Onte 1007: A voltas co blogomillo
Marcus Fernández publicou onte unha anotación na que repasa a situación actual daquel blogomillo de hai case unha década. Lembro aqueles anos como un tempo de entusiasmo dixital, onde forxamos amizades que por fortuna hoxe se consolidaron, onde moito aprendimos e compartimos sobre a utilización dos soportes dixitais e a escritura hipertextual. Mais o blogomillo foi sobre todo unha primeira comunidade de blogueiras e blogueiros, dalgún xeito un precedente das actuais redes sociais. Se repasamos a relación de blogs existentes en 2005, comprobamos que foron moitos os que pecharon, outros mudaron de nome ou reorientaron o seu contido. Como tamén houbo blogueiros e blogueiras moi activos daquela que mudaron as súas preferencias e modalidades de publicación dos seus contidos na rede. Tamén é certo que se repasamos os blogs máis activos e lidos en galego na actualidade comprobamos que foron moitas as incorporacións, o que constitúe un fito esperanzador. Continúo crendo relevante do fenómeno do blogomillo foi que impulsou o proceso de expansión da internet en galego, ao tempo que facilitou a súa utilización didáctica, sobre todo no eido de fomento da lectura, para o que foi esencial a xenerosidade da plataforma de Blogaliza. Hoxe para a nosa satisfacción son moitos máis os blogs activo en galego ca en 2005 ou 2006. Aquel blogomillo como comunidade non resistiu a competencia de Twitter e Facebook nin tampouco a especialización dos contidos na rede. Unha reflexión que non debera desacougarnos. Pola miña banda, diante de tanto ruído e confusión, sigo acreditando na utilidade dos blogs de referencia, lugares seguros, arquivos sen intermediación, en definitiva un espazo de comunicación e aprendizaxe. Seguimos.