Onte 1114: Premios da Crítica Galicia 2014

P1020268

Non defraudaron os Premios da Crítica Galicia deste ano dos que coñecimos onte o seu ditame e nos que por vez primeira en trinta e sete edicións asistiu o presidente da Xunta de Galicia. É innegable que quedei fachendoso polos dous premios recibidos por libros publicados por Xerais, a gran novela de Xosé María Lema, que xa quedara en varias oportunidades co mel nos beizos, e a Estilística da lingua galega de Freixeiro Mato. Como tamén foron excelentes noticias o recoñecemento a traxectoria de Berrogüetto, coincidindo co seu adeus dos escenarios, como de Costa da Morte, a película de Lois Patiño que internacionaliza o Novo cinema galego. Como merecen todos os parabéns Antón Pulido, o noso grande pintor contemporáneo, e o labor de Yolanda Castaño no ciclo Poetas D(in)versos do Agora coruñés e Ponte-Poética en Pontevedra. Foi a novidade desta edición a nova modalidade de Cultura Gastronómica que recoñeceu a creación do Marrón glacé por parte do Grupo Cuevas, capaz de transformar a humilde castaña nunha excelente delicatessen internacional. Os chamamentos á recuperación do consenso arredor do idioma, coincidindo co décimo aniversario da aprobación do PXNLG, que fixeron dende a tribuna Lema e Freixeiro, como as apelacións á excelencia de Castaño, Pulido, Patiño e Anxo Pintos foron tamén moi oportunas. Outra excelente edición dun esforzo en mancomún do que participamos.

Onte 1099: No día europeo das linguas

Dende 2001 celébrase cada 26 de setembro o Día Europeo das Linguas. Promovida polo Consello de Europa, esta xornada pretende alertar á cidadanía europea de todas as idades da importancia da aprendizaxe das linguas ao longo de toda a vida e de promover a riqueza e diversidade lingüística en Europa, que debe ser preservada e valorada. A efeméride concíbese, pois, como unha oportunidade de fomento do poliglotismo e respecto pola diferencia lingüística e cultural, sobre todo, nos centros educativos aos que se convida a organizar actividades con este motivo. A súa celebración en Galicia sempre estivo moi vinculada ao proceso de normalización da lingua galega e ao cumprimento do establecido na Carta Europea das Linguas Rexionais, aprobada en 1992 e asinada polo reino de España, texto esencial, non o esquezamos, que obriga ao conxunto das administracións do estado. Nesta edición, ademais, coincide co décimo aniversario da aprobación do PXNLG, o documento no que se recolleu o consenso social máis amplo e recente sobre a normalización da lingua de todos. Nun entorno de auténtica emerxencia para o futuro do galego, cunha situación baixo mínimos no sistema educativo, sobre todo nas etapas temperás, neste Día Europeo das Linguas é oportuno reclamar un plan integral de recuperación do galego acordado e apoiado por unha ampla maioría social e política. Pagaría a pena intentalo.

Un plan para a lingua

No artigo da semana de Faro de Vigo publico unha reflexión sobre o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega con motivo do décimo aniversario da súa aprobación.

Logo PNL_JPGHai dez anos, o 21 de setembro de 2004, o Parlamento Galego aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Foi aquel un día histórico (ou así o crimos moitos) para o galego, ese patrimonio milenario que a humanidade deixou ao noso coidado. Foi aquela unha páxina máis do libro da esperanza do noso país, escrita con sintagmas de simpatía, optimismo e xenerosidade e impresa coa tipografía colaborativa de noso.

Promovido e elaborado durante o goberno presidido por Manuel Fraga Iribarne, do que era vicepresidente Alberto Núñez Feijoo, correspondeu a Xesús Pablo González Moreiras, daquela Director Xeral de Política Lingüística, cuxa personalidade integradora lembramos con saudades, convocar e animar para a súa redacción a unha comisión técnica presidida polo académico Manuel González, organizada en oito comisións sectoriais, nas que traballaron máis de cen persoas de diferentes ámbitos profesionais e académicos que recolleron máis dun milleiro de opinións, achegas e inquedanzas de persoas, asociacións e colectivos educativos, culturais e cívicos diversos.

Tras un intenso debate e un modélico (e pouco frecuente) exercicio de consenso por parte dos tres grupos parlamentarios (PPG, PSdeG-PSOE e BNG), o plan foi aprobado co voto de todos os membros da cámara galega. Un éxito colectivo memorable que merece ser recordado. Deseñábase así unha completísima folla de rota, apoiada por todos os grupos e alicerzada sobre a Lei de Normalización Lingüística de 1983, un auténtico plan integral e estratéxico de normalización que pretendía servir de guía das políticas dos poderes públicos (dende a Xunta de Galicia ás administracións locais) sobre a lingua galega nas primeiras décadas do século XXI. Un plan que se poñía en marcha cando comezaban a percibirse síntomas moi preocupantes do devalo social da lingua, da ruptura da súa cadea de transmisión familiar e da aceleración do seu proceso de substitución polo castelán.

Orientaron a redacción do documento do PXNLG a consecución de cinco grandes obxectivos, hoxe plenamente vixentes e aínda non acadados, como o de “garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe”, sabendo que conta co amparo das leis e das institucións; favorecer o uso do galego nos distintos ámbitos da sociedade, “conseguindo para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso, priorizando a súa presenza en sectores estratéxicos”, como os da educación e administración; ou “promover unha visión afable, moderna e útil da lingua galega que esfarele prexuízos, reforce a súa estima e aumente a súa demanda”. Obxectivos que se concretaron para cada un dos sectores (administración e xustiza, ensino, medios de comunicación, economía, sanidade e ciencias, e sociedade) en máis de 400 medidas concretas, cuxa posta en marcha debería ser incorporada pola Xunta de Galicia a un plan anual cuxa avaliación e seguimento sería presentada ao Parlamento Galego.

Transcorrida unha década, aquelas enormes potencialidades do PXNLG para darlle un novo pulo ao galego apenas se aproveitaron, fose polo seu tímido desenvolvemento inicial no goberno de Touriño, como e sobre todo pola aberta belixerancia dos gobernos presididos por Feijoo, que xa dende a oposición albiscou, non sabemos se por convicción ou por oportunismo, o rendemento electoral que lle produciría abrazar a doutrina de “la imposición del gallego” e a defensa da denominada “liberdade lingüística”. Amparándose nesa liña doutrinal foi especialmente intensa a contrarreforma lingüística imposta polo primeiro goberno de Feijóo, que coa aprobación en 2009 do “Decreto de Plurilinguismo” (parcialmente anulado despois polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia) levou a unha sensible redución da utilización do galego como lingua vehicular no ensino non universitario e a súa práctica desaparición dos centros de educación infantil, sobre todo os dos entornos urbanos. Dende entón, o goberno de Feijóo desvinculouse de facto das medidas programáticas recollidas no plan xeral, reduciu até nun 70% as partidas destinadas para a lingua e desentendeuse dos mecanismos previstos de planificación e avaliación do plan. En román paladino, aquel consenso arredor do plan de 2004 quedou en auga de castañas.

Nun entorno de auténtica emerxencia, cando os informes sociolingüísticos recentes agoiran unha lenta agonía para o galego, a lingua precisa dun plan integral de recuperación acordado e apoiado por unha ampla maioría social e política. A recuperación dos obxectivos e medidas estratéxicas do PXNLG, así como o espírito participativo e de amplitude de miras co que foi elaborado, aventuro que moito axudarían a recuperar o consenso. A nosa lingua, a de todos os galegos, merece outra oportunidade.

Onte 1089: Detalles didácticos

2014091612275761547

Deixando fóra o contido dos discursos e as circunstancias da visita, o que me máis interesou da inauguración do curso que os Reis realizaron onte no Colexio Ben Cho Sey de Pereiro de Aguiar foron algúns detalles didácticos que identifiquei nos álbums de fotos publicados na rede. Aventuro que non foi casual nin a austeridade das paredes do centro, con escasos reclamos didácticos, nin a ausencia de textos nos encerados, onde botei en falta, tanto nun caso coma noutro, maior presenza da lingua galega. Xaora, iso non impide identificar que son sobre todo materiais didácticos impresos (algúns para min moi recoñecibles) e manipulables os utilizados polo alumnado nas tres aulas do centro visitadas polas autoridades, a de Infantil de 4 anos e as de primeiro e sexto de Primaria. Unha lección moi oportuna do director do centro e do claustro deste centro público, máis aínda nun momento onde algúns pretenden identificar a calidade educativa co emprego do equipamento das tecnoloxías dixitais e a súa parafernalia publicitaria. Non obstante, identifiquei nunha fotografía un encerado dixital interactivo na clase de inglés, testemuña do proceso en marcha de hibridación dixital. Creo que toda a educación infantil e obrigatoria debe reforzar o seu carácter socialmente inclusivo, asumindo un enfoque transversal e globalizador dunhas aprendizaxes orientadas ao desenvolvemento das competencias básicas, con especial énfase para as de comunicación lingüística. Nese entorno educativo é imprescindible a hibridación dos soportes didácticos, ou o que é o mesmo, o emprego na aula tanto de materiais impresos como dixitais, tanto de materais de utilización individual como colectiva, no marco dun enfoque de ensino cooperativo e colaborativo.

Sobre o terrorismo machista

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a escalada da violencia machista do pasado mes de agosto.

violencia /

Este verán produciuse en Galicia unha escalada de violencia machista. Até finais de agosto foron seis as mulleres asasinadas (catro na provincia de Pontevedra) polos seus maridos, noivos ou amantes ou polos seus ex maridos, ex noivos ou ex amantes, un número de vítimas que duplica as de todo o pasado ano, sendo o peor rexistro deste tipo dos últimos cinco, semellante ao doutras comunidades como Catalunya e Madrid de moito maior poboación. Escalada que tamén se produciu no conxunto do estado, onde estas cifras criminais son tamén tremendas, xa que até o pasado seis de setembro eran 41 as vítimas da violencia machista, dez máis que na mesma data do ano anterior, xa preto das 55 de todo o 2013. Cifras a engadir á estatística da última década na que se levan computadas máis de setecentas mulleres asasinadas. Unha barbaridade que debera ser considerada e abordada como un fenómeno terrorista, unha lacra a erradicar de raíz, un problema político e social de primeira magnitude.

Porén, este noxento terrorismo machista non recibe por parte da nosa sociedade no seu conxunto, nin dos seus poderes públicos en concreto, a mesma repulsa e a mesma severidade que a lacra do terrorismo político.   Quizais iso explique as razóns polas que as penas para os condenados polos delitos asociados á denominada “violencia de xénero” son sensiblemente menores ás dos crimes políticos. Quizais iso explique que diante da opinión pública este crimes contra as mulleres se transformen en froitos dunha cegueira transistoria por un amor non correspondido, polo feito de ter sido abandonado, por un ataque de celos ou mesmo pola falta de traballo do asasino. Quizais, tamén por iso, os actos de repulsa por cada un destes asasinatos case nunca convoquen a milleiros e milleiros de persoas, quedando reducidos á rotina dos minutos institucionais de silencio, á expresión da dor das familias e amizades nos enterros e ás teimosas mobilizacións de resistencia do movemento feminista. Quizais por iso a excarcelación prematura destes asasinos non provocara nin as protestas nin a indignación da doutros autores de atentados. Quizais por iso eses centos de mulleres asasinadas non recibiron a consideración de vítimas do terrorismo. Semella que estes asasinatos continuos de mulleres fosen apenas unha inevitable e fatal expresión dunha violencia no eido do privado imposible de atallar, un fenómeno que non provocou aínda suficiente “alarma social” para ser abordado como cuestión de estado.

A pesar de que xa hai case dez anos foi aprobada a “Lei de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero” a loita contra o terrorismo machista nunca chegou a formar parte do primeiro plano da axenda pública, aquela que manexan os poderes públicos e os medios de comunicación. Así o entenden as organizacións feministas que a pasada semana entregaron no Parlamento Galego unha táboa reivindicativa na que reclamaban a posta en marcha dunha serie de medidas contra a violencia machista, no marco dunha abordaxe integral do problema. A loita contra a lacra machista non é unha responsabilidade só das políticas e departamentos de Igualdade, xa que corresponde a acción global dos gobernos.

As medidas educativas encabezan sempre estas accións destinadas a combater o virus machista que inocula de forma silenciosa a sociedade. Sexa por medio de programas coeducadores nos centros, rachando xa dende a educación infantil e primaria cos funestos estereotipos actuais do universo rosa de princesas para as nenas e dos superheroes violentos para os nenos, como polos programas de educación afectivo-sexual impartidos para o alumnado adolescente de Secundaria, nos que se deberían poñer en cuestión os funestos modelos de amor de cadeado, onde hoxe teñen a súa orixe moitos comportamentos machistas e violentos da nosa mocidade e mesmo algúns destes crimes.

Por importantes que sexan, para loitar contra esta violencia machista non abonda coas medidas educativas. Precísase, ademais, completar o mapa de xulgados especializados en violencia de xénero e poñer en marcha medidas para axilizar a tramitación de denuncias. Cómpre desenvolver campañas de concienciación sobre a corresponsabilidade social para illar aos agresores. Como tamén é necesario respectar un protocolo de actuación a respecto do tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación na liña das recomendacións do Colexio Profesional de Xornalistas. En definitiva, requírense medios para desenvolver programas específicos nos eidos xudicial, sanitario, laboral, asistencial e de protección das vítimas e das súas familias. E, polo tanto, a mobilización de recursos económicos públicos, o que resulta incompatible coas políticas de recortes nunha cuestión de estado coma esta.

Onte 1085: Fuga de cerebros

Inauguracion_curso_2014-15Salustiano Mato, no discurso da apertura do curso, reclamou maior financiamento e denunciou a redución salarial do persoal universitario, onde Galicia vai á cabeza do Estado. Para o reitor de Vigo nas nosas universidades estase producindo unha «fuga de cerebros sistemática» provocada polos efectos letais da taxa de reposición, que recurta salarios e prazas para os investigadores, mesmo para os máis produtivos. Esta denuncia realizouse onte diante do presidente Feijóo que despois apenas modificou a súa retórica, insistindo no esforzo que realizan profesores e alumnos, «que non pode ser alleo aos cambios que constantemente se producen na sociedade», e adiando para o plan 2016-2020 un posible incremento do financiamento. Dous discursos que expresan concepcións antagónicas sobre o papel e o futuro da universidade galega. Unha, a do conformismo de quen entende o sistema universitario público como unha fonte de gasto elevadísima que cómpre reducir. Outra, a dos profesionais que conciben a universidade como motor esencial do proxecto de refundación e modernización do país. Eis outro dos dilemas galegos.

Onte 1082: Terrorismo machista

Non_a_violencia_machistaTras a intervención do vicepresidente Rueda sobre a escalada de violencia machista en Galicia, diante dunha bancada do Goberno baleira, Carme Adán preguntou na tribuna: «Imaxinemos, por un momento, que estivésemos a falar de sete persoas mortas por terrorismo. Vostedes cren que non estaria aquí Feijóo?» E non lle falta razón á deputada do BNG cando fai este duro paralelismo, xa que o terrorismo machista debe ser considerado como unha cuestión de estado, un problema político e social de primeira magnitude. Así o entenden as organizacións feministas que entregaron onte ao vicepresidente unha táboa reivindicativa de medidas contra a violencia de xénero, que van dende accións educativas e sanitarias, a outras referidas coa xustiza e a seguridade, o emprego, o apoio ao asociacionismo feminimo, a erradicación da publicidade sexista ou o protocolo de actuación dos medios de comunicación sobre esta cuestión. Para combater a lacra do terrorismo machista non abondan os minutos de silencio. Requírese que pase ao primeiro plano da axenda pública. Daquela, a bancada azul non quedaría baleira cando se abordase no Parlamento.

Onte 1075: Gómez Noya e a Región de Murcia

region_murcia_noyaO tetracampion das series mundiais de trialtón, o galego Javier Gómez Noya, contou para a súa participación co patrocinio da Región de Murcia. Así aparece na súa elástica. Por asombroso que pareza, un dos mellores deportistas galegos de todos os tempos, cunha traxectoria olímpica e internacional consolidada ao longo da década, non contou na súa elástica co apoio do país ao que pertence. Os responsables das secretarías xerais de deporte e de turismo, ambas as dúas dependentes do presidente Feijoo, deberían dar algunha explicación sobre isto. Perdeuse outra magnífica oportunidade para dar a coñecer nas televisión de todo o mundo «Galicia», «Galicia calidade», «Deporte galego» ou calquera outra marca que promocionase o país, algúns dos seus produtos ou a cultura de noso. Sorprende que a Xunta e as deputacións non patrocinasen a Gómez Noya cando se gastan millonadas en patrocinar as etapas da Vuelta España. Como sorprende a presenza do deportista acompañando ao presidente Rajoy nunha das súas camiñadas, coma se dun amigo de toda a vida se tratase. Xa temos expresado noutras ocasións a nosa admiración por Javier Gómez Noya, un auténtico home de aceiro con corazón xeneroso, un traballador extraordinario con grande fortaleza psicolóxicaun modelo de esforzo, superación e confianza nas propias posibilidades, en definitiva, un gran campión do que nos orgullamos todos os galegos. Xaora, os nosos parabéns para o ferrolán, a quen admiramos como deportista e como cidadán comprometido co seu país e coa súa lingua.

Onte 1069: Violencia machista

violencia_machistaAnóxame a violencia, mais indígname moito máis a violencia machista, ese terrorismo doméstico de aparente baixa intensidade, xerado nos espazos do privado, que este verán se intensificou de forma brutal en Galicia. Fronte a casos como o asasinato de Monica Lorenzo en Barro ou o tiroteo sofrido por Sonia F.D. en Chantada, requírese unha resposta moito máis enérxica ca que esta ofrecendo a sociedade galega. Xaora, combater a violencia machista require de medios e compromiso das administracións públicas para protexer de forma efectiva ás vítimas e sensibilizar a mulleres e homes de todas as idades que este é un comportamento absolutamente reprobable. Porén, non esquezamos que os colectivos feministas denuncian que os recortes están afectando ás políticas para combatela, así como tamén os efectos que, tras a retirada de competencias aos concellos, provocou o desmantelamento da rede de axuda de primeira instancia e a baixada do número de denuncias. Como tamén son moi preocupantes a influencia que sobre a mocidade actual teñen eses modelos nefastos do amor romántico que ao fin e o cabo fomentan esta violencia e maltrato. Erradicalas aínda é un reto.

Onte 1053: O silencio corrompe a verdade

O_conselleiro_de_educación_nun_centro_infantilA carta enviada por Prolingua ao Conselleiro de Cultura e Educación sobre a triste situación da lingua galega no período (decisivo) de tránsito entre a Educación Infantil e a Primaria é unha das pezas máis clarificadoras que coñecemos sobre a desfeita que o galego está vivindo no sistema educativo tras o Decreto 79/2010. En sendo moi optimistas apenas o 15 % do alumnado galego que se incorpora á Primaria cada curso, uns tres mil picariños e picariñas, utilizou na etapa infantil o galego como lingua vehicular. Noutras palabras, o 85 % do alumnado galego chega ao comezo da Primaria –un momento decisivo para o desenvolvemento das competencias de comunicación lingüística, sobre todo as de compresión e expresión oral, como para a consolidación das aprendizaxes da lectoescritura– sen noticias sobre a lingua galega, que para eles ten un status semellante ao da lingua estranxeira, coa que si tiveron contacto escolar durante a Educación Infantil. Un período de tránsito decisivo tamén para «a persistente instalación de prexuízos e ideas falsas sobre o valor das linguas en conflito«, como denuncia a plataforma apartidaria Prolingua.

Prolingua solicita á Consellaría de Cultura e Educación a publicación dos informes establecidos no Decreto 79/2010: a avaliación e o seguimento dos proxectos lingüísticos dos últimos tres anos en cada centro, un mapa detallado de uso do galego nos centros, así como os criterios utilizados pola administración educativa para a avaliación inicial do nivel de competencia nas catro destrezas básicas ao inicio das etapas de educación obrigatoria. Como salienta este texto, os responsables da Consellaría de Cultura e Educación, que mantén abertos múltiples conflitos xurídicos e administrativos, non poden continuar mudos. O silencio sobre o que está sucedendo coa lingua galega nos centros de educación infantil urbanos, como en xeral en toda a rede de centros non universitarios, denunciado onte por Prolingua, corrompe a verdade e pon en perigo a liberdade lingüística de boa parte da cidadanía. No décimo aniversario da aprobación do Plan xeral de normalizaicón da lingua galega este texto de Prolingua é oportunísimo. Recoméndoo vivamente e solicito sexa compartido nas redes.