Onte 580: Lembrando a Gianni Rodari

Agustín Fernández Paz lembrounos onte en dúas anotacións no seu blog o aniversario do pasamento de Gianni Rodari, un dos autores que máis influíu na nosa formación como educadores. Eu tamén fun dos mestres que descubriu nos anos oitenta as pegadas de Rodari nas páxinas de Cuadernos de Pedagogía e dos que leu abraiado a Gramática da fantasía na edición de Reforma de la Escuela, un deses libros marcantes na nosa formación literaria e pedagóxica. Grazas a Agustín por facernos volver reparar en Rodari, un autor que non perdeu vixencia ningunha.

Onte 577: Festa da Reconquista

Foi onte o Casco Vello unha cidade de festa de arrecendo netamente laico e popular. Insistindo cada ano na representación popular da liberación da cidade amurada por parte da milicia honrada, a festa da Reconquista gañou o corazón da cidadanía viguesa. Creo que xa podemos aventurar que emerxe unha festa con tradición onde, ademais, a presenza da música de raíz e dos oficios tradicionais son outras dúas compoñentes esenciais. Lonxe de calquera folclorismo de franquicia medieval, esta festa viguesa consolídase grazas á organización do asociacionismo veciñal e a unha masiva participación interxeracional que durante dous días ocupa prazas e rúas do sur do Casco Vello. Tras a longa camiñada, regresamos moi felices deste día de festa cidadá.

Onte 576: 30 anos de Nova Escola Galega

Celebramos onte na Nave de Vidán os trinta anos de Nova Escola Galega, o movemento de renovación pedagóxica no que temos a fachenda de participar dende a súa fundación na primavera de 1983. O reencontro cos compañeiros e compañeiras deste noso proxecto de vida foi emocionante, capaz de proporcionarnos novos azos, xa que sabemos que en Nova Escola Galega está boa parte do noso ADN vital e profesional. A pesar do tempo transcorrido e das dificultades para o proxecto da escola pública galega, comprobamos que NEG conta cun pulo renovado, grazas á incorporación dunha nova xeración de profesionais da educación. Nova Escola Galega é un milagre laico!

A cerna da conmemoración dos trinta anos, ademais do debate arredor da LOMCE e do tempo escolar, foi na sesión de tarde o nomeamento como novos socios de honra de Olga Araúxo, Agustin Fernández Paz, Flora Fondevila, Xesús Portas e Maribel Santos. Cinco mestres e mestras, membros moi activos do noso colectivo, que completaron a súa xeira profesional traballando a prol da escola galega das pombas con arrecendo a mazá, a metáfora coa que Antón Costa Rico cifrou a nosa angueira colectiva. Todas as cinco son pombeiros de esperanza, as súas traxectorias humanas e profesionais ensinaron a escribir pola outra cara do papel pautado, como aconsellaba Juan Ramón Jiménez. Abeizoámalas emocionadas por ensinarnos a apreciar o valor da vida e a súa afouteza por construír dende a educación un mundo novo.

Aquí pode lerse a laudatio que fixen de Agustín Fernández Paz.

Onte 572: Menela

Celebrouse onte o Día Internacional do Libro Infantil, mais tamén o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo. Unha efeméride destinada a contribuír á defensa da dignidade, dos dereitos e da mellora da calidade de vida daquelas persoas incluídas no que se denomina «Trastorno do Espectro do Autismo» (TEA), unha doenza que se estima no mundo afecta a 35 millóns de persoas, a 1 de cada 150 escolares. Superar os prexuízos e falsas crenzas existentes sobre as persoas con discapacidade ou con trastornos do espectro autista é un requisito imprescindible para conseguir a súa participación social e unha sociedade en real igualdade. Un labor inclusivo que dende 1989 leva realizando en Vigo e a súa comarca Menela, a institución educativa e asistencial, hoxe unha fundación, da que leva termando de forma incansable e xenerosa o psiquiatra Cipriano Jiménez Casas. Dende a creación do seu centro de formación e recursos da rúa Laxe, proxecto pioneiro na recuperación urbana do Casco Vello de Vigo, até a empresa Castro Navas de Priegue, na que traballan persoas maiores con TEA, hoxe sesenta profesionais de Menela atenden a 149 persoas nos seus diferentes proxectos. A inclusión educativa e laboral de persoas con TEA, asi como a atención temperá a nenos que padecen este trastorno constitúen os seus principais obxectivos. Unha actividade da iniciativa privada que sofre as penalidades dos recortes dos poderes públicos, capeando o mellor que pode semellante temporal. Como sinala Cipriano Jiménez Casas no artigo que publica hoxe en Faro de Vigo: «o mundo do autismo non esta feito de silencio nin de illamento; precisa concienciar e participar». O traballo da Fundación Menela merece o noso maior recoñecemento e apoio.

Día mundial do teatro

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da celebración do día internacional do teatro, reflexiono sobre a precaria situación actual das artes escénicas.

O vindeiro mércores, 27 de marzo, celébrase o “día mundial do teatro”. Creada en 1961 polo Instituto Internacional do Teatro (ITI), durante esta xornada en milleiros de escenarios difúndese unha mensaxe na que se reflexiona sobre a importancia do teatro para a humanidade e o seu papel para a harmonía internacional e a súa achega ao diálogo entre pobos e culturas.

A mensaxe deste ano foi escrita polo italiano Darío Fo, premio nobel de literatura de 1997, que denuncia a situación actual do teatro na contorna da crise económica europea que estamos padecendo. Fo compáraa con aqueloutra crise sofrida polo teatro no século da Contrarreforma (XVII) cando se produciu un gran éxodo de actores de Commedia dell ‘Arte, despois de que en Roma se decretase o desmantelamento de todos os espazos teatrais, “acusados de ofender á cidade santa”. Darío Fo cre que, coma daquela, hoxe “o poder tomou unha decisión intolerante contra os comediantes expulsándoos do seu país”. “Actualmente, os actores e as compañías teñen dificultades para atopar escenarios públicos, teatros e espectadores, todo a causa da crise. Os dirixentes, polo tanto, xa non están preocupados por controlar a aqueles que os citan con ironía e sarcasmo, xa que non hai sitio para os actores, nin un público a quen dirixirse”. Remata a súa mensaxe o dramaturgo italiano salientando con moita retranca que a “única solución á crise reside na esperanza que se organice unha grande caza de bruxas contra nós [refírese aos comediantes] e sobre todo contra a xente nova que desexa aprender a arte do teatro”.

En Galicia, o día mundial do teatro celebrarase o mércores na Coruña coa cerimonia de entrega da XVII edición dos premios María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, presidida polo vigués Antonio Durán “Morris”. Dentro desta gala está prevista a lectura do “Manifesto galego do día mundial do teatro”, preparado para esta ocasión polo escritor Cesáreo Sánchez Iglesias. Unha fermosísima peza literaria na que se defende o teatro como testemuña e “actor-activista” da realidade cultural e social de Galicia. “Só da mao do teatro somos capaces de nos soñar nos outros, ao nos reflectir nas súas personaxes”, escribiu o grande poeta do Irixo, para expresar como o teatro é unha arte enchoupada na alma de noso,  xa que “en todo teatro, tamén no teatro galego, está depositado o ser colectivo dunha cultura”. “Se facemos memoria dos últimos corenta anos, a biografía do teatro galego é a biografía da cultura galega. No devir do teatro galego está insculpida a biografía deste pobo de noso”, afirma o actual presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, para despois salientar o exemplo ético da actriz Dan Thi Lhin que “coas ferramentas do teatro, alentou os soños dun futuro en liberdade para a súa terra. Esta lección ética é a que sempre ollei en vós, todas as xentes do teatro galego”.

Este día mundial do teatro celébrase cando a cultura galega homenaxea no 17 de maio a Roberto Vidal Bolaño, unha das figuras senlleiras da nosa literatura dramática, ademais de promotor da modernización e dignificación en Galicia das profesións vinculadas coa produción teatral. Mais tamén nun momento no que estes oficios viven os días máis difíciles para súa supervivencia. Os recortes enormes dos poderes públicos no eido cultural, con especial crueza por parte da Xunta de Galicia, puxeron a todo o sector das artes escénicas na quebra e a piques do seu desmantelamento. A Plataforma das Artes Escénicas leva denunciado os graves efectos do atraso nos pagamentos de AGADIC (por traballos xa realizados) e a desaparición na práctica dos programas de distribución de espectáculos e de axudas á produción. Outrosí sucede coa situación baixo mínimos do Centro Dramático Galego, até agora unha peza esencial para os profesionais do sector.

O teatro galego, cuxa contribución durante as catro últimas décadas foi esencial para a cultura galega, precisa un plan estratéxico urxente de dinamización, que asegure a súa continuidade. Con vontade política e sen necesidade dunha millonada existen alternativas para facelo viable. É posible optimizar a rede de salas para ampliar o número de funcións e espectadores. É posible introducir medidas de estímulo directo para o público, como as do bono cultura, ensaiadas con éxito noutras comunidades. É posible priorizar o apoio a este sector, onde hai un emprego importante, sobre a quimera de “relanzar” a programación da Cidade da Cultura, que como era previsible xa desangra os orzamentos públicos. Cómpre apostar polo teatro. Ten razón Cesáreo Sánchez Iglesias cando alerta: “Se mancan o corpo do teatro, férennos e doémonos. Dóese a sociedade toda e sentimos que nos están a intentar saquear o que de máis verdadeiro nos posúe”.

Onte 560: Días mundiais

O 21 de marzo, coincidindo co inicio da primavera e co equinocio, celébranse un cantos días mundiais. Consultando a miña cronoloxía de twitter, atopei onte numerosas referencias ao Día mundial da poesía e da creatividade, ao Día mundial da marioneta, ao Día mundial da sindrome de Down, ao Día forestal mundial, ao Día internacional contra a discriminación racial, ademais das do Día da felicidade (celebrado antes de onte) e as do Día mundial da auga, conmemorado hoxe 22 de marzo.

A celebración de tantas efemérides mundiais en apenas tres días é un síntoma inequívoco das moitas doenzas ocultas que padece a humanidade e o propio planeta, que a comunidade internacional pretende atallar. Como hai razóns tamén para considerar que este apretadísimo calendario laico das boas intencións e das causas da humanidade é apenas unha manifestación da mala conciencia (unha «tirita» sobre unha grande ferida) dos organismos internacionais que o promoven, a maior parte dependentes dunhas Nacións Unidas á deriva, cada vez máis irrelevantes na nova orde internacional. Con todo, é innegable que estas efemérides axudan a facer visibles estas causas dos dereitos da humanidade nos medios de comunicación, nas redes sociais e nos sistemas educativos, o que contribúe a manter a tensión da cidadanía no seu exercicio e defensa. Non é pouco.

Tras día tan sinalado recupero uns versos de Ramiro Fonte, tirados d’ A rocha dos proscritos, afirmando a condición poética de cada cidadán: «Cando chegue a primavera / Xunto á casa que foi súa / Deixarei este poema, / Coma unha flor ventureira / No libro da beirarrúa».

Onte 558: Conmoción e pavor

Transcorridos dez anos do comezo da guerra de Iraq, recupero o artigo que con este motivo do inicio de semellante disparate publiquei tres días despois, o 23 de marzo de 2003, en Faro de Vigo. Aquela «Conmoción e pavor», o título da peza, foi un agoiro dun erro gravísimo para a humanidade que supuxo unha guerra aínda non pechada, do que a poboación civil iraquí foi a primeira vítima. Á vista do sucedido e do que aínda comezamos a coñecer, creo que o artigo non perdeu interese. Recupero o texto tal como apareceu publicado daquela, apenas actualizado ortograficamente:

Na mañá do venres pasado, despois da segunda noite de bombardeos sobre Bagdad, gardáronse en Wall Street, momentos antes da súa apertura, dous minutos de silencio solidario, “unha homenaxe a eses trescentos mil militares profesionais norteamericanos que de forma tan valente defenden a libertade”, informaba o correspondente económico do noticiario radiofónico. Instantes despois, os brokers novaiorquinos lanzáronse a desputar no parqué a súa carreira entolecida para recoller os primeiros beneficios deste “ataque intelixente e selectivo sobre as residencias de Hussein”, unha operación cirúrxica que estaba sendo todo un éxito: os índices comezaron axiña a repuntar, mesmo acadando unhas cotas espectaculares (a maior suba dos últimos anos), o dólar recuperábase fronte ao euro, os prezos do petróleo situábanse por baixo dos vinte e cinco dólares o barril, nunha inxección de optimismo que contaxiaba os índices bolseiros de todo o mundo. George Bush, Donald Rumsfeld e Condoleeza Rice, tres bos colegas en excedencia temporal do sector petroleiro, non poden agochar a súa satisfacción, o efecto da chuvia de bombas intelixentes funciona, o presidente, despois destes días tan estresados, poderá disfrutar do seu merecido fin de semana no rancho texano.

Porén, non hai o mesmo optimismo en Moncloa. O presidente volveu disgustado da xuntanza trimestral da Unión Europea en Bruxelas. Os vicepresidentes e asesores saben que non gusta destas convocatorias tan numerosas e aborrecidas, onde sempre hai que chegar a consensos e a el non o valoran como un estadista mundial que participou nunha cimeira histórica nas Azores. Cóntalles que soubo esquivar a mirada deses pacifistas antipáticos, eses fachendosos que se cren os amos dos valores europeos e que tiveron a ousadía de pedir que cese o ataque americano: “o gordo alemán e Chirac sentaron xuntos, fronte miña, pero eu non piquei, metinme nos papeis e a traballar”. Moncloa respirou aliviada cando viu nos xornais a foto con Tony, “fixemos un á parte de dous minutos para falar do noso e logo me despachei a gusto na roda de prensa”. Polo que agora está mais anoxado o presidente é polo que lle contan os seus dos pacifistas: “hai manifestacións non autorizadas de estudantes en moitas cidades, insúltanos e apúpanos diante das nosas sedes; os seguidores de Felipe González e os comunistas queren sacar tallada; algúns violentos chegaron a tirar ovos nun acto pre-electoral. Presidente, hai que actuar”. “Acougade, meus. Acebes xa deu as ordes oportunas. Insisitide no discurso de firmeza e seguridade, na nosa tradicional defensa da tolerancia e dos valores democráticos que o partido forxou nestes últimos sete anos. Na legalidade indubidable da 1441 e da 687, nos crimes do sanguinario Hussein, nos intereses económicos agochados dos franceses, nos nosos buques de apoio humanitario. Non sexades mixiriqueiros!, sabedes que temos argumentos de abondo para gañar esta batalla e o partido, que eu saiba, é unha pina. Acougade, prometéronme que isto acabará nuns días!”, insiste o presidente.

Os cidadáns conscientes do mundo, os millóns de pacifistas, desprezados ridiculamente polo presidente Aznar, os que escoitamos a radio, os que lemos os xornais independentes, os que contemplamos enrabexados na tele as imaxes da muralla de fogo e morte sobre Bagdad, os que nos manifestamos pacificamente contra este horror somos tamén vítimas desta grande operación de conmoción e pavor sobre a dignidade humana. Seres humanos que sufrimos a mentira, o cinismo como arma de actuación destes políticos dunha e outra banda do Atlántico que defenden a creación dun imperio unipolar por medio dunha guerra ilegal, inxusta, inmoral, motivada por tan indignos intereses de apoderarse dese elixir negro que emborracha as súas contas correntes. (“Por qué o noso petróleo está baixo as areas deles?”, preguntaba de forma irónica nun maxistral artigo contra esta guerra o escritor Eduardo Galeano). Por moito que eles digan, pouco lles importa aos promotores deste ataque a destrución dun país empobrecido e as vidas dos seus cidadáns castigados durante trinta anos polo réxime dun dictador miserable e agora polos seus “liberadores”. Somos os cidadáns conscientes do mundo os que temos a responsabilidade de parar esta guerra de mísiles e mentiras, participando de forma activa nas mobilizacións que reclaman a restauración da orde da legalidade internacional e na recuperación dos valores da cultura da paz que comparte a humanidade. Guerra Nunca Máis!

Onte 549: Amador e Daniel

Efemérides como a do 10 de marzo non poden pasar desapercibidas. Recordóunolo Agustín Fernández Paz  en «Era un inverno cruel de chumbo e morte», o título da valiosa anotación que publicou onte recollendo o primeiro verso dun emotivo poema escrito por Darío Xohán Cabana en lembranza daquel día nefasto de 1972. Nun tempo de abraiante precariedade laboral e social coma a que vivimos, é imprescindible facer un exercicio de memoria histórica lembrando o que sucedeu naquel Ferrol  de 1972, cando os obreiros de Bazán e Astano foron ametrallados pola policía. Como debemos facelo cos conflitos de Vigo naquel mesmo ano. Só así seremos conscientes do tremendo esforzo das xeracións que nos precederon, e mesmo das vidas que custaron as conquistas que agora pretenden arrebatarnos. Amador Niebla e Daniel Rei, sempre!!!

Onte 545: Lectura en alta voz

Celebrouse onte o Día Mundial da lectura en alta voz, unha iniciativa concibida para amosar ao mundo que o dereito á lectura e á escritura pertence a todas as persoas. Celebrada en 2012 en sesenta e cinco países, os organizadores desta iniciativa pretenden “motivar aos nenos, adolescentes e ás persoas adultas para celebrar o poder das palabras, sobre todo daquelas transmitidas [compartidas] de forma presencial e capaces de crear unha comunidade de lectores e lectoras, ao tempo que reclamar o dereito de cada neno ou nena a unha educación segura e o acceso aos libros e a tecnoloxía. “Erguendo as nosas voces, neste día, amosamos aos nenos do mundo que apoiamos o seu  futuro: que teñen o dereito a ler, escribir e compartir as súas palabras para cambiar o mundo”, afirman os promotores no texto do seu chamamento. A lectura en voz alta é unha práctica de comunicación oral baseada na lectura, capaz de socializar o texto e engadirlle emocionalidade. É unha moi interesante estratexia de animación e formación lectora, por fortuna en vías de recuperación. O programa “Ler e escoitar”, un concurso de lectura en alta voz incluído no programa “Hora de ler” da Asesoría de Bibliotecas Escolares, amosa o éxito e o valor desta estratexia de animación. Ler en alta voz para compartir e formar lectores e lectoras.

Onte 535: Con Rosalía na Casa da Matanza

Pareceume magnífica a sesión literaria na casa da Matanza con motivo do cento setenta e seis aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Comezou coa Alborada interpretada por Pepe Ferreiros, mestre gaiteiro das Terras Iria e fundador de Milladoiro. Tras a benvida agarimeira de Anxo Angueira, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, sucedéronse quince intervencións nas que representantes de diversas institucións glosamos brevemente algún aspecto rosaliano e leron cadanseu fragmento de Cantares gallegos.

Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia, expresou o compromiso dos libreiros galegos con Rosalía de Castro, «como expresión primeira da nosa identidade e fundadora do libro galego». Eu mesmo, como presidente da Asociación Galega de Editores, referinme a relación de Rosalía e Manuel Murguía co seu editor, Juan Compañel, no proceso de edición de Cantares gallegos. Elisa Fernández, en representación da AIEG, salientou «a necesidade de proxección internacional da obra rosaliana». Luís González Tosar, presidente do PEN Clube Galicia, definiu a Rosalía como «o alento, o facho, o símbolo da galeguidade». Xesús Alonso Montero, director do Instituto de Estudos Rosalianos, iniciou a súa intervención presentando a pegada rosaliana na obra do poeta Federico García Lorca e aconsellando despois «seguir lendo a Rosalía para que o millo medre».

Escoitar a voz gravada de Kathleen March foi un dos momentos máis emocionantes da sesión. Para a veterana rosaliana estadounidense «a voz de Rosalía é a porta principal para entrar na casa de Galicia. A súa voz e o seu berro son os dunha Galicia ceibe, xusta, con pan para todas as bocas. Rosalía é dona do imaxinario colectivo galego». Charo Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, chamou a participar no Congreso sobre Rosalía (presencial e virtual), convocado polo CCG, salientando a importancia de «sermos unha literatura fundada por unha voz feminina». Xosé Henrique Costas, vicerreitor da Universidade de Vigo, anunciou algunhas das accións rosalianas que puxo en marcha a UDV, como «a tradución dalgúns dos seus poemas a cincuenta linguas, dende o ucraíno ao bengalí, amosando que Rosalía é mundial, canta en todos os idiomas». Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega, comezou as súas palabras lembrando o poema «El desdichado» de G. Nerval, considerándoo coma un precedente dos poemas de Rosalía sobre os labregos sen terra, especialmente, as mulleres dos labregos sen terra». Ferrín sumouse a petición da Asociación de Escritores en Lingua Galega de recuperar o acceso libre da cidadanía galega á tumba de Rosalía de Castro. Despois de ler un fragmento de «Nasín cando as fores nasen», Ferrín afirmou que «toda a humanidade, a proximidade de Rosalía están neses versos humildes pero grandes».

Tras as intervenciós dos alcaldes de Ames, Santiago, Vigo, Padrón e do conselleiro de Educación e Cultura, pechou a quenda de intervencións a lectura dun poema a cargo da presentadora, María Solar, luminosa e agarimeira como ela sempre adoita. Despois,  Uxía e Sergio Tannus interpretaron tres temas moi emocionantes, «Paseniño», «A Rosalía» e a «Alborada» sobre o texto de Cantares gallegos. Unha coda musical moi brillante para unha sesión literaria excelente.