O concello de Vigo rectifica, o mércores poderá presentarse «O pintor do sombreiro de malvas»

Os organizadores da Feira do Libro de Vigo acaban de facernos chegar a noticia de que finalmente será posible realizar a presentación da novela de Marcos Calveiro, O pintor do sombreiro de malvas, prevista para o mércores 7, ás 20:30 horas, xa que o concello de Vigo decidiu realizar a proxección do partido do campionato mundial de fútbol nun espazo do Castro. Xerais agradeceu as xestións realizadas polos organizadores da Feira do Libro, ao tempo qe saudou a rectificación do concello de Vigo, a promoción da lectura e o fomento do deporte e do lecer, nunca foron, nin deberán ser no futuro, incompatibles.

No acto de presentación do mércores d’ O pintor do sombreiro de malvas, novela gañadora do Premio Lazarillo 2009, acompañarán a Marcos Calveiro o editor Manuel Bragado e o ilustrador Ramón Trigo que agasallará a todos os asistentes cun debuxo. Na mesma xornada, a partir das 19:00 horas, María Reimóndez asinará exemplares do seu libro máis recente, O monstro das palabras, e do resto da súa obra. O mércores, pois, haberá posibilidade de escoller, tanto para aqueles que desexen ver ao aire libre o decisivo partido do equipo de Del Bosque, como aqueloutros que prefiran escoitar a Calveiro. Aproveitamos para expresar o noso agradecemento a todas aquelas persoas que se mobilizaron en Facebook, así como a Iago Martínez que se fixo eco da inoportuna coincidencia en Xornal de Galicia.

1 comentario
  1. Un lector
    Un lector Dice:

    É bo que o Concello rectificase, agradécese. E é ben menos bo o programa que veño de escoitar agora, ás 13.30, na SER de Vigo, onde presentaron o tema como un conflito entre os libros e o fútbol, con intervencións do máis peregrino. Convén insistir en que o conflito veu da colocación da pantalla xigante no medio das casetas da feira, algo que non se lle ocorre nin ao que asou a manteiga.

Los comentarios están desactivados.