Solidariedade con Fernán Vello

Aínda que entendo desafortunado o título e o antetítulo desta información, paréceme inadmisible que un concelleiro recrimine en público o lexítimo exercicio da liberdade de expresión dun editor cando presenta un dos seus libros. Cónstame que Fernán Vello expresou as súas opinións (que poden ou non ser compartidas) coa elegancia e a diplomacia que sempre caracteriza a súa actuación. Incidentes como o descrito por Galicia hoxe prodúcennos vergonza, moito máis aínda cando son protagonizados por políticos nacionalistas. Son compatibles semellantes actitudes deste candidato á alcaldía compostelana coa política de rexeneración democrática que pretende encabezar o BNG desde o Goberno Galego?
Expreso a miña solidariedade con Miguel Anxo Fernán Vello, gran editor galego.
Actualización (08-10-2006): Néstor Rego publica hoxe unha importante aclaración sobre os termos do incidente.
Actualización (09-10-2006): Miguel Anxo Fernán Vello publica hoxe un artigo moi clarificador onde explica os termos e o contexto do incidente.
Etiquetas:

O traballo do editor

Manolo Gago fíxome esta mañá un excelente agasallo. Achegoume o enlace do blog de Jean François Fogel (dentro de El Boomeran(g) do Grupo Prisa), onde no máis recente post aparecen diversas definicións de Julio Villanueva (o director da revista Etiqueta Negra) que describen o traballo do editor (de revistas ou libros):

«Un editor es un especialista en hacer buenas preguntas».
«Las frases favoritas del editor son dos: no sé y no entiendo».
«El editor es el representante del sindicato del hombre común».
«El editor busca decir lo que quiere decir el autor».
«El editor es un seductor y un manipulador».

De todas as definicións non sabería con cal quedarme para definir o que intento facer. Quizais as dúas primeiras? Un interesante debate que merece reflexión.
Etiquetas:

Con Isaac

Non podo comprender as razóns para intentar apartar a Isaac e a súa familia da dirección do grupo Sargadelos. Hoxe en Vigo Metropolitano aparece unha das poucas entrevistas con este grande mestre de editores sobre tan espiñenta cuestión. Nesta entrevista moi interesante, Isaac amosa a súa vontade de loitar para recuperar a dirección do proxecto empresarial e cultural que encabezou dende hai máis de corenta anos.
A Isaac téñolle enorme admiración. En decembro de 2004 tiven a honra de facer a laudatio do seu traballo, con motivo da homenaxe que lle tributou a Federación de Asociacións de Veciños de Vigo. Permítome extractar o anaco daquel discurso no que facía referencia a súa actividade empresarial:

“… Creo que foi o contacto co mundo do exilio o feito decisivo que o levou a tomar a decisión radical de abandonar a súa carreira de “pintor de éxito” e iniciar un comprometido proxecto de promotor dunha industria cultural en Galicia. Velaí o proxecto intelectual, empresarial e cultural (termos inseparables) do noso Gulliver Pardo: pasar dunhas formas (os sinais dun sistema propio de expresión das manifestacións da cultura) exclusivamente funcionais a outras que, ademais de funcionais, expresaran o contexto no que foron feitas.
Desa complexa determinación intelectual saíron os proxectos empresariais aos que Isaac Díaz Pardo entregou a súa vida: Cerámicas do Castro (fundada en 1948), que comezou empregando as materias primas utilizadas no antigo Sargadelos para fabricar pezas de aprezable calidade, e, logo, en Arxentina (Isaac tamén foi emigrante), Cerámicas de Magdalena (en 1955). De novo no país, o Laboratorio de Formas de Galicia (1963), que promoveu xunto aos seus grandes amigos da cultura do exilio bonaerense (Luís Seoane, Lorenzo Varela, Rafael Dieste e Antonio Baltar), concibido como plataforma para promover unha serie de empresas recuperadoras da memoria histórica de Galicia: o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside ou Ediciós do Castro. E, xa por último, o complexo industrial de Cerámicas Sargadelos de Cervo (1968), a formulación da industria cultural de maior relevo e transcendencia do noso tempo. Sargadelos foi, dende entón, e segue a ser, o símbolo da Galicia moderna e eterna, recollida nun prato ou nunha cunca, nunha alfaia diminuta das que deseña a súa compañeira Minina ou nunha escultura da Alba de Gloria.
E nesas segue don Isaac. Traballando como responsable, deseñador, creador, promotor de Sargadelos; como editor de Ediciós do Castro (onde publica “Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia”, a colección culturalmente máis relevante da edición galega actual); como membro de patronatos e fundacións múltiples; como articulista semanal tan aceirado e crítico como oportuno.
En todos estes eidos, en todas estas actividades, Isaac loita contra a desmemoria que baleira de contido trascendente calquera nova iniciativa. A memoria para el é garantía de lucidez e de compromiso, de respecto tanto pola tradición, moitas veces roubada ou ocultada (pensemos na do exilio), como, polo futuro, xa que constitúe a cartografía máis detallada para encaralo con esperanza.
(…)
Isaac Díaz Pardo é pura memoria de ferro (roubándolle o termo ao libreiro Antón Patiño) forxando o futuro de Galicia. Isaac é o artista total a quen hoxe os vigueses queremos acoller neste xantar. E queremos facelo coa mesma xenerosidade, con idéntica fraternidade e elegancia coa que Isaac nos acolleu sempre na súa casa de San Marcos. Porque, por riba de todo, a súa é a cultura do abrazo, a máis profundamente humana.
Con todos os nosos abrazos.”

Nova directiva para a AGE

Hoxe eliximos unha nova xunta directiva da asociación de editores. Producíuse unha profunda renovación de persoas e unha continuidade do proxecto de profesionalización do gremio, iniciada polo equipo presidido por Fernán Vello. Ábrese, pois, unha etapa moi esperanzadora –encabezada por un dos editores máis veteranos e comprometidos co libro galego, Alfonso García Sanmartín– para a que agardamos os maiores éxitos.

Etiquetas: ,

Finou Xohán Ledo

O pasado día dez finou Ricardo García Suárez, máis coñecido como Xohán Ledo, o ilustrador e debuxante que máis activamente participou no deseño das portadas e na diagramación dos libros da editorial Galaxia, da que foi director artístico durante as tres primeiras décadas da súa andaina. Ao seu talento debémoslle portadas como a d’ A lus do candil de Fole de 1953, a primeira edición d’ As crónicas do Sochantre de Cunqueiro, a primeira d’ Os biosbardos de Blanco Amor ou varios dos volumes ilustrados da colección Illa nova. Colaborou en Grial e en Galicia emigrante. Médico de profesión, unha vez xubilado emprendeu a proeza de traducir para o galego a Shakespeare, publicando en 1998 dous dos cumes shakesperianos, Ricardo III e Xulio César. Colaborou, tamén, con Álvaro Álvarez Blázquez na Serigrafía Gallega. Moi difundido foi o seu cartel do primeiro día das letras galegas de 1963. En 1998 recibiu o premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo.
Mágoa que o seu pasamento pasase tan desapercibido para a prensa galega, unha mostra da dolorosa enfermidade do esquecemento que padecemos. Beizóns para un grande artista e escritor, que a terra que tanto amou lle sexa leve.

Etiquetas: ,

Cambios na AGE

Hoxe na asemblea da AGE decidiuse que as eleccións para elixir nova Xunta Directiva serán o luns 19 de xuño. Miguel Anxo Fernán Vello, o noso presidente, amosou o desexo de entregar a testemuña a un novo equipo. Os que colaboramos estreitamente con el, durante estes dous anos de intenso traballo, non podemos máis que agradecerlle a súa xenerosa dispoñibilidade e o seu talento diplomático que permitiron elevar a unidade, autoestima e a profesionalidade do gremio de editores galegos. A normalización do traballo da asociación nunha cultura de transparencia e diálogo, a intensa participación dos editores na elaboración do anteproxecto da lei do libro, a colaboración leal con outras entidades profesionais do sector, o inicio dunha política de proxección do libro galego no exterior, a mellora da información sobre as actividades do sector, a celebración dos Simposios do libro e a da lectura e da Noite da edición son algúns dos éxitos da xestión de Fernán Vello, moi valorada por todo o sector da edición.
O novo equipo de dirección da AGE, que, con respecto ao actual, será moi renovado, deberá facer fronte a importantes retos, singularmente a atopar unha alternativa viable á modalidade de préstamo do libro escolar e a poñer en marcha o Salón do Libro e da Industria Cultural, unha ambiciosa plataforma de promoción da nosa produción cultural que se pretende celebrar cada ano en Pontevedra no mes de decembro. Para os que sexan elixidos o 19 de xuño, os mellores éxitos, que serán os de todos os editores galegos.

Etiquetas:,

Nota dos editores

Para quen siga a polémica, hoxe pode consultar a nota oficial da asociación de editores (aprobada na asemblea do luns e consultada con todos os socios). Os editores propoñerán unha reunión coa AELG (xa contactaron os presidentes) para elaborar un protocolo de boas prácticas editoriais.
Esoutra información, tamén de hoxe, é interesante (hai datos que poden ser pouco coñecidos).

Opinións de Roger Chartier

Desque lin Historia de la lectura en el mundo occidental sigo con interese a Guglielmo Cavallo e Roger Chartier. Hoxe Babelia publica unha entrevista co historiador francés na que boto en falta un pouco máis de coraxe para responder ás preguntas claves que todos nos facemos sobre o futuro do libro e a lectura. Con todo, quédome coas seguintes reflexións:
  • Os editores electrónicos non lograron o éxito agardado á hora de sustituír o libro impreso en xéneros como a novela, a historia ou o ensaio, onde o lector prefire o obxecto que é trasladable e contén toda a obra.
  • Os mozos len máis do que se di habitualmente. O que ocorre é que renunciaron, en boa medida, a formar bibliotecas.
  • Os profesores son os auténticos heroes contemporáneos xa que pretenden integrar as manifestacións audiovisuais coa cultura máis clásica.
  • A familia, a escola e os medios de comunicación xogan un papel básico de referencia para alentar a lectura.

Cortázar, Seoane, Porrúa e Galicia

Juan publica hoxe un post interesante sobre as relacións de Cortázar con Galicia que recomendo vivamente.
Sen entrar a valorar a oportunidade da cesión do legado fotográfico e fílmico cortaziano, semella que Touriño quere marcarse un tanto diferenciador con respecto á política cultural que acomete o seu propio goberno. Non correspondería encabezar esta xestión á Consellaría de Cultura? É imprescindible pretender capitalizar como propia cada iniciativa?

Nace Edicións da Rotonda

A intervención na Mesa dos blos da nosa admirada María merece comentario á parte xa que tivo a deferencia de anunciar a primicia mundial da creación de Edicións da Rotonda. María presentou a súa iniciativa como a dunha editora virtual, unha plataforma na rede desde a que lanzar todo tipo de produtos culturais. Presentou o seu primeiro produto, a novela de Carlos G. Meixide, O home inédito, disposta para ser descargada de forma gratuita (supoñemos que proximamente) da rede baixo unha licenza Creative Commons. Amosou a portada e o texto da obra, así como a páxina promocional da novela que contará cun blo, información sobre o autor, sinopse da obra, personaxes, making of, comentarios críticos… (os editores de papel presentes tomamos nota coma tolos dun modelo moi atractivo inexistente na edición galega).
María (na que sempre pensei que será a Carmen Balcells do século XXI) pretende que Edicións da Rotonda sexa editora sen ser fábrica, tentando darlle marca a todos aqueles intanxibles que editen. O segundo produto será EUROPA, unha película, mais tamén haberá música…
O proxecto promete moito, moito. Os editores convencionais temos moito que espabilar con iniciativas de edición na rede da calidade desta.
Beizóns, María e Berto! E longa vida para Edicións da Rotonda!
Actualización (07-11-2005): A editora está xa operativa dende hoxe na rede.