Campo do Fragoso CL

BESTA NEGRA

Non tivo fortuna o Celta fronte ao equipo do Cholo Simeone, o adestrador arxentino que gañou todos os catro partidos xogados polo seu Atlético de Madrid contra o primeiro equipo galego. A pesar dun excelente primeiro acto, no que conservou a intensidade e o aroma de xogo de calidade, que o levaron a ser un dos mellores equipos da liga dos meses de xaneiro e febreiro, o Celta derrubouse coma un castelo de naipes no segundo, noqueado en apenas tres minutos por dúas pegadas brutais de David Villa, un dianteiro nato que na lameira do Fragoso reapareceu coma ave fénix reivindicándose coma o goleiro pícaro, arteiro e práctico que sempre foi. Un castigo tan contundente coma previsible que devolve aos de Luis Enrique ás penalidades e emocións de liga tan difícil coma a que disputan os dez equipos que pretenden evitar o descenso.

Comezou o Celta máis centrado ca en partidos anteriores en Balaídos. Foi capaz de controlar a posesión da pelota diante dun equipo moi rudo e incómodo coma o Atlético, capaz de desesperar ao rival con interrupcións de xogo e faltas continuas. Baixo a batuta dun incansable Krohn-Dehli, o Celta abriu xogo polas bandas procurando unhas veces as superioridades pola dereita de Orellana, que non tivo o seu mellor día, ou pola esquerda de Nolito, que a pesar dos meses transcorridos non conseguiu aínda o seu punto ideal de forma. Oubiña, que regresaba ao equipo, foi o primeiro que aos sete minutos atopou porta enganchando un saque de recanto, unha excelente xogada táctica a balón parado. Sería despois Álex López quen cun pexegazo a ras da lameira culminase unha xogada na que procurou a diagonal de Curtois, o extraordinario gardarredes belga. O Celta quería, aínda que notaba a ausencia da fantasía de Rafinha na creación de superioridades. Con este panorama, o Atlético non se sentía cómodo e tardou vinte e cinco minutos en avisar do seu perigo cun globo enviado por Raúl García dende trinta metros, que pillou un chisco adiantado a Yoel, que pouco despois chapou un perigoso remate do internacional Koke. Igualouse así decontado o partido, con alternativas en ambas as dúas áreas, as de dous equipos ben traballados tacticamente nos que mandaban as defensas sobre os ataques. Mágoa que a piques de rematar a primeira parte, cando quedou só na área pequena Charles non fose capaz de superar a Curtois ou Jonny non fose capaz de marcar, tras outra excelente xogada táctica xerada cun saque de recanto.

Co incio do segundo acto, o Atleti saíu moito máis decidido, consciente que non podía perder a oportunidade de recuperar o liderado. Abondoulle con subir aos seus laterais para que abrisen xogo sobre David Villa, que apenas participara no xogo até entón. O Celta deu un paso atrás. O partido mudou coma un carpín á hora de xogo, cando o dianteiro asturiano aproveitou un erro nun pase de Jonny sobre Fontás. Erro tremendo que se repetiría dous minutos despois e que tamén aproveitaría Villa, un goleiro a quen non se lle poden dar tantas facilidades. Faltando vinte e cinco minutos o partido quedaba pechado cun Celta incapaz de arrepoñerse xa que aos seus motores Krohn-Dehli e Álex López acabaron coa súa gasolina. No entanto, cómpre recoñecer que os de Luis Enrique non tiraron nunca a toalla, a pesar de que desta volta foron claramente inferiores. Unha derrota previsible, pois, que non debería crear alarma. Quedan xornadas suficientes para obter eses dez puntos, apenas tres vitorias e un par de empates, que aseguren a continuidade na categoría. Temos confianza.

Onte 905: A gran coalición

Saíu en varias ocasións na tertulia da «Crónica» da Radio Galega na que participei na noitiña de onte. A gran coalición de conservadores e socialdemócratas podería ser un modelo político que se xeralizara como fórmula de goberno en Europa. É moi probable que, tras as Europeas, o presidente da Comisión Europea (elixido por vez primeira nestes comicios) será un socialdemócrata, o libreiro alemán Martin Schulz, mentres o do Consello será un conservador, o luxemburgués Juncker, actual presidente do Eurogrupo, consolidando así un cogoberno dos partidos sistémicos. Un modelo de gobernabilidade acuñado por Angela Merkel para consolidar o seu indiscutible liderado: un partido de dereita hexemónico, que impón os criterios ortodoxos de política económica e social, acompañado no goberno por un partido socialdemócrata feble e dividido que avala estas políticas.

Abonda con analizar o que está sucedendo co PSOE en Catalunya, Navarra ou Galicia, onde a dirección federal de Alfredo Pérez Rubalcaba decidiu o harakiri das súas organizacións territoriais, para intuír a estratexia de gobernabilidade a medio prazo do partido socialdemócrata español. Un modelo de gran coalición que anima a políticos atrevidos como Abel Caballero a ensaiar o seu propio modelo de gran coalición (orzamentaria), neste caso coa intención de forzar nas vindeiras municipais un «sorpasso» co Partido Popular, único xeito de conservar a alcaldía viguesa un novo mandato. Neste contexto de grandes coalicións e de políticas homoxeneizadoras e conformistas dos partidos sistémicos é imprescindible a refundación da esquerda, do seu programa e do seu modelo de participación politica.

Onte 904: A plataforma de contidos dixitais de Abalar

Foi o propio presidente da Xunta quen onte presentou a continuidade do programa Abalar para os tres vindeiros cursos e para o dez por cento do alumnado do ensino non universitario de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO. A novidade do anunciado reside na creación dunha «plataforma de contidos curriculares dixitais na que estará ao completo a materia de cada curso», da que nada sabemos nin fomos informados os profesionais da edición educativa en Galicia nin do sector da libraría. Ademais deste «enigma», valorado por Feijoo en 3,6 millóns de euros, chama a atención que a Xunta continúe optando por un modelo de contido dixital educativo redistribuído (sen conexión á rede) e apostando por un modelo de «educación dixital completa», que elimine o uso dos soportes impresos, «eses perigosos e caros libros impresos». Abandónase así a estratexia de hibridación dixital de todo o sistema educativo, no que se utilizan ambos os dous tipos de soportes e no que se privilexia o desenvolvemento da competencia dixital e das competencias de comunicación lingüística, aconsellada de forma reiterada nos documentos da LOMCE. Temo que como xa sucedera coa potenciación da ensinanzas do inglés, que xustificou o retroceso do emprego do galego como lingua vehicular, a dixitalización das aulas sexa utilizada como ferramenta da mercadotecnia política.

Onte 903: O libro do polbo

Entre outras novidades de Xerais do mes de marzo, onte chegou ás librarías O polbo e a sua cociña, un interesantísimo libro de cultura gastronómica galega de Matilde Felpeto Lagoa sobre un dos nosos produtos emblema. Haberá quen poida pensar que a publicación do libro está motivada pola absurda polémica xerada hai uns meses no Carballiño. De xeito ningún. Na editorial levabamos traballando sobre o orixinal xa dende a pasada primavera. Publicado na colección LIBROX, a obra é unha viaxe pola xeografía, historia e literatura do polbo, aínda que o seu prato forte sexan as 67 receitas para cociñalo recompiladas pola profesora mugardesa. Marabilla de diversidade dunha cociña galega que vai moito máis alá do polbo á feira. Sei que este libro do polbo é moito.

Onte 902: Trazos de Xela

Xela Arias tería cumprido onte 52 anos. Inevitablemente lembrámonos dela neste martes lardeiro e chuviñento e celebramos a súa vontade de reinventarse cada día. Por ventura, tras case unha década de esquezo, devagariño a causa da recuperación da obra e da figura literaria de Xela vai callando. María Xesús Nogueira remata a edición da súa poesía completa, que Xerais publicará nun único volume, o que será un paso fulcral neste proceso de posta en valor da escritora viguesa. Pola súa banda, a AELG homenaxeará  o vindeiro martes, 11 de marzo, no IES Álvaro Cunqueiro de Vigo a Xela baixo o lema «A procura de trazos que nos describan» coa intención de facer memoria, de lembrar os seus versos e contribuír a transmitir o herdo inmenso da súa obra. Alí estaremos, coa noble causa de Xela.

Martes lardeiro

No artigo da semana en Faro de Vigo falo sobre a festividade do Martes de Entroido.

Non foi doado este ano correr o Entroido. As choivas, que non nos abandonan dende Nadal, impediron que merdeiros e mascaritas corresen en Vigo diante do Meco dos recortes chantado na Porta do Sol, obrigando a adiar o desfile de comparsas para o vindeiro sábado, o que por fortuna alonga uns días o Entroido xa en tempo de Coresma. Porén, os ballóns e babuxadas non impediron que as farturas e excesos do Entroido se estean celebrando nas mesas nosas con cocidos, laconadas e enchentes de larpeiradas deste tempo, as froitas da tixola ou do ferro, que así bautizamos ás orellas, filloas, follas de limón e flores.

Non debemos esquecer que dentro do calendario do Entroido tradicional galego é data principal para cumprir co rito da comida carnavalesca a de hoxe, a do Martes de Entroido ou “Martes lardeiro”, chamado así xa que é o derradeiro día para gozar dos praceres do “lardo”, que ese é o nome da graxa do touciño, tanto en galego coma castelán. Connotación da xornada coa cultura do porco que, por certo, se mantén en portugués como “Terça-Feira Gorda” ou en francés como “Mardi Gras”, nome que recibe tamén todo o período dos carnavais en Nova Orleáns no estado estadounidense de Luisiana onde hoxe se celebra un dos desfiles carnavalescos máis famosos do mundo.

No xantar do Martes lardeiro a carne de porco é a grande protagonista, sobre todo presentada no que Picadillo chamaba “cocido alegre”, ese onde é maior a proporción de carnes ca de verduras (mellor repolo ca grelos), garbanzos e patacas. O cocido galego é, sen dúbida, o prato forte deste día, mentres no norte de Portugal o é a orelheira de porco, acompañada de feijoada branca e doutras carnes de porco. No entanto, sabemos que hai mesas galegas que para hoxe prefiren o lacón con grelos, prato considerado por Cunqueiro como “rei da cociña galega”, que algúns aconsellan servir en dúas fontes, unha para os grelos e as patacas e outra para o lacón e o chourizo; aínda que hai cociñeiras que lle engaden orella e cachucha (chamada noutros lugares cachola ou cacheira), a cabeza de porco salgada citada no século XVIII polo Padre Sarmiento no seu “Coloquio en duascentas coplas galegas” entre outros ingredientes da cociña do noso Entroido: “E tamén estaban / os bufetes cheos / de lenguas, chourizos, / perniles, codelos, / de lacós, cachuchas, / fociños de cerdo, / nuns pratos moi anchos / e todo friento”. Noutras mesas galegas, como as do Cebreiro, os Ancares e o Bierzo, o pote do Martes lardeiro está protagonizado polo botelo ou butelo, chamado androlla na comarca do Bolo, embutido preparado coa tripa máis gorda do porco que se enche con pequenos cachos de carne con óso (de costela e soá) picada e adobada con allo, pemento picante e loureiro.

Na sobremesa do Martes lardeiro non poden faltar as froitas da tixola. Entre elas a raíña son as filloas –bautizadas como marruchos no Val Miñor, freixós na Mariña de Lugo, “filhoses” no norte de Portugal, “frisuelos” en Asturias, “crêpes” na Bretaña ou “pancaques” no Mar de Prata–, unha larpeirada na que ovos, fariña e sal se mesturan cun líquido que pode ser caldo, auga, leite ou mesmo sangue (no tempo de matanza). Tan queridas son as filloas na terra nosa que Cunqueiro sentenzou que non se “debería permitir que ningún restaurante se cualificase como galego sen ter pasado antes a proba da filloa e sen ofrecer este produto na carta cada semana”.

No Martes lardeiro non poden faltar, tampouco, as crocantes orellas de entroido –orellas de frade no norte de Lugo, chaolas en Cariño–, cuxa composición coincide coa das filloas, aínda que se lle incorpora a reladura de limón, anís, lévedo e manteiga. Nalgunhas familias en Martes lardeiro ofrécense follas de limoeiro, unha auténtica delicia culinaria galega a recuperar, como as flores, feitas cun ferro en forma de flor que se molla no amoado e somérxese logo en aceite quente, onde a pasta fritida conservará a forma da flor de ferro. Larpeiradas fritidas todas do Martes lardeiro nas que o etnógrafo portugúes Ernesto Veiga de Oliveira identifica un acto cerimonial que “representa unha práctica máxica de expulsión de demos ou forzas anímicas nocivas”. Tamén son sobremesas desta xornada os buñuelos de Beluso, o bandullo ou “mixtura gallega” da que falaba Picadillo, que aínda se prepara nalgunhas casas do Morrrazo, o tripón dóce de Sober, a bica de Laza, os sapos da Limia de Xinzo e a torta do Cigarrón de Verín, larpeiradas propias do triángulo máxico do entroido tradicional ourensán.

Aproveitemos as horas deste Martes lardeiro para gozar das larpeiradas salgadas e dóces do entroido, ben sabemos que tras delas continuarán os rigores e penalidades deste tempo ruín. Ben o adianta a sabedoría do refraneiro popular galego: “Adeus, martes de Entroido, es valente gandul: tres días de boa vida, sete semanas de xexún”.

Onte 901: O oficio de mestre de Mario Lodi

Choramos a Mario Lodi, o grande mestre italiano, o autor d’ O país errado, un dos máis fermosos diarios pedagóxicos que se teñen publicado. Vencellado ao Movimento di Cooperazione Educativa Italiano (MCE) e á pedagoxía Freinet, Lodi foi un referente na nosa formación como mestres a comezos dos anos oitenta. Defensor teimoso da escola pública democrática e antiautoritaria, Lodi forxou un modelo pedagóxico baseado no xogo e na participación do alumnado, recuperando a súa palabra e introducindo a imprenta no espazo da aula. Froito desta experiencia como mestre de escola primaria foron libros marabillosos coma Cipi, escrito en colaboración cos seus alumnos. Paga a pena recuperar esta entrevista realizada hai dous anos na que sintetiza as súas ideas pedagóxicas principais e reivindica o oficio de mestre, «o máis difícil, pero o máis importante».

Onte 900: Finou Resnais

Finou onte o cineasta bretón Alain Resnais, un dos directores que sempre me interesaron dende as primeiras películas do cine clube de ANUE, aquela Providence, baseada no universo de H.P.Lovecraft e, sobre todo, Mon oncle d’ Amerique, unha das primeiras nas que aparece Depardieu. No blog temos celebrado Noite e brétema, a súa película documental sobre a deportación e exterminios nos campos nazis, filmada catro antes da súa primeria longometraxe, Hiroshima mon amour sobre un texto da Margarite Duras e de La guerre est finie sobre guión de Jorge Semprún. As películas que vin de Resnais sempre me pareceron tan complexas coma fascinantes, de narración deconstruída, anticronolóxica unhas, de vontade ensaística e reflexiva, todas. O seu pasamento convida á curiosidade de volver sobre elas.

Onte 899: Sen puntos

O fútbol é unha competición que non entende de méritos, xa que os puntos se suman só polos goles anotados na táboa de marcas. Onte o Celta deu un recital de xogo combinativo, sobre todo no segundo acto, porén quedou sen recompensa ningunha. Coma sucedera en Cornellá, unha xenialidade de última hora, neste caso unha xogada do extremo Carles Gil, xerada tras un pequeno desaxuste na marca defensiva galega, estragou un partido no que o equipo noso foi moi superior. O Celta xogou de seu, mais foi incapaz de marcar algunha das súas  oportunidades. Pagouno a prezo de ouro. A este Celta, lonxe de Balaídos non lle prestan as medias tintas, vai a gañar e sabe que esa afouta estratexia pode levalo a perder. Esta derrota devólvenos aos seareiros á crúa realidade nosa, vivir entre a euforia e o medo, entre a ledicia e a decepción. Sabemos que queda moito por sufrir para sumar eses dez puntiños que aseguran a continuidade na categoría. Alguén pensou que isto ía ser doado?

Onte 898: Pedro Feijoo sucesor de Suso de Toro

Na presentación do serán de onte na libraría Vagalume de Lalín, Gracia Sanctorum proclamou a Pedro Feijoo sucesor de Suso de Toro. Gracia concluíu unha intervención magnífica sobre A memoria da choiva dicindo: «Se Suso de Toro é o seu referente literario, coido que Pedro Feijoo chegará a se converter no seu digno sucesor. Se agardabamos con ilusión cada nova entrega daquel con este correrá o mesmo». Un comentario que sei moito gustará ao propio Suso a quen Feijoo homenaxea nas páxinas da súa segunda novela roubándolle a Nano, unha das voces máis memorables de Tic-Tac e Círculo (aquela de «aquí somos así, positivamente») para algunhas escenas compostelás. Pedro recoñece a Suso como seu mestre, artella as súas novelas con estruturas ficcionais potentes semellantes ás do compostelán e comparte con el a ambición da comunicación directa co lector. Unha excelente noticia para a narrativa galega, membros de distintas xeracións van conformando cadea.