Onte 1042: Illa da memoria

Foto_de_Miguel_Riopa_19-07-2014

A axencia francesa AFP chiaba onte a tarde esta gran foto de Miguel Riopa para ilustrar os actos celebrados na illa de san Simón con motivo da Homenaxe nacional ás vítimas do franquismo organizados pola Iniciativa Galega pola Memoria. Magoa o escaso eco que este acto recibiu nos medios galegos, apenas unha mostra da hibernación á que esta sometido o proceso de recuperación da memoria desque goberna o Partido Popular, como proba a  paralización do proxecto interuniversitario «Nomes e voces» e o da propia Lei de Memoria histórica de 2008, sen recursos nin dotacións para desenvolver as súas finalidades. Denunciouno alí Manuel Rivas o pasado sábado: «non existe respecto pola memoria histórica en España», continúan »impunes» algúns crimes franquistas e moitas fosas comúns agardan ser abertas. Nunca esquecemos que San Simón, onde vivimos tantos momentos felices, é a illa da memoria, testemuña silente ao fondo da ría da dor de milleiros de persoas que alí foron recluídas e de tantas outras cuxa dor non foi aínda reparada. A gran foto de Riopa quedará na nosa memoria para nunca esquecelo.

Onte 1024: Librosbanco en Londres

looking_glass

Quedei engaiolado coa reportaxe de The Guardian sobre os librosbanco en Londres, «Books about Town», unha desas marabillas ideadas polos poderes públicos no Reino Unido para o fomento da lectura. 50 bancos en forma de libro, dedicados cada un deles a un autor ou personaxe literario relacionado con Londres e ilustrados por un artista diferente, expóñense por toda a cidade durante os meses de xullo e agosto para ser poxados a comezos de outubro coa intención de obter fondos para The National Literacy Trust. Os promotores desta iniciativa, que lembra a Cowparade, pretenden que os londinienses e os visitantes gocen da experiencia de sentar nun libro cun libro na man. Os espazos públicos transfórmanse en espazos de lectura, a cidade nunha grande biblioteca ao aire libre, onde descubrir títulos, autores e ilustradores. Unha iniciativa para pasear polos parques públicos e sorprenderse cos libros e a literatura.

Coma no Reino Unido é adoito, os librosbanco poden ser patrocinados polas empresas privadas, sobre todo por editoras como Andersen Press que patrocina o bancoelmer de Mkee, ou Penguin que o fai co personaxe de Jacqueline Wilson. O catálogo de librosbanco é amplo, hai títulos do século XX como 1984 de Orwell, Febre nas bancadas de Horby, A máquina do tempo de Wells, outros clásicos como Os contos de Canterbury ou a  Alicia de Carroll. Hai rotas e concursos para localizalos, un completo programa de actividades literarias, ademais dun concurso promovido por The Guardian para escoller o librobanco número 51, ese que falta nunha escolma moi dificil de pechar, que será patrocinado polo propio xornal. Os librosbanco é outra desas iniciativas británicas de promoción lectora das que tanto temos que aprender. Paga a pena tirar dese fío.

Onte 916: Valado

BjByRoiCYAA9b-z

Impresionoume a fotografía que onte chiou Calveiro na que aparecen ducias de subsaharianos gabeando polo valado de Melilla desafiando o medo e as coitelas. Nesa imaxe resúmese a instantánea do noso tempo de profunda desigualdade, ademais de expresar a fractura entre dous continentes cada vez máis virados de costas. Imaxinamos que esas siluetas puidesen ser dalgúns dos nosos fillos intentanto entrar así no Reino Unido ou en Alemaña onde tantos intentan construír o futuro que non atopan no país noso? Estremecedor. Diante da foto é inevitable lembrar Valados, un relato anticipador no que Agustín Fernández Paz expresa que son irrenunciables os valores da fraternidade dos seres humanos por riba de valados e fronteiras (Celso Emilio dixit) como os da liberdade e da igualdade entre todos eles. Como tamén lembrei a Amadou, o protagonista de Palabras de auga de Marcos Calveiro, aquel rapaciño da tribo dos Kimba que aprendeu a atopar comida debaixo dos formigueiros. Tras o valado de Melilla, sen saber que lles pode deparar o futuro, un cento de irmáns de Amadou procuran unha oportunidade para eles e para os que por eles agardan. Estremecedor e desconcertante.

Onte 915: St Patrick’s Day

The-truth-about-Guinness-Infographic1

Gustei da infografía publicitaria de Guiness publicada con motivo do St Patrick’s Day celebrado onte. Máis ilusión fíxome saber que detrás desta simpática peza estaba Infogr8, un estudo de Londres onde traballa Duarte Romero, un xornalista de datos galego. A festa nacional irlandesa celebrámola tamén agradecendo este fermoso agasallo que os rapaces e rapazas do St. Mary’s Primary School, onde traballa Xela Cuñarro, outra profesora galega, recitando na nosa lingua «Adeus ríos, adeus fontes». Lazos de lealtade e afecto entre fisterras atlánticas.

Onte 683: Desgraza

O sucedido en Angrois amosa que o horror forma parte das nosas vidas. A pesar de que cremos ser conscientes desta finitude, a desgraza das vítimas do tren colleunos a contrapé, instalados na aparente comodidade das nosas rotinas. Enfrontándonos a hemorraxia de dor, que intuimos en cada unha das familias rotas pola traxedia, non podemos máis que celebrar o seguirmos vivos, agarimados polas persoas queridas. Ven ao fío o que escribiu Suso de Toro no seu artigo luminoso de onte: «a morte é a única e verdadeira medida das cousas da vida, esmaga as trivialidades, anula as distancias, devólvenos o sabor atroz de vivir e devólvenos ao que é primeiro, o asombro de estar vivos aquí. E o agradecemento por estalo». A de Angrois foi, sen dúbida, unha desgraza moi grande provocada por un terrible accidente que debe ser explicado. Con todos os abrazos para as vítimas e as súas familias e amizades, a nosa gratitude para os heroes de Angrois que intentaron mitigar tanta dor.

Grazas a Toni Seijas pola fermosa ilustración de homenaxe ás vítimas e heroes de Angrois.

Onte 636: Os mil ríos de Manuel Sendón e Fran Herbello

Os fotógrafos Fran Herbello e Manuel Sendón inauguraron onte no Museo do Mar de Galicia a primeira das mostras do seu proxecto Mil ríos. Dedicada á expedición ao río Verdugo e a travesía en piragua da ría de Vigo, primeiro dende Bouzas e logo dende Cangas, a mostra presenta os rexistros fotográficos e o sucos do GPS dunha exploración e investigación sobre o territorio, dunha vivencia sobre senllas expedicións realizadas na ría de Vigo.

Foi Fran Herbello quen relatou a orixe do proxecto: «Hai dous anos e medio comezamos as nosas expedicións para coñecer os ríos galegos na nosa piragua. Dende entón levamos quince expedicións. Aquel proxecto deportivo comezou a facerse máis complexo. Engadímoslle GPS e unha cámara de fotos. Sei que ten un certo punto de chaladura domingueira, mais somos conscientes que ten outros aspectos que lle dan peso sendo máis potente do que poida parecer. O GPS fai un debuxo suxerente, coma o que fan os rapaces nas paredes. Con todo, para nós o que máis importou foi a vivencia da viaxe, mais que o seu rexistro. Vivencia que recollemos en cada un dos cadernos de bitácora do blog do proxecto no que a narramos».

As palabras de Manuel Sendón abondaron na importancia da vivencia. «As excursión foron sempre a forma de coñecemento directo do territorio. Agora facémolo por forma de representacións da fotografía ou do cinema. Neste proxecto o importante para nós era retomar a vivencia do territorio, coma fixeran os membros de Nós que patearon todo o país». Referiuse despois Sendón á diferenza de «percibir a ría desde o nivel da auga», unha das singularidades das fotos desta mostra sobre o traballo do Verdugo. Rematou falando da continuidade do proxecto: «Cando fagamos a de Cambados, presentaremos os materiais da remontada do Umia. Cando vaiamos a Ferrol, serán os do Xuvia. Queremos devolver o que producimos a cada lugar onde fomos. O proxecto é aberto, mais cremos que finalmente podería facerse unha exposición cos materiais de todas expedicións e quizais mesmo un libro».

Un proxecto artístico e deportivo a seguir de dous dos nosos máis grandes fotógrafos. Paga a pena visitar o (alicaído) Museo do Mar de Vigo.

Onte 583: Co arquivo de Guillermo Cameselle

Tiven a fortuna de dedicar moitas horas do sábado ao estudo do arquivo do fotógrafo Guillermo Cameselle, xa que é a nosa intención publicar a comezos do vindeiro outono, coincidindo co primeiro aniversario do seu pasamento, un primeiro libro antolóxico da súa obra. Coa axuda imprescindible dos seus fillos (Guillermo, Rosa e Fernando) intentamos escolmar unha mostra representativa das máis de 30.000 fotografías do seu arquivo, que percorren a historia da area metropolitana de Vigo durante un cuarto de século, de 1980 a 2005. Cameselle foi fotoxornalista de Faro de Vigo durante este período, o que lle permitiu construír día a día unha crónica impresionante dun período decisivo no que a cidade revolcada sufriu unha durísima reconversión industrial e mudou case completamente o seu perfil urbano. Cameselle foi moito máis alá da rotina do disparo sobre o inmediato, esforzándose en ofrecer nas páxinas do Faro un traballo de composición limpo e rotundo en cada peza, no que deitaba unha ollada profundamente conmovedora, non exenta de humor e ironía. Aventuro que o libro vai ser outra arca para a memoria nosa. Para abrir boca, ofrezo unha pequena escolma de pezas que é probable aparezan no libro.

Onte 459: Mural de Conde Corbal

No edificio principal da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, onde celebramos onte a excelente presentación do libro de Jacobo Buceta, coñecimos un interesante mural de Xosé Conde Corbal no que aparecen algunhas das figuras da literatura galega. Nesta peza en branco e negro, estimo que dun tamaño de dous por seis metros, aparecen retratados co trazo potente, vital e característico dun dos membros máis destacados da xeración dos «artistiñas» dende Rosalía, Castelao, Manuel Antonio, Valle, Cabanillas a Ferreiro ou Ferro Couselo. Unha peza valiosa que forma parte do pequeno e coidado museo da Autoridade Portuaria vilagarcián. Arquivo estas fotos apresuradas feitas co móbil deste recurso didáctico.