Galicia en Dijon

Mañá marcho moi cediño de viaxe para participar nun coloquio sobre a Galicia do século XX organizado pola Universidade de Bourgogne. Literatura, cine, edición e as artes semellan os temas centrais dun programa intenso de raios. Imaxino como se desenvolverá, coñecendo a disciplina francesa. Vou preparado.

Saudades de Frankfurt

Non puiden ir este ano á feira e teño saudades das longas camiñadas polos pavillóns e dos encontros e parrafadas cos amigos. A prensa publica hoxe noticias alentadoras. Cataluña xa pechou o seu contrato. Nós aínda estamos moi lonxe e moito temos que aprender dos cataláns.

Xornadas sobre Ánxel Casal

Recibín hoxe o programa de “Anxel Casal, Unha vida por Galiza”, as xornadas organizadas polo Concello de Santiago e o Departamento de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago que terán lugar en Santiago do 16 ao 18 de novembro. Unha iniciativa moi oportuna para estudar e debater sobre as dimensións da figura poliédrica de Casal (político, editor e promotor cultural) na sociedade do seu tempo. Alí estaremos.

Foro con Fernández Paz

Desde hai dous días e ata o día 28 está aberto un foro con Agustín Fernández Paz sobre a literatura de aventuras e viaxes. A verdade é que esta iniciativa promovida pola Asociación de Prensa Juvenil é moi interesante. Creo que estes foros organizados, sistemáticos e reflexivos poderían ser emulados en Galicia como vía de contacto dos lectores cos nosos autores. Quedamos coa idea (non se podería animar Vieiros?) e seguiremos o foro do querido Agustín que vai ter unha quincena ben ocupada. Parabéns aos organizadores.

Encontros de LIX no Porto

Deuse a coñecer xa o programa dos tradicionais Encontros Luso-Galaico-Franceses de literatura infantil e xuvenil, que se celebran no Porto no mes de novembro. Este ano abordarán o tema: “Os Clásicos: tradición e actualidade”, con particular atención a Andersen e Verne. O programa pode baixarse aquí.

O libro e as Novas Tecnoloxías

A organización do Simposium sobre o libro e as novas tecnoloxías amodiño vai collendo forma. Pepe Carreiro enviounos esta proba do cartel. O programa está case ultimado. As persoas interesadas en inscribirse xa poden facelo.

Foro das 21 alocucións

Esta semana preparamos varios materiais impresos (entre eles unha antoloxía de verso e prosa) para o que será “O Foro das 21 alocucións“, unha homenaxe ao poeta Lorenzo Varela que se celebrará en Monterroso na vindeira fin de semana. A iniciativa dos actos correspondeu ao alcalde monterrosino, Antonio Gato Soengas, e a unha comisión organizadora animada, entre outros, polo profesor Xesús Alonso Montero, Xosé Gregorio Ferreiro Fente e Fernando Salgado García, os máis importantes biógrafos e coñecedores da figura do poeta de Fufín. Quizais o acto máis importante das dúas xornadas será, o previsto para o mediodía do sábado 24, as vinte e unha alocucións que diferentes persoas farán durante catro minutos sobre a vida e a obra de Lorenzo Varela. A homenaxe será inaugurada o venres pola Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo e clausurada o sábado polo Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Un peche importante das celebracións que ao longo deste ano se lle renderon ao grande poeta do exilio.

Revisitar os clásicos

Hoxe participei, xunto con outros editores infantís e xuvenís, nunha mesa redonda sobre a edición de adaptacións, versións e traducións dos clásicos. O acto formaba parte do IIº Curso de Formación Continua de Literaturas Infantís e Xuvenís dos ámbitos lingüísticos ibéricos organizado pola Universidade, Gálix e a Biblioteca Nova 33 e que nesta edición xira arredor do tema: Revisitar os clásicos.

Enumero os tres temas que provocaron maior controversia:

  • Hai número suficiente de lectores en lingua galega para poder editar calquera obra (das consideradas como clásicas) infantil ou xuvenil en galego?
  • Cales son as razóns para que os prescriptores e mediadores teñan preferencia por obras escritas orixinalmente en galego sobre outras traducidas?
  • Que influenza poden ter as bibliotecas para aumentar os índices de lectura da sociedade?
  • Son eficaces as actividades actuais que promoven as editoriais para animar á lectura nos centros escolares e nas bibliotecas?

Máis novas da Feira

De Silgar saímos pitando para Torre, onde quedara a media tarde con Camilo para revisar o orixinal do libro de ensaios novo. Acordamos titulalo A terra cantada.
Logo entrevisteime con Xoán Abeleira, que nos entregou hai varios meses un sorprendente libro fotográfico e biográfico sobre Man. Vaise titular A pegada de Man. Xoán está moi preocupado por cál pode ser o destino do museo de Camelle que deixou o artista alemán. O libro, agardo que o poidamos ter rematado antes de finais deste ano, pode ser un elemento que contribúa a salvar do esquezo ou mesmo impedir a desaparición de traballo artisticamente tan valioso e singular.
As presentacións da tarde foron un fervedoiro de xente. A agradable sorpresa foi a presenza a título persoal da nosa conselleira Ánxela Bugallo. Un detalle que moito lle agradecimos os editores. As palabras do poeta Ignacio Chao na presentación do libro de Ramiro foron certeiras, á altura da elegancia e ambición dunha obra das que penso van perdurar.
Mañá aconsello seguir, á hora do café, El ojo crítico que será emitido desde a feira. Arrate Sanmartín, a directora do programa, solicitoume información sobre a nova novela de Rivas, que será un dos entrevistados do programa. Coa xornada de onte, din por rematada a Feira deste ano. Xa me gustaría que o resto correran coma foi esta.
A verdade é que me sinto moi cansado e un pouco melancólico. Mañá, despois de resolver na oficina uns cantos asuntos urxentes (a pesar de ser agosto, o teléfono e as urxencias non paran), agardo poder coller unha semana de descanso. Na casa xa estamos os tres chapando as guías.

Día de Feira

Onte vivín un día moi intenso na Feira de Torre. Xantei cos Sumilleres n’ O Secreto onde ultimamos os criterios de edición da guía 2006; da man destes expertos comer e beber coma reis está asegurado: o cava, o ribeiro e a ventresca á grella estaban, sinxelamente, formidables. Logo, entrevisteime con Isabel Castro Vázquez, a profesora que presentou en Towson a primeira tese de doutoramento sobre a obra de Manuel Rivas, texto que acordamos publicar o vindeiro ano. Máis tarde, estiven na nosa caseta falando un pedazo con J. (o noso heroe) e, xa, pouco antes de comezar as presentacións, coñecín ao meu admirado Martin Pawley (quedou pendente o noso café e a nosa conversa) e falei un anaquiño con Josito, María e Rosa (dúas mulleres sol).

As intervencións do serán foron magníficas. Sofía de Labañou e Souto estiveron moi lúcidos, cantando e contando (dous narradores oriais de estirpe), chegando Sofía a transformar co seu esconxuro dúas botellas de chapapote en dous litros de licor negro de café. Xenial!!! Logo, na segunda sesión, Pepe Neira relatounos as aventuras do primeiro rei galego da Amazonía e outros sucedidos da súa memoria inagotable emigrante.
Para rematar o día, Carlos e Xurxo convidáronos a cear no Monte Alto nécoras, percebes, navallas e abadexo (outra marabilla!!!). Baixei para Sal de madrugada, fartiño de tanta enchenta e máis contento cun cuco, conducindo amodiño e arrolado polo moumeo de Keita. Esta xente toda de Torre é unha marabilla. Quen pode facer réxime con eles?

Actualización 21:05: María subiu unha bonita reportaxe fotográfica da tarde. Non se lle escapou nada.

Actualización (2) 23.30
: na feira tamén parolei con naúfrago (escritor e grande animador cultural de Sal) e comentamos a sá envexa que como vigueses nos daba o bo ton da feira de Torre. Como se ve, e sen querelo, este serán xuntou a un bo fato de blogueiros (comentamos que se sabía que en Torre tamén estaba o máis grande polemista, mais eu non falei con el, coas ganas que tiña).