Cíes, patrimonio da humanidade

No artigo da semana en Faro de Vigo comento a iniciativa de Abel Caballero de solicitar a declaración por parte da UNESCO do arquipélgo de Cíes como patrimonio da humanidade.

A proposta do alcalde Abel Caballero de iniciar este mes de xaneiro os trámites para que as illas Cíes sexan declaradas “patrimonio da humanidade” pola Unesco merece todos os parabéns e apoio unánime dos grupos municipais e da veciñanza da área metropolitana. Unha iniciativa estratéxica liderada polo concello de Vigo cuxa aprobación sabemos levará o seu tempo, como mínimo tres anos, e requirirá un proxecto técnico sen fisuras, un amplo apoio social e consenso político para defender a candidatura diante das diversas institucións españolas e instancias internacionais. Un proxecto que deberá ser compartido primeiro por toda a corporación viguesa, despois por cada unha das outras da súa área metropolitana, e máis tarde pola Xunta de Galicia e polo Ministerio de Cultura. Un camiño difícil no que a candidatura metropolitana viguesa competirá en Galicia coas da Ribeira Sacra, Os Ancares, a rota norte do Camiño de Santiago e o Ferrol da Ilustración, aspirantes a este recoñecemento que este organismo das Nacións Unidas outorga a aqueles lugares que acrediten unha importancia natural ou cultural excepcional para a herdanza da humanidade. En Galicia só contan con este recoñecemento a cidade de Santiago (dende 1985), o camiño francés de Santiago (1993), a muralla de Lugo (2000) e a torre de Hércules (2009).

Foi durante o mandato do alcalde Carlos G. Príncipe, cando no marco dos debates do plan estratéxico se valorou a posibilidade de solicitar a declaración da ría de Vigo como “patrimonio da humanidade”. Por ventura, despois de que padecese durante dúas décadas problemas de saneamento, que supuxeron unha sanción económica da Unión Europea, e en 2002 a agresión do chapapote do “Prestige”, aquela idea xenérica de procurar o recoñecemento patrimonial da nosa ría concrétase agora sobre a que é a súa primeira alfaia, Cíes, o arquipélago conformado polas illas de Monteagudo, Faro e San Martiño, que dende o ano 2002 forma parte do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas.

Para os redactores da proposta non han faltar razóns para defender o argumentario da candidatura de Cíes como “patrimonio da humanidade”, dende os seus valores medioambientais e paisaxísticos excepcionais (da que son unha boa mostra as extraordinarias fotografías de Ricardo Grobas reunidas no seu libro máis recente “Illas atlánticas de Galicia”), pasando polos seus vestixios históricos castrexos, o patrimonio subacuático (até sete pecios) agochado nas súas augas, a tradición mítica e lendaria (das chamadas “illas dos deuses”) e a memoria de ducias de naufraxios, até a súa magnífica integración nun entorno metropolitano urbano de medio millón de persoas. Nos cantís de Cíes nidifica a colonia máis importante do mundo de gueivota patiamarela, así como outras aves mariñas en perigo como o cormorán, o arao, a gueivota cincenta ou o paíño. Os botánicos levan catalogadas alí máis de seiscentas especies diferentes, algunhas tan recentes como o “pé de paxaro”, outras únicas coma a “camariña” ou en perigo de extinción como a “herba de namorar” presentes nas dunas da praia de Rodas (a que foi cualificada polo londiniense “The Guardian” en 2007 como “unha das mellores praias do mundo”). Como tamén son moi singulares os seus hábitats acuáticos e a fauna de vertebrados mariños, coa presenza de golfiños, arroaces, marsopas e tartarugas.

A declaración de Cíes como “patrimonio da humanidade” tería indubidable transcendencia económica, sobre todo para a promoción turística internacional da nosa área metropolitana e para a inclusión do noso porto nas rotas atlánticas de cruceiros, mais tamén para contribuír ao reforzamento da protección e preservación do ameazado ecosistema do arquipélago. Porén, para acadar tan importante obxectivo non abonda con artellar unha estratexia de mercadotecnia cultural. Requírese, ademais, unha actuación política decidida no saneamento integral da ría, para o que será imprescindible a posta en marcha da depuradora do Lagares nos prazos previstos, así como o respecto estrito das directrices do Parque Nacional no que atinxe a redución do impacto humano sobre as illas, se fose mester restrinxindo o fondeo de embarcacións e reducindo o actual aforo de visitantes e campistas. Como sería moi interesante integrar no proxecto o programa científico do Campus do Mar, as actividades de promoción das embarcacións tradicionais e da cultura marítima galega (onde o porto de Bouzas xa é un foco privilexiado), a organización de eventos deportivos náuticos, a realización de actividades para estudantes, ou a incorporación da figura de Jules Verne como pioneiro divulgador internacional das illas e ría viguesas. O proxecto Cíes pode converterse no aglutinante cívico e social que precisamos.

O Vigo de Coppini

Dedico o artigo de semana en Faro de Vigo a lembrar a Germán Coppini e a aquel Vigo da efervescencia cultural da Movida dos oitenta.

Impresionoume a noticia do pasamento de Germán Coppini, un santanderino, que recalou na súa mocidade en Vigo, mais que quedará unido para sempre coa nosa cidade como un dos fundadores de Siniestro Total e de Golpes Bajos, os dous grupos senlleiros da “Movida” de comezos dos oitenta. Coppini formou parte dunha xeración de mozos e mozas vigueses que enxergamos o futuro nas rúas daquel Vigo revolcado da primeira reconversión naval de Ascón e do inicio do descafeinado proceso autonómico galego. Un Vigo gobernado por Manoel Soto, un alcalde que nunca contou con maioría absoluta, cuxa icona urbanística foi o Escalestri nunca utilizado, que cruzaba a rúa Urzaiz, o anfiteatro preferido para numerosas manifestacións cívicas, políticas e sindicais. Un tempo de mudanzas e grandes esperanzas, cuxa memoria reconstruímos axudados polas fotografías de Cameselle e Vitín de las Heras e pola magnífica crónica que Emilio Alonso fixo no seu libro “Vigo a 80 revolucións por minuto” (Xerais 2011).

Coppini foi o primeiro cantante de Siniestro Total. Xunto a Miguel Costas, Alberto Torrado e Julián Hernández formou parte daquela formación inicial que o 27 de decembro de 1982 participou no Nadal Rock do cine Salesianos. Pouco antes, no mes de outubro, Coppini participara na gravación do primeiro elepé, “¿Cuándo se come aquí?”, quince cancións  nas que o grupo punk vigués acuñou o seu ADN, letras de acedume desapiadada sobre bases de máxima simplicidade musical. Fora Modesto Román, que coñecía a Germán do seu paso polo colexio Nebrija, quen no Cerne da Deboura, o pub onde traballaba, puxo en contacto a Coppini, daquela cantante de Coco y los del 1.500, con Costas e Hernández. Naquel momento de fulgor creativo outros locais vigueses (Sachtmo, Catro a Catro, Luada, Kremlin, El Manco) foron facilitadores tamén doutros encontros artísticos.

Na primavera de 1983, Coppini formou un dúo con Teo Cardalda, que bautizaron como Golpes Bajos, ao que logo se uniron Pablo Novoa e Luis García. Foi neste grupo de tan curta vida coma éxito fulgurante onde Germán comezou a desenvolver con plenitude o seu concepto artesán da música elegante, que co paso do tempo o definiu como un incómodo resistente. Na ollada, nas letras de cancións memorables (“No mires a los ojos de la gente”, “Cena recalentada”…) e, sobre todo, na súa voz identifícase un aceno de tristeza reflexiva, unha alerta inconformista para permancer sempre á espreita, nese territorio tan difícil de construír entre a melancolía e a memoria.

Nunca foi doado explicar para os medios madrileños nin o éxito acadado por ST e GB en toda España nin as razóns da efervescencia cultural que se vivía nunha cidade industrial sometida aos rigores da reconversión. Mais aquel Vigo de Coppini, o Vigo da “Movida”, unha cidade que non contaba nin sequera con universidade de seu, facilitou o estourido da creación e a industria cultural en case todas as disciplinas. Non é doado resumilas.

Os Premios da Crítica Galicia, promovidos por un grupo plural de galeguistas do Círculo Ourensán Vigués, consolidáronse dende entón como referente da produción cultural en galego. Na música culta emerxeu a figura do compositor Enrique X. Macías, a programación das Xuventudes Musicais de Manuel Álvarez ou a creación municipal do Laboratorio de Música Electrónica e do Obradoiro de Instrumentos Tradicionais da Universidade Popular. As actividades interdisciplinares do grupo de Comunicación Poética Rompente, creado por Romón, Reixa e Avendaño, trouxeron a vangarda e a renovación á poesía galega. Outrosí sucedeu coa aparición dunha nova xeración de poetas e narradores (Manuel Forcadela, Ramiro Fonte, Román Raña, Xela Arias, Xosé Ramón Pena, Alfonso e Xosé María Álvarez Cáccamo…) que comezaron a publicar ao abeiro de novas editoras literarias viguesas como Xerais, Ir Indo, Cumio… O mesmo sucedeu no teatro, coa aparición de grupos como Máscara 17 ou Artello. Nas artes plásticas consolidouse a xeración Atlántica, na que participaron pintores vigueses como Lamas, Patiño, Monroy, Mantecón, Huete ou o escultor e ilustrador Xosé Guillermo, o deseñador da instalación dos aforcados da praza da Constitución cando se celebrou “Madrid se escribe con V de Vigo”. Sen esquecer que foi daquela cando naceu a Fotobienal (1984), promovida por Suárez Canal e Manuel Sendón, cando Reixa estreou as súas primeiras videocreacións, cando Radiocadena española en Vigo emitía o programa “A trincheira” de Emilio Alonso, cando se publicaba a revista “Tintimán” ou “Pharo the Bego”, un suplemento cultural de “Faro de Vigo”. Ou cando a rúa López de Neira foi a “rúa da moda”, onde tiña as súas tendas María Moreira, Gene Cabaleiro…

Aquel Vigo inquedo e inconformista de Coppini e da Movida ben merece hoxe unha lembranza.

Campo do Fragoso CXLVI

MEDIA TEMPADA MEDIOCRE

O empate fronte Osasuna foi un excelente resultado para o Celta. Tras unha primeira media hora terrible, cando puido recibir unha goleada escandalosa, na que enmudecimos cos seus infames erros defensivos, por ventura compensados polos despistes atacantes dos navarros, o equipo de Luis Enrique conseguiu acougar aquel tremendo temporal. Primeiro, obtivo a igualada, grazas a unha xenialidade imprevisible de Augusto, que improvisou un gol dun centroxute dende a dereita que semellaba escasamente perigoso. Despois, deu un paso adiante e foi adormecendo durante unha hora o xogo, até facer recuar aos navarros no seu ímpeto, ofrecendo un fútbol práctico, mais aborrecible e insípido para os seus propios seareiros.

Como sucede decote, Luis Enrique introduciu novidades no seu cadro inicial, na súa rolda de trocos de tan dubidosa eficacia. Nesta oportunidade recuperou a Orellana para a banda esquerda, deixou no banco a Nolito e  a Álex López, xunto ao sancionado Charles, un dos mellores goleiros (con cinco caroliños) do equipo esta media tempada. Coa excepción da motivación que isto supuxo para Krohn Dehli, esta mudanza non mellorou o funcionamento dun equipo que saíu a velas vir. No primeiro cuarto de hora, o Osasuna pasou por riba do Celta coma unha ciclóxenese das que falan agora os meteorólogos. Polo acontecido na lameira durante eses minutos, os dianteiros vermellóns estragaron catro goles feitos, nunha noite na que agoiramos se cocía un desastre moi considerable para Luis Enrique. Un trebón que por fortuna para os nosos amainou grazas a unha faísca dese talento (intermitente) que posúen en ataque, o máis esperanzador dos seus valores.

Durante os noventa minutos vimos a un Celta con escasa fluidez, incoherente no relato do seu xogo, confuso e descompensado. Non foi nunca un equipo gañador ou que expresase vontade de selo. Con todo, a horrible primeira media hora, quizais a peor de toda a media tempada, puxo en evidencia o principal problema do equipo, as súas enormes carencias defensivas, dende a posición das súas catro pezas, pasando pola escasa coordinación entre ambos os dous centrais, os buratos abertos polas subidas dos laterais, a baixa intensidade nas marcas e axudas, até a inseguridade para defender por riba saques de recanto e outras accións a balón parado. Neste partido, coma noutros anteriores, foi inevitable lembrar a Andrés Túñez, un central da canteira xa formado, feito e dereito, con experiencia internacional, excluído polo adestrador sen explicar nunca razóns do seu criterio técnico.

Este cuarto empate dos de Luis Enrique en Balaídos xa chove sobre mollado. De vinte e sete puntos xogados, o Celta obtivo sete (só unha vitoria, diante do Almería), apenas o 25,92 %, unha porcentaxe que o sitúa como un dos peores locais da categoría. Non foron mellores, tampouco, os resultados obtidos cos equipos da súa liga, xa que perdeu co Elxe, Raio, Valladolid, o que é un motivo de importante preocupación. Por ventura, os resultados melloraron cando os celestes foron visitantes, grazas ás tres vitorias en campos andaluces, que axudan a maquillar unha media tempada mediocre, até agora, con cifras por baixo das que obtivo a pasada de Paco Herrera.

Tras o turrón, chegará para o Celta e para o seu adestrador a hora da verdade. Teño a impresión que para manter a categoría este cadro de xogadores, tan xusto no seu número de efectivos coma nas súas posibilidades, require reforzos nas tres liñas. Coma son necesarias mudanzas na actitude e comportamento dun adestrador que aínda non conseguiu atopar nin cadro nin esquema de seu nin consolidar a indispensable confianza e simpatía dos seguidores celestes.

Illa soidade

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a non esquecer ás persoas que viven en soidade a noiteboa.

Xa perdín a conta do tempo que un home maior, calculo que terá arredor dos oitenta anos, leva vivindo diante dun escaparate dun comercio da rúa Urzaiz, situado na parada de Vitrasa das casas de Benito Sanjurjo, esoutra marabilla proxectada por Pacewicz. Hai case dous invernos publiquei unha breve anotación no meu blog dando a nova da súa presenza as vinte e catro horas do día ao pé do adro dunha tenda de toallas e roupa de casa. O comercio pechou, como tantos outros do centro, arrasados pola baixada das vendas desta crise interminable, mais o velliño solitario continúa alí, sentado polo día sobre dúas bolsas grandes, onde garda todas as súas pertenzas, que lle serven de único tallo, deitado pola noite, envurullado nas mantas, protexéndose do frío, dos ballóns, da barafunda do tráfico e do algareo constante da avenida.

Ao longo destes dous anos, abráiame velo estricarse ás mañás diante da media ducia de persoas que ao seu carón agardamos o vitrasa que nos leve a cadanseu chollo e afán. Cada mes parece máis fraco e consumido pola súa reclusión nun espazo aberto de seis metros cadrados. Camiña moi amodiño, apenas uns poucos metros para baleirar no sumidoiro a botella plástica dos seus ouriños. En contadas ocasións vin que falase con algún transeúnte ou que conte con persoas amigas. Sei que só a visita algunhas mañás dun rapaz, que o acompaña a asearse e tomar un café quente, é capaz de sacalo durante uns minutos do seu recuncho, onde non posúe nin a intimidade nin o calor do fogar máis humilde.

Cando regreso á noitiña, comprobo que o noso home continúa sentado con dignidade no seu tallo, protexendo as súas costas no escaparate, envurullado entre os seus farrapos, escoitando os noticiarios, as tertulias e os partidos de fútbol no seu transistor, o único fío que semella mantelo unido coa comunidade do seu tempo. Alleo aos ires e vires de milleiros de persoas, que cada día pasan diante do seu fogar improvisado, este home sen nome de Urzaiz procura a súa única distracción, non sei se tamén algún consolo, en seguir os debates políticos sobre a contía dos recortes, sobre as investigacións dos casos de corrupción, sobre o fracaso das que foron as nosas empresas principais ou en participar dese interminable relato de vitorias e derrotas celestes no que depositamos as nosas esperanzas máis efémeras. Un paradoxo moi chamativo de quen decidiu colocarse por vontade propia á marxe, nos espazos de exclusión social e familiar, aqueles non contabilizados en estatística ningunha, dunha sociedade que corre a velocidade de vertixe cara a unha maior desigualdade (e por tanto, a unha maior pobreza), como a unha maior exclusión das persoas diferentes (e por conseguinte, a unha maior soidade).
Fose para mitigar as longas noites do chuviñento inverno, fose para aliviar os días longos do verán non é doado comprender como os servizos sociais non conseguiron convencer aínda a esta persoa para que abandone a súa posición de anacoreta urbano. Ignoro cales son as razóns que o levaron a vivir na rúa. Ignoro se mantén relacións coa súa familia e se dispón, como é previsible, dalgunha pensión para afrontar os seus gastos. Ignoro as causas polas que non acude aos servizos do albergue municipal da rúa Marqués de Valterra. Como ignoro por que o exitoso programa de coidadores do Casco Vello non se amplía a outros barrios. O único certo é que mergullada no rebumbio urbano, na actividade comercial do día ou na movida da noite, a súa soidade é pavorosa e inhumana.

Como sucede nas páxinas de “Illa soidade” (2010), a magnífica novela na que a escritora viguesa An Alfaya aborda o mundo dos chamados “sen teito” (esmoleiros e vagabundos), non sabemos que futuro enxerga este solitario, máis alá de ser unha “illa deshabitada que vai conformando arquipélagos de soidade”. Outrosí sucede cos varios centos de persoas sen fogar que viven noutros barrios vigueses ou cos grupos que ocupan polo día a praza da Princesa ou os bancos do parque de Torrecedeira, persoas que arrastran o seu desarraigo provocado polas súas problemáticas dependencias do alcohol, das drogas ou da doenza mental. Presenzas que nos interpelan en tempos de desfeita social, no que máis de 650.000 persoas están en Galicia no limiar da pobreza, ao tempo que se reducen todos os programas públicos de dependencia e de integración social.

Coma reclamou a cadea humana, formada hai dez días por centos de persoas convocadas polas comunidades parroquiais de Coia, debemos librar unha batalla frontal contra as doenzas sociais provocadas pola crise, a soidade, a pobreza e a exclusión. Cómpre esixir unha resposta inmediata ás situacións de emerxencia social e reclamar aos poderes públicos que non poden renunciar ao seu papel na procura dunha sociedade que respecta os dereitos básicos de todas as persoas.

O Vigo de Cameselle

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao libro antolóxico do fotógrafo Guillermo Cameselle, que será presentado o mércores 18 de decembro, ás 20:00 horas no Club Faro de Vigo.

Coincidindo co primeiro aniversario do pasamento de Guillermo Cameselle, Xerais acaba de publicar un libro antolóxico do seu traballo como fotoxornalista de “Faro de Vigo”. Fermosamente prologada por Ceferino de Blas, mestre de xornalistas e responsable de Faro nas últimas décadas, a obra recompila en 440 páxinas arredor de 800 fotografías, escolmadas entre máis de 30.000, que conforman unha impresionante e emocionante crónica gráfica de Vigo e da súa área metropolitana dende 1975 a 2005, un período histórico decisivo no que a nosa abella da ribeira, coincidindo coa restauración monárquica e co inicio do período autonómico, sufriu unha durísima reconversión industrial e mudou case completamente a pel do seu tecido urbano.

Fillo de Cameselle, o famoso responsable do mantemento do estadio de Balaídos, Guillermo iniciou a súa profesión como fotógrafo da man de Manuel Novoa e Manuel García Castro “Magar” que con apenas vinte e poucos anos o introduciron como colaborador da axencia EFE e da delegación de TVE en Vigo. A partir de 1974, Cameselle entrou a formar parte do cadro de fotógrafos do decano, no que desenvolvería toda a súa traxectoria profesional e onde se forxou como un dos grandes do fotoxornalismo galego. Profesional de actitude sempre xenerosa, cun pulso vital impregnado dun pesimismo responsable, que ben coñecían os seus compañeiros de redacción, decontado foi adquirindo un estilo característico nas súas fotos identificables por unha composición coidada, atenta á xeometría e ao respecto das regras da dimensión áurea. Máis alá da rotina do disparo sobre o inmediato, obrigada polas urxencias do xornal, Cameselle esforzouse en ofrecer un traballo rotundo, baseado nunha ollada conmovedora sobre a realidade, non exenta do humor e dunha ironía moi sutil que ás veces chegaba aos límites do esperpento. A presenza de detalles case imperceptibles, nos que semellaba só el reparaba (o seu toque xenial), achegaban a cada unha das súas fotos un sorprendente engadido de orixinalidade e elegancia.

Cameselle foi modelo dun fotoxornalista afouto capaz de recoller a aceleración dun instante e de comprometerse cos afáns da cidadanía. Nas súas fotos atopamos o celme do Vigo rebelde e revolcado da reconversión naval dos oitenta, da que foi o seu cronista gráfico máis destacado, e das loitas obreiras e sociais no anfiteatro cívico de Urzaiz. No libro antolóxico aparecen fotos da protesta dos obreiros de Ascón no estadio de Balaídos en abril de 1978, das súas accións contundentes na mesma ponte de Rande ou de cando o 8 de xaneiro de 1985 ocuparon o catamarán e o conduciron a porto seguro. Fotos de forza extraordinaria coma as da reportaxe sobre a loita das mariscadoras da praia do Castelete, polas que recibiu en 1990 o primeiro premio “Galicia y el mar”, ou as da batalla que en decembro de 2002 os mariñeiros da ría libraron en Cíes contra o chapapote do “Prestige”. Fotos estremecedoras dos campamentos xitanos do Vigo dos oitenta, ou das mulleres sen teito, abrigadas nos escaparates de Príncipe. Exemplos de dignidade dun fotógrafo humilde e discretísimo, merecedor en 2005 do Premio Galicia de Xornalismo por este seu inquebrantable compromiso cívico cunha información profundamente humana, afastada de calquera tinte de amarelismo oportunista.

Namorado do mar, a ría de Vigo é a paisaxe protagonista dalgunha das súas fotos máis fermosas, dende aquelas da arquitectura móbil dos transatlánticos aparecendo entre o noso sky line, pasando por outras nas que expresa a potencia das guindastres dos estaleiros e a euforizante maruxía da lonxa do Berbés, até aqueloutras da beleza liviá das embarcacións da vela deportiva e das esforzadas traíñas. Fotógrafo primeiro dunha cidade polideportiva con vocación de sede olímpica, destaca o traballo de seguimento que fixo do incrible eurocelta de entre séculos, con fotos inesquecibles para a memoria celeste. Outro tanto acontece coas súas pezas dos concertos do Vigo da movida ou das festas populares (curros, entroidos, romaxes, procesións, paparotas e outros desfiles) nos que Cameselle deitou a súa ollada máis dionisíaca e divertida.  Mais foi no retrato outro xénero onde tamén Guillermo amosou a súa xenerosidade, tanto cando fotografou aos políticos e aos famosos con piedade e (nalgunhas ocasións) con retranca, coma cando o fixo co agarimo e coa tenrura que para el merecían os anónimos, os picariños e os vellos, os primeiros heroes das súas fotos.

O grande traballo en “Faro de Vigo” de Guillermo Cameselle obrigaba a ofrecer este primeiro libro antolóxico, que cremos contribuirá á construción da memoria do vivido por varias xeracións de vigueses. Mais merece tamén unha gran exposición na Casa das Artes como homenaxe e recoñecemento cidadán a súa proeza.

A kermesse de Antón Pulido

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao meu admirado amigo o pintor Antón Pulido.

Tras anos de dedicación xenerosa á docencia e á xestión cultural, despois de presentar os seus cadros con grande éxito en galerías e feiras de Taipei, Beijing, Shangai, Seúl e Roma, o pintor Antón Pulido ofrece baixo o título “Kermesse” unha grande exposición nas salas do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. O artista de Chaos de Amoeiro reuniu corenta lenzos inéditos de produción recente, aos que engadiu unha coidadísima escolma de pezas da súa traxectoria anterior, coa intención de presentar a súa esencia pictórica actual. Unha mostra memorable, magnífica, coidada ao detalle, que coincide coa madurez creativa e artística dun ser humano xigante, de xenerosidade e bondade desbordada, afincado en Vigo dende hai case tres décadas, que conta por milleiros os seus amigos e admiradores. Unha exposición emocionante para o espectador que percorre as magníficas instalacións do museo provincial abraiado pola sinfonía de cor rotunda e polo relato visual, unha exaltación gozosa da enerxía da vida, non exenta das doses de dramatismo e tristeza que lle son propias ao tempo que vivimos.

“Kermesse” –un termo flamenco que fai referencia a “festa popular”, que poderiamos traducir en galego como “danza”, “boureo”, “bourela” ou mesmo “festiña”– tamén é o título escollido por Pulido para trinta dos seus cadros, aos que non diferenza máis que por un número de serie. Dende unha abstración que o artista foi decantando ao longo dunha década, cada unha destas kermesses representa, en tempos de desacougo e soidade, a ledicia da vida e a vontade de sermos en comunidade. Cada kermesse é un xesto visual transformado en emoción, esa actitude de acollida xenerosa e de escoita paciente que destila a presenza de Pulido alí onde se atope. Cada kermesse é, tamén, un latexar cromático, caracterizado polo xogo de texturas e pola dominancia das cores vermellas e negras, representando ambas as dúas facianas da festa popular, a da cara e a da máscara,  a do profano e a do sagrado, a do eros e a do tanatos. Cada kermesse é, como sinala o profesor Antón Castro, coordinador da exposición, “un modelo de representar a vida e a arte, conciliando o equilibrio entre a natureza e o home, vertebrando os seus estados de ánimo nas atmosferas festivas e non festivas”. Cada kermesse é máis ca un cadro, é tamén un convite de tradición epicúrea a abandonar calquera tipo de conformismo ou fatalismo paralizantes e atreverse a explorar o sentido positivo da vida, non exento de riscos, coma Pulido propón nese impresionante prato de “Percebes” (2008), un cadro onde podemos identificar a orixe desta serie última de abstración poética tan depurada.

Non esquece Pulido na exposición pontevedresa ofrecer unha escolma moi breve da súa pintura máis expresionista, sobre todo a que caracterizou a súa produción dende os anos noventa, protagonizada pola representación da figura humana, fose nos seus extraordinarios retratos e autorretratos, nas representacións realistas dos labores e faenas populares, coma nesoutros camiñantes e músicos solitarios á beira do abismo ou esas inquedantes mulleres núas deitadas na praia. Pezas moi contundentes nas que a cor continúa sendo esencial na composición e no xesto. Na mostra destacan “Abismo” (1990), “Noite azul” (1992), “Soño II” (1993), “Músico” (2008) e “Durmindo nas ondas” (2008), óleos que conteñen nos seus límites un relato mudo, cadros que se ofrecen coma un espazo para a experiencia activa do espectador que a partir de detalles cromáticos pode imaxinar vidas, descubrir misterios e ensaiar melodías.

A música é outro elemento moi presente na biografía de Antón Pulido, dende os primeiros anos de formación en Ourense e nos que aprendeu as harmonías do canto gregoriano, que se incorpora á toda a súa obra pictórica. Non só pola presenza decote de músicos nos seus cadros, dacabalo da serie de abismos, camiñantes e soidades, coma pola asunción da experiencia rítmica no desenvolvemento do xesto gráfico e pola utilización das formas musicais na escolla da súa paleta cromática. Música e pintura na encrucillada creativa do artista, espazo e pentagrama coma territorios de creación, experimentación e investigación sonora e plástica. Un prodixio de creación sinestésica e polifónica que sabemos está ao alcance de moi poucos.

Antón Pulido é o pintor do vento, é o músico da cor cálida, é o poeta da abstración emotiva, é o narrador da realidade no abismo, un artista total e apaixonado que procura a beleza até a gorida onde se atopa. Visitar “Kermesse” é unha magnífica oportunidade para gozar e descubrir a obra dun dos máis importantes e orixinais pintores galegos de entre séculos. Recomendo moi vivamente visitar esta exposición, unha das mellores que se teñen celebrado en Galicia durante a última década. Beizón, Antón!

Fina académica

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á escritora Fina Casalderrey e a súa entrada na Real Academia Galega.

O ingreso na Real Academia Galega de Fina Casalderrey supón un fito de ouro para a literatura infantil e xuvenil galega. Coa entrada da profesora e escritora de Lérez –membro dunha xeración irrepetible de mestres galeguistas, hoxe felizmente xubilados, á que bautizamos como Xeración Lamote, da que forman parte, ademais, Paco Martín, Xabier DoCampo e Agustín Fernández Paz, todos os catros premios nacionais de literatura infantil e xuvenil– este xénero acada a súa definitiva madurez nas nosas letras e a institución académica da rúa Tabernas asume a responsabilidade da súa visibilidade en todos os eidos da súa actividade. Unha incorporación que, ademais, debería abrir a porta no futuro inmediato para a entrada na nosa primeira institución cultural doutras “intrépidas corsarias” das letras galegas como Marilar Aleixandre e Chus Pato, abrindo un proceso para súa irreversible feminización.

Mestra dende os dezanove anos, profesional comprometida co ensino público durante catro décadas, Fina Casalderrey leva publicados medio cento de títulos, todos eles escritos orixinalmente en lingua galega, traducidos na súa maior parte ás linguas peninsulares, dirixidos aos diversos públicos infantís e xuvenís, dende pequenos álbums e contiños para primeiros lectores até longas novelas para lectores e lectoras que abandonan a adolescencia. En todos os seus libros amosou que por complexos que semellen non existen temas prohibidos nin tabú que non poida ser abordado no proceso de formación do lectorado nin do seu criterio literario. Como tamén demostrou que a chamada literatura infantil e xuvenil, lonxe da súa frecuente e inxusta invisibilización e minusvalorización, é un xénero que pode ser transitado por lectores e lectoras de todas as idades, xa que existen pontes e tratamentos que convidan a facelo.

Empregando esta ollada da infancia e o acervo narrativo da tradición popular e familiar, Casalderrey soubo abordar a relación dos pequenos cos animais, en títulos inesquecibles, como “Dúas bágoas por Máquina” (1992) polo que obtivo o premio Merlín, “Chamizo” (1994) ou “O misterio dos fillos de Lúa” (1995), polo que gañou o premio Nacional e comezou a ser traducida a outras linguas. Axiña atreveuse con temas máis complexos como o da morte nun libro para nós memorable, “O estanque dos parrulos pobres” (1996) polo que gañou o premio Edebé de literatura infantil, e co que iniciaría a serie dos seus títulos sobre a relación entre os nenos e nenas e as persoas maiores, un tratamento no que Fina é recoñecida como unha das autoras de referencia mundial. A esta temática pertencen contiños para picariños como “A avoa non quere comer” (2002), “O avó é sabio” (2002), “Eu son eu” (2004) sobre a doenza do Alzheimer, “O meu avó é unha gata” (2005) ou “Quen me quere adoptar?” (2005) sobre a adopción por parte dunha familia dun avó que quedou só, títulos de referencia nos que aborda con elevadas doses de realismo, non exento de tenrura, mais sen mixiricadas, a complexa relación entre as etapas de comezo e devalo da vida. Como son modélicas polo seu rigor e alento narrativo as súas historias protagonizadas por persoas con necesidades educativas especiais, recollidas nun dos seus libros máis coñecidos, “Ás de mosca para Anxo” (1998), ou sobre a emigración, sobre todo en “A lagoa das nenas mudas” (2007), protagonizado por unha nenas subsahariana emigrada na nosa terra.

En toda a súa obra literaria, Fina Casalderrey expresou un profundo respecto pola infancia, para ela un “manancial inesgotable, no que tantas cousas parecen prodixio”, tamén unha fonte a burbullar de memoria familiar e escolar onde atopar explicacións para o descoñecido e para un mundo que emerxe da incerteza. Achega profundizada no seu discurso de ingreso na RAG, “Dende os refachos do corazón ata onde habita o imaxinario”, onde realizou un percorrido pola literatura galega procurando atopar a ollada da infancia e o tratamento que sobre ela fixeron os clásicos, dende a Rosalía de Castro de “La hija del mar” (1959), pasando por Castelao, Dieste, Pedrayo e Cunqueiro, até as narradoras do noso tempo como María Reimóndez e Rosa Aneiros. Un discurso fermoso e moi ben traballado, coa fariña das lecturas dos clásicos ben moída e a masa do relato perfectamente ligada, como ben sabe Fina, mestra empanadeira e reposteira (outra das súas achegas á cultura de noso), que cómpre axeitar nas grandes ocasións. No entanto, para as persoas que a coñecemos de vello, sabemos que idéntica lucidez, rigor e beleza expresaba hai trinta anos cando presentou as primeiras pezas para a dramatización na aula da súa escola de Moraña, onde compartiu os azos da escola galega das pombas co seu inseparable compañeiro Mariano García. Así é a escritora de lúas de nácara. Parabéns!

Un país en ruínas

No artigo da semana en Faro de Vigo amplio a miña reflexión sobre a sentenza do Prestige e a miña visión da actual situación crítica para o futuro do país.

Non é doado asumir a sentenza do “Prestige”. A diferenza do que sucedeu tras outras mareas negras –como as do “Exxon Valdez” en Alasca (1989) ou a do “Erika” na costa bretoa (1999), nas que as petroleiras despois das sentenzas pagaron unha parte dos danos, 500 millóns de dólares na primeira e 192 millóns de euros na segunda– na costa galega non existiu delito ambiental ningún nin se coñecen cales foron as orixes dunha catástrofe que provocou danos valorados pola fiscalía en máis de catro mil millóns de euros. A sentenza da Audiencia Provincial da Coruña exime de responsabilidade penal o goberno español e avala a súa decisión de afastar o barco da costa, aquela orde enérxica do ministro Álvarez Cascos de “mandar o barco ao quinto pino”.

Tras unha década de instrucción no xulgado de Corcubión, a xustiza asume o que xa anticipara Ana Botella, “a culpa foi do barco”; mais, iso si, sen establecer responsabilidade ningunha dos seus propietarios. O que supón que non existirá posibilidade de reclamación ningunha por parte daqueles vinte mil mariñeiros e mariscadoras, que apañaron coas súas mans o noxento chapapote, nin das confrarías ás que pertencían nin sequera das administracións públicas, que asumiron os gastos da loita contra o piche e a recuperación dos espazos naturais danados, como o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Esta sentenza enfronta á cidadanía ao espello da indignidade, da incompetencia e da mentira, aquelas que hai once anos mobilizaron a milleiros de persoas tras a pancarta da civilidade de Nunca Máis. Aqueloutro espello de solidariedade que atraeu a máis de 120.000 voluntarios, chegados de todas as comunidades, que durante meses limparon con xenerosidade desbordada praias e cantís. Tras esta sentenza sabemos para a nosa desgraza que aquí non pasou nada. Botouse terra sobre a memoria do “Prestige” e da mobilización cidadán de Nunca Máis, o que hoxe enche de satisfacción á prensa gobernamental da capital e a algúns políticos do Partido Popular protagonistas daqueles días, como Arsenio Fernández de Mesa, entón delegado do Goberno en Galicia, que aventurou que “o destino do fuel no fondo do mar é converterse en lastro”, ou de Enrique López Veiga, o conselleiro de Pesca, que aqueles días prometeu que “a Xunta vai dar ás catro mil familias afectadas o turrón, e se logo pode vir o mazapán por parte do Goberno e da UE, mellor”.

A inxusta sentenza do “Prestige” chove sobre mollado nun país en ruínas, onde cada vez son maiores as razóns para o desacougo. Milleiros dos seus graduados emigran, asumindo que terán moi escasas posibilidades de regresar a traballar na súa terra, mentres as cifras de desemprego xa se achegan a taxa do 25 %. O sector da industria naval leva máis dun ano sen cortar chapa, agardando polos floteis de Pemex, que esta semana volveron adiarse. Tras unha desastrosa xestión empresarial, Pescanova loita por evitar desaparecer, mentres o banco das caixas galegas, a última institución financeira de noso, agarda a venda da súa suculenta cota do mercado antes do Nadal. Non corre mellor fortuna o sector enerxético, onde Galicia a pesar de ser unha potencia produtora, non tira apenas réditos fiscais. Non corre mellor fortuna o eido agrogandeiro, cun sector do leite en crise permanente de viabilidade e un sector forestal sometido aos intereses das políticas do lume. Coma tampouco convida ao optimismo a precaria situación dos servizos da educación pública, a aposta raquítica pola investigación e innovación nin o escaso interese da Xunta de Galicia polo futuro da lingua e da cultura propias.

No último lustro, economicamente Galicia non levantou cabeza nin acometeu ningún dos seus desafíos estruturais. A sangría demográfica intensificouse, o país continúa envellecendo, mentres mantén unha das taxas de nacemento máis baixas de Occidente. No entorno da crise e das políticas de consolidación fiscal (os recortes) adiouse sine die a reforma territorial e administrativa, que obrigaría a posta en marcha de comarcas e áreas metropolitanas e a reconsiderar o papel das deputacións. Tampouco se intentou mellorar o financiamento autonómico, a todas luces insuficiente para un país que sofre unha fenda territorial entre as provincias atlánticas e as do interior e unha importante dispersión da poboación rural.

Diante dunha situación económica tan precaria, diante dun aumento da desigualdade social tan acelerado, a cidadanía galega non pode continuar agochada no conformismo, allea ao devir da súa historia nun momento decisivo. Cómpre recuperar a intención de sermos para reconstruír un país en ruínas. Por moito que nos incomode a sentenza do “Prestige” ou a desaparición do noso sector financeiro, non é este o momento para a desolación e o desánimo. Galicia debe reaccionar.

A foto é de Guillermo Cameselle.

O conflito da biblioteca nodal

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a situación bibliotecaria en Vigo.

Vigo xa non é aquel concello que hai menos dunha década aparecía sempre como exemplo do severo desinterese das administracións públicas polas bibliotecas e polo fomento da lectura. Grazas ás melloras introducidas na Biblioteca Central, bautizada este ano como Juan Compañel (en homenaxe ao editor de “Cantares gallegos”), e á inauguración da Biblioteca Xosé Neira Vilas do Calvario, ambas as dúas de titularidade municipal, rompeuse a inercia da indixencia bibliotecaria viguesa.

A inauguración o 9 de setembro de 2011 da Biblioteca Pública Municipal do Calvario, construída ao abeiro do Plan E de Zapatero, xermolo do que debería ser a rede de bibliotecas públicas municipais, supuxo un punto de non retorno para reconciliar a Vigo coa que se considera de forma unánime como a primeira institución cultural de cada comunidade local. O éxito desta acolledora biblioteca, tanto a nivel de socios (sete mil en 2012 e subindo ao longo do actual) e usuarios (máis de cento vinte mil anuais) como de actividades de fomento da lectura e de alfabetización informacional para un público interxeracional, amosan o papel esencial que a biblioteca pública desenvolve como animadora das comunidades de barrio. Éxito ao que se uniu hai un par de meses a súa aposta pioneira e innovadora polo préstamo de libro electrónico, o eBookVigo, unha plataforma tecnolóxica que o concello pon a disposición de todos os cidadáns vigueses usuarios desta biblioteca para facilitar o seu acceso á lectura en formato electrónico.

Porén, esta importante contribución non pode agochar a incapacidade dos tres últimos gobernos municipais vigueses para ofrecer un espazo no que o Ministerio de Educación e Cultura constrúa a Biblioteca Pública do Estado que a cidade precisa coma auga de maio. Unha construción prevista en varios Orzamentos Xerais do Estado mais para a que nunca se chegou a atopar o espazo municipal axeitado, tras barallarse o seu emprazamento na Escola de Artes e Oficios, nunha das plantas baleiras do Auditorio Mar de Vigo e xa máis recentemente no compromiso verbal de Abel Caballero de facelo no edificio da Panificadora, que semella quedou en auga de castañas. Como tampouco foi capaz o concello de atopar mellor ubicación que os sotos da casa do concello para o Arquivo Municipal de Vigo, do que foi derradeiro arquiveiro José G. Posada-Curros, unhas dependencias insuficientes para unha institución que debería estar ao servizo do persoal investigador como do conxunto da cidadanía.

Neste contexto entre o esforzo e a precariedade desenvólvese o conflito actual entre o concello de Vigo e a Consellaría de Cultura e Educación sobre a dotación económica da Biblioteca Central de Vigo, que como antes sinalamos ten titularidade municipal, mais forma parte da rede de bibliotecas nodais de Galicia xunto ao resto das bibliotecas do estado (as das catro capitais de provincia e máis a Ánxel Casal de Santiago), sostidas integramente polos fondos propios e transferidos xestionados pola Xunta de Galicia. A ameaza do alcalde de non incluír nos orzamentos municipais de 2014 a partida de 350.000 euros destinados á Biblioteca Juan Compañel (lembremos que é unha institución de titularidade municipal, non autonómica) é unha torpeza incomprensible, explicable pola súa obsesiva estratexia de agudizar a contradición cos membros do Partido Popular e denunciar a falta de investimentos dos gobernos conservadores coa primeira cidade de Galicia. Mais aínda cando o funcionamento desta biblioteca e a súa integración na rede nodal, que se fixo tras a súa ubicación no edificio Ferro do Casco Vello, se rexe por un convenio entre o concello e a Xunta que, en todo caso, debería ser denunciado, se algunha das dúas partes o considera necesario. Apostaría que estamos diante dun conflito estritamente político, outro episodio máis desa interminable lea mediática entre o alcalde e a delegada da Xunta.

Todos os poderes públicos teñen unha responsabilidade coas bibliotecas públicas e o fomento da lectura á que, a pesar das políticas de consolidación fiscal, non poden renunciar de xeito ningún. O concello de Vigo debe continuar a súa aposta polo desenvolvemento da rede de bibliotecas de barrio (sobre todo en Navia, Bouzas e Teis) e dignificando as instalacións do Arquivo Municipal.  Como tamén é a súa obriga atopar un espazo para que o Goberno constrúa decontado a Biblioteca Pública do Estado, imprescindible para a nosa área metropolitana, chamada a integrarse na rede nodal da Xunta de Galicia. Como a Consellaría de Cultura ten a obriga de dotar de fondos e apoiar as actividades de todas as bibliotecas públicas e especializadas (como a Penzol ou a da EMAO) existentes en Vigo, tamén a capital editorial de Galicia e sexta cidade española na produción de libros.

Campo do Fragoso CXLV

MALLEIRA

Na noitiña do pasado sábado, o Raio Vallecano deulle unha malleira de xogo a un Celta que nesta tempada non foi aínda capaz de darlle sequera a máis pequena satisfacción aos seus seareiros. Os resultados no vello Balaídos do equipo de Luis Enrique fan chorar, apenas tres empates e catro derrotas (a maioría fronte a rivais directos), unha seca goleira de cinco partidos, resultados horribles que nas estatísticas xa non poden competir cos peores de Stoichkov e Eusebio, os precedentes máis recentes en Vigo da tan aprezada (polo presidente Mouriño) escola de adestradores barcelonistas.

Fronte a un Raio magnífico doeu os ollos ver a un Celta tan desorientado e tan inferior ao equipo que se presentaba como pechacancelas da categoría. Un Raio conducido de forma maxistral polo meu sempre admirado Roberto Trashorras, que como único mediocentro do seu equipo deu un grande recital de distribución serena e de control do tempo do partido, sen renunciar a xutar en carreira dende distintas posicións, executar as faltas e trazar coa súa biqueira tiraliñas como o que orixinou o primeiro gol do seu equipo, un pase vertical que superou as tres liñas celestes e permitiu ao lateral centrar sobre Vieira. Mais e sobre todo, o xenial chairego deu no vivo sobre o noso Oubiña, que perdeu con claridade o derbi de mediocampistas galegos, facendo un dos peores partidos que lle lembramos en Balaídos, desubicado, impreciso, lento, sen balón e sen espazo. Roberto Trashorras, como aqueloutro admirado Fabián Canobbio, son xogadores que deixaron no Campo do Fragoso moitas horas de fútbol de alta escola. Dous talentos que foron criticados adoito en Vigo pola súa participación intermitente no desenvolvemento do xogo celeste, mais sería inxusto esquecer que cando estaban activados e motivados demostraron coma poucos as estreitas relacións do fútbol coa xeometría e co resto das belas artes, facendo moito mellores aos xogadores cos que compartían escudo. Secasí sucedeu o sábado cos tres dianteiros vallecanos (Lass, Vieira e o vigués Falque)  que dirixidos pola biqueira de Rábade danzaron a velocidade do lóstrego procurando atoparlle os furados á defensa céltica. E abofé que o conseguiron en dúas ocasións.

Mais na febleza da cobertura estivo a orixe do naufraxio dos de Luis Enrique, que volveu recuncar na súa excentricidade teimosa de construír un equipo de autor. O asturiano pensa que inventou a roda cando colocou a Toni e Costas a cargo da banda esquerda da defensa. Paco Jémez, un técnico estudoso dos movementos na pizarra e afouto na proposta táctica, ben sabía que nese espazo podía atopar unha auténtica fonte, onde desenvolver superioridades con maior facilidade. E non lle custou moito conseguilo grazas a velocidade e experiencia das súas puntas. Porén, sería inxusto que Toni (un extremo) e Costas (unha promesa) fixesen de pandote dun equipo que non funcionou en liña ningunha. Cun Oubiña desafortunado, Álex apenas conduciu un par de xogadas. A pesar da vontade de Augusto que batallou o seu por gañar balóns decisivos, os tres dianteiros apenas crearon perigo, Nolito non tiña o seu día, Mina quedou lonxe da área e Charles moi espeso chegaba dous segundos tarde. Os trocos non melloraron a confusión dun cadro daquela xa irrecoñecible, á vaiche boa, sen mediocentro defensivo, cun lateral xogando de central e cun Rafinha conducindo a pelota a base de caneos a destra e sinistra. O público de Balaídos, sempre comprensivo coa desgraza, comeza a estar até as orellas destes inventos que non teñen traza ningunha de saír ben. Insisto no que xa teño dito. Se quere levar a auga para o seu muíño, Luis Enrique debe axeitar o seu xogo ao cadro do que dispón.