Manuel Sendón: casas doentes
Absolutamente recomendable é a exposición de Manuel Sendón inaugurada esta noite na Fundación Barrie de Vigo. Esa manchea de catrocentas casas abandonadas, fotografadas con enorme sobriedade e precisión no encadre, expresan a dor silenciosa pola perda dunha parte do noso patrimonio construído no medio vilego. A casa concibida como arca e memoria. A dignidade das construcións tradicionais concibidas como espazos para ser habitados. O poder evocador da arquitectura. Unha proposta artística para reflexionar sobre o paso do tempo. As posibilidades expresivas do arquivo. Unha mostra dun auténtico mestre na súa madurez compositiva. Beizóns, Manolo!
- Recomendable é, tamén, o recente blog do fotógrafo, onde presenta un completo percorrido pola súa obra dos últimos quince anos.



















