A derradeira oportunidade para Samil

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reclamar unha oportunidade para as praias de Samil:

Vía GCiencia souben da recreación interactiva da elevación do mar publicada na rede por Afundación. Unha recreación virtual para un total de 62 puntos da beiramar da península ibérica, na que se compara unha fotografía da situación actual (2020) e a estimación do terreo que quedaría baixo o mar no ano 2100, segundo a interpretación dos estudos realizados por Climate Central, unha organización  independente que investiga e informa sobre o cambio climático. Máis alá da alarma que poidan provocar estes prognósticos, que tratándose de grandes conxuntos de datos poden incluír algúns erros, chama a atención que no Atlántico galego, onde son comparados 22 espazos de beiramar, os territorios asolagados debido a elevación estimada do nivel do mar nun metro, modificarían completamente a paisaxe actual até facela irrecoñecible. Sucedería na illa de Arousa, cuxo territorio quedaría severamente reducido ou no Val Miñor onde as praias de Ladeira, Lourido e Gaifar estarían ameazadas. Prognósticos que obrigan a tomar conciencia de que a rexeneración dos océanos é unha tarefa urxente, sendo responsabilidade das xeracións actuais reducir a acidificación das augas e a contaminación dos ecosistemas terrestres e marítimos.

Neste prognóstico a recreación sobre o que podería suceder co porto de Vigo non pode ser máis preocupante xa que grosso modo serían anegados a maior parte dos espazos portuarios que, non o esquezamos, foron gañados ao mar ao longo dos sucesivos recheos da ría ao longo do século XX. Un xeito de xustiza poética da propia natureza que devolvería ao mar o que se lle foi roubando. No en tanto tratándose dunha predición a tan longo prazo debería ser utilizada apenas como unha referencia para orientar a organización e optimización do uso dos actuais espazos portuarios e, canto menos, evitar novos recheos. Porén, ese non semella ser o criterio da actual Autoridade Portuaria que meses atrás anunciou no marco do Plan Estratéxico do Porto de Vigo 2018-2018 a ampliación dos espazos portuarios con novos recheos. Velaí o anuncio dun de 5.000 metros cadrados coa intención de ampliar a lonxa, o que afastaría do mar o edificio do auditorio deseñado polo arquitecto César Portela como unha grande fiestra sobre o mar. Por non falar dos proxectos de novos recheos en Bouzas (165.000 metros cadrados) ou no propio peirao do Areal sobre os que os responsables do concello de Vigo e do Ministerio de Fomento teñen que decidir.

Pese a todo o espazo da beiramar viguesa máis ameazado polos efectos do cambio climático e ao mesmo tempo con máis posibilidades de recuperación é o da praia de Samil. Abandonado o proxecto de recuperación medioambiental integral da praia, previsto no PXOM de 2008, que contemplaba aumentar a anchura do areal até en cen metros e obrigaba a desprazar o actual paseo nalgúns casos até 60 metros, é imprescindible desenvolver decontado un novo proxecto que evite a desaparición a medio prazo da praia e do seu espazo intermareal. O areal de Samil agoniza debido a estrada que destruíu a duna nos anos e 50 e ao muro de formigón construído en 1971 que foron modificando o perfil natural e a dinámica da duna de xeito que xa hai zonas sen área durante os actuais temporais. Aquel Samil da praia da Argazada que coñecimos na nosa infancia como unha praia aberta e dunas con piñeirais converteuse hoxe nunha franxa de área de apenas 20 metros nos mellores casos, que chega a desaparecer nalgunhas zonas en inverno. Non hai volta de folla, os areais de Samil precisan e poden volver a recuperar o seu espazo e fasquía roubados.

Por ventura, para salvar a nosa primeira praia urbana contamos co precedente da intervención con éxito sobre o Vao, un proxecto dos servizos municipais de medio ambiente que con visión estratéxica e moita paciencia conseguiu ampliar de forma moi considerable tanto o areal como o espazo e a flora intermareais. Unha estratexia que debe emularse para devolverlle a Samil o que durante cinco décadas o formigón lle roubou. Unha intervención medioambiental que pasa inevitablemente, como propuxo o enxeñeiro vigués Pablo Brea, por desprazar o paseo actual 25 metros, derrubar as cafetarías e prescindir das piscinas e outras instalacións deportivas, o que permitiría gañar metros ao areal e rexenerar parte das dunas. Certo é que haberá que solucionar o futuro da incomprensible concesión recente dunha nova cafetaría (con licenza municipal até 2044), mais non pode ser obstáculo para acometer unha actuación prioritaria de interese xeral. Como tamén o é que semellante actuación sobre o areal debe estar integrada no ordenamento urbanístico da zona e no proxecto de mobilidade (á praia habería que chegar sobre todo en bicicleta e en transporte urbano eléctrico). Samil debe contar cunha derradeira oportunidade.

Covid 19 e acción ambiental

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración do día mundial do medio ambiente no contexto da pandemia pola Covid 19:

Coa esperanza de estar saíndo da situación máis severa de confinamento, celebramos este 5 de xuño o día mundial do medio ambiente arredor do tema da biodiversidade, a data anual máis importante das Nacións Unidas para fomentar a acción ambiental. Biodiversidade que abrangue as oito millóns de especies do planeta, os ecosistemas que as albergan e a diversidade xenética entre elas. Biodiversidade concibida como piar que sostén toda a vida na terra e debaixo da auga, tecendo unha complexa rede que afecta a todo o sistema de vida, con especial incidencia sobre os aspectos da saúde humana. A deforestación, a invasión de hábitats de vida silvestre, a agricultura intensiva e a aceleración do cambio climático alteraron nos últimos anos o fráxil equilibrio da natureza. Ao ritmo do consumo actual de recursos naturais as Nacións Unidas estiman que se precisarían cada ano dos 1,6 planetas. Catástrofes recentes como os incendios forestais no Brasil, California e Australia, a invasión de lagostas no Corno de África e sobre todo a pandemia da Covid 19, cuxa orixe é moi probablemente zoonótica (transmitida de animais a persoas), testemuñan a estreita relación entre os seres humanos e as redes de vida nas que vivimos.

A aparición da Covid 19 demostra que cando destruímos a biodiversidade destruímos tamén o sistema que sostén a vida humana. Os responsables da OMS insisten en que a menor biodiversidade corresponde maior capacidade de propagación de patóxenos (virus e bacterias). Outros científicos estiman que mil millóns de persoas son contaxiadas cada ano por doenzas relacionadas con algúns dos tipos de coronavirus e que arredor do 75 % de todas esas novas doenzas infecciosas transmítense de animais a persoas; razón pola que manter intactas a natureza e a diversidade de especies é unha forma moi eficaz de protexernos das pandemias. Como tamén existen evidencias para investigadores da Universidade de Harvard da existencia dunha asociación de maior mortalidade por coronavirus e niveis máis elevados de contaminación ambiental por concentración de partículas, feito que outros cuestionan, mais recoñecendo en todo caso que a longo prazo a contaminación contribuiría a debilitar o sistema respiratorio. A natureza está enviándonos unha mensaxe clara: protexer a saúde do planeta e preservar a súa biodiversidade é a vacina máis eficaz para evitar o colapso alimentario nalgunhas zonas do planeta e para protexer a toda a poboación mundial de futuras pandemias.

Por outra banda, é un feito coñecido que o confinamento e a paralización da actividade nalgúns sectores, medidas adoptadas nos dous últimos meses polos diversos gobernos para frear a pandemia do Covid 19, diminuíron de forma significativa as emisións de gases de efecto invernadoiro ao tempo que melloraron a calidade do aire nas cidades. Un estudo da consellaría de Medio Ambiente observou en Vigo unha redución de até o 76 % dos niveis das emisións de dióxido de nitróxeno, cuxos niveis elevados están asociados ao agravamento de doenzas respiratorias e cardiovasculares. E o que aínda é moito máis esperanzador, fomos moitos os vigueses asombrados polo acontecemento inédito de poder escoitar o canto dos paxariños que nestes días de reclusión volveron pousar no alfeizar das ventás das nosas casas.

En cidades como a nosa, a saída da pandemia, a «nova normalidade», é unha oportunidade para deixar de facer as cousas como sempre se fixeron e darlle unha profunda virada á acción ambiental. E iso tanto polos compromisos asumidos na axenda 2030 de desenvolvemento sostible como pola necesidade de preservar a propia biodiversidade na contorna urbana. Materia na que en Vigo hai moito aínda por mudar, dende a redución das emisións, para o que imprescindible diminuír de forma drástica o tráfico de vehículos privados que utilizan combustibles fósiles, como se fixo con éxito rotundo pechando durante os meses de confinamento algunhas arterias (como a que atravesa a Porta do Sol), pasando polo reordenamento do sistema de mobilidade interna no Vigo central, no periurbano como nos concellos da área metropolitana, en base a creación de rotas de camiñantes e ciclistas, coches híbridos e eléctricos compartidos e a un novo transporte urbano eléctrico, o que diminuiría a polución e a contaminación acústica. Sen esquecer que nesta mudanza en clave verde é imprescindible en Vigo a redución da contaminación luminosa, procurando ceos nocturnos tan limpos como os de Cíes, e un plan de reforestación con milleiros de árbores urbanas, abandonando a política ornamental de maceteiros e dinosebes das dúas últimas décadas. Se de verdade queremos apostar polo obxectivo dunha cidade sostible e inclusiva é obrigado saír desta pandemia acometendo as mudanzas verdes que Vigo precisa.

Un bosque para o Castro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo en reclamar un plan integral de protección natural e patrimonial para o monte do Castro:

Nos paseos dos seráns de confinamento son moitas as persoas que suben polas escalinatas do Castro procurando a frescura das pegadas nos carreiros e o espectáculo do solpor dende os miradoiros do adarve. E madía leva que ben afortunada é a veciñanza viguesa de contar para o seu goce con este extraordinario parque urbano de recreo (de propiedade municipal dende o 14 de abril de 1934) que dende hai pouco máis dun século foi cubrindo con árbores e vieiros o monte do Castro, un outeiro rapado, coroado a 147 metros por un castelo abaluartado do século XVII, o bastión da defensa viguesa antes os exércitos portugués, inglés e francés que nos visitaron. Corazón e celme vigués por excelencia, onde se asentou a primitiva poboación castrexa, unha das orixes da cidade, investigado polo arqueólogo Xosé María Álvarez Blázquez e o arquitecto Xaime Garrido, o monte do Castro constitúe tamén unha das súas alfaias verdes, xunto ás Cíes, a coroa vexetal do periurbano, o xardín da Alameda e o bosque da finca da marquesa en Castrelos.

Protagonista da primeira fotografía da cidade, tirada en 1867 por un viaxeiro inglés, identificada apenas coa lenda «Fort near Vigo, Spain», o parque do Castro é froito da ansia colectiva da cidade de contar cun bosque urbano para o seu lecer en situacións e condicións excepcionais. Así o considerou Jenaro de la Fuente autor en 1903 do primeiro proxecto de axardinamento que respectaba os dous recintos superiores do castelo e cadanseus paseos que o circundaban, o primeiro que coincidía máis ou menos co actual paseo de Rosalía de Castro, e o segundo, máis exterior, polo camiño que subía dende o Campo de Granada ao Couto curvándose alí para baixar polo que hoxe é o paseo do cronista Álvarez Blázquez. Entre ambas as dúas avenidas concibía o arquitecto municipal a plantación de xardíns e arborado, que non terían problemas de rego pola situación do depósito de augas en construción, que comezaría a prestar servizo un ano despois a máis de catro mil abonados. Aquela proposta de Jenaro de la Fuente quedou apenas na arquitectura de papel. Como aqueloutra grandiosa de monumentalismo utópico de  Antonio Palacios no seu «Plan de Extensión e Reforma Interior de Vigo» (1932), que concibía o Castro como o espazo verde do centro da futura cidade, colocando no seu cume o Pazo Rexional de Exposicións e Asembleas (na cota de 136 metros).

Xaora, o proxecto de axardinamento e urbanización que iría por fin adiante foi o deseñado polo enxeñeiro Manuel Cominges (1943), que conservaba os dous recintos defensivos pétreos e o seu paseo circundante, abría unha escalinata central dende o Campo baixo de Granada (onde se chantou a tan desafortunada cruz dos caídos) e unha avenida lateral no Camiño Alto do Couto. Dende entón a plantación un tanto indiscriminada e ás veces desafortunada de diversos tipos de arborado foi responsabilidade dos servizos municipais de parques e xardíns. Dende entón, o devir do noso primeiro parque urbano estivo determinado pola conservación das edificacións históricas, o que se conseguiu só hai pouco co derrube de «El Castillo», nefasta construción acaroada durante décadas á muralla, a musealización das escavacións castrexas (hoxe case abandonada), como pola conversión dos seus principais viarios interiores en aparcamento gratuíto para o centro urbano. Problemas aos que se unen as afeccións medioambientais en diversas zonas, sobre todo no entorno da muralla da fortaleza, que supuxeron talas de árbores adultas e podas abusivas denunciadas por diversos colectivos cidadáns e ecoloxistas.

Ademais da conservación e iluminación da muralla, proxecto en marcha, froito do acordo entre o ministerio de Fomento e o concello, o monte do Castro precisa dun plan integral de protección do patrimonio natural, arquitectónico e histórico que o converta nun espazo completamente verde destinado aos peóns e ciclistas, libre da circulación interior de vehículos a motor. Un documento que deseñe o Castro do século XXI, elaborado por servizos técnicos de arquitectura e urbanismo, sometido tanto ás suxestións e críticas da cidadanía como a aprobación da corporación, que estableza as medidas de protección da flora e fauna e os usos especializados dos diversos espazos do parque (lecer, deportivos, culturais, medioambientais, entre outros). Un proxecto estratéxico, inserido nas actuacións da estratexia europea da axenda 2050, que, como propón o grupo vigués de Ecoloxistas en acción, obrigaría a unha reforestación planificada do monte con árbores autóctonas para convertelo no horizonte das vindeiras décadas nun bosque urbano de referencia internacional dende o punto de vista medioambiental e cultural, á altura do Parque da cidade de Porto ou o Calton Hill de Edimburgo. Un novo Castro é posible.

O legado de Ricardo Carvalho Calero

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao legado de Ricardo Carvalho Calero:

Despois de agardar décadas pola celebración dun dezasete de maio dedicado á figura de Ricardo Carvalho Calero, as circunstancias excepcionais da pandemia do Covid19 obrigaron a adiar as homenaxes institucionais da Academia Galega até o outono, coincidindo coa data do 110 aniversario do nacemento do profesor e polígrafo ferrolán. Un recoñecemento imprescindible para unha das figuras galeguistas claves do século XX, membro da segunda xeración do Seminario de Estudos Galegos (SEG), «os homes de Halley» (o cometa que pasou en 1910 o ano do seu nacemento), como a el lle prestaba dicir, discípulo dos mestres das Irmandades da Fala e da  Xeración Nós, da que celebramos este 2020 o seu centenario. Mais tamén nos seus anos de mocidade foi Carvalho Calero, activista estudantil da Federación Universitaria Escolar (FUE), da que chegou a ser presidente (1930); membro da Esquerda Galeguista, onde combinaba a militancia esquerdista e republicana coa nacionalista, antes da creación do Partido Galeguista (1931), no que se integrou dende a súa fundación. Sen esquecer nin o seu papel como co-redactor xunto a Lois Tobío do Anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia presentado polo SEG (1931-1932) nin que foi autor de diversos ensaios sobre literatura galega do seu tempo.

Un recoñecemento necesario para unha figura fulcral para a literatura galega que ao longo da súa andaina abordou todos os xéneros e concibiu o papel do autor literario como a de quen adopta unha sentimentalidade relixiosa e ofrece ao lectorado unha reflexión nacida do seu interior. Foi a poesía a súa primeira expresión literaria, e probablemente para el tamén onde mellor ofreceu a súa estirpe autoral de poeta humanista abrasado por preguntas, dende o seu primeiro libro de poemas en galego, Vieiros (1930), até os seus volumes de obra reunida, Pretérito imperfeito (1927-1961) e Futuro condicional (1961-1980). Nos difíciles anos do franquismo, cumpriu dous anos de prisión en Xaén e foi inhabilitado até 1965 a ofrecer servizos á administración acusado pola súa defensa dos ideais republicanos e ideas separatistas, desenvolveu unha obra teatral, unha das máis relevantes da dramática de posguerra, velaí pezas como Farsa das zocas e A sombra de Orfeu (escritas en 1948, publicadas en libro en 1971), así como narrativa, na que destacou A xente da barreira (1950), a primeira novela en galego publicada despois da guerra, coa que gañou o certame convocado pola Editorial de los Bibliófilos Gallegos.

Unha homenaxe merecidísima para don Ricardo polo seu labor monumental como ensaísta crítico e investigador da lingua e literatura galegas, eidos nos que os seus traballos e achegas científicas, sobre todo dende a súa incorporación á Universidade de Santiago de Compostela como profesor (1965) e primeiro catedrático destas disciplinas (1972), foron fundacionais para situalas á par doutras de máis longa tradición no ámbito académico. Historia da literatura galega contemporánea (1963, 1976) e Gramática elemental del gallego común (1966), pola que recibiu o Pedrón de Ouro, dúas monografías críticas publicadas pola editorial Galaxia, grupo co que colaborou estreitamente na súa estratexia de resistencia cultural até finais da década de 1970, foron trabes para o desenvolvemento normalizado da nosa historia literaria que, por fortuna, os seus numerosos discípulos nas aulas composteláns desenvolverían nunha arela compartida a partir das décadas de fin de século.

Homenaxe reparadora para don Ricardo, que chega tres décadas despois do seu pasamento (1990), tardanza atribuíble ao distanciamento persoal, lingüístico e ideolóxico que dende a súa xubilación (1980), no anos decisivos do inicio da Autonomía, mantivo co «galeguismo institucional» (RAG, ILG, CCG), do que sempre mantivera unha certa independencia de actuación. Separación que o debate ortográfico, aparentemente irreconciliable e aínda non resolto, tampouco axudou a aproximar, mais que agora nun exercicio esperanzador de madurez e responsabilidade podería ser reconducido. Unha noticia, sen dúbida, moi alentadora tanto para recuperar todo o legado lingüístico e literario de Carvalho, incluída a súa reivindicación de formas ortográficas auténticas do galego histórico, como a súa reclamación de que o pensamento político galeguista recupere o espírito do galeguismo clásico de Nós e Castelao segundo o cal Galiza é unha célula de universalidade; un nacionalismo universalista que aspira a unha estruturación da península sobre a base do recoñecemento de cada unha das súas nacións para conseguir, en palabras de Carvalho, que «cada unha renda todo o que poida render para beneficio proprio, da península ibérica, de Europa e da propia humanidade».

50 anos do «Polycommander»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao cincuentenario da marea negra do Polycommander:

Hai medio século da semana inesquecible do Polycommander, que marcou a memoria da miña xeración. Todo comezou cando o petroleiro noruegués de 230 metros de eslora, pretendía saír da ría pola canle Norte. Ás catro e vinte da madrugada do martes 5 de maio de 1970, cargado con 49.414 toneladas de cru da variedade arabia lixeiro, bateu nas pedras de Cíes, á altura da Punta Muxieiro, diante da praia de Figueiras na illa norte. Un encallamento de causas dificilmente explicables que destruíu a sala de máquinas e abriu unha fenda de tres metros no casco do costado de babor, pola que comezou a verterse o contido dos tanques 5 e 6, onde se aloxaba case un terzo da carga.

Derrame que, tras varios estoupidos de orixe nunca aclarada, deu paso a un incendio pavoroso da embarcación, fabuloso espectáculo seguido con asombro e preocupación polos vigueses durante corenta e oito horas dende o outeiro do Castro ou os miradoiros de Camelias ou do Paseo de Afonso (como no caso noso), e que foi cubrindo cunha densa nubada tanto a ría como a propia cidade. Marea negra, na que se derramaron até 18.000 toneladas de petróleo, que durante anos deixaron as súas inconfundibles pegadas de «pichi» (chapapote) en todas os nosos areais e da que medio século despois se conservan aínda pequenos vestixios nalgunhas rochas dos cons de Mougás e Monteferro.

Daquela primeira gran traxedia ecolóxica da ría de Vigo conservamos algunhas fotos impresionantes tiradas con enorme afouteza dende unha lancha de oito metros por Magar e por Freire, os reporteiros gráficos de Faro de Vigo e El Pueblo Gallego, así como algunhas crónicas xornalísticas moi valentes para a época sobre a precariedade dos traballos de extinción do incendio por parte dos bombeiros vigueses, das dificultades das tripulacións de varios pesqueiros para conter a marea cos medio artesanais que idearon ou dos efectos do orballo de cinzas sobre os cultivos do Val Miñor.

Porén, carecemos aínda dun relato contrastado capaz de explicar as razóns que provocaron o accidente e o alcance dunha marea negra, que chegou á portada da revista The New Yorker en maio de 1973, mais que as autoridades franquistas de Mariña pretenderon minimizar e reducir ao vertido controlado de apenas mil e pico toneladas de petróleo. Un naufraxio iniciado, como tantas outras veces, por unha circunstancia inesperada, nesta caso a necesidade dunha arribada forzosa ao porto de Vigo para desembarcar á tripulante Karin Alstad, que corría o risco de sufrir un aborto e quedaría ingresada no sanatorio de Troncoso. Unha situación que obrigou ao capitán Mr. Strom Olsen a recalar en Vigo na noitiña e unhas poucas horas despois, xa de madrugada, recuperar a rota iniciada en Sidón (Líbano) cara ao seu destino, o porto bretón de Donges, a carón de Saint-Nazaire.

Un sinistro absurdo do que se descoñecen aínda as súas causas, xa que resulta inexplicable como foi ás pedras unha embarcación que contaba co moderno sistema de navegación Decca e con axudas suficientes. Non se comprende como dende a ponte, na que debería estar aínda Joaquín Miller, o veterano práctico do porto de Vigo, asesorando ao capitán, ao primeiro oficial e ao temoneiro, non se iniciou coa antelación necesaria o cambio de rumbo a estribor. Unha manobra equivocada que a Autoridade Militar de Mariña atribuíu ao capitán noruego, mentres que para aseguradora Lloyd’s e para os organismos internacionais de loita contra contaminación mariña, como o CEDRE francés (ao que tantas veces acudimos procurando información na marea negra do Prestige), correspondeu a unha neglixencia do práctico do porto de Vigo.

Un naufraxio no que se salvaron os 39 tripulantes, entre eles tres mariñeiros de Ribeira, cuxo bote salvavidas foi remolcado nunha arriscada manobra polo pesqueiro Centinela, un dos primeiros en acudir ao auxilio do petroleiro. No entanto, foron algúns os feridos e catro os queimados de importancia (mariñeiros de reemprazo) das tripulacións dos buques da armada, como o cruceiro Canarias, a fragata Legazpi e o remolcador de altura RA-1, participantes nas tarefas de extinción, xunto aos remolcadores do porto Elduayen e Serviola. Como tampouco se dispón dun informe técnico que explique a actuación con máis vontade que acerto de oito avións do exército do aire e dun helicóptero que pretenderon axudar nos labores de extinción, antes da chegada da aviación norteamericana e a súa choiva nociva de dispersantes aromáticos sobre a ría, o que provocou danos para a flora e a fauna mariña, o que supuxo importantes consecuencias para a pesca de baixura e nas colonias de aves.

50 anos despois, paga a pena recuperar a memoria daqueles días do Polycommander, axuda a mellor valorar o tesouro da ría, o noso primeiro patrimonio da humanidade.

Lectura en tempos de pandemia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao hábito lector durante o confinamento:

Tras cincuenta días de confinamento e ás portas de iniciar a incerta desescalada cara á que será outra das crises económicas e sociais das nosas vidas, entre as fendas do pesimismo sobre o futuro do libro e de todo o sector cultural cóanse raiolas de esperanza: «o número de persoas lectoras frecuentes incrementouse durante o peche e o seu impacto poder ter un efecto a longo prazo». Esa é a conclusión á que chega o Laboratorio Contemporáneo de Fomento da Lectura da Fundación Germán Sánchez Ruipérez tras a análise dos resultados da enquisa «La lectura en tiempos de Covid19» realizada pola empresa Conecta (a que se ocupa tamén de elaborar os barómetros semestrais de lectura) durante a primeira semana de abril, mediante entrevistas telefónicas a maiores de 18 anos que contestaron un cuestionario pechado iniciado por esta pregunta: «Cal das seguintes actividades realizou durante estes días de corentena en casa?». E os resultados do inquérito, abofé, son interesantes para coñecer as preferencias de lecer da poboación española e as mudanzas dos hábitos de consumo culturais no fogar inducidos pola reclusión e os efectos do Covid19.

Segundo os datos deste barómetro de lectura en tempos de coronavirus, «ler» cítase en noveno lugar entre as actividades ás que se dedicou máis tempo no inicio da corentena. Unha actividade asociada coa lectura de libros para o 56 % das persoas consultadas, porcentaxe que está por riba do 50 % das que se declaran lectoras semanais (o que adoita considerarse como lectoras frecuentes). Un incremento significativo, cando a lectura é a terceira das actividades que máis axuda a «levar a situación de corentena», tras «ver a televisión» (actividade preferida polo 84 % das consultadas) e «falar por teléfono» (a segunda para o 80 % da mostra). Datos aos que cómpre engadir como nota ao rodapé que o 74 % das lecturas refírense a libros de lecer, consolidando así os xéneros de ficción como a preferencia por excelencia do lectorado frecuente. Cifras que poden compararse con outras actividades estrela nos fogares durante a primeira semana de reclusión como a de «limpar e ordenar a casa» (78 %), «cociñar» (63 %), «navegar por internet» (62 %), «escoitar música» (57 %) ou «participar en redes sociais« (56 %), que proporcionan todas elas unha idea fidedigna do rango que ocupa hoxe a lectura de libros dentro do lecer nos nosos fogares.

Con todo, o que pode resultar máis significativo é comparar estes resultados cos dun estudo semellante realizado en 17 países con poboación confinada maior de 16 anos, «Coronavirus findings April 2020», coa intención de identificar os cambios en comportamentos e consumos nos fogares. Investigación internacional que conclúe que en España durante a reclusión dedicouse máis tempo ca noutros países a utilización das aplicacións de mensaxería e a falar por teléfono, mais tamén á lectura de libros, mentres que ver películas e series en streaming ocupou menos. Semella que nunha circunstancia excepcional na que en todos os países se produciron incrementos significativos no consumo de contido cultural e informativo dixital no fogar, medramos tanto como lectoras que como consumidoras de produtos audiovisuais, o que pode axudar a desfacer máis dun prexuízo sobre o futuro hibridado dos nosos hábitos de lectura. Presenza significativa da lectura nesta fase de reclusión que parece asociada ao nivel de ingresos e aos tramos de idade, sendo as rendas máis altas e as persoas novas das xeracións X (38 a 56 anos), Millennial (24 a 37 anos) e Z (16 a 23 anos) as que protagonizan este incremento esperanzador da nosa actividade lectora de libros e xornais.

Cabe preguntarse se este incremento da lectura en tempos de pandemia quedará en auga de castañas ao rematar a crise ou suporá unha mudanza estable. Ao fío do que sucedeu na última gran crise económica de 2008, que provocou a perda dun terzo da facturación do sector editorial español (e galego), en principio as expectativas deberían ser moi cativas. Xaora, tamén é certo que xa entón investigadoras como Michèle Petit advertiron na capacidade que a lectura posúe para desencadear unha reorganización do posible nos contextos máis difíciles de crise. Xa o adiantara Albert Camus no seu discurso de aceptación do Nobel (1957), o sector do libro e da lectura, dende os autorías, editoras, librarías como a amplísima e diversa comunidade de lectoras teñen a oportunidade de «labrase un arte de vivir en tempos de catástrofe»; máis aínda cando todas estas instancias acreditan na lectura como construtora de sentido capaz de contribuír ao benestar das persoas e das súas comunidades. A apertura esta semana das librarías, iso si, previa cita e gardando a distancia social, abre esta nova primavera lectora chea de novos libros e esperanzas anovadas.

A liberdade está no mar

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar o bou Eva con motivo do octoxésimo terceiro aniversario da traxedia do Berbés:

Entre as diversas efemérides desta derradeira semana de abril, mes por excelencia dos libros e da liberdade, está a do octoxésimo terceiro aniversario do suicidio colectivo de nove republicanos galegos no bou «Eva» atracado no porto pesqueiro do Berbés. Un dos episodios máis dramáticos da Guerra Civil en Vigo, silenciado durante décadas e hoxe aínda insuficientemente investigado, protagonizado por oito homes e unha muller que vivían coma toupeiras naquel perigoso Vigo de 1937 e argallaron unha fuga por mar nunha das embarcacións, que ía iniciar a súa marea ao Gran Sol, coa intención de desviar o seu rumbo a un porto da España leal para dende alí incorporarse ao exército republicano. Un relato tráxico con tintas heroicas sobre o que deita nova luz o historiador Xoán Carlos Abad, presidente do Instituto de Estudios Vigueses, nun dos capítulos do seu libro máis recente, «O soño crebado. Da República á Guerra Civil en Vigo e na súa bisbarra» (IEV, 2019), atractivo e utilísimo volume de intencionalidade didáctica iluminado de forma moi emotiva por Evaristo Pereira, un dos mestres da ilustración viguesa.

Como xa fixera Dionisio Pereira no seu libro «Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939)» (Xerais 2011), Xoán Carlos Abad encadra o intento de fuga do «Eva» na proeza que mediado o mes de marzo de 1937 protagonizara a tripulación doutro bou, o «Emilio Márquez», o arrastreiro en parella do «Manuel Vieira Manzanares», que conseguira burlar o férreo control das autoridades militares franquistas sobre o tráfico na ría de Vigo e despois de dous días de travesía atracara no porto de Bilbao, onde desembarcaron os seus doce membros. Un mes despois argallouse unha nova fuga por mar dende o porto vigués, desta volta protagonizada por un colectivo de polisóns republicanos, que representaban a pluralidade política da Frente Popular na cidade.

O relato daquela fuga, como sinalou o profesor Xesús Alonso Montero, un dos investigadores que máis afondou no caso, posúe todos os ingredientes dun filme dramático. Na noite do 22 de abril foron entrando no «Eva», burlando o servizo de control de acceso ao peirao vigués, até nove persoas, que axudadas por un membro da tripulación foron ocupando agocho na zona de proa, no sollado existente baixo o dormitorio, arredor do alxibe de auga, onde se gardaba a cadea da áncora. Cando xa estaban no agocho, os polisóns foron sorprendidos por outro mariñeiro da tripulación, Juan Lamas Varela, que deu aviso de semellante irregularidade ao patrón. Aí comeza o operativo das autoridades policiais que abortaron a evasión no que participaron un importante continxente de forzas mixtas, composto por gardas civís, gardas de asalto e falanxistas, baixo o mando de Gumersindo Salinas, capitán da Garda Civil, e Cándido Santos, tenente dos Gardas de Asalto.

Diante da negativa dos acosados a saír do seu agocho, os mandos da operación inundaron a sala de cadeas, para o que empregaron a bomba de auga dun dos buques alxibes que abastecía no porto. Antes que a auga comezase a bordar pola sala da tripulación escoitáronse oito tiros e máis un. Ás catro da madrugada, cando se abriu a trapela atopáronse nove corpos no interior, todos con feridas de bala nas súas tempas. Os polisóns decidirán suicidarse antes de entregarse. Conxurada a evasión comezaron as pescudas para identificar aos posibles cómplices da fuga. Pronto estas apuntaron ao cociñeiro José Andrés e ao paleiro Ignacio Iglesias del Río, quen sería condenado a morte e fusilado na Base Naval de Ríos o 21 de maio de 1938.

Coñecemos cada vez un pouco máis das vidas dos polisóns do «Eva». Os dous mestres nacionais galeguistas de Rianxo, curmáns de Afonso R. Castelao –José Losada Castelao (45 anos) e Manuel Rodríguez Castelao (31)– estiveran agochados durante uns meses en Vigo na casa de Ramiro Isla Couto, como está acreditado que Domingo Pombo López, secretario do Partido Galeguista en Ferrol, salvou a vida grazas a que chegou un pouco tarde á cita do embarque. Sabemos da militancia socialista de Manuel Martínez Moroño (44), coñecido por «Manuel Fernández», e dos albaneis e irmáns Fernando (37) e José Rodríguez Lorenzo (30), que segundo a nota do xulgado de garda levaba «un cinto cunha chapa onde estaban as insignias da fouce e do martelo». Como a militancia comunista de Luis Álvarez González (30), carpinteiro de Barreras, de Camilo Campos Méndez (33), barbeiro, e de Ángel Nogueira Nogueira (30), contable da conserveira Gándara y Haz, casado con Carmen Miguel Agra (24), membro de Mujeres Libertarias, a quen se lle incautou un aro axustador de 4,20 gramos. Eles e ela acreditaron que a liberdade estaba no mar. Reconstruír o relato e recuperar as súas biografías anónimas son formas cada abril de sementar ronseis de liberdade. A liberdade esta no mar.

Un plan para a cultura

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo á situación do sector cultural no entorno da crise do Covid19:

Como xa sucedeu na crise de 2009, non é difícil agoirar que o sector cultural será unha das primeiras vítimas da crise post-Covid19. A cancelación ou suspensión de actividades presenciais na música e nas artes escénicas, o peche de cines, museos, bibliotecas e librarías, a paralización das actividades de impresión de Artes Gráficas e de gravacións audiovisuais e cinematográficas como a ausencia dalgún tipo de iniciativa de apoio dos poderes públicos aos seus profesionais polo dano ocasionado polo cese de todas estas actividades ameazan con colapsar de novo a un sector inmerso nun incerto proceso de mudanza provocada pola hibridación dixital da creación e distribución dos seus produtos e servizos. Un escenario pouco alentador ao que dende o confinamento están facendo fronte diversas iniciativas nalgúns casos procurando a fidelidade dos seus públicos, como sucede coas relacionadas co mundo da edición e da libraría cultural, e noutros reclamando que, como sucede noutros estados europeos como Francia, Alemaña, Italia ou Portugal, o Goberno apoie aos diversos sectores e aos seus profesionais (a maior parte deles autónomos) e na saída da pandemia participe na reconstrución do tecido do sector cultural e creativo.

Ás portas do 23 de abril, día do libro, que por vez primeira celebraremos quedando na casa, os gremios das editoras e librarías galegas, mais a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, dirixíronse á Xunta de Galicia para urxirlle que concretase as axudas ao sector do libro e da edición fronte a emerxencia que para todas elas supón á crise do Covid19. Axudas que o sector galego do libro concreta na posta en marcha dun bono libro familiar, no incremento do 50 % na dotación para a compra de libro galego para bibliotecas públicas (apenas 100.00 euros), na posta en marcha, unha vez superado o estado de alarma, dun plan de choque para as librarías, así como a redistribución do orzamento destinado ao Xacobeo 2021 co obxecto de contar con máis recursos para apoiar a actividade de editoras, librarías e escritores/as. Reclamacións dos gremios do libro que se engaden a outras preocupacións como as das necesidades de pequenas editoriais, librarías e autores e autoras que funcionan baixo o réxime de autónomos, sen esquecer a difícil situación das editoras educativas que nun curso no que despois de seis anos se renovan os libros de texto de 3º e 5º de Educación Primaria teñen que presentalos cos colexios pechados.

Solicitude de axudas, que non precisarían dun logo protocolo para ser xustificadas tanto polo seu importe asumible para o actual orzamento autonómico (rídiculo, se o comparamos co reciben outros sectores) como polo feito de que irían destinadas a un sector considerado estratéxico e prioritario para Galicia, «pola súa importancia cultural, social e económica», como así quedou recollido no artigo 2 da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia, texto vixente, aínda que apenas tomado en consideración polos gobernos de Alberto Núñez Feijoo. Axudas que, como sinalan os gremios da libro e da lectura, poderían ser financiadas en parte polos recursos destinados ao programa de fastos do Xacobeo 2021, que os responsables da Consellaría de Cultura e Turismo se verán obrigados nalgúns casos a cancelar e noutros a adiar, un feito que xa asume o propio Cabido compostelán cando ve motivos para solicitar ao papa unha prórroga do Ano Santo que se estendería até o 2022. Axudas das que xa existen precedentes noutras comunidades, como esa dotación para mitigar o dano do parón cultural de dous millóns e medio de euros destinados polo Goberno Vasco aos artistas, que recibirán até un 70 % dos seus ingresos medios até un máximo de 1.200 euros mensuais.

Con todo, os gremios profesionais do libro en galego, como o resto dos sectores creativos e culturais do país, máis alá de contar con estas axudas de rescate para saír dun estado de emerxencia, precisan dun auténtico plan para a cultura de longo alcance. Un plan elaborado coa participación dos sectores e dos seus profesionais cuxa elaboración leva prometendo como reclamo electoral cada un dos gobernos de Núñez Feijoo, mais que nunca chegou a concretarse nun documento público nin a recollerse no orzamento autonómico. Un plan que agora como «Pacto de Estado pola Cultura» promete o goberno de Pedro Sánchez, despois do incendio que provocaron as declaracións desafortunadas do ministro de Cultura e Deporte. Un pacto que o goberno ofrece ás Comunidades Autónomas, a Federación de Municipios e Provincias presidida por Abel Caballero e aos diversos sectores culturais coa intención de preservar á cultura da contorna de futuras crises e considerala como un ben de primeira necesidade. Unha promesa que agardemos no quede en auga de castañas como sucedeu outras veces.

Pensando nas crianzas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo para propoñer unha reflexión sobre o estado das crianzas na corentena:

As crianzas, os picariñas e as picariñas, os nenos e as nenas, os e as adolescentes, son as grandes esquecidas desta corentena. Hai máis dun mes que están pechadas hora tras hora nas súas casas –as menores de 15 anos son en España un colectivo de sete millóns de persoas, menos de trescentas mil en Galicia, máis de trinta mil en Vigo–, vivindo unha experiencia inédita, tanto para elas como para os seus proxenitores, que para unhas e outros será inesquecible e, como todas as vivencias de infancia, terán repercusións ao longo de toda a súa vida. Reclusión que sabemos é aínda máis incómoda e difícil naqueles domicilios cuxo tamaño reducido ou as condicións familiares non lles permite apenas moverse ou cando non dispoñen de ordenador ou conexión internet (entre o 10 % e o 15 % dos fogares), o que lles impide estar en contacto co profesorado e cos compañeiros do seu colexio. Dificultades que se multiplican para aquelas con diversidade funcional ou necesidades específicas de apoio educativo privadas de súbito do profesorado presencial (insubstituíble) cos que contaban nos seus centros educativos.

A pesar de que na pandemia non son unha poboación de risco, as crianzas forman parte do colectivo de persoas vulnerables que precisan máis atención e coidados. Necesidades e dereitos da infancia que nun exercicio desproporcionado de «adultocentrismo» foron suspendidos polo estado de alarma, quedando dende entón baixo a responsabilidade exclusiva e mellor entender dos seus proxenitores. Unhas condicións de confinamento que neste primeiro mes non tiveron en conta as necesidades vitais dos nenos e nenas como a de poder camiñar e moverse con certa liberdade gozando da luz natural e sol durante algún momento do día. Un exercicio psicomotriz que contribúe ao desenvolvemento óseo e neuronal, ao regulamento do ciclo do sono e da vixilia ou do control emocional. Condicións de reclusión que explican as dificultades que coñecemos de rapaces saturados de pantallas con dificultades estes días para prender o sono ou das súas mudanzas frecuentes de humor, irritabilidade, tristeza e melancolía cando vence o día, expresións emocionais do seu enfado e frustración por non poder saír dunha casa que pasou para eles de ser un espazo de refuxio a converterse nun espazo ameazador.

Sen menoscabo do respecto rigoroso do confinamento, non sería ningún disparate que os responsables científicos e políticos valorasen autorizar –como recomenda a Organización Mundial da Saúde e como xa sucede noutros países, como Francia, Suíza ou Alemaña– que os nenos e as nenas saísen cada día de modo ordenado a dar un paseo con algúns dos seus proxenitores cerca da súa casa mantendo a distancia social de seguridade. Sei que os rapaces e as rapazas, mesmo a cativada de infantil, debidamente orientada, son xeralmente persoas empáticas e razoables, ás que cando se lles pide e se lles explican as cousas e os seus perigos, colaboran de forma entusiasta e responsable. Modificar as nosas regras de confinamento pensando nas crianzas, como xa se fixo nos primeiros días do estado de alarma coas persoas con diversidade funcional, axudaría a fortalecer a saúde emocional das menores e a que elas asumiran a responsabilidade de xestionar o risco que se lles solicita. Mais e sobre todo ofrecería unha ollada máis inclusiva sobre a organización colectiva dos coidados as nosas criaturas, unha magnífica lección para a saída desta crise.

Reflexión semellante merece a organización do remate deste excepcional curso académico. Aínda que as aprendizaxes e cualificacións son fundamentais para o futuro dos escolares, nunha situación tan crítica como a actual non son o máis importante. E esa flexibilidade debe ser asumida polas autoridades educativas á hora da organización da fin de curso, na que os contidos curriculares e as cualificacións deben ser consideradas un requisito administrativo para pechalo. Un período no que o profesorado dentro das posibilidades coas que conta cada centro debe continuar asumindo que a súa prioridade é acompañar emocional e socialmente ao seu alumnado e a cada unha das familias, para que ningunha delas quede excluída e todas sintan o orgullo de formar parte da mesma comunidade educativa. Un acompañamento docente orientado a axudar a cada alumno a interpretar e expresar por medio de textos, debuxos ou gravacións esta vivencia traumática do confinamento e integrala así no relato das súas vidas, extraendo as ensinanzas positivas posibles. En definitiva, concibir o remate deste confinamento como unha situación excepcional na que se estreitan lazos familiares e a casa se transforma nun laboratorio de aprendizaxe onde descubrir cousas e compartir experiencias que contribúan a autonomía e o desenvolvemento persoal, sen dúbida, os contidos máis decisivos de calquera dos currículos. Pensemos nas crianzas.

Tras a crueldade de abril

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reflexionar sobre as mudanzas que esta provocando a pandemia

Na terceira semana da corentena os paxariños volveron ás tileiras conservadas ao comezo da Gran Vía. Escoitar os seus rechouchíos dende o balcón pareceume un agasallo da natureza contra a tristeza e o pesimismo, un pequeno milagre moi de agradecer nestes días de reclusión obrigada e de cifras nefastas na portada dos xornais. Un acontecemento extraordinario que nunca imaxinamos sucedería nun espazo urbano de estrépito, o do aire máis contaminado da cidade, presidido até agora polo renxido do tráfico constante e o rebulir da maquinaria no bulevar desaparecido. Apenas instantes fugaces de entusiasmo que nos fixeron esbozar un sorriso, un aceno que alivia a crueldade deste abril de pandemia, anuncio dunha crise global para o planeta de consecuencias imprevisibles.

Un andazo que estourou case sen avisar como outra desas noticias que nunca nos van afectar na nosa comodidade rutineira, mais que hoxe diante da nosa inocente perplexidade arrasa milleiros de vidas, sobre todo dos nosos maiores, na soidade das ucis de hospitais ao límite ou de residencias das que tan pouco sabiamos. Unha doenza que se estendeu a grande velocidade polos cinco continentes, capaz de modificar en apenas tres meses a vida de boa parte dos habitantes dun planeta, que até agora criamos global e para sempre intercomunicado. Unha pandemia que nos recluíu na casa de súbito, poñendo en perigo millóns de empregos, proxectos, competicións deportivas e as máis diversas actividades económicas, sociais e culturais. Unha crise sanitaria abordada só dende a iniciativa pública que revolucionou o contido das axendas políticas, dende a local á mundial, monopolizando a atención e os fluxos de información (incluídas fake news e bulos interesados) sobre calquera outra cuestión. Unha situación crítica que obriga a enfrontarnos a algúns interrogantes de urxencia para os que tampouco semellan existir certezas.

Os primeiros teñen que ver coa recuperación da normalidade perdida, se por iso entendemos volver a saír á rúa con confianza e liberdade, así como recuperar traballos e actividades educativas e sociais. Un proceso que as autoridades e os científicos aventuran será gradual, se deberá desenvolver devagariño e cuxo calendario dependerá da eficacia das medidas de mitigación da pandemia e da capacidade de resistencia ao colapso do noso sistema sanitario público. Un proceso polo tanto non exento de incerteza e, probablemente, polémico, no que as mellores receitas para soportar o cansazo e a ansiedade sexa contar cunhas boas doses de paciencia e calma, ademais de manter o respecto estrito das medidas de confinamento, de distancia social e hixiene para evitar o contaxio, así como de asumir o levantamento progresivo das restricións de determinadas actividades económicas e comunitarias, establecidas polas autoridades en cada momento.

Mais outros interrogantes e dilemas afectan a como vai mudar o mundo, que sen dúbida mudará, despois de semellante paralización planetaria, na que identificamos riscos distópicos no escenario mundial. O reinicio das actividades económicas estará moi determinado polo endurecemento das fronteiras, que provocará a limitación da mobilidade de persoas e mercadorías dun a doutro continente: descenderá o comercio mundial?; que pasará co turismo ou cos intercambios educativos e culturais?; que sucederá cos fluxos de persoas migrantes?; como afectará á redución das emisións e á axenda da ONU de loita contra o cambio climático?; xeralizarase o teletraballo, que impacto terá sobre as relacións sociais e na dixitalización das empresas?

Mais tamén non sería descartable que tras o covid-19 se recompuxera o mapa xeopolítico: sobrevivirá a Unión Europea a este difícil transo?; China sairá reforzada no seu liderado?; os Estados Unidos de Trump adoptarán unha nova deriva? Interrogantes que tamén suscita o impacto da pandemia sobre a propia gobernanza nos sistemas democráticos do capitalismo liberal: pasada a cerna da crise, reforzaranse as políticas públicas (sanidade, ciencia, educación, dependencia…) ou incrementarse a desigualdade?; en aras da seguridade sanitaria, correrán perigo ás liberdades cívicas, reforzaranse as tendencias centralizadoras?; no río revolto provocado polo malestar do proceso, os autoritarismos ou populismos de extrema dereita, non poderían procurar a súa oportunidade?

Mudanzas que despois de meses de confinamento é previsible afecten tamén ao que constitúe a cerna da nosa convivencia, tanto nas nosas relacións interpersoais como á propia expresión dos nosos afectos: consolidaranse as medidas de distancia social?; reforzaranse as respostas solidarias ou abrirase paso un novo individualismo?; como expresaremos o malestar e o noso entusiasmo?