Onte 904: A plataforma de contidos dixitais de Abalar

Foi o propio presidente da Xunta quen onte presentou a continuidade do programa Abalar para os tres vindeiros cursos e para o dez por cento do alumnado do ensino non universitario de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO. A novidade do anunciado reside na creación dunha «plataforma de contidos curriculares dixitais na que estará ao completo a materia de cada curso», da que nada sabemos nin fomos informados os profesionais da edición educativa en Galicia nin do sector da libraría. Ademais deste «enigma», valorado por Feijoo en 3,6 millóns de euros, chama a atención que a Xunta continúe optando por un modelo de contido dixital educativo redistribuído (sen conexión á rede) e apostando por un modelo de «educación dixital completa», que elimine o uso dos soportes impresos, «eses perigosos e caros libros impresos». Abandónase así a estratexia de hibridación dixital de todo o sistema educativo, no que se utilizan ambos os dous tipos de soportes e no que se privilexia o desenvolvemento da competencia dixital e das competencias de comunicación lingüística, aconsellada de forma reiterada nos documentos da LOMCE. Temo que como xa sucedera coa potenciación da ensinanzas do inglés, que xustificou o retroceso do emprego do galego como lingua vehicular, a dixitalización das aulas sexa utilizada como ferramenta da mercadotecnia política.

Onte 895: Rescate de Aguirre

Cruceime onte en Compostela con Quique Alvarellos e Olivia Rodríguez cando ían camiño da Fundación Torrente Ballester para presentar Recuerdos de Agosto, o libro no que se recolle a obra poética de Aurelio Aguirre. A recuperación do corpus literario do noso poeta romántico por excelencia, un dos bardos do Banquete de Conxo, constitúe un fito significativo no proceso aínda inconcluso de investigación sobre a memoria literaria galega do século XIX. Máis aínda cando esta edición inclúe oitenta poemas inéditos (dous libros manuscritos e un fato de follas volanderas), ademais dunha edición textual moi coidada a cargo de Olivia Rodríguez e un estudo histórico do contexto de Xurxo Martinez. Parabéns ao editor Henrique Alvarellos que na súa modélica colección «Rescate» está demostrando que hai moita agra por labrar cos clásicos galegos.

Onte 890: A cultura galega, a nosa angueira

Tras un enriquecedor e sosegado proceso de análise e reflexión, a AELG, AGE e GALIX publicamos onte o texto A cultura galega, a nosa angueira co que expresamos o compromiso de tres das asociacións profesionais do sector do libro e da lectura en Galicia coa industria cultural de noso. Ás portas da celebración do Día de Rosalía, inxustamente excluído do Calendario do libro e da lectura 2014 da Consellaría de Cultura e Educación, e coincidindo co inicio das actividades do Ano Díaz Castro, con este texto as tres asociacións queremos contribuír a promover o entusiasmo e a corresponsabilidade da sociedade lectora galega ao tempo que reclamar o ineludible compromiso dos poderes públicos co fomento e difusión da nosa cultura e coa normalización da lingua galega.

Onte 870: Calendario profesional do libro e da lectura 2014

Comezamos onte a espallar pola rede o Calendario profesional do libro e da lectura 2014 preparado en man común pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e pola Asociación Galega de Editores. Unha peza informativa, deseñada por Fausto Deseño Asociados, que pretende axudar a todos os membros do sector do libro en Galicia (autores, editores, libreiros, bibliotecarios, profesorado…) na súa tarefa de organización e mellora da coordinación das súas actividades de promoción do libro e da lectura. Ademais das efemérides de referencia para todo o sector, como o xa próximo e ilusionante Día de Rosalía, aparece o calendario das feiras do libro de Galicia e de feiras internacionais do libro nas que participa a edición galega, así como as actividades principais promovidas pola AELG e AGE. Agradecemos difusión.

Onte 861: Editorial Cartel

Grazas ao bibliófilo Guillermo Escrigas soubemos onte da existencia da editorial Cartel, que funcionou en Vigo durante a Guerra Civil, sendo probablemente un precedente daquela exitosa editorial Cíes de Eugenio Barrientos. líder da edición popular en España durante as primeiras décadas de posguerra. Instalada no número 8 da rúa Velázquez Moreno, a editorial Cartel publicaba nos anos 37 e 38 diversas coleccións de novelas breves e contos infantís ilustrados, distribuídos por correo por medio dun sistema de subscrición mensual a 50 céntimos. As présas puidemos manexar nove títulos que trouxo Escrigas, todos eles de formato peto (estimo 9 x 13 cm) e de 24 a 36 páxinas, incluindo nos interiores media ducia de ilustracións a liña (algunas ben xeitosas) e portadas a dúas cores. Anotamos as présas títulos e autores. Na colección «Cuentos de la niñez» (na que identificamos nunha das contracubertas unha relación de dez títulos): Marta y el príncipe azul, El misionero y las botas de cien leguas, La maldición, Marina y sus tremendas aventuras, La estatua de los ojos azules. Baixo o epígrafe de colección «La novela nueva»: Leyenda del fuego (1938) de Federico Mendizabal, y Leyendas de mi aldea (1937) de Jose Sanz Díaz. Na colección «Cuentos de Calleja», La murga gaditana; na colección «Cuentos de Jub», El malvado Ivanof e sen epígrafe Los poetas. Canciones extraviadas de Julio Sigüenza. tempo haberá para procurar máis datos destoutro capítulo da historia da edición en Vigo, cidade cunha actividade editorial ininterrumpida dende hai 150 anos.

A descuberta da exisencia de Cartel produciuse no marco dunha longa sesión de traballo celebrada dentro das actividades do magnífico proxecto de investigación da Universidade da Coruña «Produción editorial na Galiza durante a etapa franquista (1939-1975)», dirixido pola profesora Carmen Fernández Pérez-Sanjulián. Un proxecto que leva catalogados até o momento arredor de 4.800 títulos editados en Galicia durante este período, dos 718 foron publicados en galego. Un proxecto de investigación que moito axudará a reconstruír a memoria da edición en Galicia e na nosa lingua, un capítulo tan fulcral (coma até agora case inexistente) na nosa historia cultural. A miña beizón e os mellores azos para o grupo Illa da UDC e para as persoas participantes en tan importante achega para a edición galega.

Onte 851: «Especies en extinción»

Resultoume moi interesante a lectura de Especies en extinción. memorias de un periodista que fue editor (Tusquets, 2013)o segundo libro memorialístico do meu admirado Juan Cruz. Naturalmente o primeiro que lin foi o capítulo dedicado ao escritor Manuel Rivas, onde relata a famosa anécdota (que xa lle oiramos contar a Juan en varias ocasións) que deu pé á escrita d’ O lapìs do carpinteiro. Como tamén foron da miña preferencia inicial aqueloutros capítulos nos que aborda o seu traballo como director de Alfaguara e despois como responsable de La Oficina del Autor, unha tarefa que lle encomendou Jesús Polanco para seguir aos autores mentres non tiñan libro en edición, xa que como dixo Kafka «a soidade absoluta do autor é o momento tamén máis arriscado para o editor».

Son moitas as frases que subliñei dun libro de lectura máis que recomendable para os que intentamos desempeñar con dignidade e dedicación o oficio de editor. Á luz da súa experiencia, para Cruz o editor é apenas un acompañante que utiliza valores que no oficio xornalístico «pasan como normas pesadas de protocolo». Abonda con enumerar algunhas para sentírmonos identificados: «os editores son moi puntuais« (certo na maioría dos casos que coñezo); «cumpren a súa palabra cos autores, seguen a estes aínda que non sexan personaxes en alza»; «os editores ocúpansen de todas as fases dun libro, dende que se está xestando até que o volume impreso se envolve ao ser vendido»… Para Cruz «editar, coma escribir ou facer xornalismo, é un estado de ánimo», «editar é acompañar e experimentar», un oficio que require seres humanos (como sinalaba Korda) capaces de «combinar a paciencia co sentido común, e este co sentido do humor», «sen que falte nunca o entusiasmo». Juan insiste nestas páxinas moi sabedeiras que o editor precisa de grandes doses de humildade, «é un personaxe afeito a escoitar para alimentar o ego desalentado dos seus autores», para o que «non existe antídoto ningún». Citando o recentemente desaparecido Josep María Castellet, lembra que «o editor é tamén tempo e un ollo sobre a sociedade», identificando onde pode «aparecer un resplandor», aínda que tamén «editar é sosegar, non correr». «Un editor nunca debe rematar un diálogo cun autor pechando unha porta, soltando exabruptos, cargándose de razón».

O que máis me chamou a atención dunhas páxinas inzadas de anécdotas e citas literarias é a insistencia do autor en reiterar en varios capítulos unha frase célebre de Jaime Salinas, editor que fóra de Alfaguara. Preguntoulle Cruz nunha entrevista, até cando un escritor quere ao seu editor. E Salinas respondeulle nunha liña: «até que xa non é o seu editor, un autor quérete mentres te necesita». Unha expresión brutal sobre o límite dos afectos no noso oficio, que foi capaz de colmar a miña melancolía lembrando o mito de Sísifo. No meu caso, tras vinte e tres anos na profesión, madia leva!, teño a fortuna de podela cuestionar. Porén non lle falta razón a Cruz cando afirma que «editar non é só acompañar, ou estimular, ou mimar, ou exaltar os egos revoltos para colocalos coma pratiños chineses no alto dun pao na feira das vaidades. Editar é publicar, e os autores quérente (ou respectánte ou requírente) cando os publicas». Dou fé.

Onte 848: Castellet, editor en lingua catalá

No pasamento de Josep María Castellet é imprescindible salientar o labor monumental que realizou durante tres décadas, de 1964 a 1996, como editor en lingua catalá. Como director editorial de Edicións 62 desenvolveu un catálogo multidisciplinar e diverso (3.500 títulos), inserido na mellor tradición da edición europea do seu tempo, imprescindible na reconstrución cultural catalá do tardofranquismo e da restauración borbónica. Un labor teimoso e discreto de editor cultural, que hoxe agradecen milleiros de persoas. Que mellor homenaxe para a un editor que recibir o agarimo da comunidade de lectores e lectoras que forxaron os libros que editou!

Onte 845: Lectura e cidadanía

Din onte no twitter de Catro gatos con esta magnífica entrevista con Daniel Goldín, editor, escritor e bibliotecario mexicano. Un texto que resume demarabilla algunha das ideas que artellan as relacións entre «lectura» e «cidanía», un tema que tanto me interesa. Para Goldin «fomentar a lectura é facilitar maiores posibilidades de ser cidadán (…); participar no presente, coñecer o pasado, imaxinar ou construír futuros», razóns pola que aconsella «non reducir o fomento da lectura a achegar a toda a poboación a un corpus libresco fundamentalmente literario« senón a «fomentar un achegamento á palabra escrita» capaz de integrar «lectura, escritura e conversa». «Ler, escribir, conversar supón reler, reescribir, revisar (…), só desde esta perspectiva se pode soster o vínculo entre a lectura e a cidadanía».

Para Goldín o estado «debe garantir a formación lectora na educación básica desde esta perspectiva integradora de oralidade, lectura e escritura», «sen ela non habería xamais igualdade de oportunidades nin unha democracia participativa». Como para el será necesario, tamén, que traballe para «ampliar as posibilidades de acceso á cultura escrita multiplicando o número de bibliotecas e librarías».

Moi interesantes son tamén as súas opinións sobre o carácter híbrido da lectura hoxe: «Non sei como vai ser o futuro, pero o presente da lectura só se pode comprender desde a coexistencia do analóxico co dixital, da mesma maneira que a vida social e afectiva de todos supón encontros virtuais e presenciais». Para Goldín o que define a lectura non é o soporte senón «a insatisfacción co real, a necesidade de informarse, o desexo de saber, a rebeldía contra a nosa condición ou contra o mundo… É aí onde debemos centrar a nosa atención».

Onte 810: Finou Schiffrin

Finou André Schiffrin, un dos editores contemporáneos de cultura máis influíntes. Fillo do editor de La Pleiade, Schifrin foi dos profesionais da edición que máis e con maior radicalidade reflexionou sobre o oficio de editor e sobre a edición coma sector cultural e económico no marco da denominada «globalización». A publicación en España no ano 2000 do seu ensaio La edición sin editores, no que anticipaba o diagnóstico dos males que padece hoxe o modelo de edición cultural europeo forxado tras a segunda guerra mundial, ao fío do comezo do proceso imparable de concentración en grandes grupos de edición, provocou un grande impacto, converténdose para moitos de nós en referente de análise. Como tamén o foi o seu seguinte libro, El control de la palabra, onde relataba con detalle o proceso de derrubamento do «imperio Vivendi» e, ás portas da revolución da dixitalización do sector, propoñía un modelo de edición alternativa independiente para rematar co conformismo do sector en Europa. Finou un mestre da edición contemporánea, un editor crítico, inconformista, rabudo, coma correspondente co noso oficio.

Onte 801: Debate no MICAtlántica

Pasei unha parte da tarde no MICAtlántica, que se celebra na Cidade da Cultura, onde fun convidado a participar nun debate sobre a situación do sector da edición en Arxentina e en Galicia. Máis alá do que eu entendo como unha falta de medida de organizar a parte expositiva e o fórum do evento na CdC (descoñezo cal é achega económica da Xunta de Galicia e cal do goberno arxentino), como do pouco axeitada data da súa convocatoria, xusto na semana anterior a Culturgal, MICAtlántica podería ser outra xanela que permita a industria cultural galega enxergar horizonte alén mar, sobre todo nos grandes mercados arxentino e brasileiro. Foi esta tamén a principal conclusión do debate no que intervín sobre a situación do mercado interior do libro e as posibilidades de colaboración futuras entre editores galegos e arxentinos. Ao longo dunha hora, Martín Gremmelspacher, vicepresidente da Cámara Arxentina do Libro (que agrupa a 500 editoras e librarías), Víctor Freixanes e eu mesmo fomos trazando un cadro comparativo da situación da edición en ambos os dous países que resultou ilustrativa. Paga a pena recoller aquí algúns dos datos. Mentres en Arxentina editan 26.000 títulos cada ano, nós ofrecemos 3.400, dos que 2.100 son en lingua galega. Cando eles estiman unha faturación de 800 millóns de euros, a nosa en 2011 non chegou aos 28 millóns, dos cales 21 corresponden ao mercado do libro en galego. Mentres eles recibiron unha compra institucional directa de 45 millóns de euros para dotar bibliotecas públicas, esta partida para o libro en galego en 2013 non chegou ao medio millón de euros… A actual situación da distribución do contido dixital, a importancia do libro educativo e do fomento da lectura por medio da biblioteca escolar foron outras cuestións que se puxeron sobre a mesa. Agardemos que este primeiro MICAtlántica teña continuidade noutro calendario e nunha instalación máis axeitada.