Ler é

É moi atractivo o portal Leer.es que acaba de abrir o Ministerio de Educación coa intención de transmitir o entusiasmo pola lectura e animar a súa práctica. Ademais do seu deseño coidado e contemporáneo (na liña da web 2.0), pareceume de gabar o esforzo por chegar os contidos tanto ás familias como aos docentes. Recóllese un catálogo extenso de recursos de animación en diversos soportes, que poden ser empregados na biblioteca de aula ou de centro. É novidosa a axenda da lectura así como a insistencia en todos os espazos na procura da participación do lectorado. Outrosí sucede coa posibilidade de escoller a navegación nas catro linguas oficiais (aínda que non estean todos os contidos en todas as linguas), algo abondo infrecuente nestes espazos. Non deixa de ser curioso que cando aparece este magnífico portal do Ministerio de Educación coñezamos que os espazos galegos públicos dedicados á promoción da lectura e da nosa literatura e edición no eido internacional (dependentes da Consellaría de Cultura) deixaron de ser actualizados esta semana, poucos días antes de que sexa anunciado o programa de «2010. Ano da Lectura».

25 de abril en twitter

Recomendo seguir o twitter do 25 de abril. Aquela xornada de 1974, recordada hora a hora. Un esforzo extraordinario de documentación na rede que amosa as posibilidades comunicacionais e creativas do microblogueo.Unha iniciativa a emular. 

Blogaliza 2.0

Mudeime a Blogaliza hai dous meses e estou moi satisfeito de telo feito. Agradezo moi sinceramete a axuda xenerosa de todo o equipo desta comunidade que ten por lumieira a de tecer a rede na nosa lingua. Razón pola que recibimos con moita satisfacción a nova do comezo, a partir do 1 de xaneiro, dunha nova etapa.

A comunidade Blogaliza acolle a máis de 1.700 blogues en galego (sobre temas literarios, educativos, blibiotecarios, deportivos, persoais, políticos, etc.) e máis de 6.000 usuarios/as rexistrados/as. A portada de Blogaliza amosaba até agora o último publicado no blogomillo, todos os blogues escritos en galego, na propia Blogaliza ou noutros sistemas, máis o directorio deste crecente blogomillo.

NOVOS SERVIZOS DA BLOGALIZA

O próximo 1 de maio abriremos a nova Blogaliza, unha versión ampliada do habitual servizo de blogues en galego que integrará tamén noticias culturais actualizadas a diario, rede social, convocatorias de animación á creación artística e moitos outros contidos.

A partir dunha nova portada xeral da comunidade, poderase consultar a actualidade do blogomillo, con especial intensidade no ámbito da cultura a través de seccións especializadas en literatura, música, cinema, artes visuais, etc. A apertura destas seccións será progresiva, comezando pola de letras.

PARTICIPACIÓN NA CONFIGURACIÓN

Desde a Blogaliza temos claras expectativas do que non debe faltar, mais queremos facer un convite público a todas as persoas, colectivos e institucións que queiran facer propostas para enriquecela.

Desde hoxe e até o 1 de maio na portada de Blogaliza accederase a un blogue aberto ás propostas de todos. Calquera pode mandar ideas e debatelas para que sexan integradas na nova Blogaliza. Para iso só é preciso enviar un correo para  propostas at blogaliza.org, que será publicado como nova anotación, cos comentarios abertos para, entre todos/as, ir perfilando as novas ideas.

DIFUSIÓN DO PROXECTO

Agradeceremos toda a difusión posíbel deste correo, coa pretensión de facermos da Blogaliza un aberto centro cultural na rede. Un espazo sen cancelas onde poder comunicar, debater, partillar e fornecer en liberdade e respecto a cultura que queremos.

PUBLICIDADE

Na Blogaliza temos o compromiso de que os blogues continúen a ser de balde e sen publicidade, como até agora, salvo nas portadas temáticas, espazos onde posibilitaremos referencias publicitarias coa intención de financiar o proxecto e asegurar a súa viabilidade.

Tumblr brétemas

Hai tres días abrín o Tumblr brétemas, un espazo de microblogueo onde pretendo ir recollendo as ligazóns máis interesantes dos textos que leo cada día na rede (sexan artigos, anotacións de blogs, noticias, galerías fotográficas ou vídeos). Estas ligazóns actualízanse automaticamente na columna esquerda do blog (¨Ligazóns aconselladas»), o que permite unha lectura paralela das anotacións. Así nestes primeiros días aparecen enlazadas algunhas anotacións de Fermín Bouza e Antón Baamonde sobre a lingua ou as entrevistas recompiladas do novo conselleiro de Cultura e Turismo. Ademais, esta nova rede social permitiume coñecer a volta de Todo nada, o mítico blog de María Yáñez, que tanto axudou a tecer o blogomillo hai case cinco anos, ou atoparme con veteranos amigos como Milleiro, Modesto, Dorfun ou Opaco. Tumblr é unha nova utilidade para continuar tecendo a rede e construíndo a identidade dixital.

Identidades dixitais

No artigo da semana de «Campo de Granada» (non aparece na web de Faro de Vigo) abordo, dende un punto de vista xeral e divulgativo, a cuestión das  Identidades dixitais, unha das compoñentes, xunto a literacidade electrónica, do paradigma da comunicación cultural electrónica.

Durante a última década, debido aos avances das tecnoloxías da comunicación dixital, fomos incorporándonos ao emprego da telefonía móbil e das utilidades proporcionadas por Internet. Tanto as persoas que o fixeron de forma entusiasta, como as que arrastraban inevitables prexuízos ou medos sobre o emprego destas novas ferramentas convértimonos, con enorme rapidez e sen contar con ningún tipo de alfabetización específica, en lectores sobre pantallas e micropantallas. Temos a fortuna de ser testemuñas e actores da revolución comunicacional máis trascendental que a humanidade ideou, dende hai cinco séculos, tras a invención da imprenta de tipos móbiles: a da expansión mundial da comunicación electrónica.

Velaí os cambios de costumes que vivimos desde a revolución introducida pola telefonía móbil  da que moi dificilmente somos xa capaces de subtraernos. Eis a mudanza dos nosos hábitos de comunicación a distancia. No móbil recibimos mensaxes instantáneas que nos convocan a un acto cultural (como fan sistematicamente concellos como o de Soutomaior) ou nos recordan unha cita médica; dende o teléfono enviámolas para expresar intimidades ou para comunicar un resultado deportivo ou unha noticia que escoitamos na radio. Outrosí sucede coas utilidades de Internet que, a pesar da fenda dixital que aínda padecemos no noso país (Galicia continúa á cola pola súa porcentaxe de usuarios), xa son empregadas adoito por maior número de usuarios. Xa non fai falta ser un friqui nin un experto nos trebellos informáticos para utilizar o correo electrónico coma a nosa primeira identidade dixital (onde recibimos comunicacións persoais e institucionais), ou a navegación na rede para ler os nosos xornais e blogs preferidos (onde, e isto é moi importante, deixamos publicadas as nosas opinións sobre os seus contidos), consultar as nosas contas bancarias ou visionar as nosas series preferidas, mesmo adiantándonos a súa emisión polas canles de televisión.

Usuarios algo máis avanzados non teñen moitas dificultades para aproveitar as utilidades destas tecnoloxías que se «actualizan» (sería máis axeitado dicir que mudan e melloran o seu funcionamento) a unha velocidade de vertixe. Empregan as terminais dos seus móbiles para publicar os vídeos e fotos que tiraron con elas nos seus blogs ou no seu perfil de Twitter, o que lles permite compartilas de forma case inmediata con todos os seus amigos e amigas de Facebook ou Tuenti, dúas das redes de sociais onde teñen aberta a súa identidade dixital.  Outrosí sucede con eses case dous mil mozos e mozas entre os 16 e 35 anos que durante tres días desta fin de semana se reuniron no «Xuventude Galiza Net 09» (un encontro informático que vai xa na décima edición) para compartir de forma incansable arquivos e expresar a creatividade e a potencia informática da mocidade do noso país.

Dende estes usuarios máis avanzados até aquelas persoas que comezan a súa alfabetización na cultura dixital todas asumen unha nova literacidade, un novo xeito de ler e escribir sobre as pantallas, ao tempo que van construíndo unha identidade dixital, como parte da súa identidade persoal. Estes dous compoñentes, literacidade e identidade dixital son as dúas trabes do paradigma da comunicación dixital do que ningunha persoa, institución, administración, sociedade, empresa ou calquera tipo de entidade pode quedar alleo. Como salienta Juan Freire, o blogueiro Nomada e profesor da Universidade da Coruña, no marco dunha Internet que se está construíndo diante nosa e que pretendemos sexa un espazo de aprendizaxe e socialización, será necesario que neste futuro-presente cada persoa ou cada organización xestione a súa propia identidade dixital. Eis un reto ineludible.

Unha identidade dixital confórmase a partir das identidades fragmentarias que construímos a partir da nosa aprendizaxe das competencias da cultura dixital e das utilidades asociadas a ela que somos capaces de manexar. As identidades dixitais, tanto as individuais como as das organizacións, vanse conformando na conversa activa que mantemos na rede sexa na rede de blogs (como Blogaliza no caso noso) ou nos espazos multimodais (os vídeos en You-tube; a música en Last.fm; as noticias en Chuza, Delicious ou Technorati, as fotos en Flickr ou en Picassa). Conversa que agora se amplía e axiliza pola participación  nas redes de “status” (que estás facendo?) e “presenza” (onde estás?) conformadas polas utilidades de microblogueo (Twitter, Lareta ou Gmail Google Talk) ou as de participación social e de lecer (Facebook ou Tuenti). Como as abellas, na rede imos tecendo a nosa tea cos fíos que achegamos en cada un destes espazos. Eis o reto da nova Internet 2.0 ou 3.0, mais optar por unha denominación u outra é outro debate.

Xerais twitter

Dende onte xa está operativo o noso Xerais twitter, un espazo de microblogueo para dar conta das novidades e das convocatorias da editorial. Con esta nova ferramenta, que se une a que funciona en Facebook, a editorial consolida a súa prensenza nas redes sociais procurando a participación dos lectores e lectoras dos seus libros e dos usuarios dos seus servizos.

A nosa pequena experiencia de microblogueo, tanto empregando o Lareta como o Twitter, é moi gratificante; apenas serviunos para explorar algunhas das súas enormes posibilidades comunicacionais. Como salientou besbe nesta súa anotación de onte, a maior parte dos usuarios, paradoxicamente, infrautilizamos unha utilidade como twitter que atesoura enormes posibilidades creativas. Hoxe unha identidade dixital (sexa persoal, institucional ou corporativa) constrúese coa presenza sobre diversas utilidades dixitais, que permiten xéneros discursivos diferenciados (blogs, twitter ou lareta e facebook pode ser a configuración actual).

O pulo do Facebook galego

O suplemento dominical «Estela» de Faro de Vigo dedica hoxe catro páxinas (pódense baixar ou ler en pdf aquí) ao pulo que colleu o Facebook en Galicia. A reportaxe supón a visibilización na prensa de papel dun fenómeno que nos últimos meses colleu unha dimensión sorprendente, tanto polo incremento do número de usuarios que nos unimos a este rede, como pola incidencia que o seu funcionamento ten sobre a sociedade (velaí a mobilización contra o veredicto homófobo, nacida desde esta rede).

Os blogueiros daquel blogomillo ventureiro, nacido hai case cinco anos, volven atoparse no facebook e, tamén, en twitter (o microblogueo merece unha anotación específica), coa entusiasta actividade de novos membros que durante estes dous últimos meses se uniron a esta rede de amizades nas que se comparte amizade, lercheo, reflexión e múltiples afinidades. Foi decisiva nesta ampliación do perímetro da rede galega de Facebook a campaña electoral, pola aposta que case todos os partidos fixeron por ela, especialmente os partidos nacionalistas. Ogallá está aposta pola participación política por medio destas redes continúe na acción de goberno. Outrosí debe suceder coas empresas e entidades que, porén, canto menos no que nós coñecemos, non teñen apenas presenza nesta rede.

A nosa aínda cativa experiencia en Facebook, sexa como usuarios ou como promotores da páxina de Xerais, levounos a comprobar a importante presenza do galego como lingua vehicular dunha boa parte dos usuarios, como a importancia que ten para a nosa lingua contar cunha versión en galego da utilidade (microsoft debería tomar boa nota). Dúas magníficas noticias a salientar, como tamén o é o alto nivel de participación dos usuarios (estes días mobilizados contra o perigo abstencionista deste domingo). 

Este pulo de Facebook, como o novo xénero discursivo de twitter (a min tenme fascinado), en definitiva das utilidades das redes sociais dixitais, obrigan a repensar o papel dos propios blogs. Creo que hoxe en Internet o importante é contar cunha identidade dixital singular (sexa individual ou colectiva, no caso de grupos, empresas ou institucións), cunha voz propia que le, escribe, opina, valora e conversa empregando a riqueza e singularidade de todas e cada unha destas utilidades dixitais e xéneros discursivos. Velaí a cuestión da literacidade electrónica do que tantas veces temos falado no blog.

O meu twitter

Aquí o twitter de brétemas. Para seguir a conversa.