Onte 369: Prolingua

Foi unha afortunada coincidencia que en xornada tan salientable coma de onte, Prolingua anunciase a celebración da súa asemblea o vindeiro sábado en Teo e abrise nova web, un espazo virtual moi atractivo que facilita novas liñas de traballo compartido, ao tempo que ofrece espazo para as voces dos seus membros. Xuntanza na que se debaterá un chamamento aos partidos e organizacións políticas sobre o futuro da lingua galega con motivo das eleccións do 21-0, ademais de elixir a súa Cerna de dirección e aprobar o seu programa de actuacións futuras. Sen dúbida, outro chanzo máis no traballo en man común, tan firme e discreto como sereno e constante, desta plataforma apartidaria e plural de defensa e promoción da lingua galega da que nos enorgullecemos en participar.

Onte 366: Un ano de «Onte»

Hai xustamente un ano decidín iniciar un dietario dixital, baixo o título de «Onte», onde recollese algunhas reflexións de actualidade política, social e cultural, ao tempo que relatase en primeira persoa os acontecementos públicos nos que participo. A experiencia supuxo para min asumir tanto un reto diario de reflexión como respectar unha disciplina de escrita diaria, ás que nunca me enfrontara. O emprego das utilidades hipertextuais, a brevidade e premura na composición dos textos foron os únicos límites formais da serie. Tras un ano de actividade deste dietario, que hoxe inicia a sua segunda tempada, reitero a miña convicción na importancia do blog como cerna da miña identidade dixital, mesmo a pesar da miña intensa actividade  en Twitter, que concibo como primeira rede informativa, e a presenza en Fb, que entendo como plataforma de conversa e interacción menos formalizada. Fronte a fraxilidade e fugacidade de Twitter e Fb, o blog é hoxe a nosa mellor memoria dixital, permite o arquivo e súa axilidade de consulta retroalimenta a escritura dos hipertextos novos. De cara ao futuro é a miña intención profundizar na brevidade e hipertextualidade de cada unha das anotacións de «Onte». Obrigado quedo cos seus lectores e lectoras.

Onte 363: Internet e tv, soportes da campaña

Feijoo está preocupado porque percibe que o PP de Galicia ten escaso peso en internet. Afeito aos parabéns e delicadezas da maior parte da prensa en papel editada no país e aos aloumiños dos medios públicos, recrimina ás Novas Xeracións «a súa escasa implicación na rede a prol dos intereses do seu partido». Alén de semellarme inxusta co papel da mocidade conservadora, está valoración tan choqueira pon en evidencia o prexuízo do presidente de identificar a utilización das redes sociais coa mocidade. O propio Feijoo, quizais por non considerarse un mozo, carece de identidade dixital de seu (onte abriu a súa conta twitter), eiva que comparten o resto dos membros do seu gabinete, algo inconcebible nun político que pretende proxectarse como modelo de modernidade austera. Ben sería que antes de apupar as súas mocidades, Feijoo valorase a importancia que Obama concedeu ao longo de todo o seu mandato a manter unha voz propia e fiable en Twitter e Fb para defender as súas políticas e asegurar a súa reelección. Pola contra, temo que despois de estragar toda a lexislatura, nestas poucas semanas de precampaña moi pouco poderán arranxar os comunity manager do PP e os xefes de prensa das consellarías para artellar unha imaxe dixital sólida dos conservadores galegos e do seu presidente. É probable que se as Autonómicas se dirimisen na rede, Feijoo tería moi difícil recuncar. Porén, como a fenda dixital aínda é considerable en Galicia, o equipo de campaña de Feijoo confía en que sexan os debates televisivos os que axuden a decantar ao seu favor un resultado hoxe moi axustado. Semella que internet e tv serán os dous soportes principais desta campaña.

Onte 341: Mapa europeo dos recurtes culturais

A iniciativa colaborativa de The Guardian de debuxar o mapa europeo dos recurtes cutlurais vai collendo corpo. Son os lectores e lectoras os que sitúan (por medio deste formulario) xeograficamente os recurtes que coñecen nos diversos eidos da cultura (teatro, música, museos, festivais, protección patrimonio, iniciativas educativas…). A iniciativa (recollida por El País, Público, Le Monde e La Stampa, entre outros) evidencia que é España o estado europeo máis afectado polos recurtes orzamentarios das súas iniciativas culturais, mesmo a pesar de que no mapa faltan por incluír moitos dos retallazos, como a maior parte dos realizados en Galicia. Consultar este mapa interactivo achega información moi relevante, como a existencia do oasis francés, onde a pesar da crise mantéñense a maior parte dos orzamentos culturais, ou a debacle sen paliativos que se produce en Portugal, Italia e España. Non estaría de máis que todos colaborásemos en actualizar esta información, un xeito de defender o patrimonio e as industrias culturais europeas.

Onte 270: Xerais web

Dedicamos unha intensa xornada a puír a nova web de Xerais, que nos deseñou o Estudio de Pumpún Dixital, esa factoria viguesa de Internet de Chiu Longina e Berio Molina. Un traballo magnífico! Tratamos de actualizar completamente a identidade dixital da editorial, mudamos o deseño do blog e da web corporativa, creamos o xermolo do que será unha completa web de recursos educativos, con especial atención á nova edición dixital, tanto á educativa, como a dunha Biblioteca Dixital de lectura en rede. Apena so inicio dun proxecto de edición dixital que, despois do verán, incrementará moi considerablemente a nosa oferta de e-books para lectura en dispositivos portables.

Onte 268: Premios da Crítica Galicia

Abrimos a web dos Premios da Crítica Galicia, outro dos proxectos en man común nos que me sinto orgulloso de participar. A renovada Fundación  –da que turra con enorme xenerosidade, dende hai trinta e cinco anos, o editor Bieito Ledo– é un espazo plural, independente e interxeracional que pretende acrisolar a tradición dende o diálogo coas expresións da creación cultural. Estes días pechamos a composición dos xurados dos Premios 2012, que se fallarán o 20 de outubro. Até entón celebraranse diversas mesas redondas en cada unha das sete cidades, baixo o lema «35 anos de Cultura Galega», un xeito de tomarlle o pulso ao estado de cada un dos eidos da cultura nosa. O sábado, 16 de xuño, nas Bodegas Martín Códax de Cambados, a Fundación convocou un xantar de irmandade ao que foron convidados os gañadores dos premios dende 1978. Outra oportunidade  para afianzar os vínculos de afecto dun proxecto de vontade integradora.

Onte 264: puntoGAL

Magnífico acto de presentación da candidatura puntoGAL, que procura un dominio propio para a lingua e cultura galegas en Internet. Brillante foi a defensa que fixo Manuel González, o presidente da Asociación, salientando que a consecución do dominio supoñería «un fito decisivo na historia de Galicia. Lembraría día a día que existe unha comunidade que se chama Galicia, aumentando psicoloxicamente a nosa autoestima e socialmente a cohesión interna». Para González, ademais, «permitiría que os buscadores ordenasen os contidos en galego de forma máis completa» e «daríanos acceso a participar na gobernanza de Internet e a reinvestir os beneficios en Galicia no emprego da lingua en Internet». A presentación da experiencia da Fundación puntCAT, a cargo do seu director Jordi Iparaguirre, foi moi clarificadora sobre as posibilidades que o dominio puntCAT (53.000 dominios na actualidade) abriu para a lingua e cultura catalanas, incrementando a súa presenza social e liderando a incorporación de amplos sectores sociais nunha Internet segura.«O puntCAT permitiu que deixásemos de ser invisibles, achegando prestixio a nosa lingua que xoga na primeira división de Internet». Agardamos que nun ano poidamos celebrar a posta en marcha do puntoGAL, que axudará a visibilizar e proxectar no mundo a nosa industria cultural e aumentar a audiencia dos sitios en galego que, como sinalou con acerto Manuel Gago, «dende 2008 quedou lastrada polos algoritmos de Google».

Onte 257: O «Libro en rede» de Xerais

Anunciamos o proxecto «Libro en rede», os contidos dixitais para Lingua e literatura de 2º de ESO nos que vimos traballando nos últimos meses. Para nós constitúe un chimpo, un xeito de reinventarnos profesionalmente como editores educativos, ao tempo que unha achega novidosa á construción do proxecto colectivo de escola dixital galega. Axiña publicaremos en aberto, na web de Xerais, unha unidade completa de mostra. A providencia laica fixo que onte nacese Comba, a filla de Anaír e Noli, os motores principais do proxecto do «Libro en rede» e dos materiais de didácticos de Lingua e literatura de Xerais durante a última década. Beizóns para eles dous e longa vida para a meniña que «envía bicos de cerdeira nova».

Aquí pode consultarse a unidade de mostra.

Onte 143: #twitterblackout

Fomos moitos os que onte non demos nin chío para así expresar a nosa queixa sobre a posibilidade que Twitter introduza unha censura selectiva sobre determinados contidos nalgúns países. A censura non pode ser aceptable en ningún país do mundo nin xustificable por tratarse dun servizo (até agora de publicación e acceso gratuíto, a pesar de que inclúe publicidade) proporcionado por unha empresa privada. Máis aínda, sendo a rede informativa mundial con máis usuarios , o papel de Twitter é capital na defensa da liberdade de expresión e na promoción e fomento dos valores da paz e dos dereitos humanos. Twitter supera fronteiras e valados nunha irmandade planetaria de linguas, culturas, estados e xeracións. Paga a pena defender que continúe funcionando con estes criterios nunha Rede neutral e de acceso libre.