Campo do Fragoso CLV

DERBI HEROICO

FARO CHAPELACustoulle ao Celta ferro e fariña gañar o derbi fronte a un Deportivo moi competitivo e difícil de dobregar. Intensidade, afouteza, emoción, medo, ledicia, beleza, lealtade, respecto e fair play foron algúns dos ingredientes que derrocharon ambos os dous equipos ao longo dun derbi futbolístico fermoso e igualado que resolveu no minuto 88 de forma heroica o gardarredes celeste Sergio Álvarez. A memorable estricada felina do bautizado como “o gato de Catoira”, que cos brazos abertos coma papaventos aguantou en pé até o límite o lanzamento do bosníaco Medunjanin, formará parte da historia lendaria dos nosos derbis. Unha parada extraordinaria nun momento decisivo dun canteirán de corazón cen por cen celeste que durante varias tempadas agardou no banco a súa oportunidade para convertirse no inicio desta tempada nun dos heroes do equipo de Berizzo.

Chegaba ao noso derbi o Celta invicto, cun equipo feito, un esquema de xogo consolidado, fronte a un Deportivo moi necesitado de recuperar a autoestima tras ser varrido o pasado sábado en Riazor polo Madrid. Semellaba a oportunidade ideal dos celestes para recuperar o seu liderado histórico do fútbol galego e abandonar diante dos seus seareiros as decepcións da síndrome de Riki. En definitiva, o Celta parecía disposto a retomar o fío da última vitoria ao Deportivo, xa hai sete anos, cun tanto de Baiano. Porén, a pesar do espectacular gol de Nolito aos tres minutos do inicio, que prometía unha festa do xogo de salón celeste, despois foi todo moi igualado e desputado na lameira. Custoulle moito máis do previsto ao Celta roer un óso tan duro como o que presentou Víctor Fernández. Ben sabiamos que se trataba dun derbi galego.

Como xa é adoito, durante case toda a primeira parte o Celta mandou grazas a súa disciplina táctica, tanto na colocación como na intensidade da presión, o que lle facilitaba alternar o seu xogo de toque en proximidade co de balóns máis directos e longos sobre o centro e as bandas. Unha solución táctica de Berizzo, que non achegara o andamio de Luís Enrique. O primeiro gol naceu dese novo crisol. Un saque de banda cabezado cara atrás por Larrivey facilitou a Nolito a xenialidade dos seus caneos e o xute sobre o pao longo. Dous toques, dous caneos e un remate. Unha marabilla! Mais coma é inevitable, a medida que o Celta foi perdendo fol na súa presión asfixiante, á que non foi allea a contusión do bravo Radoja, o Deportivo foi espertando amodiño, sobre todo grazas ás entradas pola banda dereita de Juanfran. Tras a reanudación, os deportivistas xa eran donos de seu. Tras un primeiro aviso de gol que conseguiu chapar Sergio, chegou a igualada de Cuenca na táboa de marcas.

Cando o Celta estaba máis baixo, conseguiu saír de novo a flote grazas ao xogo aéreo, outra das mudanzas de Berizzo. Por fin, un saque de recanto en altura foi cabezado ás redes por Larrivey, un nove clásico nato, un auténtico atlante, dignísimo sucesor de Mario Bermejo. Secasí, o tanto do arxentino non pechou o partido, xa que os coruñeses arrepuxéronse de novo. Berizzo sacou á lameira a todos os defensas dispoñibles no banco para durante quince minutos preparar unha contención meduliana. A alternancia de xogadas de perigo nas dúas areas foi constante, a pesar da extenuación de ambos os dous cadros. Cando faltaban dous minutos, Cabral cometeu o desafortunado penalti que agoiraba unha inevitable igualada. Xaora, a parada histórica de Sergio Álvarez fixo ruxir Balaídos coma nunca. Un derbi heroico, salvado in extremis, grazas á serenidade do gardarredes no instante decisivo. O Deportivo foi un gran rival fronte a un Celta invicto (xa en cinco partidos) disposto a recuperar o seu soño.

Onte 1097: O noso derbi en «The Guardian»

the_guardian_celta_24-09-2014

Quedei abraiado co seguemento que The Guardian fixo do noso derbi. A completisima crónica do xornalista Sid Lowe fai fincapé na parada histórica do gardarredes celeste Sergio Álvarez Conde, ao tempo que fai un completo retrato do noso canteirán dende os quince anos. Non pasei desapercibido o feito que salientase a condición de galegofalante do noso porteiro nin o carácter dramático e épico da súa parada para a lenda nin o seu declarado agarimo coas cores celestes. Xa me gustaría que os medios da vila e corte dedicasen tanta atención e respecto ao fútbol galego coma esta información de The Guardian. Unha páxina histórica (con posibilidades de utilización didáctica) para arquivar.

Onte 1093: Esporada, un gol de fantasía

gol_de_tuco_hernandez

Será moi difícil esquecer o gol que Tuco Hernández marcou onte no Manzanares fronte ao Atlético de Madrid. Un gol de fantasía, unha desas pezas que pola súa creatividade achega o fútbol a algunha das disciplinas das Belas Artes. A do arxentino foi unha manobra insólita, tras un pase de máis de trinta metros de Planas, Tuco colleu o balón de espora ao tempo que viraba as costas a Godín, un dos mellores centrais do mundo, e descolocaba ao porteiro colchoeiro. Un gol que deixou abraiada a bancada atlética. Foi un gran detalle artístico dun xogador que polo que lle temos visto aínda precisa tempo para afacerse á intensidade da nosa liga. »A esporada», o gol merece ser bautizado, abriu a marca de táboas doutro garan partido do Celta que tras dous goles a balón parado dos actuais campións rabuñou un puntiño que nos soubo a gloria para continuar invictos durante xa catro xornadas.

Onte 1087: Capa peregrina

Contador_14-09-2014Se xa non chocase a utilización da Cidade da Cultura como velódromo de superluxo para a saída da etapa contrarreloxo da Vuelta, o momento capa peregrina no Obradoiro, protagonizado polo presidente Feijóo e a secretaria xeral para o Turismo Nava Castro, foi tan prescindible como ridículo para os seus protagonistas. Alberto Contador, o ciclista madrileño gañador da proba, expresou a súa incomodidade con tan pesada indumentaria retirándoa decontado. Asociar Galicia e o Camiño de Santiago con tópicos folclóricos tan resesos coma este vestiario resulta contraproducente para a promoción dun país moderno. Con todo, ben sei que esta é apenas a anécdota dunha cuestión de maior calado, a da oportunidade e conveniencia que a Xunta e as deputacións provinciais patrocinasen catro etapas desta competición, así como cal é o seu encaixe dentro das políticas deportivas e turísticas estratéxicas destas administracións galegas. É indubidable que probas internacionais como a Vuelta e o Tour ofrecen posibilidades de promoción daquelas paisaxes e lugares por onde pasa. Outra cousa ben distinta é o prezo que cada unha das administracións públicas debe pagar por isto aos seus organizadores. Ben sería que en aras da transparencia da que tanto fachendea, o presidente Feijóo comunicase aos galegos canto nos custou esta semana da Vuelta.

Onte 1075: Gómez Noya e a Región de Murcia

region_murcia_noyaO tetracampion das series mundiais de trialtón, o galego Javier Gómez Noya, contou para a súa participación co patrocinio da Región de Murcia. Así aparece na súa elástica. Por asombroso que pareza, un dos mellores deportistas galegos de todos os tempos, cunha traxectoria olímpica e internacional consolidada ao longo da década, non contou na súa elástica co apoio do país ao que pertence. Os responsables das secretarías xerais de deporte e de turismo, ambas as dúas dependentes do presidente Feijoo, deberían dar algunha explicación sobre isto. Perdeuse outra magnífica oportunidade para dar a coñecer nas televisión de todo o mundo «Galicia», «Galicia calidade», «Deporte galego» ou calquera outra marca que promocionase o país, algúns dos seus produtos ou a cultura de noso. Sorprende que a Xunta e as deputacións non patrocinasen a Gómez Noya cando se gastan millonadas en patrocinar as etapas da Vuelta España. Como sorprende a presenza do deportista acompañando ao presidente Rajoy nunha das súas camiñadas, coma se dun amigo de toda a vida se tratase. Xa temos expresado noutras ocasións a nosa admiración por Javier Gómez Noya, un auténtico home de aceiro con corazón xeneroso, un traballador extraordinario con grande fortaleza psicolóxicaun modelo de esforzo, superación e confianza nas propias posibilidades, en definitiva, un gran campión do que nos orgullamos todos os galegos. Xaora, os nosos parabéns para o ferrolán, a quen admiramos como deportista e como cidadán comprometido co seu país e coa súa lingua.

Onte 1062: Marisquiño

O Marisquiño convertiuse no acontecemento que convoca máis xente no verán vigués. Pouco importou este ano que o tempo non acompañase, mais era impresionante a cantidade de rapazada de aquí e tamén de acolá convocada durante a tarde e noite de onte a participar nestas actividades deportivas, musicais e de festa rachada. Ben sería que para a vindeira edición, canto menos durante as tardes e as noites, o concello pechase o tráfico en todas as avenidas e no entorno da praza de Compostela, como xa fixo o domingo pasado durante a procesión do Cristo. Sen tráfico o Marisquiño quedaría moito máis desafogado e vistoso.

Como ben sería que un acontecemento internacional no que se inviste unha importante cantidade de cartos públicos por parte de tres administracións, o Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, fose máis respectuoso coa utilización do galego, lingua da que onte non vimos rastro ningún nin no espazo web nin na megafonía nin na sinalética dos diversos espazos de competición. Tras catorce edicións, o Marisquiño non lle pode dar as costas ao galego, lingua que bautizou o acontecemento e lle proporciona singularidade no contexto internacional. Imaxina alguén que o acontecmento se chamase «El Marisquito»? Tería algún sentido referencial, concitaría semellante simpatía? O galego debería ser a lingua de acollida primeira para todas as persoas que nos visitan, a marca da identidade local, ese valor engadido inesquecible e agarimoso que todos van conservar cando lembren a súa estancia en Galicia. Nese intanxible da utilización agarimosa da lingua está tamén o valor e a potencialidade deste tan simpático Marisquiño.

1059: Un Celta de Premier

Celta_EvertonA pesar do irrecoñecible vestiario, unha equipación verde, onte en Pranton Park o Celta de Berizzo demostrou que podería ser un bo equipo de Premier. Nunha magnífica hora deitou cun xogo combinativo de alta escola ao Everton, un cadro que participará na Europa league. Non puidemos evitar un aceno de aberto entusiasmo cos tres goliños de Nolito en apenas un cuarto de hora, un xogador que abraiou coa súa calidade á bancada evertoniana, que o despediu con moitos aplausos. Como non puidemos máis ca esperanzarnos coa solidez dun estilo de xogo onde a intensidade da presión é asumida de forma solidariada por todos, o que lles permitiu roubar balóns na metade do campo do seu rival e facilitar múltiples combinacións atacantes nese espazo de perigo. Mais é certo, tamén, que o Celta amosou fraxilidades, sobre todo a fisura entre os centrais, que facilitou o gol dos de Liverpool ao inicio do partido, e as dificultades para resolver o xogo áereo, cando o Everton apretou co seu xogo directo na segunda metade. Xaora, quedamos ilusionados con este primeiro ensaio importante. O equipo de Berizzo promete rigor e un chisco de fantasía.

Onte 1035: A cara da derrota

MessiA de Messi foi onte a cara da derrota. Declarado pola FIFA como o mellor xogador dun campionato onde apenas brillou, o arxentino non puido agochar a decepción cando perdeu esta oportunidade de convertirse noutra das grandes estrelas da historia, á altura de deuses como Di Stefano, Maradona ou Pelé. En toda a competición, como durante a durísima final de onte fronte Alemaña, agardábase apenas un alustro do seu xenio, un instante decisivo nun caneo ou nun lanzamento, unha superioridade que non apareceu. Aí a súa decepción. O percorrido polas escaleiras do palco de Maracaná para recoller o balón de ouro foi un dos máis tristes da súa vida. Messi é consciente que o maior fracaso é o que un sinte, esa dor poderosa que non hai analséxico nin adulación que a poida mitigar. Non foi este o seu mundial nin tampouco o de Neymar nin o de Cristiano Ronaldo nin o de Luis Suárez, figuriñas que neste campionato enfrontáronse coas súas limitacións e expectativas, quizais, desmesuradas. Todos os catro, considerados os mellores futbolistas do mundo, os mellor pagados, os máis mimados e aclamados pola bancada e pola prensa, non puideron evitar un aceno de tristeza cando na soidade do vestiario se puxeron diante do espello para resolver o vello dilema entre o valor e a gloria, alí estaba a cara da derrota.

Onte 1030: Ánimo, Fernando!

Fernando_Vazquez_08-07-14Non ten a sorte que merece Fernando Vázquez. Saíu de Vigo pola presión dos sectores máis conservadores do celtismo, tras un ascenso contundente e unha gran tempada en primeira que levou ao equipo a competición europea. Foi destituído onte como adestrador do Deportivo, tras outro ascenso meteórico cun equipo improvisado, no marco dunha crise societaria gravísima que puido provocar a desaparición da entidade. Fernando Vázquez é o noso mellor adestrador, o líder natural do combinado nacional galego, tanto pola súa fortaleza táctica coma polo seu entusiasmo contaxioso tanto co cadro de xogadores coma coa afección. Non esquezamos que tras a súa destitución, custoulle ao Celta ferro e fariña (cinco tempadas en Segunda) reatopar estilo no seu xogo e estabilidade no seu equipo técnico. Agora, a súa inxusta destitución, que nada ten que ver con razóns deportivas ou disciplinarias, amosa o caprichoso e inmaduro comportamento dos actuais dirixentes do Deportivo, apenas outro froito do elitismo coruñés máis cavernario. Síntoo moito por un gran deportista e por un comprometido cidadán galego. Ánimo, Fernando!!!

Onte 996: Jogo bonito

Lin na revista do avión que o football chegou a Brasil en 1894 na equipaxe de Charles William Miller, un estudante brasileño fillo dun traballador escocés do ferrocarril de São Paulo. Trouxo dúas bólas, unha bomba para inchalas, unhas botas e un libro coas regras dun xogo que coñecera mentres estudaba en Inglaterra. Cando aquelas dúas bólas comezaron a moverse entre os pés dos brasileiros o football acadou a perfección e transformouse en fútbol e aquel sport importado convertiuse a ritmo da samba en «jogo bonito». O feito de que fútbol e samba fosen da man no Rio de Janeiro abonda no carácter creativo (artístico e relacionado coas Belas Artes) de ambas as dúas disciplinas. Bo é lembralo antes de que a brazuca corra nas lameiras, mais sen esquecer que o «jogo bonito» non pode agochar que unha maioría de brasileiros aínda vive na pobreza e na exclusión.