Entrevista en «Diario de Pontevedra»
Quedei moi agradecido a María Varela por esta entrevista que publicou o pasado domingo en Diario de Pontevedra. Desculpas polo autobombo.
Quedei moi agradecido a María Varela por esta entrevista que publicou o pasado domingo en Diario de Pontevedra. Desculpas polo autobombo.
O catálogo presentado onte en Compostela (144 títulos infantís e xuvenís publicados en 2012 por 19 editoras) amosa a diversidade e a excelencia acadada pola produción infantil e xuvenil galega. A pesar das crises, é moi significativo que no pasado ano non se reducise o número de novidades infantís e xuvenís (si, pola contra, é de forma significativa a tiraxe de cada unha delas), o que supón un xeito moi meritorio dos editores galegos de capear o temporal. Sen contar con outras axudas públicas que non fose a da compra de exemplares para as bibliotecas públicas, cuxos fondo reducíronse nun 60% dende 2009 a 2012, a edición de literatura infantil e xuvenil en Galicia supuxo en 2011 no mercado interior o 21% dos títulos (en galego o 26,4%), o 21,8 % dos exemplares producidos (en galego 25,8%) e os seus cinco millóns de euros de facturación o 18,6 % das vendas (catro millóns en galego, o que supón o 18,9%). Cifras que amosan unha gran centralidade deste subsector da edición galega que, ademais de supoñer o 27,6% do catálogo vivo do sector (30,8% no caso do libro en galego), ten unha grande potencialidade de proxección internacional –sobre todo da man das editoras especializadas en álbum ilustrado (Kalandraka e OQO)– de cara á consolidación dun mercado exterior. Non está demais lembralo ás portas dunha nova edición da Feira do Libro Infantil de Boloña, que abrirá as súas portas o vindeiro luns e na que un ano máis estará presente a edición galega.
Lorem ipsum dolor sit amet, consectetuer adip
Noticia moi triste foi a do falecemento do editor galego Gonzalo Canedo. Coñecino no Liber de 2009, moi pouco antes de que aparecesen os primeiros títulos de Libros del Silencio, a editorial que agarimou dende entón. Contoume entusiasmado que despois dunha longa vida profesional como comercial dalgunhas das máis grandes editoras radicadas en Barcelona –traballou en Círculo de Lectores e como director comercial doutras editoras do grupo Berstelman– decidira arriscar creando unha editora independente onde publicar textos de calidade. Nacido en Cerceda en 1955, pretendía que no seu proxecto editorial tivese presenza destacada a tradución ao castelán da mellor literatura galega contemporánea. Interesáballe publicar a poesía de Ferrín, a narrativa de Casares e doutros narradores galegos novos. Pretendía incluílos nun catálogo literario selecto (faloume de quince títulos por ano) no que se mesturasen con novos talentos e coa recuperacións de autores internacionais inéditos en castelán.
Canedo conseguiu materializar o seu soño en apenas tres anos nos que publicou medio centenar de títulos convertindo a Libros del Silencio nunha das editoras independentes mellor valoradas e visibles, tanto polo interese do seu catálogo como pola súa moi coidada edición, tanto no tratamento dos interiores como dunhas cubertas soberbias. No que atinxe a literatura galega publicou a edición bilingüe (galega e castelá) da obra completa de Lois Pereiro en coidada edición de Daniel Salgado, así como A poesía última de amor e enfermidade do poeta monfortino; o magnífico Elisa e Marcela de Narciso de Gabriel, prologado por Manuel Rivas; e, hai apenas uns meses, a Narrativa breve completa de Carlos Casares, con prologo de Juan Cruz. Magnífico catálogo!
Canedo foi un editor comprometido cos seus libros. Consideraba que «a edición tiña algo de deporte extremo» e advertía que aqueles editores que esquecesen ese principio «corrían o risco de se converter en tristes burócratas». Sempre me impactou o lema que acuñou para a súa editorial, unha frase de Pascal Quignard: «Un libro é un fragmento de silencio en mans do lector. Aquel que escribe cala. Aquel que le non rompe o silencio». O editor Gonzalo Canedo déixanos un silencio fecundo no seu coidado catálogo de lecturas. A nosa gratitude pola súa amizade e a nosa saudade tras o seu pasamento.
Nunha xornada memorable do Culturgal 2012, na que se bateron todas as marcas de afluencia de público, presentamos a campaña «SER LIBRIS» promovida pola Asociación Galega de Editores. Esta peza de 47 segundos, preparada polo equipo de Illa bufarda, é o eixo dunha iniciativa coa que os editores pretendemos contribuír a sensibilizar á cidadanía galega sobre as lecturas como agasallo de Nadal. Baseada no carácter transversal e interxeracional da lectura, a peza ofrécese ademais como un recurso con posibilidades de aproveitamento didáctico.
Entre as moitas iniciativas e accións que se desenvolveron na intensa primeira xornada de Culturgal, moito me gustou participar en Gústame o galego, a promovida pola CTNL. Unha marabilla! A tarefa de desmontar prexuízos arredor da lingua e de prestixiala en todos os eidos da vida social require da corresponsabilidade de todas as persoas. Accións imaxinativas e divertidas como esta de «Gústame o galego» pola súa facilidade de viralización e pola súa capacidade de ontaxiar entusiasmo poden ser doadamente emuladas ou reinventadas de forma creativa en centros educativos ou noutros eventos da cultura de noso. «Gústame que intentes falar galego, aínda que che custe un pouquiño», «Gústame o galego con acento africano», «Gústame que non me traduzan o café con leite», «Gústame que me digan “qrt m8″», «Gústame que me lembres en galego»… son mensaxes potentes que merecen ser compartidas. Participar nesta iniciativa é outro motivo máis para viaxar esta fin de semana a Pontevedra e pasar un tempiño no magnífico Culturgal, que paga moito a pena.
Cos datos achegados pola Panorámica de la edición española de libros 2011, que coñecimos onte, podemos actualizar a nosa serie estatística sobre a edición en galego (1991-2011), que dende hai máis de quince anos vimos realizando. Os datos da panorámica, baseados nas inscricións do ISBN, son os que mellor expresan as tendencias da produción editorial, complementándoas coas estimacións de facturación achegadas polos estudos do Comercio Interior do Libro, aos que xa nos referimos en anteriores anotacións.
A panorámica amosa que en 2011 a edición en Galicia baixou con respecto ao ano anterior un 28, 88 % (3.384 títulos), mentres que a edición en galego o fixo no 16,30 % (2.130 exemplares). A edición en galego realizada en Galicia baixou o 18,60 % (1.647 títulos), mentres que a edición en galego fóra da nosa comunidade decreceu o 6,93 % (483 títulos). A edición en galego en Galicia supuxo o 77,32 % do total da realizada na nosa lingua e o 48,67 % da editada en Galicia.
A edición realizada por editoriais privadas supuxo en 2011 o 90,47 % (1.927 títulos) da realizada en galego, diminuíndo nun 16,00 % con respecto ao ano anterior. A edición pública en galego supuxo o 9,53 % (203 títulos), a procentaxe máis baixa da última década, decrecendo nun 18,80 %. Dentro da edición institucional, é a a realizada polas universidades (59,61 %) a que continúa liderando o sector, a pesar de que diminúe o 31,63 %. A edición realizada polos organismos autonómicos, Xunta de Galicia e Consello da Cultura Galega diminuíu nun 39,28 %, supoñendo os seus 17 títulos apenas o 0,80 % do esforzo editorial anual en lingua galega.
As primeiras edicións supuxeron o 85,87 % (1.829 títulos), mentres que as reedicións e reimpresións o 14,13% (311). O número de primeiras edicións diminuíu con respecto ao ano anterior nun 18,27 %, o que quere dicir que se reducíu o número de novidades, mentres que aumentou lixeiramente nun 1,16 % o de reedicións e reimpresións.
A edición en galego en papel supuxo o 78,35 % (1.669 títulos), mentres que a relizadas en soportes dixitais o 21,65 % (461). A edición en papel diminuíu nun 28,25 %, mentres que a edición dixital duplicouse nun 211,47%, o que amosa unha importante ampliación desta oferta e a aceleración do proceso de substitución iniciado hai unha década.
A edición en galego de traducións supuxo o 27,10% (577 títulos), a maior porcentaxe das dúas últimas décadas. O número de traducións descende apena sun 5,09 %, mentres o de obras orixinais faino no 19,78 %. O castelán continúa sendo a lingua máis traducida, 68,50 % (395 títulos), seguida do inglés, 11,60 % (67), e do francés 6,20 % (36).
Por ámbitos temáticos, a edición continúa concentrándose no eido escolar xa que o libro de texto co 24,50 % (585 títulos) e a literatura infantil e xuvenil co 15,40 % (328) representan o 39,90 % dos títulos publicados. Porén, semella identificarse unha mudanza de tendencia xa que a edición infantil é a que máis diminúe, mesmo nun moi apreciable 40,36 %, mentres que se incrementa nunha porcentaxe semellante a de Ciencias Sociais que xa supón o 29,30 % do sector. Pola súa banda, a edición literaria co 20,20 % (431 títulos) diminúe nun 36,80 %, porcentaxe moi elevada.
Se comparamos a edición en galego coa doutras linguas oficiais, comprobamos que a nosa é a que máis descende (-16,80%), mentres que en castelán diminúe nun 0,13 %, incrementándose en éuscaro nun 2,65 % e en catalán nun 19,67 %. Ademais, se comparamos o número de referencias de ISBN en relación ao número de habitantes de cada comunidade, comprobamos que a oferta editorial en catalán en Cataluña continúa duplicando a existente en galego e eúscaro.
Por último, os datos da nosa serie estatística concentran a oferta editorial en galego no período autonómico, sendo xa do 94,71%. No entanto, hai unha cifra que non debe pasar desapercibida: a finais de 2011 a serie histórica do libro editado en galego acadou as 36.926 referencias.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
