Segundo Congresso de Editores

Aquí poden lerse todos os relatorios presentados no pasado Segundo Congresso de Editores. Moi interesante para coñecer o estado da edición e as preocupacións dos nosos irmáns portugueses.
Etiquetas: ,

Noite da edición de Galicia 2006

A segunda Noite da edición de Galicia, celebrada onte en Pontevedra, non se centrou só na entrega dos Premios da edición 2006. Serviu , ademais, para homenaxear a Sabino Torres e Isaac Díaz Pardo, os dous editores galegos máis veteranos (moi brillantes foron as laudatios, tanto a de Víctor F. Freixanes ao creador da colección “Benito Soto”, como a de Fran Alonso ao impulsor de Sargadelos e Edicións do Castro) e para dar a coñecer a opinión do gremio sobre o estado actual e os retos de futuro do sector.

O discurso de peche de Alfonso García Sanmartín, o actual presidente da AGE, foi unha peza oratoria espléndida, tan rotunda como chea de matices, que recolle como anel as preocupacións do sector tras a aprobación esta semana no Parlamento galego da Lei do libro e da lectura de Galicia. Recollo, polo que entendo gran interese e por non ter atopado apenas referencias nos medios impresos, boa parte dos contidos desta importante intervención:

O presidente dos editores galegos comezou salientando a satisfacción dos editores galegos pola recente aprobación por unanimidade dos grupos políticos da “Lei do libro e a lectura”. “Desde aquí os nosos parabéns á señora conselleira e a toda a clase política galega, o noso agradecemento por contar co sector na redacción da mesma e parabéns, de xeito especial, por conseguir a súa aprobación por unanimidade. Unanimidade que entendemos como firme decisión de apostar definitivamente polo sector. Unanimidade que compromete a palabra de toda a clase política, máis aló dos avatares que a loita de partidos nos poida deparar”.

A continuación sinalou que “non é momento de facer unha análise polo miúdo do texto da Lei, pero permítanseme salientar algúns aspectos que considero especialmente significativos: recoñécese o libro como elemento identificador de Galicia. Afírmase, en función disto, o carácter estratéxico e prioritario do sector do libro pola súa importancia cultural, social e económica e como instrumento de normalización lingüística; como garante do dereito á creación, á promoción e á divulgación da cultura, a historia e a lingua de Galicia. Recóllense tamén medidas encamiñadas á renovación tecnolóxica e á modernización da industria do libro e das estruturas de distribución. Iso define o novo reto: libro igual a cultura, normalización, industria, comercio, renovación tecnolóxica; libro igual a ben social e dereito cultural de todos os galegos e galegas”.

Continuou o presidente dos editores galegos salientado que o “libro é unha obriga na acción de goberno; libro que transcende o ámbito da acción cultural e educativa e implica transversalmente o resto do goberno: Innovación e Industria, Comercio, Mercado exterior, Benestar social, Normalización… Estamos seguros de que a Consellería de Cultura saberá liderar de forma efectiva o novo marco que a Lei nos ofrece. O sector está ilusionado en que se consiga. Seguro que no encontro do vindeiro ano estaremos xa celebrando unha nova situación”.

As palabras do presidente da AGE abordaron tamén os retos que ten por diante o sector editorial galego: “Ninguén pode poñer en dúbida que as editoriais galegas nacen fundamentalmente como compromiso coa lingua e a cultura galegas, nacen coa conciencia clara de contribuír a facer país. Pero somos xa un sector maduro e asumimos conscientemente o reto de avanzar na mellora e na modernización das nosas estruturas, na diversificación das nosas liñas editoriais, na busca de novos mercados, na edición en novos soportes… En resumo, no fortalecemento das nosas estruturas empresariais. Esa é a nosa mellor garantía de futuro e este é o noso gran compromiso e empeño. Unha sociedade incapaz de soster unha industria cultural é unha sociedade inmatura, non-desenvolvida. Un país incapaz de soster unha industria cultural é un país en perigo, un país sen futuro. Un sector que non acolla a modernización e a profesionalización como paisaxe vital é un sector ameazado, un sector en situación terminal. Velaí o gran reto e velaí o noso empeño, o noso compromiso de colaboración aberta e leal con toda acción institucional. Saberemos defender os intereses do sector e contribuír a buscar solucións para os problemas e posibles desencontros que se poidan producir. Somos conscientes de que do diálogo nace a luz, de que exercendo a crítica, como xuízo e proposta construtiva, estamos colaborando de forma efectiva a crear país”.

Alfonso García non dubidou en expresar as inquedanzas que magoan ao sector: “Hai, nestes momentos, un tema que preocupa especialmente o sector do libro. O modelo de préstamo como sucedáneo da gratuidade. Reiteramos o noso apoio á gratuidade, pero solicitamos o empeño do goberno actual na análise e no estudo das graves consecuencias que o modelo comporta para a totalidade do sector e para o propio sistema educativo. O préstamo é, ao noso ver, un regalo enganoso que se lle fai á sociedade galega. As consecuencias veranse a medio prazo.A decisión que no seu día tomou o PP foi precipitada e electoralista. O tempo dirá se seguirá a pasar factura”.

O presidente da AGE rematou a súa intervención pedindo “unha acción de goberno consecuente e harmónica. Falar de normalización lingüística na escola, de galescolas, do libro como sector estratéxico, propoñer no horizonte unha Galicia inserida na sociedade da información e do coñecemento e ofrecer o libro escolar en préstamo son accións que non se sosteñen. Para demostralo, ofreceremos os datos que se desprendan do Estudo de viabilidade do sector do libro en función do modelo de préstamo. Desde aquí, o noso agradecemento a Cedro, a ANELE, e ao Gremio Nacional de Editores; sen a súa colaboración e axuda económica non sería posible realizalo. Seguro que os resultados serán útiles para que todos tomemos os camiños axeitados e tendo como horizonte o mellor servizo á sociedade galega”.

Actualización (19-12-2006): Nota de prensa da AGE sobre o evento.

Xosé L. Méndez Ferrín, solidariedade traballadores de Astano (1985)

As marabillas de you tube permiten acceder á memoria próxima. Eis os documentos audiovisuais recuperados por Calidonia do festival musical e literario en apoio aos traballadores de Astano, celebrado no pavillón da Malata de Ferrol o 10 de febreiro de 1985. Ademais deste discurso de Ferrín e do recitado de Rivas, poden visionarse as intervencións de escritores como Manuel María, Pepe Cáccamo, Darío Xohán Cabana, Xosé Manuel Beiras, entre outros. Sería interesante ir subindo outros materiais gravados, semellantes ao que comentamos, que permitirían comprender de ónde vimos.

A morriña no blogomillo

Todos os xornais van facendo a súa “reportaxe de cota” sobre a situación dos blogs en galego. Desta volta tocoulle á edición galega de El Pais, que hoxe fai balance dos tres anos de existencia das bitácoras en galego. Coa excepción da previsión de que o número de blogs en galego chegará na primavera vindeira aos catro mil, moi escasas son as novidades dunha análise tinguida de bastantes tópicos e da inevitable atmosfera de morriña daquel tempo heroico, cando os blogueiros pioneiros en galego ateigaban o reservado dunha cafetaría.
Aborrezo a nostalxia polo tempo pasado, unha actitude xeralmente paralizante e moi pouco eficaz para construír un futuro incerto. Tecer e ganduxar a rede de blogs galegos como se ten feito, en apenas tres anos, é un éxito colectivo que nos debería de encher de orgullo a todos os que participamos dunha ou doutra maneira neste patchwork. No entanto, proporcionar consistencia e maior participación ás pequenas comunidades temáticas transversais (blogs políticos, culturais, gastronómicos, científicos…) ou aos grandes puntos de encontro son novas e moi produtivas tendencias no blogomillo –a pesar de que como fenómeno morreu e debemos aceptalo, “blogomillo” continúa sendo un termo eficaz para referirse aos blogs publicados en galego– que deberían constituír o eixo das nosas preocupacións moito máis que esa paralizante morriña sobre un tempo pasado que nunca máis se vai repetir.
O crecemento imparable do blogomillo e a modificación vertixinosa do propio soporte (cando morrerá, tamén, a escrita blog tal como hoxe a coñecemos?) son circunstancias que requiren novos tipos de análise e reflexión menos complacientes que as empregadas ata agora. Creo que chegou o momento de que todos os blogueiros galegos interesados nos xuntemos, ao xeito dun Primeiro Congreso dos Blogs en galego, para analizar e reflexionar devagariño de ónde vimos, ónde estamos, cara ónde queremos e podemos ir co noso blogomillo. Ademais, teriamos a oportunidade de compartir cervexas e longos parrafeos entre tanta boa xente.

Etiquetas: ,

Premios da Edición 2006

O sábado 16 de decembro, no Salón Noble do Liceo Casino de Pontevedra, celebrarase a Noite da Edición 2006, na que se entregarán os Premios da Edición 2006 da AGE. Neste festa gremial dos editores galegos, Sabino Torres Ferrer (o máis veterano dos editores galegos en activo, responsable de Hipocampo Amigo e fundador da colección de poesía Benito Soto) recibirá o Premio á edición histórica galega e Isaac Díaz Pardo será nomeado presidente de Honra da AGE. Os finalistas dos Premios da Edición 2006, despois da presentación de candidaturas e primeira votación entre as empresas da AGE, son os seguintes:

Durango 2006

Hoxe comeza a Feira do Libro e do Disco en éuscaro que, dende hai corenta e un anos, se celebra de forma ininterrumpida en Durango. Este evento é un modelo moi interesante para o sector da industria cultural en Galicia e do que temos moito que aprender. Nesta edición desprazouse a Durango unha pequena delegación da AGE co obxecto de tomar boa nota das súas características de cara á celebración do primeiro Culturgal (Feira do Libro e da Industria Cultural Galega) en 2007. O programa de actividades de Durango 2006 é moi amplo, centrándose no tema das viaxes.
Etiquetas:

Encrucillada

Hoxe participo, xunto con Suso Iglesias, nun debate sobre o futuro da cultura e os medios de comunicación en Galicia, dentro dun ciclo organizado polo Ateneo de Pontevedra sobre prospectiva. Será unha boa oportunidade para volver reflexionar sobre a encrucillada histórica na que estamos. O miolo da miña intervención xirará arredor das seguintes cuestións:
  • Estamos nunha encrucillada histórica decisiva: Cando comezabamos a albiscar moi tímidos síntomas de normalización da industria cultural en galego, volvemos estar nunha nova encrucillada histórica decisiva: a posibilidade de que a cultura textual en lingua galega poida facer fronte ou non aos retos que nos propón a literacidade electrónica, a nova forma de entender a lectura e a escritura na sociedade da información e do coñecemento. Encrucillada que require solucionar, entre outros, tres grandes dilemas:
    Primeiro: o da nosa capacidade para superar colectivamente a actual fenda dixital que sufrimos, tanto a nivel de infraestruturas, de formación de usuarios como de presenza na sociedade da textualidade electrónica. Esta é para min unha das cuestión centrais para o futuro de todas as nosas industrias culturais. Se superamos esa fenda poderemos asumir que as posibilidades técnicas son novas posibilidades creativas e que vivimos inmersos nun novo paradigma da comunicación cultural: a da existencia dunha nova textualidade dixital que, moito máis alá do soporte que agora coñecemos e en transformación vertixinosa, vai supor a creación de novos xéneros de creación e acceso ao coñecemento, caracterizados pola súa multimodalidade e o seu plurilingüismo.
    Segundo: o da nosa vontade para desenvolver un novo modelo de comunicación lingüística, onde o galego sexa a lingua vehicular e de instalación da maior parte dunha poboación xa plurilingüe. O futuro do galego neste modelo, como primeiro eixo identitario e canle da creación cultural, e o seu futuro dentro da sociedade, van determinar en boa medida as posibilidades de desenvolvemento das industrias culturais en Galicia. Razón pola que entendo decisiva asegurar a presenza do galego como lingua vehicular da nova comunicación dixital. Todos os esforzos que fagamos, unindo o uso do galego á innovación tecnolóxica, serán escasos para gañar esta batalla decisiva.
    Terceiro: o do papel dos poderes públicos galegos con respecto ás cuestións da cultura e educación. Razón, tamén, pola que o papel que poidan xogar apoiando aos emprendedores das industrias culturais en galego, vai determinar en boa medida as posibilidades de éxito. E non me estou referindo a reivindicar, outra vez, unha cultura alicerzada nas subvencións públicas, nin moito menos (as industriais culturais han poder defender a viabilidade dos seus proxectos no mercado), senón cómo e ónde se van destinar os fondos públicos (escasos na era da fragmentación globalizada) destinados á fomentar o acceso aos produtos culturais como parte da calidade de vida da cidadanía.
    Aí temos, como auténtica espada de Damocles, o megalómano proxecto da chamada, ata agora, Cidade de Cultura, como gran condicionante que, de non ser reconducida con intelixencia e austeridade, ademais de procurar financiamento privado, pode ser un lastre, como xa estamos padecendo este ano e o vindeiro que impida saír da encrucillada. Cos orzamentos da Consellaría de Cultura de 2007 na man é moi difícil xustificar que se invistan sesenta millóns de euros nese edificio e se dediquen cantidades ben modestas duns poucos millóns de euros para toda política do libro e da lectura. Un tema moi difícil, si.

Resumindo: incorporarse ao paradigma da comunicación cultural electrónica, asegurar a presenza da lingua galega nese novo modelo de comunicación plurilingüe e deseñar políticas públicas que proporcionen posibilidades de acceso igualitario de todos os cidadáns aos bens e produtos culturais serían tres grandes retos aos que debemos enfrontarnos.

Actualización (03-12-2006): No artigo da semana amplío esta reflexión.

Etiquetas: , ,

Congreso Nacional de Bibliotecas Escolares

Xa están dispoñibles na rede as Conclusións do Primeiro Congreso Nacional de Bibliotecas Escolares (pdf) celebrado o pasado mes de outubro. Paréceme moi significativo que se insista na na necesidade de colaboración entre as bibliotecas escolares e as bibliotecas públicas; que se solicite ás administracións públicas a creación de centros de apoio que proporcionen servizos técnicos, formativos e documentais ás bibliotecas das redes; e, sobre todo, que se destaque que a configuración de redes de biliotecas escolares potencia a riqueza de recursos de información, a cualificación profesional, a calidade dos servizos e o intercambio de boas prácticas. Un documento interesante para arquivar.