Máis música galega

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reclamar máis música galega na programación das festas de Vigo:

Nunha cidade instalada no permanente ditirambo estamos afeitos a escoitar que vivimos «na cidade máis fermosa do mundo» ou que «as nosas festas son as mellores de España e de Galicia». Sen embargo, ben sabemos que a realidade é moi teimuda e a pesar dos que así se expresan, se comparamos de forma obxectiva a programación das festas viguesas coas das cidades da nosa contorna ou da fachada atlántica axiña caemos da burra e ben escasas son as actividades das que podemos fachendear. E isto constitúe unha mágoa.

E cómpre recoñecer que sendo líderes en actividade industrial e dinamismo exportador, que contando co imán turístico que durante o verán supón a visita ás illas Cíes e ao resto das nosas praias e co engado do saboroso da nosa gastronomía, Vigo debería ofrecer unha  programación musical, tanto pública como privada, máis atractiva ca actual. Mais aínda cando conta co Auditorio de Castrelos, un espazo marabilloso para as actividades culturais ao aire libre. Porén, se non nos deixamos cegar polo salitre da ría, en Vigo carecemos dun programa de festas de verán que non singularice á altura dunha cidade da nosa proxección.

Abonda ler o programa de concertos de Castrelos deste verán, o prato forte das festas, para detectar esta carencia endémica, tanto pola ausencia de orixinalidade e singularidade como da escasa actualidade dos participantes no cartel, onde (por certo) apenas participarán tres mulleres, na noite de Operación Triunfo. E ben sei que os concertos programados contarán co entusiasmo do público vigués que vibrará coa «gran noche» de Raphael, que os seus setenta e cinco anos regresa a un dos seus escenarios preferidos, ou cantará con Juanes a súa «camisa negra». A afluencia e a xenerosidade do público de Castrelos nunca foi o problema. Nin tampouco a escaseza de recursos municipais, se nos atemos aos 478.000 euros que cobraron de caché os mexicanos de Maná, unha cifra coa xa se pode pensar en contratar a primeiras figuras. Nin sequera o problema reside na ausencia dunha tradición musical nunha cidade na que tocaron Milladoiro, Siniestro Total, Carlos Núñez, The Chieftains, Madonna, Oasis, Los Ramones, Dire Straits, Rolling Stones (en Balaídos hai vinte anos), Van Morrison, Deep Purple, Bod Dylan, Leonard Cohen ou The Artick Monkeys, entre outros moitos artistas internacionais.

No entanto, o que máis lamento do cartel deste 2018 é a ausencia no palco de Castrelos de calquera expresión de música galega e de música en galego, en calquera que fosen as súas diversas expresións: clásica, folk, pop, indie ou rock. Os músicos galegos non pisarán Castrelos, quedando reducida a súa presenza á actuación de Cómplices e Wöyza, nese estraño festival folclórico bautizado como «Festa da Cultura», celebrado na Porta do Sol. Unha discriminación coa música galega que obriga aos nosos músicos se queren tocar en Vigo a facelo en pequenos locais privados e a competir en inferioridade de condicións con artistas globais aos que aquí se lles cede o espazo público de Castrelos e se lles pagan excelentes cachés. Como se obriga aos seareiros vigueses das nosas músicas para escoitalas a viaxar aos concellos metropolitanos do Val Miñor, do Morrazo, da Louriña ou do Baixo Miño e participar en concertos e festivais de música galega, que adoitan contar con moito público e onde por ventura son sempre recibidos cos brazos abertos.

Como lamentable é que dentro da programación infantil dos seráns de Castrelos non se inclúa nesta edición concerto ningún de música galega, cando esta expresión é un referente pioneiro de calidade e creatividade en España. Mentres o concello de Vigo contrata a «Cantajuegos» e «Los Mundos de Peppa Pig», centos de familias viguesas acudirían sen dúbida tamén aos concertos nos que participasen Mamá Cabra, María Fumaça, Magín Blanco, Paco Nogueiras, por poñer apenas uns nomes da ampla oferta musical infantil galega que poderían tocar nas festas viguesas con éxito asegurado.

Non lle falta razón ao gaiteiro Carlos Núñez, o embaixador vigués nos escenarios do mundo cando a este teor se pregunta «se é posible imaxinar que o concello repartise “burguers” fronte a un local vigués que vende produtos frescos galegos». Ou noutras palabras en Vigo «o “mainstream” é pagado con cartos públicos mentres que a música tradicional galega debe vivir da billeteira». Esta é a dolorosa doenza que están sufrindo as músicas galegas nas festas de Vigo. Esta é outra manifestación da aposta dos responsables do concello polas tendencias dominantes do mercado da cultura e do espectáculo, nos museos e nas festas, o que agoira a medio prazo un devalo inevitable para a diversidade e orixinalidade das manifestacións da cultura viguesa, o que constituiría unha perda irreversible. Máis música galega nas nosas festas, por favor.

O «sentidiño» de Albor

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo o que entendo foi o legado político de Xerardo Fernández Albor:

Tras o pasamento de don Xerardo Fernández Albor, o primeiro presidente da Xunta de Galicia elixido tras a aprobación do Estatuto de Galicia (1981), a maioría das necrolóxicas salientan a bondade, a afabilidade, a empatía e o carácter apolítico do centenario cirurxián compostelán. E non lles faltan razóns aos que así retratan a quen entrou en política profesional «case sen querelo» da man de Manuel Fraga, o fundador de Alianza Popular, mais tamén, non o esquezamos, formando parte da estratexia da Realidade Galega dirixida por Ramón Piñeiro. Nacida en 1980 baixo afinidades persoais e coa intención de orientar a Autonomía cos valores galeguistas, este grupo de opinión non partidista colocou a algúns dos seus membros como independentes nas listas electorais de Alianza Popular (Albor), de UCD (Marino Dónega) e do PSdeG-PSOE (Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Alfredo Conde e Benxamín Casal), sendo así deputados na primeira lexislatura do Parlamento de Galicia. Un exitoso exercicio de transversalismo co que Piñeiro afastaba ao galeguismo conservador do emerxente nacionalismo de esquerda, organizado arredor da UPG e do PSG-EG, unha esgazadura galeguista dende entón nunca recomposta.

Xaora, os apenas cinco anos dos gobernos de Fernández Albor (1982-1987) foron decisivos para pór en marcha o primeiro autogoberno de noso e acuñar as que hoxe son algunhas das iconas da Autonomía. Albor inaugurou en 1984, tras un duro litixio sobre a capitalidade con Francisco Vázquez, as instalacións administrativas da Xunta de Galicia de San Caetano, sede das diversas consellarías, izando alí a bandeira azul e branca, como emblema do goberno galego. Foi, tamén, durante o goberno Albor cando o 28 de xuño de 1984 regresaron (no entorno dunha triste polémica) os restos de Castelao, depositados dende entón no Panteón de Galegos Ilustres. Tamén na primeira lexislatura autonómica foi aprobada por unanimidade a Lei 3/1983 de Normalización Lingüística, garante dos dereitos lingüísticos da cidadanía galega e do recoñecemento do uso da lingua galega na toponimia e nos diversos ámbitos das administracións, da educación e dos medios de comunicación públicos. Sen esquecer que foi con Albor cando se puxo en marcha a Corporación Radio e Televisión de Galicia, creada pola Lei 9/1984 de 11 xullo, que permitiu o comezo das emisións monolingües da Radio Galega o 24 de febreiro de 1985 e da Televisión de Galicia o 24 de xullo de 1985.

Fitos todos de grande transcendencia política dos gobernos de Albor, que xa pasaron a formar parte da historia de Galicia, ao que tampouco foron alleos a determinación de Xosé Luís Barreiro Rivas, o seu vicepresidente e principal colaborador, tamén o promotor da moción de censura que permitiría que o socialista Fernando González Laxe o relevase en setembro de 1987. Como foi politicamente relevante o proceso de transferencias que no seu período se negociaron de forma paciente co goberno de Felipe González, un político sempre moi pouco empático e escasamente xeneroso con Galicia, en eidos como a Educación, Cultura, Sanidade ou cando se fixeron as primeiras reclamacións de infraestruturas de comunicación de Galicia coa Meseta. Sabemos que ao  «apolítico Albor» non lle sobran zonas de sombra, como a súa tolerancia cos contrabandistas galegos fuxidos da xustiza en Portugal cos que chegou a entrevistarse alí en 1984, como pon de manifesto o xornalista Nacho Carretero no libro «Fariña». Como coñecemos o seu folclorismo naíf do que facía gala en todo tipo de festas gastronómicas e encontros con maiores, polo que foi alcuñado con agarimo polos humoristas como «Merendiñas».

Albor legou á Autonomía institucións e acordos, forxados coa dura e diversa oposición daquel tempo, que tres décadas despois resultan díficiles de asumir para os actuais membros do Partido Popular de Galicia. Moveuno a súa convicción confesada de que «somos galegos por nación, españois por historia e europeos por cultura», frase cuxa autoría se lle atribúe a Piñeiro, expresión do seu carácter de liberal e galeguista. Unha actuación política guiada pola prudencia que el presentou como «sentidiño». Unha actitude, de aparencia apolítica, que permitiu que os seus conselleiros se ocupasen con ampla marxe de iniciativa en crear a arquitectura das primeiras institucións autonómicas. Sentidiño que non faltou na creación dunha Televisión de Galicia monolingüe concibida como ferramenta principal para a consolidación do uso da lingua galega. Como acredito que esa actitude política de escoita activa facilitou forxar o consenso arredor  dunha Lei de Normalización da Lingua Galega cuxa primeira proposta fixera o deputado Camilo Nogueira do PSG-EG. Eis nese sentidiño e apertura reside o mellor legado para o futuro de Albor.

Os monos de Laxeiro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a exposición sobre a obra de humorismo gráfico do pintor Laxeiro:

Dentro do cativo panorama expositivo vigués actual chamou a miña atención a apertura na Casa das Artes da mostra «Os monos de Laxeiro. Obra humorística na prensa», onde até o 21 de setembro se expoñen os 49 deseños, entre viñetas e debuxos, publicados por Laxeiro, entre o 13 de setembro de 1928 e o 24 e xaneiro de 1930, nos xornais «Faro de Vigo» e «El Pueblo Gallego». Unha mostra realizada a partir de imaxes fotográficas tomadas das coleccións impresas dos xornais, que rescata a totalidade dunha obra esquecida, que se estende coa publicación dun libro homónimo (Laiovento 2018), no que se reproducen todas as imaxes do que foi o primeiro traballo profesional no eido artístico do xenio de Botos, acompañadas de tres textos críticos magníficos: «Cando Laxeiro tiña vinte anos» de Javier Pérez Buján, director artístico da Fundación Laxeiro, promotora da exposición; «Os monos de Laxeiro» de Manuel Igrexas, comisario da exposición; e «Laxeiro e a idade de ouro do humor gráfico galego» de Félix Caballero, investigador de referencia no eido do humorismo gráfico en Galicia.

Unha exposición sorprendente que axuda a entender mellor aquel primeiro Laxeiro que cando tiña vinte anos, apenas regresado de Cuba, aproveitou o seu oficio de barbeiro de feira para tomar apuntes dos seus clientes e paisanos. Un período de decisivo de aprendizaxe para quen entón era un debuxante compulsivo e extraordinario retratista de simplicidade clásica, como demostra no seu «Retrato da miña avoa» (1930), co que comeza a súa particular reinvención do mundo, do ser humano e da propia vida. Un período formativo no que consolidou o seu nome artístico, co que asina todas estas viñetas e que tamén utilizou no seu primeiro autorretrato a acuarela (1930), roubándollo a súa avoa, a Laxeira, natural da Laxe, unha aldeíña de Lalín. Uns anos decisivos nos que coñeceu a Manuel Colmeiro, o pintor de Silleda, quen, segundo Manuel Igrexas, é posible o animase a presentar o seu traballo a «Faro de Vigo», xornal onde dende 1923 e con periodicidade case diaria publicaba o melloriño do humorismo gráfico galego, dende os inesquecibles Federico Ribas e o Castelao de «Cousas da vida», pasando por Álvaro Cebreiro, Ignacio Senra, até o ponteareán Vidales Tomé, o marinense Manuel Torres ou o propio Colmeiro, entre outros.

Como tamén foi daquela cando Laxeiro coñeceu da man do seu amigo de Silleda ao pintor arxentino Enrique Larrañaga, que tiña un estudio na viguesa rúa de Policarpo Sanz, que lle aconsellou se puxera a pintar ao óleo e lle deu as primeiras leccións desta técnica. Unha guía que Laxeiro entendeu como unha lección de liberdade, concretada axiña en pezas como «Desnudo» (1930), da súa muller, Luísa, embarazada, onde para o crítico Antón Castro se define a súa «querenza polo cromatismo terroso, ocre e negro e a súa escolla pola rugosidade escultórica, preludio do que sería a súa característica estética do granito». Xaora, foi probablemente o seu amigo, o xornalista Xesús Froiz, correspondente de «Faro de Vigo» en Lalín, quen intermediou co xornal para a publicación dos dez primeiros «monos», como eran coñecidos entón estes debuxos humorísticos, nos que Laxeiro se achegaba a vida da aldea cun tipo de humor choqueiro e nos que case sempre aparecía un diálogo como desenlace da situación: «No día da festa», «O viño novo», «A volta da feira»… Temática popular que Laxeiro continuou nas súas 39 colaboracións en «El Pueblo Gallego», mais que vai ampliando a outros temas de actualidade, en pezas como «A Asueroterapia» ou mesmo de política internacional, como «Con cal dos dous?».

Un traballo de humorismo gráfico moi depurado onde Laxeiro utiliza de xeito exclusivo o galego, tanto no título das pezas como na lingua empregada polos personaxes. Como tamén destaca a súa fasquía gráfica, onde se identifican tres estilos, dende as primeiras pezas sen fondos nin sombreados, como «Vergoña» ou «Curiosidades», a outras, as máis, nas que imitando a técnica do gravado e sen abandonar a liña sinuosa e sintética inicial engade un fondo raiado, utilizado para contextualizar a escena. Como hai unhas terceiras, pezas como «Pra diante» e «Inda veremos», as máis innovadoras, onde o trazo achégase a unha estética expresionista e de avangarda, case cubista, que lembra a Grosz ou a traballos futuros de Luís Seoane. Monos que Laxeiro, a pesar da notoriedade gañada, interrompeu en 1930 para concentrarse na súa obra pictórica na que imaxinou historias e mitos que conforman todas as patrias posibles. Case medio cento de «monos» onde Laxeiro se anticipou a ilustrar o mundo da cultura agraria tradicional, hoxe xa desaparecida.

A Casa das Artes ofrece unha exposición valiosa que pon en valor unha das facetas menos coñecidas dun dos grandes da plástica galega de todos os tempos.

Onte 1984: «O exército de fume» de Manuel Gago, presentación en Compostela

Presentación memorable a de onte en Cronopios na que estreamos en Compostela O exército de fume, a segunda novela de Manuel Gago. As intervencións da libreira Mercedes Corbillón, do historiador Lourenzo Fernández Prieto e do autor, precederon a unha emocionantísima e inesquecible sesión de contos de guerra e resistencia de Soledad Felloza, Celso Fernández Sanmartín e María da Pontragha.

Foi a de onte, tamén unha oportunidade para expresar a nosa gratitude e recoñecemento a Manuel Gago, un autor co que me sinto identificado no seu proxecto de refundación da novela histórica e de ampliación dos límites dos públicos para a narrativa galega. Desque en 2013 publicou Vento e chuvia. Mitoloxía da vella Gallaecia, un libro de narración, dificilmente clasificable, compartimos con Gago a experimentación de formatos de edición estendida e de formas diversas de comunicar co público lector. Cada novo título publicado con Manolo Gago é unha oportunidade para o editor de aprendizaxe e reflexión. Cada nova entrega é un reto para ampliar os públicos utilizando os recursos dunha ficción histórica de longo alento, alicerzada sobre unha documentación rigorosa, tecida sobre tramas trepidantes e textualidade engaiolante. Tanto na súa estrea na colección Narrativa, O anxo negro, como nesta segunda entrega, O exército de fume, Gago ofrece unha ficción orientada a recuperación dunha identidade galega esquecida ou agochada, nun concienciudo labor de construción de memoria. Un proxecto no que está moi comprometido como un dos nosos mellores divulgadores históricos e culturais, que emprega diversos soportes e formatos para o seu labor.

Se n’O anxo negro abordaba o expolio do noso patrimonio e o heroísmo dun grupo de humildes para recuperalo, n’ O exército de fume fusiona na primavera de 1942 dous fitos históricos: a presenza dos submarinos alemáns na costa e portos das cidades galegas e as actuacións dos membros da guerilla antifascista na provincia da Coruña. A partir de feitos transformados en lenda, Gago constrúe unha ficción sorprendente utilizando os ingredientes xustos de intriga, aventura,  amor, política e historia. Sería absurdo entrar a valorar escenas e acontecementos, algúns extraordinarios, narrados con fidelidade a unha documentación moi coidada, nin tampouco explicar as claves da presenza nazi en Galicia. Xaora, é moi difícil resistirse a non expresar admiración polo tratamento que a novela achega das persoas fuxidas no monte, homes e mulleres, ou de personaxes históricos como Urbano Lugrís, o pintor das grandes máns, que coma ningún outro pintou as mariñas do exilio interior.

Onte 1983: Conversa con Ledicia Costa sobre as súas mulleres revolucionarias

Resultou excelente a conversa que na Feira do Libro de Vigo mantiveron onte o editor Fran Alonso e a escritora  Ledicia Costas sobre as mulleres revolucionarias na obra da escritora viguesa. Tres cuartos de hora de amena reflexión literaria, onde non faltaron as anécdotas e o humor, sobre as protagonistas da literatura de Costas, mulleres revolucionarias, rebeldes, empoderadas; unha conversa na que se percorreu toda a obra literaria, xa unha ducia de títulos, dunha autora que en apenas seis anos se convertiu nun referente da literatura galega do noso tempo.

Comezou Fran Alonso preguntando a Ledicia se fora ela tamén unha nena rabuda coma o son as súas personaxes, ao que Costas respondeu confesando que fora unha nena sensible, tímida, «aprendín a ser rabuda lendo, fun unha nena moi lectora, aprendín a comprender o mundo a través dos libros». De aí a conversa pasou a falar do personaxe de Esmeraldina, personaxe que a autora considera «unha nena rabuda por excelencia, está indignada por estar morta, por ser unha fantasma». Costas lembrou que aos cinco anos visitaba o cemiterio da man do seu avó. «Alí lin nomes extraordinarios como Casimiro Blanco Blanco. Quizais por iso foime tan sinxelo construír o personaxe de Escarlatina. A rabudez e o tema macabro non foron cuestión alleas na miña infancia». «Como tampouco o foi o interese pola cociña, a pesar de que cociño fatal, a min gústame probar. Teño unha relación estreita coa cociña porque miña nai é unha gran cociñeira e miña irmán unha gran reposteira».

«Incluín a cociña en Escarlatina comprobando como as mulleres sempre estivemos relegadas na alta cociña, a pesar de ser as que se ocupan da cociña e dos coidados na familia. Observei que cando se puxeron de moda os programas de cociña na televisión todos os chefs eran homes. Ás mulleres prohibíaselle o acceso a esa posición de poder. “Diso nada”, pensei. Nos meus libros son as mulleres as que cociña e as que saben facelo. Os meus libros son unha homenaxe ás nais e as avoas que nos alegran o estómago e sobre todo, o corazón». Ledicia contou como nos centros escolares se foi formando unha auténtica comunidade gastronómica a partir das receitas de Escarlatina: «Nun IES fun recibida por catro mesas cheas de larpeiradas a partir de receitas dos libros. Pretendía que eu fose o xurado dun concurso que organizarara e probase cada un dos dos 356 petiscos. Quererían matarme ou acabar comigo?»

«Esta é outra das experiencias extraordinarias que teño vivido nos meus encontros co lectorado nos centros escolares, centos e centos que teño visitados nestes últimos cursos. Sei que algunhas receitas son difíciles, trátase de cociña francesa, moi elaborada e complexa, pero así todo aí están os pratos, riquisimos. Estas experiencias nos centros son inesquecibles para min. É fantástico cando a literatura dá un chouto e chega a outras partes». «Como tamén o está sendo a utilización do humor macabro para abordar o tema da morte. Sempre me considerei unha persoa seria, xaora síntome moi cómoda escribindo con humor». «Desa pulsión humorística naceu o personaxe de Lady Horreur, esa araña macabra que é tamén a voz da conciencia de Escarlatina, capaz de dicirlle as cousas claras, de cuestionala e motivala. Sempre crin que tiña que ser unha araña con acento francés. Gústame ese personaxe».

Fran Alonso levou a conversa despois ás mulleres planta que protagonizan Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta. «Sempre quixen contar cunha obra que tivese un peso vexetal específico. De aí naceu a idea de crear unha estirpe de mulleres con corpo humano e alma de planta. Ben é certo que todos os personaxes históricos son homes, Jules Verne e Antonio Sanjurjo Badia, e son as mulleres plata as que introducen o elemento fantástico. Esta novela deume pé a homenaxear ao Vigo de finais do XIX, o que coñeceu Jules Verne cando desembarcou no peirao da Laxe. Un Vigo que daquela estaba en movemento, en expansión. O proceso de documentación foi moi amable, cheguei a ter saudades daquel Vigo que non cocñecín. A axuda dos membros do Instituto de Estudios Vigueses facilitoume moito o traballo. Esta foi a miña homenaxe a miña cidade, síntome unha viguesa orgullosa». A conversa deu un chouto no tempo e xirou arredor de Un animal chamado néboa, un libro de relatos publicado na colección de Narrativa,onde a ficción se constrúe a partir de diferentes acontecementos sucedidos durante o conflito bélico da Segunda Guerra Mundial.

Ledicia Costas lembrou o personaxe de Catarina Salicheva, «unha nena de doce anos que morreu xunto a toda a súa familia durante o cerco de Stalingrado, a temperaturas de 30 graos baixo cero». «É estarrecedor o diario de Catarina, un diario de apenas un día, unha testemuña de como van morrendo, unha a unha todas as persoas da súa familia. Catarina Salicheva é filla da dor e da fame. O seu diario merece ser lembrado, como o de Ana Frank». «No libro tamén se recupera a historia das mulleres prostituídas, recluídas nos campos de concentración Ravensbruck e Mathausen, sobre as que hai apenas documentación. Outro episodio da hsitoria das mulleres que permanece case oculto». A conversa seguiu sobre a creación do personaxe da señorita Bubble e a estética steampunk, presente tamén en Jules Verne e as mulleres planta e no libro máis recente, As peripecias de Extravaganzza Pérez, estética baseada na revolución industrial e na época vitoriana, onde se fai un alegato a prol do valor da ciencia e da tecnoloxía.

Avanzou a conversa falando do personaxe de Extravaganza; «un personaxe raro, ligado á defensa da ecoloxía, «Extravaganzza é unha nena que naceu cunha descapacidade moi grave, ten que superar obstáculos, razón pola que lle dei unha extracapacidade, a de comunicarse cos animais de forma silenciosa, non verbal», «foi este un libro no que pretendín unha defensa férrea a ecoloxía». Xa no remate da conversa, Fran Alonso preguntou a Ledicia Costas sobre os personaxes de Isla, protagonista d’ O corazón de Xúpiter, e Nube de Recinto gris, novela que a autora considerou unha das súas obras máis complexas, na que pretendeu abordar a aceptación da diversidade. Rematou a conversa, lembrando o editor que Reina fora o primeiro personaxe da autora, a xitana d ‘ Unha estrela no vento, e que ägata o será da próxima, A balada dos unicornios, premio Lazarillo de literatura xuvenil 2017, que Xerais publicará no vindeiro mes de setembro. Tras a conversa comezou unha animada sesión de asinaturas.

Onte 1982: Presentación de «Fóra do normal» de María Reimóndez na Feira do Libro de Vigo

Excelente foi a presentación do serán de onte na Feira do Libro de Vigo de Fóra do normal, a novela de María Reimóndez gañadora da primeira edición do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. Eric Dopazo e Fran Alonso acompañaron á autora diante de medio cento de persoas que participaron activamente na sesión.

Comezou Fran Alonso lembrando o pasamento de Xabier P. DoCampo, membro do xurado que outorgou o premio a Fóra do normal, ao que cualificou como unha das maiores figuras da literatura galega do noso tempo. A seguir encadrou a novela como «outra obra que continúa o compromiso de Reimóndez coa literatura para construír o mundo, para intervir nel, literatura que quere facer da diferencia normalidade, porque a diferencia é o que caracteriza o mundo». «Do que fala Fóra do normal é da capacidade que temos para recoñecer a diferencia, a nosa propia identidade. Un libro,sobre a identidade transxénero, que pon o valor sobre a anomalía desa diferencia. Ilustrado por Antonio Seijas nos interiores e na cuberta, as súas imaxes que remiten a superheroes e superheroínas, como a propia autora, constitúen o pano de fondo dunha novela que conta a vida de André, un mozo transexual, que vive a súa identidade como un feito problemático, tanto socialmente, sexa no ámbito escolar, no insttuto de Teis, como na súa propia familia, sobre todo pola difícil relación co seu pai».

Continuou o director de Xerais falando dos personaxes. Comezou polo de Mucha das Antas, «que lembra moito a outro personaxe de María, a Gaia de En vías de extinción, un personaxe o desta rapaza que chega de Ribadeo que reivindica toda esa forza e todo ese valor da cultura rural, da terra e do sabor de quen sabe está apoiado por unha cultura ancestral, con orgullo e fachenda. Mucha ten unha personalidade arrolladadora, moi marcada, o que levará a que André se sinta nalgún momento intimidado. El está afeito a vivir co acoso, razón pola que ese encontro con Mucha o vive con certa controversia persoal». Seguiu Fran sinalando que «ao longo da novela vaise conformando unha patrulla trans formada por outros dous personaxes: Xela e Martín. Xela é a rapaza guai, a rapaza popular, a que ten éxito. Martín ten certo perfil de acosador pero tamén de vítima dunha carencia afectiva dentro da súa familia. Catro personaxes que están fóra do normal, que non encaixan no ambito que os rodea, por ser distintos. Mais ao mesmo tempo son personaxes, sobre todo o de André, que manteñen un paralelismo cos superheroes e superheroínas do cómic que pululan polo libro, eses personaxes chegados a través da banda deseñada e a televisión que supoñen un referente para eles. Un referente que os reforza xa que son persoas irredentas, que se acaban rebelando contra as convencións sociais. Os personaxes do cómic axúdanos a comprender o espazo no que habitan, a aceptar a súa forma de ser, de pensar e de relacionarse cos demais e, polo tanto, a superarse».

Salientou Alonso «a evolución psicolóxica de todos os personaxes está moi ben acompasada cos acontecementos narrados, o que require por parte da autora unha gran sensibilidade para poñerse na pel dos demais, de asumir a forma de ver o mundo e sentir a outras persoas. María Reimóndez intenta ofrecer un mundo biodiverso. É unha autora que concibe a literatura como unha ferramenta de transformación social. Os seus libros están concibidos para facernos reflexionar, para obrigarnos a pensar, para provocar o debate social e persoal dende a intervención literaria. A literatura como intervención, pero tamén como pracer». Rematou Fran Alonso salientando que «o libro está escrito, como todos os libros de María, dende a esperanza, que é o motor que move o mundo, que fai que as persoas diversas poidan ter un lugar neste mundo».

Continuou a presentación cunha conversa entre Eric Dopazo e autora, no que participou tamén o público, e na que se foron lendo anacos da novela. Dopazo comezou a súa intervención sinalando que «este libro non é só para persoas diversas, é tamen para persoas canónicas ás que convida a reflexionar sobre a súa propia diversidade». Despois de conversar arredor do papel dos superheroes como fío condutor da novela, Dopazo e Reimóndez o fixeron sobre a abordaxe da diversidade en Fóra do normal. Para a autora «a diversidade é fundamental na novela non só referida ao corpo, hai tamén outras diversidades, como a da lingua, dende o punto de vista dialectal; como tamen se propón unha reflexión sobre a linguaxe sexista dende o punto de vista do xénero e das identidades».

Falaron despois dos corpos, das concepcións que temos dos corpos, das identidades e de todas interseccións existentes entre elas. María Reimóndez confesou que «todos os libros, polo menos os meus, están escritos dende a realidade. Nesta novela traballei con personaxes e persoas que coñezo, con referentes próximos, o que é importante para todo o que escribimos. O personaxe de Mucha está construído con moitas das rapazas coas que convivín en Vilalba, rapazas do rural que tampouco encaixan, sendo vistas como brutas ou persoas pouco intelixentes, de forma despectiva, un estereotipo que sempre moito me irritou».

Seguiu Reimóndez sinalando que «o libro parte da realidade e da súa diversidade. Son consciente de que existe unha fenda entre a literatura e o que vivimos, a realidade é sempre mais diversa ca literatura, que por desgraza non acolle a todas as identidades nin a todas as orixes nin sequera a nosa propia lingua. Creo que a literatura ten un papel moi importante á hora de conformar outros modelos de sociedade, as formas de ser e de estar no mundo. Este libro bebe de todo isto, personaxes que viven fóra do normal, que esa é a esencia de ser superheroes ou superheroinas, non hai ningún deles que sexa normal porque non tería nada de particular nin faría nada extraordinario».

Remataron a conversa Eric e María falando arredor do conflito entre o que Dopazo definiu como «corpo conflito» e «corpo fogar». Confesou Eric que «hai dez ou quince anos ter este libro na miña mesiña de noite teríame sido de gran utilidade». A este teor, Reimóndez sinalou que «quitando os corpos normativos, homes, brancos, cis, heterosexuais, a todas as mulleres, sexan cis ou trans, se nos pon constantemente en conflito co noso corpo, se nos obriga a pasar por unhas rodas de consumo, por entrar nuns cánones de beleza moi concretos, e iso provoca que permanentemente vivamos en conflito co noso corpo. Moitas veces o acto máis revolucionario é querer ao propio corpo e se cadra ser heroína e non levar esta roupa [a autora vestía nese momento un traxe de superwoman] e voume cambiar de superheroína a heroína real [a autora vestiu unha bata tradicional].» «A novela é unha reflexión sobre heroes e heroínas, é necesario desfacernos dos corpos e dos traxes e pasar a reagrupar outros traxes e outras identidades que son as que realmente resultan heroicas», rematou.

Beneficios da lectura

Con motivo da Feira do Libro de Vigo dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á beneficiosa relación entre cerebro e lectura:

Máis alá da emoción que supuxo lembrar o pasamento do meu amigo o mestre Xabier DoCampo, do pregón que pronunciei na Porta do Sol na inauguración da Feira do Libro de Vigo non esquecerei nin o escaso interese institucional que este acto mereceu para os responsables do concello de Vigo nin a sorprendente polémica suscitada nas redes sociais por unha das miñas afirmacións: «Ler tal ou cal novela de Pedro Feijoo ou Ledicia Costas estimula a conectividade cerebral durante semanas». Unha frase que no contexto da apertura desta festa viguesa dos libros –evento que ocupa un espazo urbano de privilexio– pretendía apenas salientar que a lectura é unha actividade cerebralmente saudable e que os libros son unha creación memorable dos seres humanos indispensable para garantir o benestar de calquera comunidade.

No entanto, a miña afirmación non era tampouco inocente xa que como ten sinalado Juan Mata, profesor da Universidade de Granada, nun artigo esencial, «Neurociencia, lectura y literatura infantil» (2016), nos últimos anos foron varias as investigacións no eido da neurociencia que afondan arredor das complexas relacións entre a lectura e o cerebro. Estudos sobre as transformacións que a aprendizaxe da lectura provoca no cerebro, tanto en idades temperás como nas adultas, mais tamén outros moi orixinais que axudan a entender o que sucede no cerebro cando lemos e en que medida as ficcións repercuten nas persoas lectoras, incluídas as máis novas.

Cita o profesor Juan Mata que nunha investigación realizada con picariños de 3 a 5 anos utilizando imaxes de resonancia magnética, o equipo do doutor John S.Hutton (2015) do Hospital de Cincinnati comprobou que, ao escoitar novos contos, os nenos e nenas aos que se lles lía decote na casa amosaban nos resultados das resonancias unha activación máis elevada das áreas cerebrais relacionadas coa formación de imaxes mentais e co procesamento semántico ca aqueloutros que carecían desa experiencia oral preliteraria. Unha circunstancia que condicionará a aprendizaxe posterior da lectura. Secasí, ninguén pon en dúbida hoxe que a aprendizaxe da lectura provoca mudanzas profundas na estrutura cerebral, xa que a adquisición desta destreza non está predeterminada xeneticamente, como sucede coa fala, e o cerebro debe readaptar os circuítos neuronais a funcións específicas da lectura como as relacionadas co recoñecemento visual e coa tarefa de identificación de letras e palabras cos sons da lingua. Un proceso complexo de aprendizaxe que xustifica a importancia de lerlle aos bebés en voz alta dende o seu nacemento e salienta a importancia do contacto dos picariños cos libros e coa narración oral dende as idades temperás.

Xaora, tamén hai investigacións, como as promovidas polo equipo do profesor Berns da Universidade de Emory en Atlanta (2013), que amosan como a lectura dunha novela provoca un incremento significativo da conectividade neuronal na rexión da córtex somatosensorial e motora e como esa alta conectividade se mantén durante os días seguintes a súa lectura. E iso é así na medida en que as persoas lectoras mentres len un relato, ademais de comprender o significado das palabras viven emocionalmente o que esas palabras lle contan, o que non quere dicir outra cousas que a lectura de ficción ten implicacións cerebrais que van máis alá do lecer que provoca.

David Comer Kidd e Emanuele Castano nun proxecto da Universidade de Harvard (2013) amosaron, no que acuñaron como Teoría da Mente, que a lectura de textos de ficción mellora a capacidade de detectar, comprender ou predecir desexos, intencións, pensamentos, crenzas ou emocións doutras persoas, o que nos permite non só darlles sentido senón simular esas condutas, poñernos no lugar doutras persoas para entendelas mellor. Comer e Castano non dubidan en afirmar que «a ficción literaria repercute de forma significativa na vida das persoas lectoras».  Como as investigacións de Mar e Oatley (2011) confirman que a lectura de narracións de ficción ten efectos emocionais notables na maneira de sentir, antes, durante e despois da lectura.

Todas as evidencias amosan que a lectura de textos literarios activa numerosas áreas do cerebro e modifica a súa estrutura. Todas as investigacións coinciden en salientar os beneficios da lectura como chave para favorecer a saúde do cerebro. Noutras palabras, a lectura de textos de ficción inflúe no pensamento, nas emocións e no comportamento dos lectores e lectoras. O que lemos inflúe no que somos. «A literatura nace e esfiaña a vida», como lle escoitamos unha vez ao chorado mestre DoCampo. Recomendo que nestes días acudan sen medo ás actividades literarias que se desenvolven na Porta do Libro, onde está instalada a Feira do Sol. Boas e saudables lecturas de verán!

Xabier, o fillo de Raimundo e Teresa

Na edición en papel desta semana de SermosGaliza publico estoutra lembranza de Xabier P. DoCampo:

«Son fillo de Raimundo de Granda, o muiñeiro de Castro, que enfiaba sucedidos como quen fai un colar de zonchos. Deume moitas cousas na vida que compartimos, pero quero traer aquí dúas que se relacionan co meu oficio da escrita. Deume o desexo de contar, sen el non hai literatura, é algo que non se aprende, tense ou non se ten. Eu sempre pensei que se trata de algo que tampouco é xenético, algo que debe ser osmótico, que se che mete dentro por contacto íntimo con alguén que ama contar. Así mo pasou meu pai a min. E deume tamén un xeito de contar que resoa no máis afastado pasado deste pobo.

(…)

»E son fillo de Teresa DoCampo que cantaba cuplés e tangos e que recitaba o Cántico Espiritual de Juan de la Cruz cun dicir que te emocionaba até as bágoas. E explicábamo con máis acerto e verdade que calquera dos profesores de literatura que tiven máis adiante. Ela, contándome os libros que lera na súa vida e recitándome centos de versos, meteume no corpo e na alma o amor á literatura. Dela recibín o gusto pola palabra, o fascinio da palabra como experiencia literaria primeira.

O 21 de xuño de 2014, ao fío da homenaxe que AELG tributou a Xabier P. DoCampo, o seu compañeiro Agustín Fernández Paz rescatou estes dous textos autobiográficos do fillo de Raimundo de Granda, o muiñeiro de Castro, e Teresa DoCampo, a costureira que recitaba o Cántico espiritual. Confesións que identifican as raíces dun rapaz nacido nos anos difíciles da posguerra (1946) nunha vila chairega e descubríu a carón da lareira, cando o mundo aínda non estaba inzado de pantallas, a marabilla de escoitar historias de risa ou de medo, de crimes ou de aparecidos dos labios dos seus pais ou doutros veciños que frecuentaba a cociña da súa casa. Lembro que naquela fermosa chufada en Castro de Ribeiras de Lea Agustín identificou nas mañas do señor Raimundo e da señora Teresa, tan semellantes ás que Álvaro Cunqueiro puxo en boca do señor Elimas, a primeira fonte literaria do seu amigo Paco DoCampo: a do pracer de contar historias e o pracer escoitalas. Raimundo e Teresa deitaron en Xabier a experiencia literaria primeira, a de contar e a de ler, a fascinación polo valor e o eco da palabra.

E abofé que DoCampo bebeu con moito proveito desa fonte primixenia, convertíndose nun dos mellores contadores de historias que coñecimos, fosen reais ou imaxinadas, fosen orais ou escritas, xa que para el, como tantas veces expresou, contar era «o acto de amor máis sublime» que coñecía. Desa pulsión naceron algunhas das súas historias máis memorables como as recollidas en títulos como Cando petan na porta pola noite (Xerais 1994), libro polo que obtería o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil ou Un conto de tres noites (Xerais 2001) ou A decisión de Valerio (Xerais 2005). E contou sempre DoCampo dende a patria da lingua, o idioma no que asistiu a creación do mundo e no que descubriu o nome das cousas, ese galego da Chaira miniado despois en lingua literaria no seu medio cento de libros. Lingua que levou sempre nos beizos orgulloso, como na lapela prendida a insignia de ProLingua, a plataforma apartidaria da que foi celme e motor concibida en 2009 por el como «un valado para nos defender e para reivindicar o esencial», para traballar por un idioma «que non é de ninguén porque é de todos; non é de onte nin de hoxe, porque é de sempre». Unha lingua que para DoCampo nin sequera é patrimonio dos que a usan, xa que é un ben da humanidade enteira: «Patrimonio para preservar, coidar e estender no seu uso, e para entregar con xenerosidade e orgullo aos nosos fillos e aos nosos netos e que así se fagan responsábeis da cadea que tamén a eles haberá de transcender».

Ademais de contador, Xabier foi lector apaixonado e voraz dende a mocidade, amante d’ A illa do tesouro, o libro de Stevenson ao que homenaxeou despois en A illa de todas as illas (Xerais 2013), e entusiasta letraferido capaz de contaxiar o seu amor polos «mellores libros» en intervencións extraordinarias na radio, outro dos seus activismos, como o do teatro ou o do cinema amadores, que concibía como outras posibilidades de contar. Xaora, motivado pola súa condición de mestre, vinculado á renovación pedagóxica e a loita pola normalización da lingua (foi un dos fundadores de Nova Escola Galega e da Revista Galega de Educación), afondou na investigación arredor do fenómeno da lectura, desenvolvendo un traballo tan inmenso como discreto co profesorado e con outros mediadores. Froito da súa reflexión sobre o fomento da lectura e da formación da competencia lectora e do lectorado literario foi esoutro libro marabilloso, Catro cartas (Anaya 2000), que abriu o xénero epistolar como o seu preferido para intervir no debate social, cultural e político cando consideraba preciso.

DoCampo formou parte da Xeración Lamote, xunto cos tamén chairegos Paco Martín e Agustín Fernández Paz, a dos pioneiros que dende a década dos oitenta contribuíron tan decisivamente a conformar a Literatura Infantil e Xuvenil en galego. Títulos como O misterio das badaladas (Vía Láctea 1986), O Pazo Baleiro (Xerais 1997) ou A casa da luz (Xerais 2002) foron referentes de boas lecturas para xeracións de novos lectores e lectoras en galego. No entanto, Xabier tamén marcou cunha ollada ética toda a nosa narrativa contemporánea coa publicación de novelas moi literarias como O libro das viaxes imaxinarias (Xerais 2008), na que colaborou tan estreitamente con Xosé Cobas, o seu ilustrador irmao, e A nena do abrigo de astracán (Xerais 2017), a obra que culminou a súa viaxe, na que reconstruíu esfiañando a súa propia vida a violencia da sociedade do nacionalcatolicismo daquel Castro da súa infancia, e da que se sentía orgulloso e satisfeito nos seus últimos días difíciles.

Máis alá da súa extraordinaria figura literaria e do seu compromiso coa cultura e a lingua, Xabier DoCampo foi unha activista de todas as causas da dignidade nosa, como testemuñou na súa derradeira e inesquecible intervención o pasado mes de maio na Gala do Libro reclamando con toda a enerxía da que dispuña atención para o libro galego. Xabier DoCampo é un auténtico diamante da dignidade galega. «Compartir» foi o seu verbo preferido e a amizade un valor que cultivou, a pesar das maiores adversidades, cunha elegancia e xenerosidade desbordada. Choramos a súa perda, mais temos a fortuna de contar cunha obra súa que nos convida a gozar do pracer da lectura e do afán de facer da vida relato, como el aprendeu de Raimundo e Teresa. Beizón, mestre e irmao!