«Lois Pereiro: Contra a morte» de Iago Martínez e Álex Cancelo


Adiantos do documental Lois Pereiro: Contra Morte que Iago Martínez e Álex Cancelo ultiman sobre a figura que será homenaxeada o 17 de maio de 2011.

Lois Pereiro e a Academia Galega

A designación de Lois Pereiro como escritor homenaxeado no 17 de maio de 2011 volve demostrar o liderado da actual Academia Galega no proceso constante de actualización do pensamento e da creación galeguista. Non podo agachar que moito me emocionei cando onte lin na pantalla de twitter do meu teléfono a nova que adiantaba Iago Martínez (atinadísimo o seu artigo de hoxe). Esta designación de Lois Pereiro, como o ditame sobre o borrador do «Decreto de Plurilingüismo», énchenos de fachenda de pertencer a un país que conta cunha corporación cultural independente con semellante afouteza e intelixencia prospectiva. A Academia Galega convidounos a redescubrir a un dos poetas claves da xeración dos oitenta, que Iago Martínez e Álex Cancelo retrataron en Contra a morte, un documental que este ano resultará clave para coñecer a súa traxectoria vital e artística. A designación de Lois Pereiro desfai toda clase de prexuízos sobre a institución de Tabernas e convida á sociedade civil a corresponsabilizarse sobre o éxito da homenaxe. Agora, somos os editores, os estudosos do feito literario, o profesorado, o tecido do asociacionismo cultural os que temos a obriga de achegar á sociedade unha resposta acorde co espírito de permanente renovación do poeta apupado pola Academia. Nunha xornada de entusiasmo coma a de hoxe, as nosas beizóns todas son para Josito e a súa familia toda, e para Manuel Rivas e os restos dos membros da Academia por tan importante designación, que non vai en menoscabo de ningunha outra das candidaturas participantes nas votacións.

O pacto debera ser a retirada do decreto

Xa o comentei onte na tertulia da noite da Radio Galega. A oferta dun pacto pola lingua realizada por Feijóo no contexto dos actos da homenaxe a Novoneyra é un xesto que non debemos rexeitar, aínda que ben coñezamos que os contidos ofrecidos non son outros que os recollidos na redacción do artigo número 5 do Estatuto de Autonomía: o galego como lingua propia de Galicia, a cooficialidade entre os idiomas galego e castelán, acción positiva cara o fomento da extensión e uso do galego e a aplicación do principio de non discriminación por razón de lingua. Con todo, o máis valioso da declaración de Feijóo en Parada do Courel non é o que expresa, catro principios estatutarios que ten obriga de defender, senón o que cala, abandonando así o discurso das mentiras da imposición do galego e da liberdade de elección de lingua, que no día anterior empregara con semellante vehemencia Alfonso Rueda, o secretario xeral do seu partido. Entón, en que quedamos: cal é o discurso do PPdeG que vale?  É comprensible que os responsables do chamado «Decreto de Plurilingüismo», tras os paos recibidos polos diversos ditames institucionais (o máis recente, o do Consultivo foi durísimo), pretendan procurar unha saída decorosa para a tremenda lea na que se meteron, engaiolados uns polos cantos de serea negacionistas e outros pola estratexia política de reconstruír un novo centralismo. Eles mesmos deben andar amolados pola soidade na que quedaron e sorprendidos pola fortaleza da resposta cívica galeguista. No entanto, a saída para o conflito continúa estando onde os responsables do Goberno Galego ben coñecen: na retirada do documento (como hoxe propón con toda a claridade Agustín Fernández Paz) e na convocatoria decontado  dos tres grupos políticos para reiniciar en sede parlamentaria os traballos da posta ao día do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Velaí, como sinalabamos o domingo, un pacto perfectamente posible.

私の大好きなガリシア

Da manifestación de hoxe quedo con esta foto que fixen nas Orfas.

Como é adoito nestas casos convén visitar as fotogalerías de Galicia hoxe, Xornal de Galicia, A Nosa Terra, Vieiros ou Galiciae. Axudan a comprender mellor a magnitude da mobilización na que participamos.

«O galego abraza»

No artigo da semana de Faro de Vigo volvo sobre a que entendo é situación decisiva na que se atopa o conflito arredor da política lingüística. Insisto en que o futuro vai depender de nós:

Ese futuro vai depender de nós. O futuro do que lle aconteza a esa lingua na que residimos como pobo (dixo Novoneyra) está nas mans da cidadanía deste país, se o queremos continuar chamando Galicia. Este futuro é unha cuestión estratéxica que require tanto as maiores doses de acordo entre as forzas políticas e entidades sociais, como a creación dunha nova civilidade arredor do uso do seu idioma. O galego é a nosa forma de estar no mundo, o mellor xeito que temos de abrazar, de expresar o noso agarimo e a nosa leal discrepancia. Velaí o fulcral do dilema político actual arredor do idioma. Ou recuperamos as políticas de consenso forxadas no Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 e actualizamos e desenvolvemos cada unha das súas medidas, creando así unha nova civilidade para unha lingua que sabemos é de todos, ou xebramos de vez a baralla e transformamos as políticas lingüísticas en liñas de confrontación política e o que sería aínda máis lamentable, de separación e confrontación entre os propios cidadáns galegos.

O futuro da lingua líbrase no terreo do compromiso persoal e no combate cívico colectivo. Hoxe viaxaremos a Compostela para expresar a nosa esperanza.

Pregón da Feira do libro de Vigo 1982: Uxío Novoneyra e os libros

Recollemos do blog da Biblioteca do IES As Mariñas esta extraordinaria anotación sobre o pregón pronunciando por Uxío Novoneyra na Feira do Libro de Vigo en 1982. Un grande documento para a historia da edición en Galicia.

«O libro, certos libros facilítanlle ó home a máis crítica e veraz información frente os medios de comunicación de masas dominados polo poder ou polos intereses dos que o detentan. Claro que a información nos libros ás veces chéganos demasiado tarde pra asistirnos no intre dunha urxencia de decisión que si a demoramos pode vir demasiado tarde. Pero hai tamén decisiós ou tomas de postura pra longo que nos deixan tempo. E aí sigo o sitio do libro reflexivo e máis fiable.

Libros contra a soedade do home.
Libros contra a desinformación.
Libros contra a malformación.
Libros contra libros.
Libros pra soñar i adiantar o posible.
Libros pra saber que as nosas dores non son solo nosas e pra mover a solidaridade que a nós tamén alcance.
Libros pra avantar.
Libros pra volver ó orixen.
Libros pra ler unha vez.
Libros pra ler máis veces.
Libros pra ver outro camiño, que pudo ou que pode ser o noso.
Libros pra erguerse.
Libros pra sentir indignación.
Libros pra sentirse culpabre.
Libros pra sentir o novo que está surxindo noutro sitio e que nos pode chegar, que nos chegará.
Libros pra suscitar.
Libros pra alentar.
Libros pra non cair baixo a trivialidade do exterior cotidiano.
Libros pra ser libres (importante).

O libro tamén teñe unha especial siñificación si pensamos concretamente en Galicia, na reivindicación da nosa patria e da nosa lengua, na verdade depositada na nosa lengua. A moderna cultura galega, a moderna concencia galega, fíxose primordialmente a base de libros.» Uxío Novoneyra

Os nosos maiores parabéns para o blog da Biblioteca do IES As Mariñas tanto pola recuperación de tan formidable texto de Novoneyra como polo traballo de promoción do libro galego que veñen promovendo.

Outra formidable anotación sobre Novoneyra é estoutra que publica hoxe Xosé Manuel Pereiro.

Viva Novoneyra!

Magnífico foi o nivel literario da homenaxe que lle rendemos onte no Club Faro de Vigo ao poeta Uxío Novoneyra diante dun salón ateigado. Comezou Branca Novoneyra sinalando a dedicación obsesiva do seu pai á poesía e súa alta palabra, subliñando que foi a intención da súa familia conseguir que fosen reeditados todas as súas obras nas condicións que o poeta definira.

Logo, Carme Blanco fixo unha memorable intervención arredor da poesía de Novoneyra, a quen defininiu como «cantor total de profundo lirismo e perfección formal» e como «poeta resistente da leila da terra e da loira da lingua», sinalando os ámbitos míticos e do contato no contextos dos ciclos da súa obra. Detívose con particular vagar en analizar Os Eidos, «unha obra que leva todos os tempos, as cousas, as xentes do Courel».Rematou a autora de Alba de mulleres expresando que lle «conmovía a sensibilidade de Novoneyra coas vítimas do poder, máis alá de que coincidise coa súa ideoloxía.»

Rematou as intervencións o presidente Ferrín que comezou precisando que Novoneyra «é un anti-Pessoa, o poeta aquí non é un finxidor, Novoneyra era o poeta mesmo, a poesía foi a súa forma de estar no mundo, Novoneyra producíase en forma poética». Logo sinalou que Uxío foi gran home pensante e actuante: «Novoneyra é o poeta cidadán, que paseaba as rúas, era un poeta de metro, incansable paseante das beirarrúas urbanas, que ollaba con mirada profunda aos traballadores de Madrid. Novoneyra non foi un poeta rural. Novoneyra é múltiple, ambiguo, clásico, un autor no que hai mensaxes cifradas para as máis variadas mentalidades». Para Ferrín o do Courel foi «poeta felizmente ateo, profundamente materialista. Poeta colosal, persoa extraordinaria, única. Estivo no combate antifascista como os mellores poetas do século XX, como Paul Eluard.» A continuación precisou que «sendo popular, non foi nunca coloquial. Novoneyra foi o máis radical dos poetas galegos, facendo folga xeral contra a historia», enfantizando que «nunca foi nin telúrico nin panteísta como interpretan agora algúns». Momento extraordinario da velada foi cando o presidente Ferrín recitou catro poemas de Uxío para logo comentalos con entusiasmo didáctico: «Novoneyra posuía o don onomástico, sabía darlle nome aos lugares e ás persoas proporcionándolles  unha vida nova, luía os topónimos enigmáticos, unha forma de dicir que había que salvar a patria». Rematou Ferrín dicindo que «toda a obra de Novoneyra foi unha espiral, esa imaxe do cosmos en proceso de autoxeración permanente, a imaxe, tamén, da construción da patria. Viva Novoneyra!»

«O poeta dos soños teimosos»

No artigo da semana de Faro de Vigo fago unha gabanza da figura de Uxío Novoneyra con motivo do acto de homenaxe que terá lugar hoxe no Club Faro de Vigo (Salón de actos do edificio do Concello de Vigo, rúa Areal) e da celebración da Semana das Letras Galegas na súa honra.

«Día das Letras Galegas: unha celebración distante?»

Mañá participarei no debate que a revista Tempos Novos organiza no pub Dadó-Dadá de Compostela arredor do futuro da celebración do Día das Letras Galegas. Moderados por Comba Campoy, acompañarei a tan vos amigos e amigas como Mercedes Queixas, Nel Vidal, Branca Novoneyra e Euloxio Ruibal. A moderara púxonos unha serie de cuestións ás que deberemos dar algúnha resposta:

  • Está a RAG a desempeñar un papel pouco activo na promoción da figura que escolle anualmente, limitándose a unha serie de declaracións institucionais e a un acto litúrxico o 17 de Maio?
  • Tería devido o Día das Letras unha mera escusa comercial para a produción editorial e de espectáculos, dada a demanda específica da administración autonómica e local, que limitan a organización de actos adicados ao autor/a homenaxeada ao mes de maio?
  • Estarán eses propios intereses editoriais, e outros de carácter político, exercendo unha presión pouco recomendábel na decisión dos académicos sobre a persoa homenaxeada cada ano?
  • O Día das Letras no ensino: debería o 17 de maio volver ser lectivo? Como pode contribuír a conmemoración á divulgación dos principais autores das nosas letras entre o estudantado galego?
  • A xestión dos dereitos do autor homenaxeado. Debería regularse o uso da obra por parte de terceiros para evitar o simple oportunismo?
  • Propostas para achegar a celebración á sociedade (actividades na rúa, asociacionismo…) e que o labor de divulgación dos autores teña continuidade unha vez pasado o ano.

Cuestións todas elas para volver sobre unha polémica na que todos estades convidados a participar.

Don Paco, home luz

Don Paco, Francisco Fernández del Riego, recibiu esta tarde unha pequena homenaxe con motivo do seu noventa e sete aniversario. Un grupo de amigos e amigas reuniuse na viguesa praza de Compostela, onde vive, para render tributo a quen durante toda unha vida leva laboreando de forma infatigable por un ideal noble: organizar en Galicia o partido da esperanza. A pesar dos inevitables achaques dunha persoa case centenaria, don Paco mantén aínda a afouteza e a coraxe, un espello de dignidade humana que representa os mellores valores desa formación veterana na que militaron, entre tantos outras, figuras como Castelao, Alexandre Bóveda, Luís Seoane, Ramón Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro ou Álvaro Cunqueiro.

Don Paco é un home rede. Posúe a capacidade, tan valiosa en Galicia, de aglutinar vontades, de contaxiar alento para acometer tarefas colectivas, en «equipo», como a el lle presta dicir. Xa o practicaba naquel tempo de entusiasmo republicano, cando sendo secretario xeral das Mocidades Galeguistas mobilizaba aos estudantes composteláns coa súa oratoria sobria e eufónica –como acertadamente ten sinalado esoutro grande orador que é o profesor Xesús Alonso Montero–, a do guieiro dun pensamento federalista e galeuzcano, netamente progresista, como foi sempre o seu compromiso político. Un home rede tecedor de proxectos case imposibles nos tempos da ditadura, dende o primeiro suplemento de letras do xornal compostelano La Noche, que preparaba con Xaime Illa Couto, ata a posta en marcha e funcionamento imparable da editorial Galaxia e da revista Grial. Un home rede que en só catro anos de presidencia memorable foi capaz de poñer en valor a Real Academia Galega, unha institución, ata entón, enferma e anestesiada.

Don Paco é un home lente. Impenitente lector e bibliófilo, intuíu a necesidade de construír un sistema cultural galego moderno e plural, que permitise desvelar a literatura galega e desenvolver unha industria do libro na nosa lingua. Toda unha proeza de destemido! Aí quedou esa súa creación singular da efeméride do 17 de maio e o seu rigoroso traballo como antólogo, ensaísta ou divulgador nos xornais, onde leva publicando milleiros de artigos de estilo inconfundible. Del Riego, o máis importante editor galego contemporáneo, entendeu o traballo do editor como unha conversa permanente coa creación e co seu tempo, ensaiando novos formatos e fórmulas de edición inéditas na nosa lingua, como a modélica colección «Illa Nova», que alicerzou a nova narrativa galega, ou imprimindo unha fasquía rabiosamente moderna para todas as publicacións que promovía dende Galaxia.

Don Paco é un home ponte. Tracexou a súa aventura vital coma enlace entre os seus mestres, os membros de Nós, e as novas xeracións da fin de milenio. Home correo escribiu milleiros de cartas que permitiron manter accesa a mesma chama entre a Galicia interior e a da diáspora. Unha ponte sobre unha mesma canle, sobre uns idénticos ideais: defender o noso idioma e a nosa identidade como célula de universalidade, unha definición acaidísima, acuñada polo Partido Galeguista, e aínda non superada, que asumiu don Paco como programa de vida. Un home espello deste talante aberto de diálogo con todas as culturas, deste compromiso moral cos valores da democracia, da paz e da solidariedade, deste exercicio permanente de autoestima e dignidade que nos permite considerarnos orgullosamente como cidadáns galegos.

Don Paco é un home aceiro. Metódico, organizado, cerebral, non esmoreceu no seu afán diario por continuar termando das responsabilidades que asumiu. Así dirixiu durante case medio século a Biblioteca Penzol, sen cobrar un pataco, converténdoa nun centro de documentación modélico para os novos investigadores da cultura galega e sobre Galicia; aí segue publicando nos xornais, preparando novos libros, acuñando na conversa unha reflexión, tan lúcida como corrosiva, sobre este novo tempo en crise.

Don Paco é un home luz. Encabeza o partido galego da esperanza, o da xente entusiasta e liberal, melancólica e optimista que posúe como eixo do seu programa a loita contra o esquecemento. Unha luz que prende a memoria que nos mantén vivos e dispostos a continuar ese río incesante que nos leva.

Foto: 07-01-2010, R. Grobas, Faro de Vigo.