización educativa e da utilización das TICS nas aulas. A pesar do pouco que puidemos navegar, a primeira ollada á plataforma aventura que Proyecta pode converterse axiña nun espazo de referencia no proceso de tránsito cara ao paradigma da educación hipertextual. Beizóns para o seu equipo de profesionais e longa e ventureira andaina!