Bibliotecas, Lectura, Edición (Conclusións)

Quedáronnos atrás as conclusións elaboradas pola AGE tras o IIIº Simposio O Libro e a lectura. Reproducímolas polo seu indubidable interese:
  1. A práctica lectora configúrase dende hai tempo coma un dos termómetros básicos para medir o nivel de desenvolvemento social, económico, político e cultural das sociedades. O acceso aos libros por parte da cidadanía é unha necesidade obxectiva que cómpre atender axeitadamente. O libro e a lectura son axentes básicos de socialización e, por tanto, elementos fundamentais na construción dunha Galicia nova.
  2. A lectura pública é un servizo necesario que a Administración e os poderes públicos deben considerar dun xeito regular e constante nos seus planos estratéxicos. Tal servizo, con carácter universal e igualitario, debe atinxir á totalidade da poboación, por riba de diferencias sociais, económicas, ambientais, culturais ou xeográficas, xa que está profundamente vencellado á formación do capital humano, á cualidade democrática e participativa dos individuos e das sociedades, e á capacidade de desenvolvemento das mesmas.
  3. Os arredor de 430 puntos de lectura que constitúen na actualidade a rede de Bibliotecas Públicas de Galicia non están suficientemente dotados. O 45% dos fondos bibliotecarios quedaron hai tempo obsoletos. Os recursos económicos para a adquisición de libros está moi por debaixo das medias europeas e mesmo da media española. Cómpre unha actuación decidida na dotación de recursos bibliotecarios, e cómpre facelo dun xeito constante e anual, contando cos profesionais da lectura pública, e integrados nos orzamentos das consellerías correspondentes.
  4. Sen unha xeitada rede de servizo de lectura pública, dotada de espazos, persoal cualificado e medios, tal como sucede nas sociedades desenvolvidas do noso contorno, non parece posible un deseño de modernización da sociedade galega consonte as necesidades do século XXI.
  5. Complementarias ás Bibliotecas Públicas son as Bibliotecas Escolares, factor capital no desenvolvemento dun sistema educativo renovado e homologable a outros modelos do noso contorno. Conscientes de que os pasos a dar deben ser progresivos, invitamos aos poderes públicos a un pronunciamento decidido a prol da dotación de recursos dentro do sistema: bibliotecas escolares, ben dotadas e ben atendidas, en todos os centros docentes sen exclusión, como parte da estratexia educativa; centros de documentación, información e acceso ao coñecemento, dirixidos moi especialmente ás novas xeracións. Consideramos necesaria, xa que logo, a creación dun corpo de profesionais especializados neste tipo de servizo dentro dos centros, conectados en rede nun programa xeral de aproveitamento de recursos e documentos, non só para o soporte tradicional do libros senón en todo canto atinxe ás Novas Tecnoloxías (TIC).
  6. Dende a Asociación Galega de Editores ofrecemos os nosos servizos, atencións, coñecementos e apoios, ás iniciativas de desenvolvemento e fortalecemento da rede bibliotecaria e das estratexias a prol de animación á lectura, conscientes da súa importancia na construción dunha Galicia instalada de seu nas necesidades do século.
    Asumimos como reto a necesidade de diversificar as nosas liñas editoriais, mesmo abríndonos aos novos soportes da edición, posibilitando deste xeito o fornecemento á rede bibliotecaria dos materiais necesarios en lingua galega.
    O coñecemento dos novos soportes de edición e as súas posibilidades, a busca de solucións imaxinativas que permitan superar atrancos, e a consecución dos apoios necesarios que fagan viables novos proxectos, convértense en tarefa urxente para o sector editorial galego e a industria cultural.
    Apoiamos aos profesionais da biblioteca na procura dun espazo estable dentro do sistema cultural, educativo e de servizos á sociedade, na medida en que son parte decisiva na formación do capital humano e na implementación da Sociedade da Información e o Coñecemento.
    Animamos a implementar decididamente as Novas Tecnoloxías da Comunicación no servizo bilbiotecario, conectándoo cos recursos dispoñibles e mais cos que poidan xurdir, así como co resto dos axentes do libro e a lectura, moi especialmente os libreiros.

    Santiago, 17 de novembro de 2006

Iº Encontro de Bibliotecas Escolares de Galicia

Non hai dúbida de que este mes de novembro vai ser moi rico en Galicia na celebración de encontros e debates arredor da lectura e do papel da bibliotecas.
Souben hoxe da celebración do Iº Encontro de Bibliotecas Escolares de Galicia, promovido pola Asesoría de Bibliotecas Escolares, os días 10 e 11 de novembro en Compostela. Están previstas importantes conferencias como as de José Antonio Marina, Javier Celaya, Emili Teixidor ou Manuel Rivas, persoas todas as que moito admiramos nestas brétemas. Estes encontros realizaranse a semana anterior a celebración do IIIº Simposium O Libro e a Lectura (Bibliotecas, Lectura e Edición) e das Xornadas sobre Mocidade e Internet (Enredad@s). Tres programas ben interesantes para promover a revolución lectora, tan de actualidade estes días.

País dos mil viños

Levo estes días moi mergullado na edición da Guía dos Viños, Augardentes e Bodegas de Galicia 2006-2007 (máis de catro centas páxinas) da Asociación de Sumilleres Gallaecia e que pretendemos presentar coincidindo coa celebración na Coruña do Salón dos Viños e Augardentes de Galicia a finais deste mes de novembro. A verdade que este é un libro fermoso, sobre todo por esa textualidade descritiva que conforman máis de catrocentos notas de cata dunha boa parte da produción vitivinícola galega de 2005. Esta guía, que sacamos por segunda vez, é unha formidable viaxe por Galicia a través dos seus mil viños (ademais duns centos de destilados) e das súas cinco Denominacións de Orixe.

Nas ribeiras onde converxen o Sil e o Miño aparecen de forma case milagreira os nosos viños graníticos, mais lixeiros de corpo, da Ribeira Sacra, procedentes do cultivo “heroico” (sobre socalcos ou “pataos”) das variedades de godello ou mencía. Na conca do Sil, nas terras de Valdeorras, por onde pasaron noutrora as lexións romanas, ofrécense ao viaxeiro as paisaxes das plantacións de godello e mencía, que conformarán viños monovarietais plenos, elegantes, posuídos por intensos arrecendos froiteiros. No val de Monterrei, nas abas regadas polo río Támega, cultívanse as variedades verdello, dona branca e treixadura para os seus brancos e mencía,merenzao e araúxa para os seus harmoniosos tintos de intensa cor morada. Mais os viños toman o nome de “ribeiros”, cando nacen nas beiras do Miño, do Avia e do Arnoia, onde os brancos novos plurivarietais confórmanse coa mestura da treixadura, torrontés ou do loureiro, e os tintos coas de sousón, brancellao ou caíño. Xa nos vales oceánicos do Salnés, do Rosal (á beira, outra volta do pai Miño), do Condado do río Tea ou do Ulla aparecen para a conmovedora contemplación do espectador as terras do albariño (para Cunqueiro “o príncipe dos nosos viños”) ou as fragrancias dos arrecendos das castes loureira, treixadura ou do caíño branco.

Cada unha destas paisaxes, cada un destes microclimas produce, sobre a base de case sesenta clases de uva diferentes, a festa inigualable de cores, arrecendos e sabores dos viños galegos. Por que non podemos falar con propiedade dun “viño galego”, aquí existe unha diversidade complexa de viños, singularidade e diferenza que é, como case sempre sucede en Galicia, a nosa maior riqueza. Asumir como valor esta diversidade, ao tempo que a necesidade de modernizar o proceso de elaboración, presentación e comercialización dos viños foron as dúas claves da auténtica reconversión (revolución, tamén) que, dende hai dúas décadas, se foi producindo na viticultura galega. Os viños nosos recuperaron así a calidade perdida, gañaron prestixio e valor engadido (boa parte constitúen xa un elegante produto de deseño, transformandos nunha auténtica creación cultural) sobre todo entre nós mesmos (case o oitenta por cento do seu mercado é interno, un exercicio de autoestima e patriotismo vitícola sen precedentes noutros eidos). O do viño converteuse así nun sector punteiro e estratéxico de indubidable importancia económica xa que hoxe supón o 10% da produción agraria galega, ocupa a máis de dúas centas mil persoas e as catro centas bodegas, agrupadas en cinco denominacións de orixe, ofrecen máis de sete centas marcas comerciais. Un bo traballo o realizado polos colleiteiros e bodegueiros galegos!

A pesar do moito camiño recuperado, os viños galegos precisan agora dun esforzo colectivo (eis o sentido da edición desta Guía e da celebración deste Salón) e dunha verdadeira estratexia de país para a súa divulgación e promoción no exterior. Velaí a asignatura pendente, a tarefa de futuro para que o elixir de ouro que mellor destila o país dos mil ríos sexa compartido e gozado por cidadáns do mundo enteiro. Saúde!

Etiquetas: ,

Proxecto-Edición, A Feira

A Feira do Proxecto-Edición é unha moi boa iniciativa á que, despois da celebración da súa primeira edición esta fin de semana, aínda lle queda moito treito para consolidarse como cita de encontro da edición artística e alternativa e do mundo do deseño. Na miña visita comprobei que o mellor son os contidos expositivos, sexa polo interrogador e o orixinal dalgunhas propostas da chamada edición “alternativa” como pola calidade dalgunhas publicacións, especialmente Entre-cruzar, a publicación da feira. Porén, o máis decepcionante foi a abraiante falta de público na Feira (apenas uns centos de persoas cando eu estiven), quizais provocada por unha deficiente política de comunicación dos organizadores e, seguramente máis, pola inercia dos nosos medios de comunicación para alertar sobre estas iniciativas.
A mesa redonda na que participei o domingo sobre a distribución da edición comercial foi para min, tamén, un chisco incómoda na medida en que alí se volveron a repetir moitos prexuízos sobre o estado actual da edición. Non acredito na diferenza entre editores independentes (supostamente libres) e comerciais (supostamente amordazados) na medida que todos dependemos da recepción dos nosos produtos por parte dos lectores. Outra volta, seméllame máis operativa a diferenciación que Giulio Einaudi, como sinalou moi acertademente Víctor F. Freixanes, estableceu entre editores de cultura e editores de mercado.
Compracerse na diletancia dunha suposta edición independente, á que nada lle importan os resultados comerciais dos seus produtos e a súa visibilidade no mercado global, é, para min, xa moi pouco defendible. Aproveitarse das posibilidades da nova textualidade electrónica ou dos mecanismos da impresión baixo demanda son camiños que tanto os chamados editores independentes (ou “alternativos”, como a eles gusta denominarse) como os editores tradicionais debemos saber explorar para promover unha edición cultural.
Agardo que en vindeiras edicións esta Feira, moi ben arranxada nos seus aspectos técnicos, colla maior pulo entre o público interesado no mundo do deseño, da arte, das publicacións periódicas e, en xeral, no mundo do libro. Para os editores galegos foi unha boa proba de cara á preparación do do Culturgal no mesmo recinto e que pretendemos celebrar no mes de maio de 2007.

Etiquetas: ,

Pedras da Memoria

Mañá, sábado, 28 de outubro, celébraranse en Vigo e en Lugo dous importantes actos sobre a Memoria: a entrega das Pedras da Memoria e a Homenaxe a Federico García Lorca no noventa aniversario da súa primeira visita a Lugo.

Pedras da Memoria
Coa intención de reivindicar que o Parlamento de Galicia redacte e aprobe unha Lei da Memoria Democratica, que implique o recoñecemento xurídico das vítimas da ditadura, artellada sobre os 13 puntos recollidos no manifesto “Republicando” (o manifesto da “Memoria silenciada”), a Asociación Pola Memoria Histórica do 36 de Vigo organiza o 28 ás 12 horas e nas instalacións da Estación Marítima de Trasatlánticos un acto no que se entregarán as Pedras da Memoria a distintas persoas que se teñen significado polo seu traballo a prol da recuperación da memoria democrática. O acto contará coa presenza da neuróloga danesa Inge Genefke (Copenhague, 1938), fundadora do Consello Internacional para a Rehabilitación das Vítimas da Tortura (IRCT), unha ONG internacional que defende e proporciona tratamento terapéutico, psicolóxico e recuperador ás persoas que foron vítimas de torturas e que posúe oficinas en 100 países e atende e trata a 100.000 persoas cada ano ano. A película La vida secreta de las palabras de Isabel Coixet está inspirada na loita desta muller, que leva máis de 30 anos investigando e loitando contra a tortura.

Actualización (29-10-2006):

O cartel do IIIº Simposio O libro e a lectura

As persoas interesadas en inscribirse (de forma gratuita) no IIIº Simposio O Libro e a Lectura “Bibliotecas, Lectura e Edición” xa poden facelo dirixíndose á secretaría da AGE.
Etiquetas: ,

Proxecto Palabras +

Enviáronme información sobre o proxecto Palabras + que promoverá a artista Luz Darriba o 25 de novembro, na praza do Obradoiro, con motivo do Día Internacional pola non violencia contra as mulleres. Reproduzo o texto da proposta de participación na actividade:

Palabras +
A palabra, o poder, o alcance, o contido da palabra, é o concepto que rexe este traballo. Cando todos os camiños bifúrcanse, sen máis sinais que o noso propio desasosego, como diría o poeta: “quédanos a palabra”.
É, precisamente, a través das palabras dende onde foi pensado este proxecto, como un proxecto lúdico, didáctico, pictórico e interactivo, que encerra contidos tendentes a alertar, concienciar, sensibilizar sobre as relacións humanas, e todos aqueles sentimentos que nos achegan, iguálannos e diferencian, e propóñennos relacións entre pares.
Deste xeito, Palabras + volve retomar o problema da inequidade simbólica de xénero como compoñente esencial da violencia física e social contra as mulleres. Con todo, Palabras +, en lugar de postularse como unha denuncia que describe a inxustiza e a situación de negatividade –como xa foi reflectido en Patchwork (Santiago de Compostela 2004) ou Luva Negra, Luva Branca (Lugo, 2005)– afírmase na súa pura positividade.
Deste xeito, Palabras + ten como obxectivo central construír palabras, definicións, significados novos aos xa existentes coa finalidade de aportar un novo sentido concreto e simbólico á realidade. O seu propósito derradeiro será que estas definicións construídas dende a concordancia e o pluralismo cobren importancia e reclamen xustiza e equidade entre homes e mulleres. Para iso, convocamos a figuras representativas de diversas disciplinas, intelectuais e activistas políticos/as que se atopen comprometidos/as coa causa da igualdade de xénero, a participar desta obra monumental en clara oposición e rexeitamento a todo tipo de violencia exercida cara ás mulleres.

Breve descrición do proxecto
Palabras +, “palabras Animadas”, consiste nunha intervención estética de grandes dimensións que se instalará o 25 de Novembro de 2006 na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela.
A devandita intervención consiste na creación dun enorme crucigrama no que as palabras estean representadas por persoas: respecto, amor, empatía, compromiso, autoestima, xenerosidade, tenrura, valoración, paridade, solidariedade, xustiza, liberdade, independencia, sensibilidade, sinceridade, lealdade, compañeirismo, soridade, fraternidade, comprensión, amizade, paixón, estimulación, cooperación, harmonía, saúde, felicidade, unión, desexo, alegría, coñecemento, dignidade, positividade, realización, compartir, educar, coeducar, igualdade, autocoñecemento, paz, confianza, seguridade, diferenza, responsabilidade, corresponsabilidade, amabilidade, feminidade, masculinidade, empoderamento, vontade.
Estas son algunhas das palabras que cremos teñen que ser revisadas, “interiorizadas”, “redefinadas”, en suma habitadas. Estas palabras son as que convidamos a escoller e definir dende distintos puntos de vista, entre eles e o máis fundamental, o “subxectivo”. A idea e a realización está a cargo da artista Luz Darriba e para colaborar con este proxecto é necesario tomar contacto con ela á seguinte dirección: luzdarriba@hotmail.com
Convidámosvos a elexir unha palabra, a que queirades e darnos a vosa definición dela. As definicións que aporte cada persoa serán incorporadas nun catálogo-libro, xunto ás súas respectivas citas de autor/a e formarán parte do material de análise de estudantes de toda Galicia.

Proxecto-Edición

No clima creativo da nosa política cultura pública, un chisco anémico e rutineiro, agradécese moito a aparición de iniciativas como o Proxecto-Edición. Os nosos tres primeiros centros públicos de arte contemporánea (CGAC, Marco e Fundación Luís Seoane) uniron esforzos para remoer moitas inercias e facer agromar mudanzas e transformacións arredor dos modelos expositivos e das novas canles de distribución da creación cultural.
Nese novo contexto, que está comezando a dar os seus primeiros froitos, esta fin de semana celebrarase en Pontevedra a Feira-Encontro do Proxecto-Edición na que se procuran novos vieiros para a edición artística e creativa en todos os soportes. Alí estaremos participando nunha das mesas redondas e gozando deste aire renovado, tan necesario, que se nos propón.

Etiquetas:

Enredad@s

Hoxe coñecín o programa definitivo de Enredad@s as Xornadas sobre Mocidade e Internet que organiza en Santiago o Consello da Xuventude de Galicia en colaboración coa Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e as tres universidades galegas. O simpático da cuestión é que coinciden nas mesmas datas e case no mesmo horario co noso Simposio sobre as Bibliotecas. Os organizadores convidáronme a participar, o día 17 de novembro, nunha mesa redonda titulada “Hai un galego na rede”, xunto con María Yáñez, Marcus Fernández, Javier Pedreira (“Wicho”) e José Manuel Lage Tuñas. Nas xornadas haberá debates e conferencias de responsables en España de Google e Microsoft, ademais dun curso de formación (tres días) sobre “Weblogs: o meu espazo na rede. Comunicación e Marketind” impartido por Edan Xestion. Semella que cada día é maior o interese en Galicia pola literacidade electrónica.
Etiquetas: , ,

O estado das Bibliotecas a debate

“Bibliotecas, Lectura e Edición” serán os tres eixos sobre os que xirará o IIIº Simposio “O libro e a Lectura” que organizará en Santiago a AGE, en colaboración co Consello da Cultura Galega, durante os días 16 e 17 de novembro.
O debate sobre a situación bibliotecaria, o fomento da lectura e os contidos das futuras leis do libro e de bibliotecas serán os temas centrais dun programa artellado arredor de catro conferencias e outras tantas mesas redondas.

Avance do programa
O xoves 16, na primeira sesión de mañá, abrirá o Simposio a intervención de Hilario Hernández, director da Biblioteca da Fundación GSR de Peñaranda de Bracamonte que analizará o estado actual das bibliotecas e do fomento da lectura en España.
A continuación, celebrarase unha mesa redonda sobre a situación bibliotecaria en Galicia, na que participarán Xosé Lois Navaza, Mariluz Corral e un representante da Consellaría de Cultura.
A sesión de tarde ocuparase das bibliotecas escolares e do fomento da lectura no sistema educativo non universitario. Abrirase coa conferencia de Pilar Pérez Esteve, asesora do Ministerio de Educación, á que seguirá a mesa redonda sobre as bibliotecas escolares na que participarán Cristina Novoa, Cristina Ameijeiras e Carme Loriga.
Abrirá a sesión da mañá do venres 17, a editora Rosa Serrano, presidenta da Asociación de Editores do País Valenciá, que abordará o papel dos editor no fomento da lectura. A continuación celebrarase unha mesa redonda sobre bibliotecas e Novas Tecnoloxías, na que participarán Ana Bande, Catuxa Seoane e unha persoa en representación do Proxecto Meiga.
O venres pola tarde, haberá un panel de experiencias de animación bibliotecaria no que participarán Isabel Blanco, Gabriel Beceiro e un representante da Biblioteca Nova 33. Poñerá ramo ao Simposio unha conferencia da escritora Rosa Aneiros sobre o papel da biblioteca. As persoas interesadas en participar no Simposio ou en recibir máis información deben dirixirse á Secretaría da AGE.

Etiquetas: ,