Onte 361: Un ghichiño dos grandes

Impactoume o pasamento de Fito Domínguez, a voz e alma de A Roda. O tempo recoñecerá o labor de xigante que fixo pola recuperación da música popular galega e por alicerzar o futuro da lingua galega, que defendeu como patrimonio de todos por riba de muros e valados. Non somos quen somos, non sentimos como sentimos sen as súas cancións, sen eses himnos saudosos que nos unen, identifican ou emocionan até bagoar. Fito representa o Vigo xenuíno e popular, obreiro e fachendoso da nosa galeguidade. Celtista de corazón aberto, xeneroso até o lirismo, non esqueceremos a súa Foliada do ascenso. A súa voz, as súas cancións permanecerán na nosa memoria como engramas imposibles de esvaecer. Fito, como o seu amigo Suso Vaamonde, foi, é e será a voz de todos nós. Lembrámolo con gratitude e saudade. Foi un ghichiño dos grandes.

Onte 348: Homenaxe a Germán Sánchez Ruipérez en Sanxenxo

Antes de acudir ao velorio de don Avelino, participei na homenaxe que o concello de Sanxenxo organizou en memoria de Germán Sánchez Ruipérez. O editor e mecenas da lectura, fundador de Anaya, merecía un recoñecemento en Galicia que, magoadamente, en vida nunca se lle tributou. Vencellado co país noso, desque en 1953 casara con Ofelia Grande Rodríguez, ourensá do concello de Esgos, Germán participou en 1979 na fundación de Xerais, xunto a Xulián Maure Rivas e a Camiño Noia Campos, apostando, durante os case vinte anos no que foi o seu presidente, polo desenvolvemento dun proxecto de profesionais da edición en galego. A incorporación de Xerais na fundación do Grupo Anaya en 1988 e a presenza de Germán no periplo por Galicia enteira das cerimonias de entrega dos Premios Xerais, nas que sempre pronunciaba un discurso en lingua galega, constituía o referendo anual deste compromiso cun proxecto editorial clave para entender a cultura galega durante as últimas tres décadas. Como sinalou na súa emocionante intervención Ofelia Grande de Andrés, a súa sobriña e sucesora no oficio de editora, «Germán foi un galego “consorte”», un sanxenxino que dende 1970 navegou polos mares da súa benquerida Arousa e con discreción e xenerosidade contribuíu ao proceso de modernización do sector editorial en Galicia. Onte en Sanxenxo, diante dalgunhas das súas máis vellas amizades, recoñececeuse esta valiosa achega.

Texto da miña intervención.

Galería de fotos de El Correo Gallego.

Onte 347: Mestre don Avelino

A figura de Avelino Pousa Antelo convoca simpatía unánime en sectores sociais ben diferentes da sociedade galega porque simboliza o galeguismo pacífico até o lirismo, ao que convocaba Castelao na súa Alba de Gloria.  O pasamento do mestre don Avelino, un carballo case centenario sempre ao servizo da causa de Galicia, supón que politicamente se apagou o derradeiro facho da xeración do Partido Galeguista, as Irmandades da Fala e a Xeración Nós; fendeuse de vez o elo que unía ao nacionalismo contemporáneo co proceso de construción nacional iniciado naquel tempo republicán de soños e entusiasmo. Don Avelino non fixo outra cousa ao longo de case oito décadas que contribuír a alicerzar o soño dunha Galicia dona de seu, orgullosa da súa lingua e da súa cultura (que defendeu até o seu derradeiro salaio), confiada nas súas propias posibilidades e na determinación dos seus cidadáns. Traballou por este soño coas únicas armas posibles para un patriota galego coma el, a confianza cega nas posibilidades da educación pública e da acción política por medio da palabra. Mestre adiantado da renovación pedagóxica da escola rural (socio de honra de Nova Escola Galega), promotor da Escola Granxa de Barreiros, impulsor do cooperativismo agrario, cando se xubilou dedicou as tres derradeiras décadas da súa vida a defender a dignidade da nación de forma insubornable percorrendo os seus camiños e vieiros até onde a súa presenza venerable era requirida e participando como home de acordos en institucións claves do galeguismo nacionalista como as Fundacións Castelao, Bóveda ou a do Pedrón de Ouro. Don Avelino foi un modelo ético dunha peza, espello de honestidade, rectitude, fraternidade, solidariedade, amizade, valores polos que a súa persoa concita o maior agarimo e respecto. Adeus para sempre adeus, don Avelino! Sempre bo e xeneroso, irmán!

Esta anotación foi publicada en Faro de Vigo.

Onte 344: Día dos Mártires Galegos

Como é adoito cada 17 de agosto lembrouse na Caeira o fusilamento de Alexandre Bóveda, o que foi o motor organizativo e medula política do Partido Galeguista da Frente Popular. Unha lembranza imprescindible para manter o facho da memoria republicana de Galicia, como a que se volverá acender mañá 19 en Cacheiras para recordar a Ánxel Casal, o libreiro e editor de Nós, tamén alcalde de Compostela en 1936, de quen Castelao dixo que «fixo máis por Galicia ca todos nós». Como merecen a nosa lembranza as oito persoas socialistas e republicanas fusiladas contra as tapias do cemiterio de Pereiró o 27 de agosto: o alcalde de Vigo, Emilio Martínez Garrido; os deputados socialistas Antonio Bilbatúa Zubeldía e Ignacio Seoane Fernández; o impresor Heraclio Botana; o mestre Apolinar Torres; o médico Ubaldo Gil Santóstegui; o que fora alcalde de Lavadores José Antelo Conde e o funcionario da Casa do Pobo de Vigo Ramón González Brunet. Na memoria de todas estas persoas e de todas aqueloutras vítimas da represión fascista a Irmandade Galega de Bos Aires fundada por Castelao acordou en 1942, hai agora setenta anos, declarar o 17 de agosto como «Día dos Mártires Galegos», como anuncia a revista A Nosa Terra o 25 de xullo de 1942:

«A Irmandade Galega, nunha felis inspiración patriótica, tomou o acordo de instituír como Día dos Mártires Galegos a data do 19 de agosto [un erro evidente de imprenta]. Nun día como ise do ano 1936, as forzas negras da reaución nemigas da liberdade de Galicia e treidoras a República Hespañola, fusilaron ao mártir máisimo da Patria Galega: Alexandre Bóveda, segredario do Partido Galeguista. Ningunha data máis axeitada que isa, pra nela lembrar e honrar aos milleiros de galegos que foron fusilados polo seu ‘delito’ de querer a Autonomía de Galicia e de ser leiales a República Hespañola. Isa data, Día dos Mártires Galegos, ficará consagrada na ialma do pobo galego como xusta eisaltación dos que deron o seu sangue e a súa vida pola nosa sagra Terra e ficará como eterna maldizón para os treidores de Galicia e pra os que decretaron i executaron as mortes dises milleiros de irmáns nosos».

Con ese espírito de integración republicana e galeguista deberían celebrarse todos os actos na memoria dos Mártires Galegos. As miñas beizóns para Mini e Mero por manter ese lume sempre aceso.

Onte 319: A editora de Lumen

O pasamento de Esther Tusquets, a editora de Lumen durante corenta anos, provocoume un chisco de melancolía. Membro dunha extraordinaria xeración barcelonesa de editores representa a concepción cultural e artesanal da edición, ese oficio que, segundo as súas palabras, «se vive todas as horas do día e no que se soña con libros a maior parte das noites». Unha editora que asumía a necesidade de manter unha relación persoal con cada un dos títulos que publicaba, dende a lectura do orixinal ou a concepción do proxecto até que atopaba sobre a súa mesa os primeiros exemplares de control de calidade da edición. Unha editora que asumía como outra das súas responsabilidades elixir títulos e descubrir novos autores e autoras para intentar poñelos en valor, unha tarefa moi arriscada e traballosa. Esther Tusquets apostou pola edición de coleccións, como «Moby Dick» e «A favor de las niñas» de Adela Turín, que moito influíron sobre a emerxente literatura infantil e xuvenil en España. Ademais, publicou a serie «Mafalda» de Quino, que ela recoñeceu como ese golpe de sorte que necesita cada editor para consolidar o seu proxecto. Tivo a intución que convertiu El nombre de la rosa de Umberto Eco nun dos primeiros best-sellers de calidade da edición española. Foi a editora dunha impresionantes nómina de autores e autoras literarias –Ana María Matute, Cela, Delibes, Vargas Llosa ou Carmiña Martín Gaite, entre outros– cos que mantivo unha conversa permanente sobre libros e literatura, as súas dúas grandes paixóns. Temo que a concepción cultural da edición na que acreditaba Esther Tusquets é a que está desaparecendo polo tsunami da edición industrial.

Onte 278: Bernardo García Cendán in memoriam

Magooume o pasamento de Bernardo García Cendán. Coñecino da man de Agustín Fernández Paz, que o tiña por irmao maior. Grande lector, Bernardo presentou moitos dos nosos libros en Vilalba e Lugo con mestría. Admirei sempre a súa cordialidade infinita, a súa disposición incondicional, o seu verbo preciso, a súa cultura extraordinaria, a súa actitude permanente de escoita e abrazo. Asocieino sempre a Fuxan os Ventos, quizais por que foi un dos autores dalgunhas das súas cancións; coa revista Encrucillada, da que foi un dos seus principais animadores durante décadas e coas súas columnas xornalísticas, «Cartas a Antón», que publicaba n’ A Voz de Vilalba. Bernardo foi un auténtico esteo de solidariedade e axuda para todos os membros da súa comunidade. Un profesor queridísimo polo seu alumnado. Un home bo, xeneroso sen límite. Deixa saudades moi gratas. Con todos os abrazos para os seus.

Onte 274: Valentín Arias na lembranza

«Como puido tanto un home só» foron as palabras coas que Rexina Vega iniciou a emocionante homenaxe a Valentín Arias. Un serán no que se lembrou a unha persoa que Beiras definiu como de «enteireza enorme, de afouteza extraordinaria e de xenerosidade sen límites». Unha persoa extraordinaria, para Víctor Freixanes «un esteo», para o seu fillo Lois «un home ordenado que traballou arreo porque quería mellorar Galicia». Nas miñas palabras salientei a súa importante relación con Xerais, sobre todo na etapa fundacional da editorial, o seu carácter de «patriarca dos tradutores galegos» e o seu carácter de «home de país» que desenvolveu un labor polifacético,  actividades todas nas que se entregou cunha xenerosidade incesante, unha discreción superlativa e unha dispoñibilidade permanente para o abrazo e a axuda máis fraternal con todos aqueles que compartían ansias e vieiros. Foi o de Valentín Arias, pois, un labor de alicerce e soporte esencial sen o que non poderíamos entender o pulo da cultura textual en galego do noso tempo. Home de elegancia natural e trato agarimeiro forxou acordos en positivo alí onde se precisaba a súa presenza. Mais e sobre todo, Valentín Arias exerceu como mestre no sentido máis amplo desta palabra sagrada. Ben merecería que a cidade na que viviu durante corenta anos o lembrase co nome dunha rúa onde rezase «Tradutor e mestre Valentín Arias». Con todos os nosos abrazos para Amparo, os seus fillos e oito netos.

Onte 272: Bradbury e os libros viventes

Morreu Ray Bradbury, o grande escritor dos libros viventes, do que tivemos a fortuna de editar en galego, traducidos por Magdalena Fernández Pérez, dúas das súas novelas mçais memorables, Crónicas marcianas e Fahrenheit 451. Un autor que defendeu o poder da lectura e a ledicia da escritura, concebidas coma unha celebración e un pracer, mais tamén coma unha conquista colectiva. Foi, ademais, como el recoñeceu no magnífico prefacio da edición inglesa de 1993 de Fahrenheit 451, o autor do século XX que máis poemas, ensaios, relatos, pezas teatrais e novelas creou sobre bibliotecas, bibliotecarios ou autores. No seu pasamento recupero un de tantos fragmentos da súa obra que me teñen impresionado:

O meu avó dicía que cando alguén morre sempre debe deixar algo atrás. Un neno, un libro, un cadro, unha casa, unha parede ou un par de zapatos feitos por el mesmo. Ou un xardín, por exemplo. Algo onde deixar a túa pegada, para que a alma teña un sitio onde ir cando morras. Así, a xente mirará esa árbores ou esa flor e ti estarás alí, dicía o meu avó. Tanto ten o que fagas, dicía tamén, con tal de que cambies algo de como era ao principio e o transformes noutra cousa parecida a ti. A diferenza entre algúen que simplemente sega o céspede e un xardineiro auténtico está no toque persoal. A obra de quen sega o céspede pasará desapercibida; a do xardineiro permanecerá alí toda a vida. Fahrenheit 451

Si,Bradbury foi un xardineiro das palabras.

Celso Emilio Ferreiro, vídeo do centenario


Excelente vídeo didáctico sobre Ceso Emilio Ferreiro preparado polo Equipo de Dinamización Lingüística do CEIP Celso Emilio Ferreiro de Vigo con motivo do centenario do poeta. Beizóns e que rule.