GOL DE ADESTRAMENTO
Tras senllas catástrofes das semanas anteriores contra os colistas, O Celta malogrou unha boa primeira parte para sentenciar ao Betis, un equipo con moitas pretensións que procuraba en Balaídos os tres puntos para entrar nos postos de ascenso. A pesar de que os verdibrancos tiveron toda a iniciativa nos cinco primeiros minutos de xogo, procurando atoparlle as costas á defensa nosa, unha descoñecida intensidade da presión durante case toda a primeira metade permitiu que os celestes se adiantasen no marcador e tivesen oportunidades abondas para avergonzar ao arrichado Víctor Fernández, o adestrador daquel Eurocelta, seguramente o mellor da nosa historia, hoxe responsable do banco bético. Esa nova actitude presionante foi posible polo traballo a brazo aberto de Bustos e López Garai, ao que non foi alleo, tampouco, a achega de Roberto Lago, que durante este período aburríu ao velocísimo Jonathan Pereira, esa pérola emigrante da canteira do Santa Mariña que, magoadamente, non puidemos incorporar ao cadro celeste na mercado de inverno. O certo é que os nosos presionaban coma lobos, o que facilitaba o roubo dalgunhas pelotas decisivas, como a que no minuto 16 permitíu a Cellerino marcar o seu primeiro gol coma celeste, anulado logo de forma abondo rigorosa, ou varias cabalgadas de Botelho finalizadas con disparos de Roberto Trashorras. Porén, o gol chegou no 26, cunha xogada a balón parado, desas ensaiadas unha e outra vez na Madroa, un auténtico gol de adestramento: saque de recanto dende á dereita, pase cará atrás e durísimo pexegazo diagonal de López Garai, dende o recanto esquerdo da área grande, furando as mans de Goita, o gardarredes bético. Un golazo de pizarra, celebrado de forma entusiasta por todo o cadro de xogadores que correron á banda a abrazar a Eusebio e ao seu segundo. Nese pulo tivo o Celta o partido no peto; mágoa que tres minutos despois o inefable Cellerino non chegase aproveitar unha extraordinaria diagonal de Roberto Lago (que partidazo o do lateral vigués), no 39 o remate de Trashorras quedase un chisco desviado ou a parábola de Iago Aspas, dende máis de trinta metros, quedase longa. Foron moitos goles feitos que por arres ou por xos non subiron ao marcador. E coma adoita suceder, case sempre que tanto se perdoa, axiña chegou un castigo durísimo para os nosos. Faltando apenas tres minutos para o descanso, tras outra xogada que non souberon finalizar Aspas e Trashorras, quedou abandonada unha pelota inocente que a calidade de Emaná transformou nunha cabalgada pola banda na que, tras canear até a catro celestes, centrou para que aparecese, por fin, Jonathan Pereira marcando o seu sétimo gol en apenas catro meses de competición. A segunda parte foi ben diferente. O Celta abaixouse de todo e o Betis sinalou o tempo de xogo, mais tampouco soubo chegar con superioridade. No entanto, de forma puntual o Celta tivo algunha oportunidade, outra vez da man dun pase de ouro do acertadísimo Lago que Cellerino contemplou como pasaba ao seu rente. Os vinte minutos finais foron para esquecer, xa que ambos os dous equipos tiñan medo a perder o puntiño do empate; cos xogadores polo chan cada pouco, con múltiples trocos que nada achegaron, o conformismo aseñorou a lameira.