Caligrafía
Creo o que o fío que mellor une o meu traballo anterior como profesor de educación infantil e o actual de editor é o meu interese pola caligrafía. Esa devoción polas letras e as súas formas, polo surco do lapis e da pluma, ese marcar un trazo aparente sobre a nada (sexa a pizarra, a libreta, o folio en branco ou a mesma auga), ese deixar ennobelarse nas lazadas é un pracer no que non deixo de insistir cada día. Moitas veces téñenme dito que a miña escritura é a de mestre, o que constitúe unha gabanza que moito agradezo.
Desa devoción pola caligrafía (transformada no mundo da edición en tipografía) naceu o proxecto do libro X. espazo para un signo, que hai dous nos propuxo o calígrafo Lázaro Enríquez, a maior autoridade que coñezo nese terreo. Unha obra, coa que pretendemos conmemorar o vinte e cinco aniversario da editorial, que propicia un diálogo entre as variacións gráficas e pictóricas do X (o grafema e fonema diferencial da nosa lingua), creadas por Lázaro, e os textos escritos expresamente para o libro por unha ducia dos nosos poetas. O resultado deste diálogo é sorprendentemente fermoso, quizais porque a palabra dos poetas acada diferentes lecturas cando renace do trazo do calígrafo.
A caligrafía debe traballar o ar e entregarse ao vento. Solto e sentido. Sentíndose solto… É o xesto do corazón escrito. Lázaro Enríquez.





