Profesorado e lectura

No artigo da semana propoño que a lectura e a dignificación do profesorado sexan considerados eixos principais do debate sobre a Lei Orgánica de Educación.

Inmersión no ensino

O sempre interesante galego.org informa amplamente do contido das recomendacións da comisión de expertos do Consello de Europa sobre a aplicación en Galicia da Carta Europea das Linguas Minorizadas. Na listaxe de recomendacións, moi a ter en conta, salienta a da posibilidade de establecer un modelo de inmersión no eido educativo non universitario (semellante ao que funciona en Cataluña con éxito dende hai case dúas décadas); noutras palabras, o Consello de Europa está a recomendar a posibilidade de que os picariños e picariñas puidesen, dende a Educación Infantil, ser educados completamente nun modelo monolingüe galego.
Mágoa que a modalidade de inmersión lingüística no ensino, durante os gobernos Fraga, fose unha posibilidade que se rexeitou de raíz, aducindo a especificidade do modelo galego, acuñado como de “bilingüismo harmónico”. Todos apostamos por un modelo de galeguización educativa, que semellaba axeitado (sobre todo na utilización do galego como lingua vehicular de determinadas áreas), mais que, porén, non foi respectado nin potenciado como debera. Afortunadamente, esta importante recomendación europea abre de cheo o debate sobre un modelo de galeguización alternativo, sobre todo nas idades temperás, que permitiría recupera o pulo normalizador, nos últimos anos, tan atemperado na escola. Agardamos que a nova Secretaría de Política Lingüística, ademais de desenvolver o Plan de Normalización, aposte, tamén, por estudar novos vieiros (como o da inmersión temperá), para potenciar o fráxil proceso de galeguización do ensino.

Profesora de relixión despedida

En Italia haiche moito rebumbio por esta noticia, da que fala, tamén, a edición internacional de CNN.

Inicio do curso


Como todos os anos, na xornada de inicio de curso teño saudades dos meus anos na escola infantil. Enfrontarme por vez primeira aos novos picariños, con toda a súa vida ás costas (desde os seus medos ao descoñecido á súa valentía para conquistar a autonomía de valerse), foi sempre unha das experiencias que me marcaron.
Na interacción da escola todos os mestres aprendemos dos nenos e todos –a pesar do desgaste emocional deste traballo e das lideiras imprevisibles que poden aparecer cos pequenos– saímos máis humanos.
Hai vinte e dous anos aprendín de Natalia, unha cativa do Budiño, filla dun mariñeiro embarcado no Gran Sole, unha frase que anotei no caderno de textos libres (unha bitácora que gardo como unha alfaia) e que dende entón nunca esquecín:
Manolo, sabes?: no mar tamén pode chover.
Esta manifestación tan contundente do pensamento animista infantil, explicaba (mellor que calquera manual de Psicopedagoxía dos que estudabamos na facultade) proceso tan complexo como é a consideración da aprendizaxe como construción individual do coñecemento. Débolle ao texto oral de Natalia (hoxe unha muller de vinte seis anos, que non coñezo) comprender que aprendemos cando descubrimos un concepto que desfai o noso coñecemento pretérito. Velaí o papel insubstituíble da escola primeira, que hoxe comezou, para abrir e pechar os conceptos inclusores do coñecemento futuro.
Ten moita razón o Presidente cando afirma que “o futuro de Galicia se xoga cada día en cada centro educativo“. No investimento que os poderes públicos fagan na educación infantil e primaria (na formación e na mellora das condicións de traballo dos docentes, mais tamén, nos espazos e recursos de aprendizaxe, como nos servizos de atención complementaria) está boa parte do noso futuro como sociedade culta e moderna. Como sinala o presidente Lula: ” a educación non é un gasto, é un investimento“.

Nota ao pé: inserto unhas fotografías (que, por prudencia, prefiro non comentar) que enlazo dende o arquivo de imaxes da Xunta (unha fonte moi interesante para seguir as actividades institucionais das distintas consellarías, que non dubido en recomendar).

Retos para a política educativa

As intervencións da nova Conselleira de Educación sempre teñen miga. O anuncio da revisión dos convenios coa privada amosou un rigor e unha afouteza á que non estabamos afeitos. As posteriores declaracións radiofónicas en castelán (un feito ao que nunca se atrevera ningún dos conselleiros anteriores do PP) enchéronos de enorme preocupación. Hoxe, porén, aparece unha entrevista con ela moi esperanzadora, apostando por unha educación innovadora e implicada coa sociedade e ofrecendo, ademais, contrapartidas aos libreiros e editores para a implantación da gratuidade dos libros de texto ao longo da lexislatura.
Non teño dúbidas de que a política educativa debería ser unha das prioridades do novo goberno conxunto. Hai retos abondos: revalorización da rede escolar pública, implantación da nova reforma educativa (que suporá un novo deseño curricular), diminución do índice de fracaso na Secundaria, recuperación para a lingua do papel normalizador da escola, reilusión do profesorado e ampliación dos seus cadros de persoal, implantación da gratuidade educativa (servizos e materiais curriculares), o financiamento universitario e das súas políticas de investigacións… O novo equipo da consellaría ten moita faena para os escasos recursos cos que conta.

Apoio a Marta Mata

Recibo na caixa de correo unha iniciativa oportunísima que merece o meu apoio máis entusiasta.
Transcríboa:

O pasado 17 de febreiro o Consello Escolar de Estado aprobou unha resolución pola que se pedia ó Goberno que a asignatura de relixión deixase de formar parte do currículo na escola pública renegociando os acordos co Vaticano no que fora preciso. A votación, cunha asistencia minoritaria, resultou empatada polo que a Presidenta, Marta Mata, fixo valer o seu voto de calidade para aprobar a resolución. As organizacións e os medios partidarios da situación anterior desenvolveron desde entón unha dura campaña personalizada na figura de Marta Mata pedindo a súa dimisión e rexeitando o contido da resolución. Os que pensamos que a presencia da relixión na escola é un residuo histórico, un atranco para integración e unha vulneración dos dereitos das persoas vemos con preocupación este tipo de actuacións. Pero a preocupación tornase en indignación cando se somete a unha persoa como Marta Mata a todo tipo de recriminacións. Sabemos moi ben o que representa Marta Mata: a continuidade histórica cos tendencias transformadoras da II República, o traballo colectivo dos movementos de renovación pedagóxica durante o franquismo e a persistencia nestas metas na democracia que a levou a presentar a dimisión do Consello escolar do estado durante o goberno do PP e a asumir a presidencia de novo despois do 14 de marzo. Recoñecemos en Marta Mata a un colectivo que loita pola transformación da escola e por iso queremos facerlle chegar a nosa solidariedade e vos invitamos a facelo enviando correos de apoio ó c.escolar@educ.mec.es
ou “pegando” comentarios en
http://martamata.blogspot.com/

Sobre a LOE

No artigo da semana matizo as primeiras valoracións que fixen sobre a LOE.

Mellor libro do ano

Onte á noite fomos a Auria a participar na cerimonia de fallo dos Premios Irmandade do Libro organizados pola Federación de Libreiros de Galicia. Tivemos a fortuna de recibir o premio ao mellor libro de 2004. Foi unha alegría, sobre todo, porque supón un primeiro recoñecemento para o traballo xigante que realizou Antón Costa durante unha década.
Os editores debemos agradecer a existencia de premios a obras xa editadas (moi escasos en Galicia), porque supoñen unha visibilidade para o noso traballo. Agradecemento maior cando son os libreiros (eses militantes fantasía da causa da lectura) os que recoñecen a calidade dunha obra inserta nunha concepción da edición estritamente cultural, que, ademais, e a pesar das súas dimensións (1.280 páxinas), non recibiu axuda ningunha institucional para a súa publicación. Feito máis significativo, aínda, por non tratarse dun libro literario, que xeralmente reciben unha maior atención. Agardo que este premio nos axude a continuar dando a coñecer unha obra da que, tanto o seu autor como os editores, nos sentimos tan orgullosos.

Alivio

Hai moito que ler nese cento de folios presentados onte como anteproxecto da Lei Orgánica de Educación. A miña primeira valoración, a pesar do morniño da proposta (fáltalle alma política e conviccións educativas a esta ministra), é globalmente positiva. Constitúe un alivio volver ao espírito da educación comprensiva para todos da LOXSE, tras o claro paso atrás que supoñía a segregadora Lei de Calidade do goberno Aznar, cos seus itinerarios e reválidas. A proposta do goberno Zapatero é unha reforma, sobre todo, da ESO, e unha simplificación e clarificación de toda a normativa educativa.
Non é doado combinar calidade e equidade, como principios que rexen a proposta, moito máis cando a sociedade actual non promove estes valores e cando se lle demanda ao sistema educativo que compense todas as desigualdades e discriminacións. Paréceme valente defender o principio de esforzo compartido de todos os membros da comunidade educativa, propoñer a lectura e as matemáticas como eixes curriculares da educación obrigatoria, flexibilizar o sistema e a autonomía dos centros, ao tempo que establecer mecanismos externos de avaliación (indispensables para asegurar o carácter non discriminatorio do sistema). Haberá que entrar a debullar polo miúdo o texto, que compila e corrixe as catro leis anteriores vixentes (Estatuto do Profesorado incluído). Contarase con financiamento abondo? Que consecuencias terá para o currículo? Como se concretará a proposta de cooperación territorial entre as diversas Administracións con competencias educativas?
A pesar do prudente da proposta, non me extrañaría que os sectores máis conservadores comecen a bramar (algúns xa o fixeron). Cuestións como o regulamento da relixión católica e os concertos coa privada son as excusas para non entrar no debate dos temas de fondo sobre o sentido da educación pública no marco da sociedade europea do coñecemento. Non lle vai ser doado ao goberno sacar adiante a lei e, moito menos, co consenso que se propón (precisa ineludiblemente dos seus aliados de esquerda e dos nacionalistas). Ábrese o debate.