Campo do Fragoso XXIV

CONXUNTO ESPECTACULAR
Foi un partido espectacular, vibrante, emocionante e desputadísimo ata que Iturralde asubiou o remate. Tras un inicio de tempada un chisco vacilante, volvimos gozar da esencia do fútbol combinativo dun conxunto que na primeira parte arroiou cunha auténtica corga de oportunidades preciosas como había moito, moito tempo non se viran en Balaídos. Anticipándose na liña de pase valencianista, freando todas as posibilidades de contragolpe deses diaños chamados Villa e Silva (si, o noso “Silviña”), o conxunto de Vázquez, baixo unha dirección maxistral de Oubiña (moi centrado e participativo, mágoa dese poste que lle impediu marcar o gol da súa vida), ofreceu un recital do mellor fútbol moderno baseado no xogo colectivo e harmónico de todas as liñas. Rematando cada unha das xogadas de ataque (como aconsella Johan Cruyff) para evitar perder despois o debuxo defensivo, confiando ata o límite nas posibilidades propias, baseadas na concentración defensiva e no funcionamento dun vistoso triángulo atacante, o Celta conseguiu remontar con pasmosa facilidade un resultado adverso. Mais a pesar dos tres golazos (tres cacheiróns marabillosos), a vitoria non foi nada doada, xa que o espectacular conxunto galego tivo diante a un rival de xogo notabilísimo, que amosou posuír múltiples alternativas para crear perigo e provocar o pánico durante a derradeira media hora. A impecable dirección de Fernando Vázquez (outra vez inxustamente expulsado, no que semella unha auténtica persecución arbitral contra o noso adestrador), oportunísima nos trocos e nas variantes tácticas, foi vital para conseguir esta vitoria traballadísima, chamada a iniciar a remontada na clasificación. Unha grande tarde do fútbol da serpe celeste. Marchamos moi, moi satisfeitos.

Qué facemos co porto, qué facemos con Vigo?

No artigo da semana reflexiono sobre o conflito suscitado pola ampliación do peirao de Bouzas entre o responsable da Autoridade Portuaria e a alcaldesa de Vigo. Para min está claro o carácter preelectoral desta nova disputa e o escaso interese de ambos os dous candidatos á alcaldía viguesa por apostar por políticas de planificación estratéxica.
Etiquetas: ,

Menchu Lamas: sombras no labirinto

No artigo da semana falo da exposición de Menchu Lamas no CGAC (é incrible que o noso primeiro centro de arte contemporánea teña pechado o seu espazo web). Recomendo tamén o magnífico catálogo (mágoa que tampouco poida atoparse referencia na rede).

Xesús Canabal

No artigo da semana recordo a figura de Xesús Canabal, o emprendedor galego que será homenaxeado o vindeiro sábado, 7 de outubro, ás 13:00 horas, polo “Foro Enrique Peinador” da Fundación Premios da Crítica Galicia, no concello do Pino.
Avelino Abuín de Tembra publica hoxe outro interesante traballo sobre esta importante figura da Galicia emigrante a recuperar.

Etiquetas: ,

Campo de Fragoso XXIII

PINTAN BASTOS
Desde a tempada do descenso non asistiamos en Balaídos a un partido máis nefasto e deplorable do Celta. Abondoulle ao Osasuna posicionarse con disciplina sobre o terreo para noquear en senllos contragolpes a un equipo que saíu fachendeando do xogo preciosista de ataque e da defensa abrumadoramente segura que exhibira en Liexa. Os de Vázquez non ofreceron nin unha cousa nin a outra e, pola contra, amosaron enormes carencias que fixeron que o medo aos demos volvese á bancada. Desde os primeiros minutos, perdido completamente o control do xogo no medio do campo, os nosos pivotes esqueceron que o seu labor é recuperar balóns e desprazalos con rapidez, feito que foi provocando, a medida que avanzaba o reloxo, un auténtico socavón entre a liña de centrais –que sorprendentemente era quen debía dirixir todo o xogo celeste (Lequi e Contreras foron os únicos que se salvaron do desastre)– e unha feble liña atacante na que batallaban con escaso acerto Gustavo, Nené e Canobbio. A internacionalidade parece que non lle sentou ben a un ensimesmado Oubiña, sometido aos misteriosos caprichos do “complexo do príncipe”, abúlico e descentrado no seu labor primeiro de recuperación e engrenaxe entre as liñas do conxunto. O equipo todo foi naufragando dunha forma estrepitosa, amosando unha faciana feísima, sen coraxe nin ideas para asumir a difícil tarefa da remontada. Nin sequera a saída, na segunda parte, de Jonathan Aspas, Núñez e Perera (moito máis perigoso que un desesperante Baiano, como xa é adoito) conseguiron levantar unha miga o ánimo do equipo. O abandono das bancadas de boa parte dos afeccionados amosaba o seu disgusto diante de semellante falta de actitude. Hoxe en Balaídos pintaron bastos.

Etiquetas: ,

Campo do Fragoso XXII

BOAS VIBRACIÓNS
A pesar da derrota, a estrea celeste deixou boas vibracións na bancada. O encontro como espectáculo deportivo foi unha gozada: houbo goles dabondo, alternancia no control do xogo, fermosos caneos, pases longos e cambios de orientación por parte dos dous conxuntos e, sobre todo, un vistoso enfrontamento de dúas concepcións tácticas de dous grandes adestradores, a da defensa atacante característica de Fernando Vázquez e a do ataque defensivo que manexa o simpático Rijkaard. Foi a primeira parte propiedade dos célticos grazas á súa disciplinada presión defensiva que impedía desde a media lúa central a chegada de pelotas francas para os dianteiros barcelonistas. Esa tensión foi a que permitiu que Baiano inaugurase a súa tempada goleadora tras un recorte preciso dun prometedor Nené. Porén, a segunda foi claramente blaugrana, debido ao baixón físico dos celestes, que provocou a perda da súa concentración defensiva e a posibilidade de que uns magníficos Iniesta e Deco comezasen o seu recital de distribución cara os seus espazos preferidos, onde Etoo e Mesi son xa inapelables. O oportunísimo gol, nunha xogada a balón parado, dun moi acertado Gustavo López (o mellor dos celestes) fixo albiscar esperanzas de remontada o que, paradoxicamente, provocou unha inxustificada precipitación dos vigueses que derramaron as posibilidades de vitoria ou sequera de empate nos emocionantes minutos finais. Con todo, a pesar da febleza física de medio campo para diante, os célticos deixaron boas vibracións: a disciplina defensiva da liña de catro, as boas maneiras dos debutantes (tanto do lateral Lukas como do volante Nené) e o carácter batallador de todo o equipo prometen outra tempada moi ilusionante.

Publicado en Faro de Vigo

Etiquetas: ,