Porteiro pioneira
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a María Xosé Porteiro con motivo da homenaxe que recibe hoxe no Ateneo Atlántico:
No serán de hoxe a escritora e xornalista María Xosé Porteiro será recoñecida na Escola de Artes e Oficios como socia de honra do Ateneo Atlántico, entidade cultural da que foi fundadora en 2017, tanto pola súa traxectoria profesional, política e literaria como e sobre todo polo seu activismo feminista, cívico e galeguista, desde que chegou a Vigo aos catorce anos procedente da Habana, onde se trasladara con apenas catro. Unha das figuras claves da que me gusta chamar xeración viguesa das «Mil primaveras máis», profesionais pioneiras na utilización do galego nos medios de comunicación naqueles anos de entusiasmo da Reforma Política e do inicio da Autonomía. Unha vida comprometida a de Porteiro coas causas máis xustas, singularmente, as da igualdade e as da lingua nosa, que por ventura volve ser celebrada en Vigo, tras recibir en 2020 o Premio Ernestina Otero outorgado polo Consello Municipal da Muller.
Vinculada cos medios apenas con 19 anos, cando durante cinco fixo en La Voz de Vigo, emisora del Movimiento, o programa cultural «Antes del silencio», incorporouse despois a Radio Popular de Vigo, emisora da COPE, entón un fervedoiro democrático, como a primeira muller da redacción de informativos, onde presentou «Jaque a la actualidad» e dende 1981 a 1984 contou cun espazo propio, o programa «A Bisbarra», dedicado á información comarcal, o primeiro integramente en galego nunha emisora en Galicia. Xornalismo radiofónico que compartiu co escrito, sendo a primeira muller correspondente de El Pais en Galicia, delegada en Pontevedra da revista Tiempo e colaboradora de La Voz de Galicia, coa sección de opinión «Habitación propia» e coas entrevistas da serie «Corte e confección», pola que pasaron boa parte de escritores e escritoras de entre séculos. Xénero da entrevista na que Porteiro é auténtica mestra na que deixou pezas longas memorables con Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro e Carlos Casares, indispensables hoxe para entender o devir da literatura galega.
Ademais do xornalismo, que constituíu a súa primeira actividade profesional, María Xosé Porteiro foi dende hai cinco décadas pioneira do teatro, da música e do activismo cultural na cidade nosa. Formou parte do grupo Esperpento de Dorotea Bárcena e Xulio Lago, participou na organización das dúas primeiras edicións, (1972 e 1973) das Xornadas do Teatro Galego en Vigo, celebradas no inesquecible auditorio da Caja de Ahorros da rúa Rosalía de Castro. Promoveu con cantautor Suso Vaamonde a gravación de dous discos pioneiros de Contos galegos para nenos (1979 e 1980). Participou na fundación dos primeiros Premios da Crítica de Galicia (1978), iniciativa anterior á Autonomía, xestada no Círculo Ourensán vigués, na que continúa contaxiando o seu entusiasmo e criterio rigoroso, entre outros activismos pioneiros dos que conserva, como ela confesou, numerosas cicatrices na cabeza de tanto petar con teitos de cristal e muros de pedra.
Foi na súa actividade política, asumida dende o seu compromiso feminista, onde fixo algunhas destas marcas e abriu ao mesmo tempo máis espazos para a esperanza. Tenente de alcaldía do concello de Vigo de 1987 a 1991, creou a primeira concellaría da muller de Galicia, a primeira Casa de Acollida de mulleres maltratadas e o primeiro centro de información municipal para mulleres. Parlamentaria do PS de G-PSOE en dúas lexislaturas, deputada no Congreso (2004-2007), foi delegada da Xunta de Galicia na Arxentina e Uruguai (2007-2009), unha experiencia moi frutífera que lle permitiu coñecer de primeira man o mundo da emigración. Comprometida coas políticas de dereitos civís, cultura e igualdade, na última década, foi escollida como membro do Consello da Cultura Galega, onde coordinou o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, e en 2019 designada polo Parlamento de Galicia como adxunta á Valedora do Pobo.
Actividade pública incesante, que non lle impediu desenvolver unha obra literaria en lingua galega na que explorou os xéneros xornalísticos e o ensaio, e con singular acerto un interesante catálogo narrativo. Coautora dunha biografía de referencia de Celso Emilio Ferreiro (Akal 1982) e de numerosos ensaios arredor da comunicación, foi outra vez pioneira coa súa primeira novela, Covardes (Ir Indo 2001), un thriller considerado como o primeiro da chamada «novela negra viguesa», xénero que Porteiro, narradora experta, revisitou en Tabiba (Editorial Elvira 2023). Como particular interese literario ten a súa celebrada novela Sándalo (Galaxia 2019), na que aborda as relacións entre Galicia e Cuba por medio do relato protagonizado por unha familia que como a súa prendeu raíces en ambas dúas terras.
As miñas beizóns e admiración a María Xosé Porteiro pioneira de tanto para todas.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir