Campo do Fragoso LX

RIR OU CHORAR?
Aínda
que os resistentes celestes temos coiro abondo para encaixar unha nova derrota, hai unha coincidencia xeralizada nas bancadas de Balaídos en que o mellor que podemos agardar é que remate canto antes esta tempada nefasta protagonizada por un Celta patético e ridículo, diante do que xa non sabemos se é mellor chorar os sete chorares pola súa falta de alma ou rir a escache pola candorosa inxenuidade dos seus xogadores e o seu cadro técnico. Diante do Málaga, un equipo máis ben simpliño (que, por certo, vai conseguir o ascenso, o que demostra, contra todo o que se di, o accesible desta categoría), repetiuse liña por liña o guión doutras tantas derrotas celestes: poñémonos por diante ao comezo da primeira parte; logo os nosos dianteiros estragan tres ou catro ocasións de gol desas cantadas; e, xa avanzada a segunda, un par de erros defensivos ridículos estragan todas as nosas posibilidades de vitoria. Sucedeu a pasada semana en Tarragona, cando o Celta tiña gañado o encontro no minuto setenta; e volveu a repetirse onte, cando o Celta fixera o máis difícil, adiantarse de chiripa no marcador (grazas a un claro penalti sobre Okkas no minuto vinte e cinco, que transformou Canobbio), tras unha saída atacante moi intensa dos malacitanos que durante o primeiro cuarto de hora non deixaron saír aos nosos da súa área e obrigaron a Esteban a sacar algunha man preciosa cando o balón se precitaba sobre as redes. Co marcador en contra o Málaga quedou grogui ata o descanso, mais os dianteiros celestes, como é adoito no guión dos seus partidos, estragaron tres claras oportunidades para liquidar o encontro. Tras a reanudación, o torpiño adestrador celeste non soubo ler que a incorporación de Sandro no medio do campo (onde, ata entón Michu e Vitolo polo menos gañaban no barullo) supoñía que os malagueños non entregaran o partido. Abondou unha perda de balón infantil de Okkas no medio campo para abrir un amplo corredor que soubo aproveitar Eliseu e, cinco minutos despois, nunha xogada de estratexia o conxunto da defensa céltica agasallou de forma elegante a Ivan Rosado toda a pelota para que os malacitanos levasen o encontro. Diante de semellante e reiterado ridículo, impropio dun conxunto de fútbol profesional, as bancadas divertíronse solicitando a marcha do propietario do club e a presenza do Celta B. Que cren que debemos facer os afeccionados: rir ou chorar?

Estado de desánimo

No artigo da semana fago unha reflexión sobre a crise societaria e empresarial do Celta para que entendo existen apenas dúas sañidas: aplicación da Lei Concursal ou disolución da entidade.

O xogo da serpe

É adoito que os anuncios de Nike sexan moi impactantes. Neste (dous minutos), protagonizado por xogadores como Cecs, Cristiano Ronaldo, Ronaldinho ou Sneijder (entre outros) ofrécese unha visión do fútbol empregando unha cámara subxectiva, dentro e fóra do estadio. Algúns malabarismos pagan a pena. Outra mostra de publicidade impactante.
Vía Julián Gallo.

Febre nas bancadas

Anagrama acaba de lanzar en Panorama de narrativas Fiebre en las gradas, unha nova edición do primeiro libro do meu admirado Nick Hornby, o narrador que mellor escribe de fútbol dos que coñezo. Estas son as memorias dun seareiro do Arsenal, desque o seu pai o levou, con apenas once anos, ao estado de Highbury e comprobou que “o espectáculo en forma de dor era un concepto totalmente novo” para el. O libro é moi divertido e melancólico, aínda que queda un pouco desfasado (publicouse en 1992), cando aínda non chegara ao clube londiniense Arsene Wenger nin contaban no centro do campo co xogo matemático de Cecs Fábregas. Con todo as opinións de Hornby sobre o momento actual do Arsenal poden seguirse dende o seu blog. Recomendo o libro ao meu amigo o editor e escritor Henrique Alvarellos.

Campo do Fragoso LIX

SOUBO A POUCO
Os pouco máis de catro mil resistentes espallados polas bancadas estragadas de Balaídos acudimos ao estadio con escasas esperanzas de saír minimamente satisfeitos. Habituados a unha tempada de xogo nefasto e resultados decepcionantes, a vitoria raquítica fronte ao Hércules sóubonos a pouco. Outra xornada máis, quedamos co mel nos beizos de poder gozar dunha vitoria ampla e de non sufrir o desacougo de pedir medrosos á hora nos minutos finais. Onte o Celta, sen facer un partido doutro xoves (a esta altura, os celtistas somos de moi bo conformar), mereceu un resultado máis avultado polas numerosas oportunidades que elaborou e por un xogo de calidade moi superior ao dun Hércules anémico e desorganizado. Sen ter apenas problemas defensivos e, cada vez mellor asentado no medio de campo, onde a parella Rosada-Michu vai collendo o seu punto, os nosos aseñoraron o partido durante oitenta minutos, nos que tiveron oportunidades abondas para acadar un resultado máis amplo. O gol de Okkas, no minuto trece, anticipándose na área pequena á defensa alacantina e rematando un saque de falta de Larena dende o lateral, prometía que poderíamos asistir, por fin, a un encontro tranquilo. Poucos minutos despois, Núñez culminou cun pexegazo raso, magnífico, unha combinación de toda a dianteira, acción que repetiu, ben entrada a reanudación, con outro formidable disparo, dende trinta metros, repelido pola escuadra, que botou na mesma liña de gol. Michu tamén puido marcar cun cabezazo que lambeu o poste. Outrosí sucedeulle a un Diego Costa famento de gol, mais que non tivo o seu mellor día: ao comezo da segunda parte, o poste malogrou a súa fermosa chilena dende a área pequena; tampouco tivo fortuna e serenidade suficiente, noutro par de ocasións, para canear ao porteiro no momento decisivo. O Hércules, un equipiño de veteráns, de capa caída, coma o noso, conseguiu desfacerse do control celeste no derradeiro treito do partido, no que conseguiu a súa única chegada, un formidable remate ao longueiro de Ión Vélez, que nos puxo un nó na gorxa, demostrando que este Celta, mesmo cando gaña, é un equipo agónico de seu. Con todo, a vitoria aforra desacougos e o medo a imprevistos de última hora, colocando aos celestes no camiño de comezar o proxecto da vindeira tempada. Antonio López ten a oportunidade de foguear aos canteiráns nas xornadas que restan. Unha boa oportunidade para recuperar a ilusión perdida.

Etiquetas:

Campo do Fragoso LVIII

ABURRIDOS
Perdido o obxectivo do ascenso, un aburrimento insoportable asolagou Balaídos. O encontro vespertino do sábado fronte a unha decepcionante e temerosa Real Sociedade (que pola fraca actitude amosada, tamén vai ter moi difícil ascender) agoira que o derradeiro treito desta nefasta primeira tempada en segunda vai deixar as bancadas de Balaídos coma un auténtico ermo. Os poucos celtistas voluntariosos e pacientes que aínda acudimos ao estadio perdemos xornada a xornada os escasos azos que nos quedan nas nosas reservas de entusiasmo. Resulta absolutamente decepcionante contemplar o deambular apático e vencido do noso equipo sobre a lameira, incapaz de atopar un vieiro certo da vitoria ou de amosar sequera aos seus afeccionados resistentes que conta cunha alma aínda non completamente derrotada. Saíu a Real de Juanma Lillo co equipo moi adiantado, chegando con moita facilidade á portaría de Esteban, semellando que viña a facerse cun encontro vital para as súas aspiracións de ascenso. Cando os donostiarras mareaban co seu fútbol combinatorio aos celestes, un inesperado cabezazo de Lequi –tras un bo servizo de Larena dende o recanto e un estrepitoso fallo de marcaxe da defensa vasca– os puxo por diante no minuto vinte e sete. Mais, como xa é adoito, o espellismo dunha posible vitoria céltica non durou nin vinte minutos. Perdida a batalla do centro do campo, onde o traballo solitario de Michu (Rosada non compareceu neste partido) non abondaba para controlar o de Garitano e Martí, e sen bandas ningunhas por onde rachar, un recorte de libro a Lucas permitiu que Castillo centrase moi cómodo dende o extremo da área e que Díaz de Cerio empatase a pracer, cando remataba o primeiro tempo. Aí rematou o escaso fútbol que se viu no encontro. A segunda parte foi aburridísima. A Real achantouse, sometida a un pánico inexplicable e arrepiante, apaxando a pelota mais renunciando a arriscarse a levar un partido que tiña na man fronte a un rival tan endeble e desmotivado. O Celta defendeuse con certa orde e mesmo, nos minutos finais, co público adurmiñado e bocexante, amagou con algún contraataque de certo perigo, mais xa era tarde para intentar recuperar tanto tempo estragado. Finalizado tan aburrido “espectáculo”, tras o ritual minuto de asubíos da bancada dirixido ao señor Mouriño, os afeccionados collemos os paraugas para intentar defendernos do ballón. Coa que estaba caendo sobre Balaídos, mellor era abrigarse.

Etiquetas:

Campo do Fragoso LVII

O INCRIBLE ROBERTO
A pesar do empate co Sporting de Xixón –que volve chafar aos que manexaban esperanzas de que o Celta desputase o ascenso nas derradeiras xornadas– saímos satisfeitos da matinal de Balaídos. Despois de moitos meses de desfeita no xogo celeste, por fin vimos un equipo noso serio, intenso e disciplinado que buscou con convicción a vitoria dende o primeiro ao derradeiro minuto do encontro. Se o Celta non a conseguiu, foi porque Roberto, o porteiro chantadino do Xixón realizou un partido memorable, atallando media ducia de pelotas incribles que dende a bancada cantamos como gol. Ao longo da primeira parte, os de Antonio López déronlle un repaso soberano a un pobre Sporting, porén animicamente moi ben arroupado dende a bancada de Preferencia polo súa “mareona” vermella. Co xogo controlado dende a defensa (onde se notou a consistencia de Peña) e, sobre todo, coa seguridade que proporcionaba no centro da cancha o labor destrutor dun inmenso Rosada (o mellor dos célticos), todos os dianteiros celestes foron machucando a portaría asturiana, onde o que fora a porteiro do Celta B teimosamente lles roubaba o gol. Dende a banda, Núñez estricaba o xogo celeste coas súas galopadas velocísimas proporcionando balóns preciosos; o canteirán Michu enviaba, dende a segunda liña, varias pelotas interiores enevelenadas para que logo Diego Costa e Perera aburrisen cos seus caneos e remates á nerviosa defensa asturiana. Mais nuns casos coma noutras, as puntas celestes atoparon que os seus remates malográbanse nas mans, nos puños ou nas biqueiras do incrible Roberto, que mesmo chegou a interceptar un colocadísimo cabezazo de Michu ao pé do pau. Durante a segunda parte, o abafante dominio celeste afrouxou e foi cando os asturianos gozaron dun par de oportunidades, aínda que como no período anterior foron as dos celestes as máis claras, fose o magnífico remate de Peña lambendo o pau ou o derradeiro empurrón estragado por Okkas durante os minutos de desconto. É unha mágoa que este Celta, onte tan famento de gol e moito máis intenso e concentrado en defensa que na etapa de López Caro, comece a funcionar cando o ascenso xa é unha quimera. Con todo, semella prometedor para o futuro o labor de reconstrución da autoestima e dos alicerces básicos do xogo promovido por Antonio López que en Soria comezou a colleitar os seus primeiros froitos. Onte o Celta mereceu tamén a vitoria, mágoa que atopase no seu camiño ao incrible Roberto.

Etiquetas:

O gol de Diego Costa

Diego Costa, o mediopunta brasileiro do Celta é un xogador fantástico, capaz de realizar xogadas de figura e tamén partidos e accións absolutamente decepcionantes. Hoxe en Soria marcou dous goles marabillosos e fixo resucitar a un Celta que criamos morto. O segundo gol, arrincando dende o medio campo e caneando a todos os que se lle puxeron por diante, é memorable, comparable aos míticos de Messi ou Maradona. Se fose capaz e xeneroso de poñer todo o seu talento ao servizo do xogo colectivo, este rapaz podería volver a facernos soñar.

Vídeo da TVG, vía celtacampion.

Etiquetas:

Campo do Fragoso LVI

TRISTE, MOI TRISTE
Onte remataron as entelequias de Mouriño: tras o bacará fronte ao Albacete, o Celta está obrigado a mudar o obxectivo do ascenso a primeira polo de evitar o descenso a segunda división B. Acadar doce puntos de trinta e nove posibles será, a partir de agora, o obxectivo razonable para un equipo que na tempada pasada xogou a Champions League e que na presente conta co máis alto presuposto da categoría. Todo un baño de realismo. O troco de adestrador serviu para que o equipo perdese a pouca orde táctica que imprimira López Caro. A revolución disciplinaria de Antonio López, que deixou fóra da convocatoria a dous dos dianteiros dispoñibles (Costa e Quincy), e a incorporación do canteirán Michu (fixo un partido moi aceptable) na media punta non abondaron para impedir a caída libre na que semella estar inmerso o Celta durante este 2008. O noso é un equipo que segue carecendo de alma gañadora, dunha mínima estrutura no centro do campo (un auténtico desastre) e, sobre todo, da solidariedade defensiva imprescindible para ser un conxunto competitivo na segunda división. Ao Albacete, un dos colistas, abondáronlle dezasete minutos de xogo para que Barkero atopase un furadiño na esmirrrada defensa celeste e batese a Esteban. Aí remataron todas as esperanzas. A partir de entón, os nosos derrubáronse coma un castelo de area e, como na época Stoichkov, deixaron que fosen os centrais (Lequi e Rubén) os que dirixisen o xogo de ataque enviando pelotazos á área, onde Perera loitaba soíño fronte a cinco defensas. Coa excepción de dous remates con perigo do noso bota de ouro (no minuto 24 da segunda parte), pouco xogo celeste de ataque podemos relatar. A falta total de sentido, o disparate táctico e caos posicional, a falta de compromiso dos xogadores, os trocos desafortunados e a destempo do novo adestrador producíronse diante da maior indiferenza dunha afección (cada vez máis minguada) que, por fin, rebentou pedindo, durante a segunda metade, a demisión do presidente. Protestas lexítimas dunha bancada que comproba como o seu equipo se precipitou ao abismo desque está nas mans de Mouriño e de Ramón Martínez, responsables da composición deste pobrísimo e carísimo cadro de xogadores e técnicos foráneos. Se non se lle pon axiña remedio (e non vai ser doado con estes vimbios), esta desfeita pode levar a que Vigo quede sen fútbol de primeira división durante moitos anos. Triste, moi triste.

Etiquetas:

Campo do Fragoso LV

ACABOUSE
Un minuto fatídico de desconcentración abondou para que un dos mellores Celta da tempada dilapidase case todas as súas posibilidades de engancharse á goma do ascenso. A primeira parte do Celta foi moi xeitosa, sobre todo a media hora inicial, na que amosou a maior intensidade e o mellor equilibrio entre ataque e defensa que lle vimos en Balaídos ao longo de todo o campionato. Durante este período, mandou con autoridade grazas ás recuperacións de Ariel Rosada e os bos servizos de Suárez que proporcionaron balóns avantaxados para que o triángulo atacante, formado polos dous extremos (Sales e Quincy) e os dous atacantes (Okkas e Perera), se lucise nas súas combinacións e tivese nas súas biqueiras unha media ducia desas ocasións cantadas, malogradas in extremis polo gardarredes do Elxe. Grazas a este fútbol fluído e sinxelo, onde cada cambio de orientación do xogo de Fernando Sales, dunha banda a outra, supoñía unha oportunidade, chegaron os dous goles de Perera (como case sempre, o máis eficaz, concentrado e traballador dos celestes). Mais aquela ledicia e bo xogo foron só un espellismo. López Caro confiouse cun cómodo marcador de dous tantos a cero e media hora por diante. Mais o adestrador andaluz errou nos trocos: desfixo o debuxo do triángulo atacante, colocou a Quincy na media punta (unha nulidade que confundiu ao equipo) e, porén, non viu a necesidade de reforzar o medio campo, no que Rosada esgotado comezaba a fraquear fronte ao empuxe imparable dun Elxe cada vez máis adiantado. Pola contra, o galego David Vidal foi moito máis afouto e non deu o partido por perdido. O adestrador de Portosín sacou a toda a súa artillaría dispoñible (incluído o ex-deportivista Víctor) e, dous minutos despois dos seus trocos, conseguiu que o seu equipo igualase o marcador nun plis-plas. Aí quedaron estragadas todas as esperanzas de ascenso celestes. Volveron a impotencia, o barullo, as presas, as subidas atoladas de Rubén (máis voluntariosas que acertadas) e o convecemento na bancada que este equipo noso non é de fiar. Ao remate do partido, coincidindo cos merecidos asubíos a López Caro, o veredito de Río Alto era un clamor: “isto acabouse, a vindeira tempada outra vez en segunda”. Foi unha mágoa que rematase así un encontro que comezara de forma tan esperanzadora. Con este empate, dificilmente abondarán os dez últimos encontros para conseguir o ascenso.

Etiquetas: