Secuencia Cero

Inés Fernández remítenos esta invitación para asistir ao IIIº Certame de Curtametraxes Secuencia Cero que se celebrará esta semana no Verbum (non desaproveitar pasar pola cafetaría). Unha cita interesante.

Homenaxe a Beiras en Ourense

Marcos fai unha completísima crónica da homenaxe que recibiu onte Xosé Manuel Beiras en Ourense. Moi interesante para comprender qué está pasando e qué pode suceder no BNG.

Etiquetas: , ,

A cultura catalana, Frankfurt 2007

O éxito da cultura catalana, que será centro do Frankfurt 2007, debe ser o noso espello estratéxico de proxección internacional da industria da edición galega. Moito teremos que madurar para poder conseguilo nós no futuro.

IIIº Simposio "O Libro e a Lectura"

Despois do éxito do pasado ano, estamos ultimando o programa do que será o IIIº Simposio “O Libro e a Lectura” (16 e 17 de novembro de 2006), organizado en Compostela pola AGE en colaboración con CEDRO e a sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega.
O encontro de 2006, aberto a estudantes e todo tipo de profesionais relacionados co sector do libro e da edición, xirará arredor do lema “Bibliotecas, Lectura e Edición“. Están previstas varias conferencias e mesas redondas sobre a situación bibliotecaria e a lei do libro, a lectura no marco da Reforma Educativa, as bibliotecas escolares e a Reforma Educativa, Bibliotecas e Lectura, Bibliotecas e Novas Tecnoloxías, o canon bibliotecario e a presentación de diversas experiencias de animación bibliotecaria. Axiña anunciaremos o programa definitvo e o nome dos participantes.
Etiquetas: ,

Encontro Blogs e Libros

O primeiro Encontro Blogs e Libros resultou un éxito. Xuntámonos case vinte blogueiros para conversar durante tres intensas horas sobre as relacións dos blogs cos libros (aínda que despois do falado sería mellor dicir “coa lectura”). Froito do encontro foi a constitución do Grupo Blogs e Libros e a convocatoria dun novo encontro, coordinado por Javier Celaya.
Este encontro informal desenvolveuse en base a tres grandes quendas de intervencións. A primeira de presentacións dos participantes (e das características de cadanseu blog). A segunda, o cerne da conversa, para abrir liñas de debate e repensar algunhas sobre a relación actual entre libros e blogs. A terceira, sen pretensións de elaborar conclusións, para organizar minimamente o grupo e preparar o seguinte encontro.
As liñas e temas de debate postos sobre a mesa foron moi numerosos. Entre outras, tomei notas das seguintes:
Rematou o encontro cos acordos de dinamizar estes temas de debate nos blogs para completalas no wiqui e publicar unha nota de prensa que recollese os temas abordados.
Máis achegas sobre o Encontro:
Etiquetas: ,

A pregunta sobre a dixitalización

Coincidindo co Liber, celebrouse un foro de debate, organizado por Google, sobre O futuro do libro. Se nos atemos ao contido da pregunta de Txetxtu (o vídeo dura apenas dous minutos) a cousa debeu estar moi animada. O debate sobre a dixitalización acaba de comezar no sector editorial en España.
Etiquetas:

Federico García Lorca en Lugo

Dediquei boa parte da tarde a revisar as primeiras probas do que será o próximo libro de Alonso Montero, Anxel Fole, García Lorca e os Seis poemas galegos. Trátase dunha edición moi actualizada dun traballo anterior do Profesor, que será editada polo Concello de Lugo con motivo dos actos que o Foro pola Memoria Republicana de Galicia organizará en Lugo o vindeiro 28 de outubro, para lembrar a celebración do noventa aniversario da primeria visita de Federico á cidade da muralla.
Este novo traballo do Profesor (estamos preparando, tamén, a edición do seu groso volume Intelectuais marxistas e comunistas en Galicia. 1906-2006) deita unha mirada moi esclarecedora sobre as presenzas lorquianas en Galicia e sobre as motivacións, o proceso de escrita, a edición e a recepción dos famosos Seis poemas galegos.
Particular interese tivo para min a lectura do testemuño de Francisco Lamas (membro destacado da revista Yunque que dirixía Fole) que afirma que Federico escribiu en media hora, o 22 de novembro de 1932, o seu primeiro poema en galego, na trastenda dun comercio de gramolas que tiña en Lugo Luís Manteiga. Interesante, aínda que achegando unha versión diferente, é tamén o testemuño de José López Cabanillas, que relata o acontecido naquela mesma noite de Federico en Lugo, despois de pronunciar unha conferencia sobre a pintora María Blanchard, afirmando que o poema foi redactado na casa de Ramón Martínez López, despois de que Federico recitase o “Rey de Harlem” (unha marabilla!) e algúns outros poemas que logo se publicarían de forma póstuma en Poeta en Nueva York. Fose nun sitio ou noutro, o que non hai dúbida é que aqueles primeiros versos lorquianos do Madrigal agromaron en Lugo, como testemuña a copia autógrafa de Federico (que reproducimos no volume) e que quedou en poder (como unha alfaia) de Francisco Lamas.
Outra importante novidade do volume, froito do traballo de furón de biblioteca do Profesor, é a recuperación da reseña de Roberto Blanco Torres (publicada en El País de Pontevedra en febreiro do 36, apenas seis meses antes de que fose cuneteado) sobre a aparición dos Seis poemas galegos. Con todo, o famoso texto de Álvaro Cunqueiro (“Poesía, craridade”), publicado en El Pueblo Gallego (tamén en febreiro do 36), constitúe unha das máis fermosas críticas sobre poesía galega que teño lido. Eis un dos parágrafos máis luminosos (dos que a actual crítica galega debería tomar boa nota):

Federico García Lorca regálanos oxe con seis poemas galegos que son gaita, nadal i-outras frescuras. A lingua anterga il apremia profonda e di con ela a i-alma finísima. Aquela ágoa que non desemboca, aquel mirar que tanto mira. I-a nosa lingua apenas tivo nunca de estraño galano maior. Eu amo no verso de Federico García Lorca a lixeireza do mundo, a lediza das froles, o amor perdido das cantigas, o decir romántico das formas i-o antiguor esmerado e fermoso. Festa é oxe na pequena lingua d-a dozura i-a craridade diste verso nos goza a todos.

Iº Encuentro Libros y blogs 2006

Xa está en marcha o primeiro encontro de libros e blogs: coincidindo co Liber, o 29 de setembro, ás 10:00. Consultar no wiki para inscribirse e facer propostas. Hai moi boas perspectivas xa que, previsiblemente, haberá máis de vinte participantes. Alí estaremos.
Etiquetas:

A Feira de Pawley

Como xa sucedera o pasado ano, un dos maiores atractivos da Feira da Coruña van ser as crónicas de Martin Pawley. Pouco podo engadir á reportaxe que el fixo da primeira xornada, na que participei presentando o primeiro volume das memorias de Neira Vilas.

Antes de iniciar o acto Pepe, que estaba ben animado, contounos que dende hai máis de trinta anos leva un bloc (insistiu no de bloc) onde diariamente recolle aqueles aconteceres e vivencias que considera máis significativos (en definitiva, un bloc analóxico manuscrito), textos que logo, ao remate do ano, transcribe a máquina. Este traballo foi o que permitiu a edición da primeira entrega das memorias que onte presentamos, organizadas a xeito de blog.

Ten razón Pawley no detalle da presenza dos vasos de Coca-Cola sobre as mesas da presentación (feito que unha participante na presentación me recriminou). Mágoa que a Feira do Libro máis concorrida de Galicia non coide aspecto formal ningún. O cartel anunciando (un único exemplar en tamaño folio para todo o espazo) os actos do día aparece manuscrito e desamañado; a información do programa non está en Internet; non hai un responsable de prensa; a música (onte Bod Dylan) atroa durante a celebración dos actos na carpa (nun estado de conservación e limpeza lamentable)… En fin, e mellor non seguir para non caer na melancolía… Mais a pesar de todo iso é incrible a cantidade de visitantes dunha Feira que onte estaba moi animada. Hoxe volveremos para acompañar a Xosé Luis Barreiro e Suso de Toro e asistir á presentación do último número de Grial.
Etiquetas:

Pregón da Feira do Libro

Varios amigos e amigas pedíronme que subise á rede o texto do pregón que lin o pasado venres na apertura da Feira do Libro de Vigo. Dende hoxe pode descargarse o PDF aquí.
Etiquetas: