A pantalla xigante magoa a Feira do Libro de Vigo

O pregón de Cid Cabido abriu no serán de onte a 36ª edición da Feira do Libro de Vigo. Mágoa que na segunda xornada xa teñamos que amosar o noso disgusto: vímonos obrigados a cancelar a presentación de Sete palabras de Suso de Toro, prevista para hoxe sábado ás 20:30 horas, pola súa coincidencia coa proxección do partido de España nunha pantalla xigante na Praza de Compostela, o mesmo recinto onde se realiza a Feira do Libro. O máis delirante do asunto, non é a coincidencia do horario das presentacións e do partido (que os organizadores e editores da feira asumimos), se non o feito de que sexan a Alcaldía do concello de Vigo e a Caixavigo as entidades promotoras da concentración de seareiros nun xardín histórico, onde ademais se celebra dende hai tres décadas (durante a primeira década de xullo) a cita cultural máis veterana da cidade. Unha coincidencia non fortuíta que amosa unha falta absoluta de respecto e sensibilidade para a cultura do libro e a lectura, sen menoscabo do deterioro que esta concentración de seareiros poida provocar sobre un espazo protexido (a concentración do partido anterior, deixou a praza enlixada de botellas e plásticos, feito que non foi criticado en medio ningún). Sendo moi discutible que as institucións públicas organicen este tipo de concentracións, non teño dúbida de que existen en Vigo outros espazos máis axeitados para instalar esta pantalla xigante (ocórreseme a praza da Estrela, a praza do Rei ou os espazos aberto das instalacións portuarias), o que permitiría, ademais, o normal desenvolvemento do programa de actos da veterana Feira do Libro viguesa para aqueles cidadáns que neles quixesen participar. Se os xogadores de Del Bosque se clasifican para as medias finais, volveremos a ter o mesmo problema o vindeiro mércores 7 de xullo, cando está previsto que visiten na Feira do Libro o escritor Marcos Calveiro e o cociñeiro Benigno Campos. Este Vigo magóanos.

5 comentarios
  1. Un lector
    Un lector Dice:

    O comentario (?) de Seareiro confirma todo canto di o señor Brétemas no seu post. Como lle debe doer que xa non esteamos no franquismo!

  2. Neofalante
    Neofalante Dice:

    Pois si, resúltame bastante triste que o noso concello e certa entidade financeira “de todos e cada un” desprecen así unha cita cultural tan importante e consolidada na cidade e uns xardíns históricos. Sendo ademais posible situar a citada pantalla en lugares máis axeitados e próximos da Alameda.
    Pero xa se sabe que aquí conta a lóxica electoral e o rendemento de votos medidos pola audiencia. É dicir, aquí o máis importante é o número de xente que acode a cada cita. Así, para os organizadores do “acto da pantalla xigante” seguro que foi unha molestia que por alí aparecesen unhas casetas con libros.
    Triste é tamén que haxa xente que faga comentarios do estilo do primeiro que aquí aparece. Queda a tranquilidade de que entrou nun foro coma este, aínda que fose de casualidade, e chegou a establecer un diálogo cun “cultureta”.
    E triste é tamén que a xente non saiba gozar do deporte, duns xardíns etc. sen lixalo todo. Claro que aínda non vin ningunha noticia no “decano” ou noutro medio sobre iso. Ah, claro, non vaia ser que os seareiros se molesten!

  3. A.C
    A.C Dice:

    Ante todo, esta claro k unha feira do libro non e o lugar idoneo para poñer unha pantalla para ver futbol. Aki na Coruña a puxeron na Praza Pontevedra e seika foi un exito. O k eu me pregunto e si en vez de xogar a “innombrable” xogase o Celta unhas finais europeas. ¿tamen haberia tato rexeite? ¿ou kizais algo menos?. En fin, o mundo do futbol e asi, e en estos tempos a xente kere berrar e gañar, asi gañe Nadal ou a “innombrable” ( non sei por k)
    Pd. Non sei k ten k ver Paco, en isto.
    Saudos D. Manuel

Los comentarios están desactivados.