Bando do Día das Letras Galegas, Vigo

O alcalde de Vigo tivo a deferencia de encargarme a redacción do texto do Bando do Día das Letras Galegas.

Vigueses e viguesas:

A nosa cidade bicentenaria foi en 1963 berce do 17 de maio, o Día das Letras Galegas, unha efeméride creada pola Real Academia Galega a instancias de don Francisco Fernández del Riego, o noso insigne conveciño cuxo pasamento choramos hai uns meses. Unha data escollida para conmemorar o centenario da publicación en Vigo, na imprenta que Juan Compañel rexía na rúa Real, da edición príncipe de Cantares gallegos, o primeiro poemario en galego de Rosalía de Castro. En tempos moi difíciles, cando se negaban as nosas liberdades e o idioma galego carecía de calquera tipo de recoñecemento ou protección, aquela gozosa epifanía celebrada nos salóns da vella casa do concello da praza da Princesa para festexar a proeza rosaliana arraizou devagariño no noso pobo.

O 17 de maio é a festa maior da nosa lingua, da nosa literatura e da industria do libro galego. Hoxe corresponde homenaxear á figura de Lois Pereiro, ese poeta dono da palabra exacta, o poeta do amor resucitado que camiñou en silencio deitando a furia necesaria. Un poeta insurxente capaz de provocar nestes días un vento mobilizador de forza abonda para seducir aos lectores e lectoras máis novos, intensificando a presenza da poesía galega no conxunto da nosa sociedade. Un éxito colectivo do que todos sentimos fachenda e ao que todos responsabiliza na súa continuidade futura.

«Vigo vive coa ollada posta no Atlántico e co corazón ancorado na terra», escribiu Francisco Fernández del Riego para expresar o carácter dinámico, emprendedor, innovador que posúe a cidade nosa. Un pulo modernizador que nos levou a liderar os camiños do mar e do desenvolvemento industrial do noso país. Unha luz emprendedora que dende hai sesenta anos permitiu que editores como Xosé María Álvarez Blázquez, Xaime Illa Couto ou o xa citado Francisco Fernández del Riego tomasen a remuda de Compañel e convertesen a Vigo na actual capital editorial de Galicia. Un sector, o da edición, estratéxico para o país, como para a cidade de Vigo, tanto polo considerable nivel de emprego especializado que achega como polo seu papel fulcral para a mellora da calidade da educación, para contribuír ao incremento dos índices de lectura e para promover a proxección da lingua e da literatura galegas no mundo.

Ás portas do cincuentario daquela creación cultural anticipatoria da Real Academia Galega, a celebración deste punxente Día das Letras Galegas dedicado a Lois Pereiro coincide, ademais, co “Día de Internet” ou “Día Mundial das Telecomunicacións e Sociedade da Información”, efeméride promovida pola ONU coa intención de achegar a toda a cidadanía os beneficios de Internet e das tecnoloxías da comunicación. Unha coincidencia ventureira para a nosa lingua que nesta súa xornada de festa primeira ten a oportunidade de vencellarse máis estreitamente coa innovación e coas mudanzas profundas introducidas polo modelo da comunicación cultural dixital e as utilidades do hipertexto. Porén, a indubidable vantaxe que para o galego supón camiñar da man de Internet, onde conta cunha presenza destacada, non pode facernos agochar que a nosa lingua vive un dos momentos máis decisivos e difíciles para o seu futuro.

É preciso aumentar o número de persoas que valoren este idioma milenario como a tecnoloxía de comunicación máis innovadora dos galegos e galegas nesta altura do século XXI. É necesario asumir a responsabilidade de considerar o galego como un patrimonio que a humanidade deixou ao noso coidado e que debemos entregar á seguinte xeración en condicións óptimas. Cómpre desenvolver unha decidida acción positiva a prol do seu uso en todos os ámbitos da vida social, económica e institucional. É imprescindible recuperar coa maior urxencia o consenso forxado nas tres últimas décadas entre as forzas políticas e sociais arredor do estatus da lingua galega no sistema educativo non universitario. A nosa lingua precisa das maiores doses de agarimo e de entusiasmo por parte de todos e todas.

Lois Pereiro reclamou na súa Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidraúlica dunha cíclica historia universal da infamia, un lúcido ensaio sobre a esperanza, «o noso compromiso e a nosa obriga en loitar polo que sempre nos resultou xusto e evidente». Foi tamén Pereiro quen definiu a utopía como «a posibilidade de compaxinar o desexo e a necesidade dos nosos soños». O galego precisa do noso compromiso e dos nosos soños.

Chamo aos vigueses e viguesas a que cada un de vosoutros non renunciedes a traballar arreo a prol do futuro do galego, a que non desistades en utilizalo como o mellor abrazo que podemos ofrecer nas nosas comunicacións. Son moitos os verbos que podemos utilizar para contribuír a agrandar o seu futuro: falar, ler, escribir, abeizoar, agasallar, solicitar… en galego.

Vigo 17 de maio de 2011

O ALCALDE
Abel Caballero Álvarez

Bando redactado por Manuel Bragado Rodríguez, director de Edicións Xerais de Galicia

«Lois Pereiro. Breve encontro», adianto da novela gráfica de Jacobo Fernández Serrano

Coincidindo coa celebración do 17 de maio, dende o blog de Xerais adiantamos hoxe 24 páxinas de Lois Pereiro. Breve encontro. Un achegamento comiqueiro á obra e vida do poeta, novela gráfica da que é autor Jacobo Fernández Serrano. Tras un demorado traballo de documentación, Jacobo ofrece un volume de 160 páxinas nas que percorre a biografía e a obra literaria de Lois Pereiro. Creo que vai ser outras das obras de referencia deste magnífico e renovador ano Pereiro. Agardo que sexa do voso agrado. A edición  é froito dunha coedición de Xerais e da Consellaría de Cultura e o libro chegará ás librarías a comezos do vindeiro mes de xuño.

O adianto da novela gráfica Lois Pereiro. Breve encontro pode baixarse en pdf aquí.

Modesta proposición

No artigo da semana de Faro de Vigo, ao fío do primeiro de maio e do día das letras galegas, reflexiono sobre as características da crise actual e da prosa vindicativa que lle fai fronte, poñendo como exemplo anticipatorio os textos da Modesta proposición de Lois Pereiro.

A última Enquisa de Poboación Activa amosa que en España hai cinco millóns de persoas (o 21,29%) paradas. Unha cifra que non é menos desacougante para Galicia, onde o número supera xa as 226.000, situando a taxa de paro nun alarmante 17,33%, que na cidade de Vigo chega ao 20,8%; sendo case 70.000 os fogares galegos nos que todos os seus membros carecen de traballo e máis de 20.000 os que non reciben xa ningún tipo de axuda. Cifras que no caso da poboación xuvenil, a comprendida entre os 16 e os 29 anos, acadan en Galicia a inaudita taxa do 31%, a pesar do aumento do número de emigrantes e do notable alongamento da permanencia no sistema educativo, característico deste tramo de idade. Dende 2007 triplicouse en Galicia o número de parados e descendeu de forma significativa a poboación activa, o que constitúe un pésimo balance para a conxunto da economía nosa. Cifras que non poder considerarse alleas ao fracaso sen paliativos tanto da recente reforma laboral, promovida polo Goberno, como das chamadas “políticas activas de emprego”, competencia da Xunta de Galicia.

Sen dúbida, a situación é moito mellor para os traballadores que contamos con emprego, mais non por iso menos desalentadora, xa que a política feroz de axustes e de redución do déficit acometida polas administracións públicas, motivada pola crise da débeda soberana española nos mercados financeiros, provocou o aumento da idade de xubilación e outras subtracións dos avances e conquistas sociais gañados nas catro décadas anteriores. Se a iso engadimos a usurpación da democracia, realizada por políticos de diversas cores e países que actúan baixo a disciplina das axencias de cualificación e dos chamados de forma enigmática como “mercados”; se lle sumamos as dificultades das caixas de aforro para acometer o seu proceso de privatización e saneamento, que pagaremos a escote os seus clientes e todos os cidadáns durante uns cantos anos; se consideramos a clara tendencia inflacionista que comezamos a sufrir, cun IPC xa preto do 4%, á que non son alleas cuestións como a subida dos prezos das materias primas (alimentos) nos mercados internacionais de futuros, a dependencia dos carburantes fósiles ou o incremento dos intereses das hipotecas, é moi difícil para calquera cidadán, mesmo para o máis optimista, enxergar unha xanela de luz para saír da crise.

Máis alá da utilización apocalíptica da situación por parte dos voceiros mediáticos conservadores, que identifican esta xanela coa desaparición de Zapatero do escenario e a entrada de Rajoy no Goberno –simplificación interesada e falaz motivada pola proximidade das municipais– non hai dúbida que vivimos inmersos nunha crise moi profunda, non só económica, tamén social e política. Unha auténtica crise civilizatoria que pon en cuestión a viabilidade do modelo europeo acuñado tras a Segunda Guerra Mundial, tanto do seu proxecto de unión política e monetaria, como do modelo democrático de participación e de redistribución da renda, o da “sociedade do benestar”, baseado na tributización fiscal progresiva, na existencia de pensións ao remate da vida laboral e no acceso universal aos servizos de sanidade, dependencia, educación e acceso á cultura. Unha crise que hoxe comeza a poñer en cuestión a estabilidade e viabilidade destas conquistas, mais que sobre todo constitúe unha ameaza para a xeración dos nosos mozos e mozas, esa “xeración perdida” ou “xeración sacrificada” (xeración “rasca” en Portugal) cuxo futuro semella cada vez máis incerto.

Neste contexto comezan a aparecer textos vindicativos que rescatando o valor das palabras denuncian con indignación estas ameazas e propoñen o compromiso de non resignarse. Este é o caso do panfleto de Stéphane Hessel Indignádevos! (publicado en galego por Factoría K), que nuns poucos meses leva espallado en Francia mais de dous millóns de exemplares contendo unha mensaxe insurxente, incardinada na insurrección pacifista de Martin Luther King. Chamamento semellante realizaba en 1996 Lois Pereiro, o autor deste 17 de maio, na súa Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidraúlica dunha cíclica historia universal da infamia (Xerais 2011), o noso Indignádevos!. Un texto vindicativo anticipatorio no que Pereiro denuncia a inocente indiferencia e reclama o noso compromiso e a nosa obriga en loitar polo que sempre nos resultou xusto e evidente: «Quen desexe realmente facer algo, a medida das súas forzas, talento e influencia, que se poña xa mans á obra e axuda a exercer a sabotaxe. Inda que un non consiga aspirar máis que a transformar o seu espírito, a mellorarse tan sequera a súa alma e a súa vida en cada un dos seus actos, só con iso elevará o nivel da súa propia e dormida conciencia e a súa capacidade de indignarse e sentir noxo».

«Vento Lois», recital expansivo o 12 de maio

Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas convocan Vento Lois, un recital expansivo que se celebrará en todo o mundo 0 vindeiro 12 de maio ás 8 da tarde. Eis a súa carta, que pregamos difundir:

Despois do Vento Lois que soprou na Coruña o pasado 20 de marzo, queremos que o aire da súa furia e do seu paixón acade todos os recantos do universo.

Para elo, a seita loisista, co apoio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Pen Clube de Galicia e a Asociación Galega de Editores, chama a organizar un novo vendaval, que percorra todo o mundo, o día 12 de maio ás 8 da tarde: lectura de textos de Lois, sobre Lois, música, performances, teatro…

Solicitamos a túa colaboración por se podes argallar ou contribuír a argallar calquera acto, institucional ou persoal, en calquera lugar –bar, praza, monte, praia, recinto cultural- para ese día e esa hora. Se é así, faino ou, como remataba Lois a súa Modesta proposición, «quen teña tempo, enerxía, e desexe facer algo, que vaia propoñendo algo… (Por exemplo)».

De momento, están xa confirmados un concerto no cárcere da Coruña, (a partires das 21,00 horas), un recital aberto no Centro de Interpretación de Viño de Monforte e outro en Toulouse (en lugar por confirmar)

Na web de Lois http://loispereiro.blogaliza.org habilitarase un espazo no que apuntar as iniciativas en cada localidade, e así xuntar xente, propostas e esforzos. O resultado –fotografías, vídeos, comentarios- será recollido primeiro na propia web, e logo xa se verá.

A proposta de escaleta do acto pode consultarse aquí:

Vento Lois

O domingo estarei na Coruña para participar en «Vento Lois». Primeiro na manifestación poética que comezará ás doce e media na Praza de María Pita; logo, a partir da unha, no recital cívico do Teatro Rosalía de Castro. Será unha boa oportunidade para intensificar a presenza social da obra de Lois Pereiro e preparar ese gran recital expansivo polo país enteiro que se celebrará días antes do 17 de maio.

2011, o ano de Pereiro, dos Bosques, da Química, do Alzheimer…

A celebración de efemérides («Ano de tal ou de cal») constitúe, ademais dun útil recurso didáctico, a posibilidade de orientar ao longo dun ano as políticas sociais, culturais e educativas públicas e privadas (sobre todo no eido da edición e da comunicación) cara a un tema, problema, personalidade, obra ou manifestación artística. A experiencia internacional e nacional demostrounos a súa eficacia como mecanismo de rescate ou sensibilización social, mais tamén que sen unha programación axeitada poden constituír o máis rotundo dos fracasos.

A pesar de todos estes condicionantes e do perigo de abusar na utilización deste recurso, non me resisto a enumerar algunhas das efemérides que celebraremos en Galicia ao longo deste 2011:

Ademais, 2011 será o ano antitabaco, o da inauguración da Biblioteca e Arquivo de Galicia na Cidade da Cultura,  ano de eleccións municipais (22 de maio) e outro ano máis da crise económica que ameaza con acadar os cinco millóns de parados en España e 237.000 en Galicia.

[Quizais poda quedarme atrás algunha outra, razón pola que moito agradece se enriqueza a anotación.]

Bo ano Lois Pereiro!

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/0FnflOFfusM" width="750" height="448" wmode="transparent" /]

Bo ano Lois Pereiro!

Procuremos a enerxía necesaria!

Saúde, traballo e lectura galega para todos e todas.

Con todos os abrazos e beizóns.

[Únome á iniciativa de Marcos Calveiro, recuperando o tema «Narcisismo» de Radio Océano sobre un texto do poeta Lois Pereiro. Os meus queridos Oasis saberanmo perdoar.]

«Lois Pereiro 2011»

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o que entendo son os retos do vindeiro 17-M: acadar unha nova fronteira para a efeméride, incorporando novos públicos e soportes, e facer de Lois Pereiro un autor popular.

Lois Pereiro 2011

A designación por parte da Academia do poeta de orixe monfortina Lois Pereiro (LP) como escritor homenaxeado no vindeiro día/ano das Letras Galegas (17-M) foi todo un acerto. A pesar da lexítima discrepancia dalgunhas voces (poucas) e do moi desputada que foi a toma de decisión (tras numerosas votacións), a elección deste poeta maldito, punk e postmoderno provocou unha descoñecida onda de entusiasmo no mundo literario galego e xerou decontado unha inagardada expectativa de renovación para o futuro dunha efeméride en evidente retroceso de interese popular que, dende hai anos, arrastra esas terribles doenzas do esmorecemento provocadas pola rotina e pola minorización elitista.

Con esta designación non servirá o dilema habitual tan utilizado nestas efemérides: “que pode facer o 17-M por LP?” ou “que pode facer LP polo 17-M?” Para ben ou mal, en 2011 o futuro quedou vencellado entre autor e efeméride. Ese “talento inmenso e cósmico” de LP, salientado estes días por Fermín Bouza nun artigo memorable, constituirá unha oportunidade excelente para atopar novos públicos, novos soportes, novas expresións e novas iniciativas para celebrar unha efeméride, como a do 17-M, até agora centrada na necesaria e imprescindible ritualización académica e na abordaxe didáctica nos centros educativos da figura homenaxeada. Mais tamén, será unha ocasión única para que, por fin, se lea e popularice a LP, este poeta da furia, que posuía coiraza de aceiro e utilizaba verbas curativas de mel, cuxa presenza, en palabras de Manuel Rivas, “tiña o efecto dunha bomba silenciosa, envolta en flores, lanzada ao patio de butacas da ópera do mundo”. Con esta designación, a institución presidida por Méndez Ferrín enxerga outra derrota (unha necesidade moi reiterada polos sectores culturais máis inquedos), ao tempo que pretende converter ao que foi, até agora, un “poeta de culto” nun “autor popular”. Dous retos ilusionantes, perfectamente acadables, aos que estamos convidados a corresponsabilizarnos da súa procura os editores, o profesorado, as bibliotecas públicas, as asociacións culturais e cívicas e (non o esquezamos) as administracións públicas.

“Andou polas beiras salvaxes da vida”, escribiu o seu leal compañeiro Manuel Rivas, con quen Lois, o seu irmán Xosé Manuel, e o pintor Antón Patiño, forxaran en Madrid, a súa primeira trabe de futuro: o colectivo poético artístico “Loia”, que chegou editar de 1975 a 1978 catro números fotocopiados da revista homónima, na que publicou o seus primeiros poemas, recollidos en “Poemas para unha Loia” (1996), volume póstumo no que se incluíu o seu ensaio “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia”. Ao longo de só trinta e oito anos, Lois Pereiro percorreu, utilizando unha estética punk, o camiño tráxico que o levou da tristeza violenta da mocidade, –ao abeiro de José Angel Valente, referente fundamental nos seus primeiros pasos– á aniquilación nostálxica que o acompañou dende que en 1981 foi vítima da doenza da colza. Foi a súa unha loita implacable “contra a morte” (ese é, tamén, o título dun longo documental biográfico que sobre el ultiman Iago Martínez e Álex Cancelo), que marcou tanto a súa vida como o seu esforzo creativo, expresado en revistas como “La Naval”, “Trilateral”, “Das Capital” e, sobre todo “Luzes de Galiza”, nas letras das cancións que preparou para Radio Océano ou nos seus dous poemarios, publicados ambos os dous por Francisco Macías: “Poemas 1981/1991” (1992) e “Poesía última de amor e enfermidade. 1992-1995” (1995).

Lois Pereiro quixo que a súa literatura estivese feita cos vimbios da tenrura mais non asumiu moitas cortesías para que os seus poemas de aceiro funcionasen como “un bisturí que diseccionase a vida”, imaxe a que acoden para definilo os seus compañeiros do grupo poético “Do amor e desamor” (Xavier Seoane, Miguel Anxo Fernán Vello, Manuel Rivas, Lino Braxe, Xulio Valcárcel…), ao que se incorporou en 1984, cando chegou á Coruña, cidade na que “xaspeaban as nubes” e onde viviu dende entón.

Volver aos seus textos ou descubrilos é a primeira oportunidade que nos ofrece este vindeiro 17 de maio. Estamos diante dun poeta oceánico, dunha economía expresiva rotunda, capaz de enfeitizar e curar con cada un dos seus poemas: “Que a vida non me sorprenda xamais / desprevenido calado e neutral / e que un segundo antes de renderme / vaia tamén comigo a imaxe do que fun cando era outro”, comezaba o seu poema “Alerta e vixiante”, escrito un ano antes do seu falecemento, o 24 de maio de 1996, o mesmo día no que foi anunciada a famosa sentenza da colza, a doenza que o ferira de morte quince anos antes. Outra ironía da nosa recente historia da infamia. Saudamos con esperanza este Lois Pereiro 2011.

Dende a pasasa semana pode seguirse o twitter de Lois Pereiro, onde aparecen diariamente textos e noticias sobre o autor de orixe monfortina. En Twitter existe, tamén, a marca #pereiro utilizada xa por máis dun cento de referencias.