Onte 2079: Ana Pontón en conversa con María Reimóndez

Os libros de conversas políticas constitúen un xénero con apreciable lectorado dentro da edición galega. Títulos xa clásicos como o que os editores Francisco Pillado e Miguel Anxo Fernán Vello prepararon con Xosé Manuel Beiras, A nación incesante (cunha primeira edición en 1989 e unha segunda actualizada en 2000, as dúas publicadas por Sotelo Blanco), o do escritor Suso de Toro con Camilo Nogueira, CN e outras voces (Xerais, 1991) ou o do xornalista Xosé Manuel del Caño con Méndez Ferrín (Xerais 2005), acuñaron un modelo de libro de conversas moi achegado á memoria biográfica e xeralmente enfiado como argumento principal pola participación do protagonista na construción do pensamento galeguista no seu sentido máis amplo.

Xénero deste tipo de conversas que constituíu unha das etiquetas da colección Crónica de Xerais, se ben nas últimas entregas adoptou un afán de clara renovación, tanto no libros de conversas entre Martiño Noriega e o xornalista Daniel Salgado, A contradición permanente (Xerais 2017), como entre Ana Pontón e a a escritora e activista María Reimóndez, A semente, a árbore, a froita (Xerais 2020).  Dous libros que sinalan unha mudanza profunda tanto no formato deste xénero, na axenda política abordada, como na modulación das propias voces políticas da esquerda nacionalista, procedentes xa das xeracións dos CAF en diante. Ademais,  A semente, a árbore, a froita, o libro que recolle as conversas de Ana Pontón e María Reimóndez, é o primeiro deste tipo protagonizado por dúas mulleres, o que pon en evidencia o carácter patriarcal do nacionalismo galego como os criterios que adoptamos os editores en lingua galega cando publicamos esta clase de libros.

Unha cuestión á que se refiren as dúas interlocutoras cando valoran a mudanza que se está producindo no BNG a partir dunha perspectiva de xénero, tanto polo feito da consolidación do liderado na organización de Ana Pontón, pola incorporación sen volta do pensamento feminista ao ideario nacionalista, como polo que supón de empoderamento das mulleres na actividade política. Unha reflexión matizada devagariño por ambas as dúas, como coidado é o estilo do cento de páxinas, que conforma a cerna dun libro tematicamente transgresor e aberto, formalmente moi literario e politicamente útil para coñecer a figura da candidata do BNG á presidencia da Xunta e o alcance das mudanzas que a súa direccion está imprimindo ao proxecto nacionalista.

Á diferenza dos modelos de libros de conversas  haxiográficos e masculinos doutrora, a escritora María Reimóndez asume o reto de ofrecer un retrato humano e político de Pontón en primeira persoa, que ao fío dunha sororidade e empatía xeracional, compartida e cómplice, vai transformándose en voz colectiva, nun dos acertos máis rotundos do libro. Como particular interese ten na conversa –onde hai algún momento incómodo, cando as interlocutoras non coinciden total ou parcialmente nas análises– a segunda parte do libro cando se debullan os contidos da axenda política de Pontón, máis centrados na preocupación polas persoas, pola conquista dos dereitos (esa leira onde sachar, como defende Reimóndez) e polo sistema público de coidados,entre outros, ca por posicionarse en cada unha das interminables liortas da tradición doutrinal nacionalista, como acontecía decote noutros libros do xénero.

Nestas páxinas, que saben a pouco, Pontón amosa experiencia política abonda, determinación e afouteza para sinalar prioridades (mesmo xa ten moi claras as dez primeiras medidas da súa presidencia), así como bo coñecemento da realidade galega, manexa cifras económicas con rigor, amosa curiosidade pola creación cultural e non dubida en mollarse cando aposta por «unha sociedade con moitísimo dinamismo e moitísima capacidade de adaptación aos cambios». Unha confianza nas propias posibilidades do país e un compromiso coa esperanza que Pontón resume en «traballar para facer de Galiza un país mellor no que vivir», «un país desenvolvido, a pleno rendemento, un país con igualdade…, un país onde as persoas sexan felices e teñan motivos para sorrir».

A semente, a árbore, a froita é un libro de lectura agradable que me resultou valioso para cargar os depósitos de esperanza da Galicia alternativa, o que lle agradezo a Pontón e Reimóndez. Recoméndoo vivamente.

A foto das autoras é de Nós diario. Moitas grazas.

Onte 2078: «A tartaruga Amodovou» de Paula Carballeira e Ana Seixas

A tartaruga Amodovou (Oqueleo 2019), texto de Paula Carballeira e ilustracións de Ana Seixas, amosa que é posible ofrecer dende as coleccións de lecturas graduadas grandes títulos da categoría dos chamados «imprescindibles» para a formación lectora. Ese foi o vieiro principal que percorreu a LIX Galega dende hai tres décadas, mais que a actual idade de ouro do álbum ilustrado non debería minusvalorar de forma ningunha. Por ventura nos catálogos de Merlín e Sopa de Libros de Xerais, de Árbore de Galaxia ou do Barco de Vapor de SM atopamos varias ducias deses títulos de sempre, que non perderon interese. Semella que esa pretende ser tamén a estratexia pola que apostou Santillana coa creación do selo ou colección Oqueleo promovido por dúas das nosas grandes editoras, Ana Guerra e Irene Penas, no que xa atopamos títulos tan excelentes e recoñecidos como este de Carballeira e Seixas, Premio Gala do Libro galego 2020 ao mellor libro infantil, ou como O xeito das froitas de María Reimóndez, que esta semana recibiu o Premio Frei Martín Sarmiento ao mellor libro para 3º e 4º de Primaria.

Enguedelloume o texto de Paula Carballeira sobre esta tartaruga que vai devagariño, o que non lle impide ter a intención de percorrer o mundo enteiro para gardar a memoria das paisaxes, dos sons e das súas palabras. Un relato oral de animais, como a Carballeira e a DoCampo máis lles prestaba, concibido para ser contado no escenario e recreado de forma visual no formato libro. Velaí o papel das ilustracións de Ana Seixas concibidas coma se de iconas xeométricas de cor se tratasen, o que facilita e enriquece a lectura do que para que para algúns lectores pode ser un dos primeiros libros que conquisten de forma autónoma.

Amodovou, sempre devagariño, de moza escapará de paxaros tolos como pardais, pegas, merlos e bubelas, e cruzarase despois con moitos outros animais e algún ser humano, mais nunca perderá o seu propio ritmo, a súa forma de estar no mundo ao longo da súa vida longa. Un conto breve de toda unha vida, do nacemento á vellez desta tartaruga que viaxa por terra, mar e aire. Construído como unha fabula contemporánea, aborda o valor das cousas importantes: a amizade, a vontade de sermos e superarmos, mesmo cando temos que recuar un chisco para reemprender o camiño; o interese por acometer aprendizaxes novas e compartilas con outras persoas; o valor da solidariedade e da unión nos momentos decisivos para camiñar nun mundo sen espiñas e fronteiras.

Percibín n’ A tartaruga Amodovou o recendo dos contos clásicos para o primeiro lectorado autónomo, presente nalgúns dos primeiros títulos da colección Merlín de sete anos en diante, publicados hai case tres décadas, como Rata linda de Compostela (1994) de Bernardino Graña, Rimas con letra (1991) de Gloria Sánchez ou A cidade dos desexos (1989) de Agustín Fernández Paz, libros que tanto contrubuiron a refundar o conto literario galego para crianzas dende o piar da oralidade e do xogo rodariano. Paula Carballeira é unha mestra nesa angueira como demostra neste libro rotundo e fermoso que recomendo con entusiasmo (tamén ao lectorado das persoas maiores, como metáfora de vida longa e plenamente vivida).

Onte 2077: Árbores caídas

Na Ronda perdéronse onte para sempre dous cedros de máis de cincuenta anos que abrigaron coa súa sombra a alamediña da estatua de San Xoán Bosco do escultor Camilo Nogueira. Un espazo, que frecuentamos dende o día da súa inaguración en 1966, transformado pola mudanza da pel da cidade nunha pequena e xeitosa illa de terra chamada a desaparecer. Lemos que segundo fontes municipais o «desplome foi accidental, provocado ao partirse unha árbore sobre outra». Onte quedamos parvos coa oportunísima foto do xornalista Teo Andrés, un chío que prendeu decontado a nosa indignación, máis aínda cando no proxecto anunciado de «humanización» da Ronda aparecía que se conservarían as árbores, catalogadas polo seu porte e idade. Semella que tanto ten que figurase ou non figurase a súa preservación, o feito é que as árbores caídas e tronzadas pola motoserra volveron ser onte as protagonistas dun novo arboricidio que a cidadanía avergonza. Sucedeu co arboricidio do pasado ano na Gran Vía das tileiras de setenta anos xustificado pola mala saúde e o perigo que ocasionaban aos peóns, o que as fotos demostraron falso na maior parte dos casos. Volveu suceder hai un par de meses no Castro nas inmediacións da Muralla, xustificado pola preservación e iluminación do baluarte, o que non parece incompatible con arrasar con carballos de cincuenta anos. Sucedeu no paseo de Coia, xustificado polas obras do carril bici… No monocromo Vigo actual sempre existen razóns de estado para perder árbores chantadas con raíces no tempo e na memoria para substituílas por arbustiños en maceteiros ornamentais. A estratexia da dinosebe. Cadora, sendo unha miga sensatos e desapaixonados, a das árbores caídas non parece ser a mellor estratexia para iniciar a revolución verde que precisamos para saír da pandemia. Non ao arboricidio!

Covid 19 e acción ambiental

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración do día mundial do medio ambiente no contexto da pandemia pola Covid 19:

Coa esperanza de estar saíndo da situación máis severa de confinamento, celebramos este 5 de xuño o día mundial do medio ambiente arredor do tema da biodiversidade, a data anual máis importante das Nacións Unidas para fomentar a acción ambiental. Biodiversidade que abrangue as oito millóns de especies do planeta, os ecosistemas que as albergan e a diversidade xenética entre elas. Biodiversidade concibida como piar que sostén toda a vida na terra e debaixo da auga, tecendo unha complexa rede que afecta a todo o sistema de vida, con especial incidencia sobre os aspectos da saúde humana. A deforestación, a invasión de hábitats de vida silvestre, a agricultura intensiva e a aceleración do cambio climático alteraron nos últimos anos o fráxil equilibrio da natureza. Ao ritmo do consumo actual de recursos naturais as Nacións Unidas estiman que se precisarían cada ano dos 1,6 planetas. Catástrofes recentes como os incendios forestais no Brasil, California e Australia, a invasión de lagostas no Corno de África e sobre todo a pandemia da Covid 19, cuxa orixe é moi probablemente zoonótica (transmitida de animais a persoas), testemuñan a estreita relación entre os seres humanos e as redes de vida nas que vivimos.

A aparición da Covid 19 demostra que cando destruímos a biodiversidade destruímos tamén o sistema que sostén a vida humana. Os responsables da OMS insisten en que a menor biodiversidade corresponde maior capacidade de propagación de patóxenos (virus e bacterias). Outros científicos estiman que mil millóns de persoas son contaxiadas cada ano por doenzas relacionadas con algúns dos tipos de coronavirus e que arredor do 75 % de todas esas novas doenzas infecciosas transmítense de animais a persoas; razón pola que manter intactas a natureza e a diversidade de especies é unha forma moi eficaz de protexernos das pandemias. Como tamén existen evidencias para investigadores da Universidade de Harvard da existencia dunha asociación de maior mortalidade por coronavirus e niveis máis elevados de contaminación ambiental por concentración de partículas, feito que outros cuestionan, mais recoñecendo en todo caso que a longo prazo a contaminación contribuiría a debilitar o sistema respiratorio. A natureza está enviándonos unha mensaxe clara: protexer a saúde do planeta e preservar a súa biodiversidade é a vacina máis eficaz para evitar o colapso alimentario nalgunhas zonas do planeta e para protexer a toda a poboación mundial de futuras pandemias.

Por outra banda, é un feito coñecido que o confinamento e a paralización da actividade nalgúns sectores, medidas adoptadas nos dous últimos meses polos diversos gobernos para frear a pandemia do Covid 19, diminuíron de forma significativa as emisións de gases de efecto invernadoiro ao tempo que melloraron a calidade do aire nas cidades. Un estudo da consellaría de Medio Ambiente observou en Vigo unha redución de até o 76 % dos niveis das emisións de dióxido de nitróxeno, cuxos niveis elevados están asociados ao agravamento de doenzas respiratorias e cardiovasculares. E o que aínda é moito máis esperanzador, fomos moitos os vigueses asombrados polo acontecemento inédito de poder escoitar o canto dos paxariños que nestes días de reclusión volveron pousar no alfeizar das ventás das nosas casas.

En cidades como a nosa, a saída da pandemia, a «nova normalidade», é unha oportunidade para deixar de facer as cousas como sempre se fixeron e darlle unha profunda virada á acción ambiental. E iso tanto polos compromisos asumidos na axenda 2030 de desenvolvemento sostible como pola necesidade de preservar a propia biodiversidade na contorna urbana. Materia na que en Vigo hai moito aínda por mudar, dende a redución das emisións, para o que imprescindible diminuír de forma drástica o tráfico de vehículos privados que utilizan combustibles fósiles, como se fixo con éxito rotundo pechando durante os meses de confinamento algunhas arterias (como a que atravesa a Porta do Sol), pasando polo reordenamento do sistema de mobilidade interna no Vigo central, no periurbano como nos concellos da área metropolitana, en base a creación de rotas de camiñantes e ciclistas, coches híbridos e eléctricos compartidos e a un novo transporte urbano eléctrico, o que diminuiría a polución e a contaminación acústica. Sen esquecer que nesta mudanza en clave verde é imprescindible en Vigo a redución da contaminación luminosa, procurando ceos nocturnos tan limpos como os de Cíes, e un plan de reforestación con milleiros de árbores urbanas, abandonando a política ornamental de maceteiros e dinosebes das dúas últimas décadas. Se de verdade queremos apostar polo obxectivo dunha cidade sostible e inclusiva é obrigado saír desta pandemia acometendo as mudanzas verdes que Vigo precisa.

Onte 2076: «Oliver Button é unha nena» e a recuperacion doutros álbums clásicos

Gustoume que Kalandraka recuperase para o seu catálogo Oliver Button é unha nena, un álbum pioneiro de carácter autobiográfico do ilustrador estadounidense Tomie de Paola arredor da igualdade. Publicado orixinalmente como Oliver Button Is a Dissy, editado en castelán primeiro por Miñón e despois por Everest, durante moito tempo foi practicamente o único libro dirixido a público infantil que abordaba unha historia de sexismo, discriminación e intolerancia con respecto ao feito de ser diferente. Oliver é un neno sensible, ao que lle gusta pasear, ler, pintar, xogar con bonecas, difrazarse e sobre todo bailar, actividades que non se asocian co modelo masculino, o que lle ocasiona as burlas e intimidacións e moitos outros problemas cos seus colegas que terá que superar. Un álbum que transcorridas catro décadas da súa aparición aguanta ben o paso do tempo pois a sua intencionalidade de loita contra o acoso de quen actúa a marxe das convencións sexistas continúa sendo actual, mesmo a pesar das conquistas de dereitos das dúas últimas décadas.

Kalandraka apúntase outro tanto recuperando este clásico da mediación lectora da década de 1980, como fixera xa con outros dos nosos preferidos daquel tempo, utilizado nas aulas e nos primeiros obradoiros de educación para a paz e para a igualdade, como os titulos a serie «A favor de las niñas» de Adela Turin, algúns dos de Maurice Sendak ou aqueles míticos Os tres bandidos de Tomi Ungerer. Con todo, hai aínda querda algún álbum que espera o rescate como ¿De quien es este rabo? (Miñón, 1985) de Barberis, un libro xogo que lembro tiña un éxito tremendo entre os picariños daquela.