A primeira industria cultural viguesa
En varias oportunidades, cando me preguntan sobre o estado da edición, as interlocutoras non me cren cando lles digo que o negocio dos libros non debe ir tan mal, xa que se anuncian novos proxectos editoriais e na metrópole (Vigo e comarcas da Louriña, Val Miñor e Morrazo) son 34 as editoras de libros impresos e dixitais, contando as pequenas independentes e as medianas, propiedade dun grupo editorial español ou transnacional. E se cren que é hipérbole, velaí a relación das editoras: Agoeiro, Belagua, Clío, Creotz, Cumio, Cuarto de inverno, Cydonia, Dismes, Dos acordes, Edimaes, Elvira, Engaiolarte, Euseino, Fosfatina, Galaxia, Instituto de Estudios Vigueses, Ideas Propias, Ir Indo, Lobito Bueno, Lusco e Fusco, MC Sports, Moléculas, Morgante, Nova Galicia edicións, Patas de peixe, Plutón Kids, Rinoceronte, Sept, Sushi Books, Solar de edicións, Tambre, Triqueta Verde, Trymar e Xerais.
E as que queren saber xa poñen cara de ferreiro cando lles digo que co estudo de comercio interior de libro do Ministerio Cultura na man entre todas as editoras viguesas facturan 18 millóns de euros a prezos de capa, dos que arredor de 8 pertencen ao libro galego impreso. Un sector con inequívoca vontade exportadora, na actualidade moi atomizado, e especializado onde hai editoras educativas, outras literarias, outras infantís e xuvenís, subsector moi destacado na proxección internacional e no mercado interior, outras dedicadas ás artes, centradas na fotografía, até algunha especializada no que atinxe a enigmas e misterios, outras en saúde e vida alternativa, outras dúas en lectura fácil, mesmo está radicada en Vigo a primeira editora deportiva en español referenciada no adestramento técnico futbolístico, cun catálogo dun cento de títulos…
Sector editorial privado, considerado estratéxico, pola Lei 17/2006 do Libro e da Lectura que ocupa a máis de 150 persoas con empregos directos, sobre todo nos eidos da creación editorial e xestión, promoción e comercialización e outras tantas como colaboradoras externas. Un sector empresarial resiliente, con tradicional mala saúde de ferro, que vive á intemperie, sen apenas axudas das administracións, afogado polas carencias de financiamento e polas dificultades de distribución e visibilidade no punto de venda, sobre todo nunha rede de medio centenar de librarías, un negocio que recupera o seu encanto de establecemento comercial e cultural de proximidade. Un sector vigués do libro que conta co soporte de medio cento de imprentas e empresas gráficas dixitais e unha rede de bibliotecas insuficiente, de oferta moi desigual e non exenta de problemas.
Este vínculo de Vigo co sector da edición conta apenas dous séculos de historia, cando en 1823 chegou a Vigo o moldeiro valenciano Pascual Arza, tipógrafo que se ocupou de imprimir o Semanario Patriótico, órgano político da provincia de Vigo. Dende entón foron case trescentas as cabeceiras xornalísticas publicadas en Vigo, das que 15 foron diarios, entre eles o Faro de Vigo (1853), actual decano da prensa española, La Oliva (1856), substituído por El Miño (1857), La Concordia (1873), o primeiro diario, La Propaganda (1881), consagrado á defensa da clase obrera, pasando pola monumental revista mensual Vida Gallega (1909) de Jaime Solá, polo diario Galicia (1922) e El Pueblo Gallego (1924), entre as do primeiro século. Como contou a cidade, pasado o período inicial dos tipógrafos ambulantes, con grandes editores: Ángel Lema Marina, primeiro impresor e logo propietario da cabeceira de Faro de Vigo; Juan Compañel, primeiro editor en galego e primeiro que fixo un catálogo literario e outro técnico; Manuel Fernández Dios, o primeiro editor dos folletíns da Biblioteca da Concordia, como foron as Monografías de Vigo (1878) de Vesteiro Torres.
Abriu o século XX, Eugenio Krapf (1890), que achegou o feitío clásico tipográfico que necesitaban as imprentas nosas. Calidade coidada nas edicións artísticas dos Catálogos de Vigo de PPKO (1905). Aposta pola edición popular de Eugenio Barrientos Tetilla, que montou na libraría de Elduayen a editorial Cíes (1943-1958), unha experiencia extraordinaria, máis alá da publicacións das novelas de vaqueiros de Marcial La Fuente Estefanía. Extraordinarios foron os proxectos de recuperación do libro galego de Galaxia (1950), cun papel chave de Francisco Fernández del Riego, o da editorial Monterrei (1848) de Luis Viñas Cortegoso e Xosé María Álvarez Blázquez, que en 1964 abriu o proxecto de Edicións Castrelos, onde fixou os criterios da edición comercial en galego, que continuaría Xerais en 1979, coa edición educativa como piar do sector.
Con esta memoria e atractivo actual, chama a atención o desinterese das administracións polo futuro da que continúa sendo a primeira industria cultural viguesa.
Publicado en Faro de Vigo: 29/09/2026


Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir