Onte 1792: Culturgal 2016, un éxito colectivo que precisa reinventarse

culturgal_nel

Pechamos o domingo o Culturgal 2016, a novena edición da Feira das Industrias Culturais, coa sensación de estar rematando unha etapa, a do lanzamento do que Nel Vidal definiu o domingo en Twitter como «posiblemente o mellor invento do sistema cultural galego da última década». Estou convencido de que Culturgal, a pesar da súa fraxilidade, está felizmente consolidado nun espazo (O Pazo da Cultura de Pontevedra) e nun tempo (primeira fin de semana de decembro) como unha cita de referencia no calendario galego. Como tamén o estou de que o seu modelo de xestión austera, eficaz, transparente e corresponsable permite cun orzamento reducido a continuidade da feira cada ano. Un éxito colectivo, ao que non é alleo o excelente traballo do equipo de profesionais e voluntarias (medio cento de persoas) que dirixe Xosé Aldea e do que forman parte Cecilia Carballido e Arancha Estévez, responsables de Produción e Comunicación, os tres cerebros, corazóns e almas desta proeza.

Teño reiterado que Culturgal está conformando unha nova expresión do orgullo galego. Como estou convencido de que os milleiros de pequerrechos e pequerrechas, que levan asistindo dende hai unha década a este encontro, constituirán como aventura Xosé Aldea, «a xeración Culturgal», agardemos que impregnada dos sintagmas de ledicia, positividade e entusiasmo presentes sempre na feira. Como non é menos certo que Culturgal está acuñando unha estratexia de colaboración intergremial e interinstitucional cuxo espírito debería contaxiar outros moitos ámbitos da actividade cultural e política galegas, tan necesitadas de acordos e proxectos en clave de país.

Xaora, Culturgal é unha arboriña non exenta de fraxilidade, que precisa o agarimo, as atencións e (tamén) as críticas e suxestións dos sectores e asociacións gremiais, como dos artistas e visitantes. Este ano acadamos unha cifra de visitantes semellante a da pasada edición, arredor das 15.000 persoas, un éxito, pero os datos que recabamos entre os libreiros indican unha sensible redución das súas vendas en relación a 2015, o que convida á reflexión do sector do libro e da lectura, o que conta con máis expositores e presenza na feira. Como tamén soubemos da satisfacción dos profesionais do sector da música, tanto pola asistencia aos seus concertos como polas vendas e acollida das asinaturas de novidades discográficas.

Sexa por un caso coma polo outro, Culturgal precisa reinventarse en cada edición, asumir o reto de sorprender e achegar máis comodidades aos seus visitantes e expositores. Culturgal debe continuar mellorando e innovando, asumindo como propios os retos que supoñen para as industrias culturais galegas os procesos de hibridación dixital da comunicación cultural e o tránsito (inevitable) das actividades de creación cultural cara a industria do lecer, que se está a desenvolver a nivel global.

Nesa liña de inconfromismo continuísta traballa dende onte o equipo de Xosé Aldea e os membros da Asociación Culturgal. Nos vindeiros meses anunciaremos importantes novidades para o Culturgal 2017, o do décimo aniversario, que se celebrará do 1 ao 3 de decembro. Vémonos daquela. Beizón!

Onte 1786: Xesús Alonso Montero 88

XAM_88_03

Medio cento de amigos e amigas acompañamos onte a Xesús Alonso Montero no xantar do seu 88 aniversario. Un xuntoiro de moita xoldra que, como xa é tradicional, se celebrou no restaurante As Chavolas, a carón das parroquias da Groba e Ventosela, onde ten as súas raíces o profesor. No seu discurso de sobremesa don Xesús agradeceu os agarimos e poder compartir o pan cos amigos, ao tempo que lembrou con emoción os pasamentos nas últimas corenta e oito horas do poeta Marcos Ana e do comandante Fidel Castro. Rematou lendo a súa “Oda ás cen palabras fermosas da lingua galega” incluída no libro Versos dun fistor republicano, marxista, ateo e un pouco epicúreo (Xerais, 2017), no que antologa a súa produción poética de máis de cincuenta anos, que chegará ás librarías a comezos do vindeiro mes de febreiro. As sorpresas tampouco faltaron neste 88 aniversario no que Alonso Montero expresou o seu compromiso de continuar no futuro loitando polos seus ideais. Beizóns, profesor!

Onte 1715: «Tópicos sobre a lingua galega» de Suso Fernández Acevedo

tapas topicosNa Feira do Libro de Ribadeo fíxenme cun exemplar de balde de Tópicos sobre a lingua galega, un caderno do profesor Suso Fernández Azevedo sobre prexuízos lingüísticos publicado polo Concello de Ribadeo. Nacida nos textos que Suso foi publicando no blog El toupo que fuza, esta valiosa peza sociolingüistica  pretende achegar argumentos que fagan fronte ás lerias (prexuízos e mentiras) utilizados con maior frecuencia contra a lingua galega e o seu proceso de normalización. Apenas trinta e dúas páxinas nas que se abordan cuestións relacionadas co respecto á diversidade lingüística, coa impostura da bautizada polos galegófobos como «imposición del gallego», co exercicio dos dereitos lingüísticos ou co papel das normas, fronteiras e subvencións no estado da nosa lingua. Unha obra na que se manexan argumentos sólidos e eficaces, capaces de contribuir a conformar ese novo discurso inclusivo e agarimoso que tanto precisamos os promotores da lingua galega. Un libro que, ademais, ten unha gran utilidade didáctica, tanto pola súa claridade expositiva como pola capacidade comunicativa dos exemplos e modelos presentados. Aínda que cheguei tarde a recomendar a súa versión impresa, aproveito para facelo agora e moi vivamente da súa versión dixital dispoñible en issue. Beizóns a Suso Fernández Azevedo por tan magnífica publicación.

Onte 1690: Deleite Galego

deleite_galego (2)Entre as últimas boas novas que se produciron no país, unha moi destacada foi o regreso aos supermercados da marca Deleite Galego da man da sociedade Leite Noso formada por trinta gandeiros das provincias da Coruña e Lugo. O feito de que sexan os propios produtores os que asumen a comercialización e, no futuro próximo, a transformación nunha gamma de produtos de valor engadido, constitúe un reto ilusionante para o sector lácteo, ao que non debe ser alleo o comportamento corresponsable dos consumidores galegos. A sociedade Leite Noso, ademais, garante o que reclaman o resto dos produtores: contratos de longa duración, recollida da totalidade do leite e prezos razoables para cubrir custes de produción. Xaora, a calidade do produto está asegurada, a lingua galega é utilizada como vehicular e publicitaria, e a empresa expresa a súa dispoñibilidade para colaborar co sector da cultura. Argumentos para abeizoar e consumir este Deleite.

Onte 1665: A Rosalía das Barxas

rosalia_moaña

Abraiante o mural realizado polo alumnado e profesorado do IES As Barxas de Moaña deconstruíndo ao xeito rosaliano o cadro de Delacroix «A liberdade guiando ao pobo». Unha peza de seis metros de longo e case tres metros de alto que volve demostrar a atracción icónica de Rosalía capaz de continuar conectando coa mocidade como ningunha outra figura da nosa cultura. Como se pode comprobar no vídeo que preparou a profesora Luz Beloso, un código QR nun dos laterais do mural permite acceder dende o mobil ao vídeo animado da «Xustiza pola man», un dos poemas emblemáticos de Follas novas preparado o pasado curso polo alumnado do mesmo instituto. Esta Rosalía afouta das Barxas guiando ao pobo galego énchenos os depósitos de entusiasmo e esperanza. Marabilla destoutro traballo do alumnado e profesorado de 4º de ESO e 1º de BAC do Obradoiro de Artes Plásticas deste centro público de Moaña. Beizóns!!!

Onte 1611: Galegas coma ti

Maquetaci—n 1Gustoume a campaña Galegas coma ti, promovida na Coruña pola ONGD Viraventos coa intención de promover na sociedade galega unha actitude de acollida e respecto pola diversidade, fundamentada na comprensión do fenómeno migratorio. Na campaña, deseñada graficamente por Xosé Díaz sobre fotografías de Xurxo Lobato, participan persoas coñecidas como Manuel Rivas, Susana Seivane, Antón Reixa, Xosé Ramón Gayoso, Isabel Risco, Lucía Regueiro e Fernanda Tabarés fotografadas con outros cidadáns galegos chegados de Senegal, Marrocos, Rumanía, Cuba e Bolivia.Unha iniciativa concibida para superar prexuízos racistas e divulgar a idea de que a tolerancia e a defensa dos dereitos de todas as persoas son compoñentes esenciais da sociedade democrática. Todos e todas somos galegos, tanto os que aquí nacemos como que aquí decidiron construír as súas vidas e a das suas familias. Beizón.

Onte 1589: Eco e o lector modelo

EcoSei que o pasamento de Umberto Eco impacta en todos os membros da miña xeración de profesores, lectores afervoados de obras como Apocalípticos e integrados e O nome da rosa, a novela pola que tanto apostou Esther Tusquets, a gran editora de Lumen, que limos afervoadamente cando rematabamos os días universitarios. Xaora, Eco foi sempre para min un referente na interpretación do fenómeno da lectura e da comunicación literaria, expresada en traballos como «O lector modelo« onde reclamaba o protagonismo do lector, na medida que todo texto require para ser completado da súa cooperación. Como tamén foi referente na defensa da cultura do libro, con especial fincapé no papel da biblioteca, da que deixou testemuña no entrañable «Decálogo do bo bibliotecario», e na defensa do libro impreso da que o piamontesino fixo moi fermosas gabanzas. Beizón, mestre.

Onte 1563: No Saviñao con Xabier Quiroga

Viaxamos onte ao Escairón para acompañar a Xabier Quiroga na presentación de Izan o da saca. Foi Enrique Sampil, o presidente do Círculo Saviñao, quen lembrou que pasaran catorce anos daquel acto inesquecible no que presentamos no mesmo salón Atuado na braña, a primeira da media ducia de novelas publicadas polo autor de Cabo do Mundo. Mais dunha década na que Xabier Quiroga consolidou unha novelística de longo alento na que mestura identidade e memoria, creando espazos literarios de seu como a braña de Bouzuás ou os territorios do Cabo do Mundo na Ribeira Sacra. A calidade incuestionable de cada unha das súas páxina (máis de 2.400 publicadas) e o coidado desenvolvemento e precisa documentación das tramas caracterizan cada unha das súas entregas. Onte no Saviñao, agarimado pola súa xente, recibiu un apoio moi  emocionante. Beizóns, Xabier!

Onte 1562: A colleita de 2015 de Fervenzas Literarias

fervenzas_literarias_2015

Como xa é tradición dende hai nove anos, coñecimos onte o ditame dos premios Fervenzas Literarias aos mellores libros e iniciativas do ano 2015. Os Fervenzas son sempre os primeiros da xeira anual de premios a obra editada, ao tempo que teñen a singularidade de ser outorgados por votación de medio milleiro de internautas, que expresan as súas preferencias arredor de vinte categorías da creación editorial galega actual. Como editor non podo máis que abeizoar a continuidade e rigor desta iniciativa de Fervenzas literarias, como a calidade desta revista literaria dixital, auténtica pioneira no noso humilde sistema.

No que atinxe ao resultado desta colleira 2015, estamos moi satisfeitos pola importante presenza de títulos editados por Xerais nas diversas categorías, nalgúns caso sendo considerados como os «mellores do ano». Así sucedeu con A boca da terra de Manuel Rivas, mellor libro de poesía; Raclette de Santiago Cortegoso, mellor libro de teatro, Historia da literatura infantil e xuvenil galega do equipo coordinado por Blanca Roig, mellor libro de ensaio; Europa Express de Andrea Maceiras, mellor libro xuvenil; O papiro do César, mellor libro de LIX traducido (por Isabel Soto e Xavier Senín); O último día de Terranova, mellor capa de adultos e Lendo lendas, digo versos, mellor capa de LIX.

Como tamén moito nos aprace que Xerais sexa considerada outra edición máis como mellor editorial do ano,  Culturgal como «o mellor acontecido de 2015» e Brétemas, a pesar de non ser un blog estritamente literario, continúe sendo valorado. Merecen, ademais, os nosos parabéns Ledicia Costas como «autora do ano», Xosé Cobas como «ilustrador do ano» (ademais de autor das ilustracións das dúas mellores capas) e Armando Requeixo como crítico literario e responsable do mellor blog. Outro tanto a Antón Riveiro Coello, autor d’ Os elefantes de Sokurov, mellor libro de Narrativa; Maria Solar, autora d’ O meu pesadelo favorito, mellor libro infantil; Davila autor d’ O bichero, mellor álbum de banda deseñada, Laureano Araújo Cardalda, tradutor d´ A morte en Venecia de Thomas Mann, mellor libro traducido para o público adulto; Couceiro como mellor libraría e Praza como mellor medio de comunicación.

Abonda con repasar as obras e iniciativas recoñecidas como finalistas en cada unha das categorías para recoñecer a diversidade da oferta do sector editorial galego, a pesar de que non amanaisen os ventos da crise nin a inacción das políticas públicas de lectura. O 14 de maio, data na que se celebrará no Teatro Principal de Compostela A Gala das Letra, organizada conxuntamente pola AELG, AGE e Federación de Librarías de Galicia, coñeceremos un novo ditame sobre o publicado en galego o pasado ano. Xaora, as nosas beizóns aos responsables de Fervenzas e a todos os autores e autoras, ilustradores e ilustradores, tradutores e tradutoras e editoras recoñecidas.

Onte 1550: Brétemas 11 anos

Bretemas_03_01_2005

Tal día como onte hai once anos iniciei a publicación destas Brétemas. Dende entón publiquei 5.090 anotacións, das que 423 corresponderon aos últimos doce meses. Dende inicios de 2005 na rede producíronse moitas e profundas mudanzas, apareceron as redes informativas e sociais e aquel grupo inicial do blogomillo foi diversificando os seus intereses e participando en plataformas e proxectos diversos. Xaora, o afan de dietario persoal e profesional de Brétemas non variou no esencial nin na intención de modular unha voz propia nin nas súas preocupacións temáticas, resumidas no sintagma «Artes, Letras, Política e Fútbol». Con todo, no último ano arrisqueime a iniciar unha serie de comentarios moi breves (como son case todos os da serie «Onte») sobre algunhas películas de estrea e neste que se abre un dietario poético («Poema de hoxe«) co que pretendo explorarcon motivo do ano Manuel María a diversidade das voces da poesía galega.

Comparto o interese que Xabier Pérez Igrexas expresou hai uns días no seu blog Contra discurso sobre a posibilidade de reactivar ou reinventar o blogomillo, entendendo como tal o espazo creado na rede polos milleiros de blog publicados en galego. A creación dun novo servizo de sindicación dos contidos de todos os blogs, probablemente arredor do dominio punto gal; a realización dunha quedada ou encontro anual arredor do blogueo en galego ou a creación duns premios anuais que axudasen a visibilizar a súa diversidade (hai blogs en galego literarios, educativos, deportivos, científicos, xeralistas…) e a pór en valor a súa excelencia serían algunhas posibilidades a estudar. En todo caso, ofrezo a miña colaboración para participar en calquera iniciativa de fomento do blogueo en galego.

Outro aniversario máis reitero a miña convicción de que fronte a lentitude de acceso ao contido publicado nas redes sociais, sobre todo en Facebook, os blogs ofrecen a vantaxe de servir de enorme arquivo dixital, sobre todo se somos coidadosos e etiquetamos e segmentamos o contido publicado. Con esta intención continuamos con azos renovados a publicación de Brétemas. Neste 2016 agardo poida acometer un redeseño completo do blog coa intención de actualizalo ás novas posibilidades que ofrece WordPress e facelo de lectura máis amigable e consulta máis áxil. Por último, expreso as miñas beizóns a todas as persoas que len, critican, chían e comparten algún dos contidos destas Brétemas no blog, en Twitter ou en Facebook. Seguimos.