Castrelos: «incredible setting»

Foto Sonia Daponte (Xornal de Galicia).

No artigo da semana, ao fío do concerto de Keane que abriu as festas viguesas deste ano, propoño unha reflexión sobre o que entendo é o «espírito de Castrelos» que, afortunadamente, se vai transmitindo xeración a xeración.

Lingua: recuperar o consenso

No artigo da semana, tras a presentación do manifesto «Galego. Patrimonio da Humanidade», propoño en termos moi semellantes a recuperación do consenso arredor da lingua. Reproduzo o texto, xa que a versión publicada contén algúns erros e grallas que pexan a súa lectura (as miñas desculpas).

“Ata hai pouco tempo era un valor compartido, que formaba parte dos consenso básicos sobre os que se articulaba o autogoberno de Galicia, que o idioma galego era merecente dunha especial protección por parte dos poderes públicos”.

Esta é a primeira frase do manifesto “Galego. Patrimonio da Humanidade” que avalado por máis de mil trescentas persoas, pertencentes os máis diversos sectores profesionais e de afinidades políticas, foi presentado o pasado venres na Casa Galega da Cultura de Vigo coa intención de reclamar ao PPdeG que regrese ao terreo común das políticas de afirmación positiva para o idioma galego, que durante varias décadas impulsou desde os diversos gobernos presididos por Albor e Fraga. Un manifesto que constitúe unha chamada cívica de recuperación do consenso arredor das políticas de fomento e protección do idioma forxado tras tres décadas de esforzo colectivo entre os partidos políticos no Parlamento de Galicia, ao que tampouco foron alleos diversos sectores sociais, e plasmado nas unanimidades parlamentares acadadas pola Lei de Normalización Lingüística de 1983 (aprobada sendo presidente Xerardo González Albor) e polo Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 (aprobado sendo presidente Manuel Fraga e vicepresidente Alberto Núñez Feijoo).

Porén, dende a campaña electoral, cando a dirección do PPdeG quedou prendida nos cantos de serea de grupos galegófobos minoritarios e das directrices emanadas de FAES, e sobre todo nestes meses andados tras a constitución do Goberno Galego, o presidente Feijoo, tras asumir (con inusitado protagonismo) os custes e beneficios políticos de subvertir o marco actual do galego, decidiu acometer unha operación consciente e planificada de desmontaxe dos tres consensos básicos acadados durante o período autonómico arredor da protección da lingua e da cultura galegas. Primeiro, o de considerar a igualdade do galego e do castelán como linguas oficiais de Galicia en todos os ámbitos sociais; segundo, o da obriga de todos os poderes públicos sen excepción de asegurar a normalización do galego como lingua propia de Galicia; e, terceiro, o de asegurar a non discriminación de ningún cidadán ou cidadá por razón de lingua.

Consensos que se pretenden facer cachizas amparándose na existencia dunha suposta “imposición lingüística do galego”, promovida polos sectores nacionalistas. Unha falsidade que, de tantas veces repetida ata o delirio por parte de sectores galegófobos, semella ter calado, magoadamente, nunha parte da sociedade galega, e que oculta un modelo de monolingüismo baseado na supremacía do castelán e a consideración residual do galego apenas como lingua etnográfica. Consensos que, ademais, semellan considerarse innecesarios cando os membros do actual Goberno se amparan na maioría absoluta obtida nas eleccións como mellor argumento para xustificar algunhas das súas medidas (como a supresión da proba de galego no acceso á función pública), que constitúen os primeiros retrocesos institucionais sobre protección do galego coñecidos no período autonómico.

Porén, como sinala o manifesto cidadán, “Galego. Patrimonio da Humanidade”, “gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia na nosa sociedade e un dos signos da nosa existencia como país”. É innegable que en Galicia se falan dúas linguas, e é innegable, tamén, que están en situación de moi clara desigualdade, como demostran os estudos sociolingüísticos independentes, que salientan, ademais, o feito dunha recuperación histórica da sáude do galego nos últimos anos (un feito que debemos celebrar). Desigualdade na que reside a razón pola que o galego debe recibir unha especial protección e fomento da súa aprendizaxe por parte dos poderes públicos, requisito imprescindible, ademais, para asegurar a posibilidade de elección en total liberdade dos seus usos por parte dos cidadáns e cidadás do noso país. Mais se isto non abondase, os estudos sociolóxicos amosan a existencia na sociedade galega dunha corrente basal de aprecio cara a lingua de noso, independentemente de cal fose o idioma no que cada cidadán se expresa decotío. Unha corrente de aberta simpatía en amplos sectores cidadáns cara as medidas de fomento do galego e do desenvolvemento dunha sociedade plurilingüe, onde o galego sexa considerado como lingua propia e de uso preferente nos eidos educativos e sociais.

A recuperación do espazo de consenso arredor do idioma, tan traballosamente forxado, é o requisito primeiro para a nosa convivencia en liberdade. Poñer en perigo semellante patrimonio común, como se ven facendo durante estes últimos meses, pode ter consecuencias inimaxinables para o país. Pola contra, o exemplo do recente consenso acadado na FEGAMP (onde están presentes os partidos do goberno e da oposición) con motivo do vinte e cinco aniversario da “Declaración do Hostal”, afirmando con toda claridade “o galego como lingua propia dos concellos e deputacións de Galicia”, é o camiño a seguir.

Alborada do Brasil

No artigo da semana recomendo de forma entusiasta Alborada do Brasil, o novo disco do meu admirado Carlos Núñez. Afectivamente síntome moi vencellado a este proxecto que superou as miñas maiores expectativas. Un dos mellores discos de Carlos Núñez. Unha marabilla! (Mágoa que non dera atopado aínda nada na rede para escoitar).

Contando cunha novidade tan importante é todo un paradoxo é que Carlos non actúe en Galicia este verán. Quen quera escoitalo terá que viaxar a León (Mosteiro de Carracedo) o 17 de xullo, ou agardar a súa participación en Lorient (onde Galicia é o país convidado na 39ª edición do Interceltique) o 6 de agosto, onde estará acompañado pola Banda de Gaitas de Fuzileiros Naval do Brasil. Outras citas súas en agosto son as de Plasencia (día 20) e Astorga (o 27). Aos programadores dos concertos das festas de Vigo, Pontevedra, A Coruña, Ourense…, non lles interesa contar co noso músico máis internacional? Outros músicos galegos entrarán na programación? En cuestións musicais tampouco apostamos polos valores da canteira? Como se chama esta terrible doenza?

Gracia Santorum localizou o vídeo de promoción do disco, un fragmento do tema «Padaria Electrica da Barra», no que colabora Carlinhos Brown; posiblemente sexa comercial, mais pode dar unha idea equivocada dun disco moi variado e sutil que este tema. Con todo, aí vai para abrir boca:

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/iyCoOecTTg0" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Tamén é interesante estoutra gravación en directo, de 2008, dun dos temas máis bonitos do disco, «Feira de Mangaio»:

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/eMyi7VjmhFs" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

O futuro do Campo de Granada

No artigo da semana reflexiono sobre as posibilidades da «idea urbanística» preparada por Rafael Moneo para o Campo de Granada.

Aposto pola canteira

No artigo da semana, que publica a edicion impresa de hoxe de Faro de Vigo, defendo o valor da canteira para o proxecto do Celta da vindeira tempada.

[O artigo de M. R. Varela en Faro de Vigo, que se se reproduce coma imaxe, foi publicado hai cincuenta anos. As preocupacións e os argumentos repítense]

Profecía cumprida

No artigo da semana analizo a que entendo é a estratexia do goberno de Núñez Feijóo sobre a cuestión da lingua e o sentido da consulta que a Consellaría de Educación realizará nos centros non universitarios.

Chopos de Coia

No artigo da semana da edición impresa de Faro de Vigo reflexiono sobre a delirante pretensión da concellaría de Parques e Xardíns de cortar os catro centos cincuenta chopos da avenida Castelao. Afortundamente, semella que só foi un tasacordo e a concelleira «renuncia a facelo». Como o artigo non foi publicado na edición electrónica do xornal, copio o texto:

A pretensión do concello de Vigo de cortar os catro centos cincuenta chopos (“populus nigra”) do boulevar da avenida Castelao, cunha altura duns quince metros e unha idade entre os trinta e os corenta anos, deixounos abraiados. E moito máis cando coñecimos que a razón aducida pola responsable da concellaría de Parques e Xardíns para prescindir deste grande arboredo urbano é que “os chopos xeran moitos problemas alérxicos por mor das peluxes que soltan”. A pesar de que nos últimos anos xa estamos curados de espanto sobre as declaracións e iniciativas dos nosos corporativos, considero que neste caso urxe unha reflexión máis serena e matizada sobre unha decisión que de levarse adiante privaría ao conxunto dos vigueses dunha parte do noso patrimonio forestal e dunhas pezas senlleiras da identidade urbana da cidade de Coia.

Cortar catro centas árbores en dous anos e substituílas por outras de copas máis baixas e maior colorido (como tamén manifestou a concelleira) non é unha decisión política rutineira semellante á muda do mobiliario urbano nin, por semellante que parecese, ao cambio do tipo de flores empregados nos xardíns e boulevares. Unha actuación tan agresiva co arboredo debería, como mínimo, estar avalada por un informe científico do seu impacto ambiental. Ata agora as razóns aducidas para cortar os chopos dos Catro Camiños (bo sería que en Coia se recuperase no viario a súa toponimia tradicional estudada por Iván Sestay Martínez) semellan que non teñen suficiente entidade. Diversos especialistas en alerxias e enxeñeiros de montes da Universidade de Vigo coinciden nas súas declaracións en que os amentos florais dos chopos (esas peluxes que arrevoan a avenida cubríndoa co seu manto branco) non son os causantes das alerxias que moitos sufrimos nestes días de tránsito cara o verán, cando os niveis de pole de gramíneas e oliveira son moi elevados. As peluxes dos chopos non conteñen pole, aínda que, indubidablemente, axudan a dispersar sementes e outros elementos contaminantes.

Parécenos unha falacia, tamén, esoutro delirante compromiso municipal de “substituír as árbores da cidade que poidan producir alerxia”, que de ser considerado ao pé da letra nos levaría a prescindir de boa parte do noso patrimonio natural do monte do Castro, dos parques de Castrelos, A Guía  e a Riouxa, por non falar da formidable coroa vexetal do noso periurbano, un patrimonio natural do que deberíamos sentirnos orgullosos e corresponsables de devolverllo aos nosos netos en mellores condicións que nós o recibimos. Unha práctica que non sempre soubemos respectar en Vigo, unha cidade que arrasou coas laranxeiras de García Barbón e Policarpo Sanz e os camelios da avenida de Beatriz, ou con boa parte das árbores da Gran Vía, de Úrzaiz, da rúa Coruña, de Pi e Margall, do Paseo de Afonso, caídas en cada nova humanización. Todo un paradoxo nunha cidade simbolizada por unha oliveira que nestes días ten sitiadas as súas raíces centenarias na proximidade das gadoupas das excavadoras. Unha cidade na que, non esquezamos, cortar árbores no entorno urbano está prohibido pola normativa municipal, que obriga ao seu traslado cando por algunha circunstancia de forza maior debe ser retiradas dalgún lugar concreto.

Ninguén pode dubidar que algunhas alerxias teñan a súa orixe nos elevados índices de pole na atmosfera, mais tamén debemos recoñecer que outras moitas son producidas polos altas taxas de contaminación emanadas da combustión dos vehículos. Conseguir unha cidade menos contaminada é, seguramente, o mellor xeito de asegurar unha vida máis saudable para os seus veciños. As árbores son fontes de vida e de luz para todos. Como esa formidable ringleira de chopos de Coia que durante décadas foron os amortecedores primeiros da contaminación acústica e atmosférica das ríadas de vehículos que percorren a avenida. Chopos que crean espazos de sombra, socialización e lecer para milleiros de veciños e veciñas de varias xeracións. Chopos que artellan unha pantalla de frescura no bochorno estival, amparando a súa veciñanza, e debuxan o perfil do urbanismo vigués menos agresivo das últimas décadas do século pasado.

O debate sobre o futuro dos chopos de Coia debería ser reconducido pola corporación transformándoo nun proxecto global dunha cidade saudable e para todos. Vigo necesita proporcionar vida renovada a todas as súas árbores (bo sería censalas e diagnosticar o seu estado); mais o Vigo futuro precisa plantar milleiros de novos carballos, camelios, magnolios, árbores froiteiras que inunden en ringleira o perfil das nosas rúas; como o corredor do Lagares precisa de centos de salgueiros, chopos e ameneiros. No entanto, se queremos esta cidade das árbores, primeiro debemos evitar cortar os chopos de Coia.

Trasacordo

No artigo da semana abordo a utilización da institución galega do «trasacordo» por parte do Goberno de Núñez Feijóo durante o seu primeiro mes, con especial atención ao caso da frustrada Delegación da Xunta de Galicia en Vigo.

U-lo albergue?

No artigo da semana en Faro de Vigo abordo a polémica arredor da ubicación do albergue de emerxencia de Vigo. Reprodúzoo, xa que non aparece nas páxinas electrónicas do decano.

Os lectores de “Faro de Vigo” coñecen de primeira man a polémica existente sobre o futuro do edificio da Gota de Leite, onde estaba previsto ubicar o albergue municipal para as persoas sen teito e, agora, se pretende instalar á policía local. E como sucedeu xa coa polémica (non resolta) sobre a ubicación da biblioteca estatal, semella que son a improvisación, a falta de planificación e a escasa capacidade de diálogo as variables coas que os nosos políticos locais participan no conflito.

Como entender, se non, que tras a decisión da concellaría de benestar social (BNG) de pechar o albergue provisional instalado dende hai catro meses na antiga Escola de Hostelaría, xa que non cumpría os requisitos mínimos de habitabilidade, unha situación que foi denunciada en varias ocasións pola vicevaledora do Pobo e responsables da Federación Veciñal, os trinta usuarios diarios deste servizo quedasen literalmente “na rúa”  dende a noite do pasado venres? Como explicar que, a pesar do peche deste albergue provisional e de estar finalizadas as obras de acondicionamento, a consellaría de Traballo e Benestar e a delegación metropolitana da Xunta de Galicia en Vigo (PPdeG) non autoricen a apertura do centro de emerxencia social do edificio da Gota de Leite, onde dende hai tempo está previsto dar servizo a esas cento cincuenta persoas sen teito que se estima viven na nosa área metropolitana? Como facer comprender á cidadanía viguesa a incapacidade dos dous polos do goberno municipal para acordar o uso do edificio da Gota de Leite, non o esquezamos, propiedade da Xunta de Galicia?: para o alcalde, o seu grupo socialista e o comité de persoal do concello, o lugar ideal para instalar a nova sede da Policía Local; para a concelleira de benestar social, o seu grupo nacionalista e a Rede Social Galicia Sur, que agrupa a máis de vinte ONG-s, a sede do centro de axuda a persoas desfavorecidas, que debe ser aberta coa maior urxencia.

Definido en termos políticos o problema, compréndese doadamente que son as diferenzas (polo momento insalvables) entre os tres partidos as que deixan á intemperie aos usuarios deste servizo de emerxencia provisional, utilizado por numerosos transeúntes, mariñeiros, inmigrantes e algúns dos máis pobres e desfavorecidos de entre todos os nosos concidadáns. A descrición que realizan as ONGs sobre a situación destas persoas é desacougante. Calculan que ao longo do último ano nas rúas e prazas de Vigo morreron abandonadas, na máis absoluta soidade, unha ducia destas persoas (24 o pasado ano!), por mor das doenzas que arrastran e da súa propia situación de precariedade. A vítima máis recente foi Igor, un aparcacoches ucraíno de cincuenta anos, que faleceu a comezos deste mes nun banco do Berbés, apenas a cen metros das instalacións do albergue provisional recentemente pechado. Unha situación gravísima que, dende hai tempo, denuncian teimosamente coas súas mobilizacións a asociación de autoapoio Imán e o programa asistencial Sereos, entidades que reclaman a creación dunha rede de albergues municipais que proporcione a estas persoas excluídas un pouco de abrigo e axuda. Situación que, alertan os responsables dos servizos sociais, os debastadores efectos do desemprego podería ampliar a un maior número de persoas.

Porén, non son estes os criterios que se empregan para dirimir a ubicación do albergue vigués de emerxencia. Utilizando a estratexia do manual de campaña que tan bos resultados lle proporcionou na súa oposición ao pasado goberno bipartito, o Partido Popular adía a mantenta a apertura do albergue da Gota de Leite xa que deste xeito profundiza na fenda existente sobre esta cuestión entre socialistas e nacionalistas, ao tempo que lle serve ao seu portavoz municipal para denunciar a existencia de dous gobernos en Vigo e a falta de autoridade do alcalde, que non é capaz de cesar a esta concelleira que defende un criterio radicalmente diferente ao seu. Outrosí, sucede co alcalde quen pensa que a el non lle falta razón na súa pretensión de ubicar as instalacións da Policía Local, situadas no garaxe do concello dende hai décadas, nun edificio próximo que, por riba, leva un período baleiro e que reclama mesmo o cadro da propia policía. Mentres, a concelleira de benestar, con enorme impotencia, vese obrigada a asumir a responsabilidade do peche do albergue provisional. Un cadro político para botarse a chorar. Quen ten a valentía de introducir as doses de racionalidade e diálogo suficientes para solucionar o problema da apertura inmediata do albergue dende a perspectiva dos intereses xerais de todos os cidadáns sen excepción? Cada noite máis na que estas persoas sen teito continúen baixos os efectos da intemperie, será unha xornada de vergonza para o conxunto da cidadanía viguesa.