Cartaces de Andrade

Onte, antes de presentar en Rubalcaba o libro de Siro, parei en Andrade para falar con Tito Ríos sobre o libro que lle pretendemos editar. Tito é un personaxe sorprendente. Cantante de habaneras, boleros e rancheiras (actuou con frecuencia no programa de Gayoso), posúe no seu estudio, froito de cincuenta anos de profesión, milleiros de negativos, o arquivo máis valioso da historia recente da vila de Fonte. Xentes populares, festas, paisaxes, monumentos… amoréanse neses humildes cartaces, que recollen unha crónica visual fiel dunha vila que esvarou no tempo.
Ríos en Andrade, Cal en Coca, Caamaño na Pedra de Abalar (e tantos outros que non coñecemos) forman parte desa longa nómina de fotógrafos de vila (a maior parte case anónimos) que foron construíndo a crónica máis fiel do tempo que vivimos. Nomes que, quizais non soen tanto como os de Virxilio ou Suárez, Ferrer, Pacheco ou Magar, mais, tamén imprescindibles para acometer o proxecto (outro por desenvolver) de reconstruír a nosa memoria fotográfica nacional do século XX.
A catalogación destes arquivos, a súa museificación pública e a popularización dos seus fondos, por medio de exposicións e publicacións, constitúe unha tarefa pendente da nosa política de patrimonio. Angueira que, por riba semella exitosa, xa que decote estas actividades son moi ben acollidas polo público local. Transformar o recordo individual en memoría colectiva é unha construción social que non pode resultarnos allea.