Campo do Fragoso XXXI

BAIXO MÍNIMOS
Tras dez xornadas sen gañar, o Celta xa está baixo mínimos na táboa, nesa perigosísima intemperie de evitar na segunda volta perder a categoría. No partido contra o Nastic, os de Fernando Vázquez agotaron todo o creto acumulado a pasada tempada de desenvolver un xogo de calidade, xa que deixaron constancia que o da actual é, aínda, moito máis precario ca difícil situación clasificatoria, xa nos puntos de descenso. É innegable que os celestes saíron moito máis concentrados ca en partidos anteriores, presionando moi arriba a un rival que se amosaba tan endeble coma temeroso. Foi un espellismo que apenas durou un cuarto de hora. O entusiasmo atacante foi desaparecendo coma escuma na praia e, no resto da primeira parte, os colistas foron atopando a agulla de marear a un equipo moi previsible, brandiño, queixoso e lentísimo que funciona a velocidade dun daqueles vehículos diesel de primeira xeración. Na segunda, despois do magnífico gol de Oubiña (un dos poucos xogadores que puxo corazón e cabeciña), o Celta, en vez de intentar rematar a faena, moi temeroso atrasou as súas liñas deixándose enredar na súa área polos cataláns que en cada ataque atopaban moitas facilidades para acadar a igualada. Non tardou en chegar, grazas a un servizo preciso de Pinilla pola banda que rematou de forma letal Portillo. Balaídos quedou, entón, en case absoluto silencio, expresando así a indiferenza resignada dunha afección que veía esborrallarse, outra vez máis, ao seu equipo polo precipicio. O gol dos colistas agravou a crise do xogo celeste que apenas intentaron con escasa convicción procurar a remontada, dando por bo o empate. Hai meses que os célticos amosan en Balaídos unha diletancia preocupante, unha total falta de ideas e de alternativas tácticas para saír deste foxo. O equipo está baixo mínimos. Non vai ser doada conseguir a salvación.

Etiquetas:

Escenarios doentes

No artigo da semana recomendo a visita ás exposicións fotográficas Casas doentes de Manuel Sendón e Escenarios de Vari Caramés, das que xa temos falado no blog.

As voltas do Plan

No artigo da semana volvo coa cuestión do PXOM vigués. Tal como se desenvolveron os argumentos desta semana, cómpre unha inflexión da posición de todos os grupos. Neste contexto de emerxencia, propoño a constitución dunha mesa permanente dos catro grupos municipais para realizar un seguimento consensuado dos traballos de subsanación das deficiencias. Difícil (pensarán algúns), mais imprescindible, se queremos saír deste atasco endémico.

Etiquetas:

AVE e PXOM

No artigo da semana propoño unha reflexión sobre as causas e as responsabilidades da crise viguesa arredor da paralización da tramitación do PXOM e do adiamento da variante por Cerdedo do AVE. Ben sería nestes asuntos ir diferenciando o gran da palla.

Etiquetas:

Campo do Fragoso XXX

ABRIUSE A CRISE
Sabiamos que o partido contra o Atlético sería determinante para saber cal vai ser o futuro do Celta nesta liga tan atolada: ou continuar instalados na nube europea ou sufrir os arrebatos da loita pola permanencia (como nos corresponde tanto por orzamento como por tradición). Abondaron moi poucos minutos para saber que o dilema estaba resolto: a partir de agora os celestes deberán pasar as penalidades de Caín para evitar o descenso. O Atlético saíu ordenado e brioso, con enorme intensidade e concentración, colocando a defensa moi arriba e deixando que Maniche e Luccin controlasen o centro do campo fronte a un solitario Oubiña incapaz de paralos. Nos primeiros vinte minutos, dúas combinacións velocísimas entre Torres (o eterno adolescente, que amosa as formas elegantes dun auténtico bailarín acariñando a pelota co veludo do pé, fixo un partidazo) e Agüero (o émulo do mellor Romario) fundiron as posibilidades dos galegos. A partir de aí, os colchoeiros souberon arrefriar o encontro e deixaron que o Celta co control da pelota amosase a faciana da súa brandura atacante e da súa inseguridade defensiva. Na segunda parte, a pesar da saída un chisco máis coraxuda (grazas, Gustavo!) e do acerto pícaro da xogada do gol de Nené, xa era tarde para arranxar a desfeita inicial. Esta sexta derrota na casa abre sen paliativos a crise celeste, que se viña anunciando partido a partido. Ningunha das fichaxes funciona (o xogo de Nené, Guayre e Pablo García é máis que decepcionante), como tampouco axuda a centrar e serenar a ansiedade do equipo o conflito permanente do técnico cos árbitros. Ás portas do comezo da segunda volta cómpre parar esta perigosa deriva. Precísanse un par de reforzos (un segundo dianteiro, por favor) e recuperar a concentración tanto no campo coma no banco. Mouriño ten que facer fronte a súa primeira crise.

Etiquetas:

Momento para decidir

No artigo da semana reflexiono sobre o momento decisivo que supón a reunión do vindeiro mércores. Creo que do resultado desa xuntanza dependerá o futuro do novo Estatuto de Galicia. Entendo que nunca houbo tantas posibilidades obxectivas de éxito, mais tamén hai moitas circunstancias e intereses que poden impedir que teñamos reforma nesta lexislatura.
Etiquetas: ,

Gaiás

No artigo da semana reflexiono sobre a redefinición do complexo de Gaiás. Entendo que a decisión do Goberno Galego de continuar as obras era inevitable. Porén, o dilema que hai por diante agora é facer compatible as expectativas altas cos recursos cos que conta o país. Sen dúbida, as claves para solucionalo serán acertar no deseño dos contidos e nas formas de xestión.

A forza da palabra

No artigo da semana recomendo a visita á exposición instalada na Fundación Caixa Galicia con motivo do centenario da Academia Galega. Sería magnífico que se puideron ler na rede máis contidos (sobre todo as imaxes) desta mostra memorable.

Himno polémico

Inevitablemente, no artigo da semana propoño unha reflexión sobre a polémica interpretación do himno galego nos actos de conmemoración do vinte e cinco aniversario do Parlamento. Adianto que non comparto a iniciativa unilateral da presidenta (non era para min nin o lugar nin o momento nin a circuntancia axeitada para esta fusión) nin tampouco os termos que emprega para criticala o voceiro do BNG (o flamenco, ou calquera outra expresión da música popular, non pode ser considerado nunca como un ataque a nosa cultura). Unha mágoa.
Etiquetas: ,

Campo do Fragoso XXIX

O INSTANTE DECISIVO
Esta tempada un extraño trasno debe habitar na estragada lameira de Balaídos trabando as botas dos dianteiros celestes e impedindo que se produzan eses instantes decisivos, eses alustros de duración apenas perceptible para os seareiros, que permiten a aparición da fantasía irrepetible do gol. Onte, o Celta volveu poñer sobre o terreo todos os ingredientes necesarios para que algún deses momentos máxicos aparecesen: a intención atacante, a intensidade defensiva, o manexo con sentido da pelota, o despregue en velocidade polas bandas, o toque preciso nos desprazamentos, a cooperación no contragolpe… A pesar de manexar con soltura todos estes conceptos do fútbol gañador, mesmo a pesar do conformismo do actual pechacancelas da liga, o conxunto galego volveu naufragar na casa por que foi incapaz de concretar as súas múltiples oportunidades nos instantes decisivos: un pexegazo moi ben intencionado de Jorge Larena á trabe, un punteirazo ao pao do sempre batallador Baiano ou as diversas melés a porta baleira que os dianteiros celestes non souberon resolver. Durante moitos minutos do partido, cun dominio tan apabullante, con ocasións tan claras e realizando un xogo combinativo moi aceptable, parecía imposible que os celestes non acadasen, por fin, a vitoria diante dos seus afeccionados. Porén, por mor da teimosa presenza do trasno da imprecisión nos instantes decisivos o gol non só non apareceu se non que volveu asomar a temible sombra da derrota. Cando avanzada a segunda parte o Celta comezou a decaer fisicamente, tras tres encontros nunha semana, afortunadamente os de Lotina careceron da convicción suficiente para levarse o encontro nun dos seus contragolpes. Para os dous conxuntos estivo claro que no fútbol, como na vida, non se pode gañar se non se aproveitan eses poucos instantes decisivos.

Etiquetas:,