Campo do Fragoso CLVI

FARO CHAPELABAIXAR DA NUBE

A vitoria en Elxe, tras a marabillosa combinación in extremis entre Krohn Dehli e Nolito, deixou ao celtismo ao abeiro de tan perigosos cantos de serea como son os que se escoitan nos territorios da euforia. Tras bastantes tempadas de axuste orzamentario moi severo, con proceso concursal e límite salarial incluídos, compensados na medida do posible cunha aposta arriscada pola incorporación ao primeiro equipo de xente da canteira, semellaba que esta tempada o Celta xa podía volver a soñar con formar parte do grupo selecto de equipos que loitan polas tres prazas da Europa league. A calidade do xogo e os resultados do que foi bautizado como “o equipo de moda” convidaban a non renunciar a soñar. Xaora, tras a derrota fronte ao Vilarreal, un aspirante consolidado a estas mesmas prazas europeas, convén baixar da nube e axustar decontado unhas poucas deficiencias que arrastra o cadro do Totto Berizzo.

Dous equipos cun esquema de xogo bastante parello libraron onte unha durísima loita pola posesión da bóla. Sen dúbida ningunha que durante a primeira media hora foi gañada con claridade polos celestes. Mágoa que nin Orellana nin Nolito en dúas ocasións nin Krohn Dehli aproveitasen algunhas das oportunidades creadas polo fermoso xogo combinativo e a intensidade celestes. Os internacionais chileno e dinamarqués, dous grandes pasadores, debuxaron xogadas sobre espazos baleiros de grande beleza, que mereceron maior recompensa cos aplausos da bancada.

Porén, chegou o fatídico minuto 32 no que –tras a confusión que na defensa celeste provocou pouco antes a primeira tarxeta a Fontás, froito do seu duelo táctico e físico con Giovani– o ruso Cheryshev gañou con facilidade a liña de fondo desequilibrando á defensa galega cara a banda esquerda, creando un espazo para que o seu envío sobre Moi Gómez, libre de marca ningunha, lle permitise marcar a pracer. Con gol tan inesperado, no primeiro contragolpe visitante, o Celta caeu de súbito en shock. Tras sacar de centro, no primeiro pase os celestes perderon a pelota, o que soubo aproveitar o moi arteiro Gómez para xutar en carreira dende ben lonxe e superar a un Sergio que debeu facer un pouco máis. A debacle puido xa ser completa cinco minutos máis tarde, tras unha cantada do noso porteiro nun saque de recanto cabezado por Bruno moi cerquiña do pao. O Celta derrubábase coma un castelo de naipes en apenas dúas distraccións. Mágoa! Nesta liga a concentración e a intensidade non admiten intermitencias ningunhas.

Porén, a pesar de recibir castigo tan severo, o Celta non tirou a toalla. Krohn Dehli mereceu o gol nun pexegazo soberbio que o porteiro visitante despexou de forma milagreira. Moi pouco antes do descanso, Nolito roubou unha bóla entre os centrais que aproveitou Larrivey para reducir a diferenza na táboa de marcas. Durante a segunda parte, o Celta tirou de corazón e acurralou aos amarelos na súa área. A verdade que non tivo a fortuna doutras ocasións. Fontás puido marcar nun remate na área pequena, mais foi expulsado despois tras a batalla heroica que agora libraba con Uche. Como tamén mereceu o gol unha cabezada de Larrivey que vimos nas redes. O terceiro dos amarelos chegou no derradeiro minuto, cando o Celta en inferioridade xa ía con todo. Foi un resultado moi avultado para o que sucedeu na lameira.

Con todo, desta primeira derrota poden tirarse algunhas ensinanzas. A primeira, a rixidez na dirección do adestrador, que ao longo dos encontros utiliza moi escasas variantes tácticas. Outrosí sucede coa carencia de revulsivos, froito tanto dun cadro de xogadores reducido como das escasas rotacións introducidas até agora no equipo de gala. En Balaídos perdeuse onte apenas un partido e moito aínda se pode mellorar cara o futuro.

Onte 1108: El Pais.cat

1412499322_843407_1412500042_noticia_normalO diario El País anunciou onte a apertura dunha edición dixital en catalán, que ofrecerá as principais noticias do día e contidos propios. Tras o suplemento cultural Quadern, El País aumenta a súa oferta en lingua catalá, ao tempo que expresa a súa vontade de poñer o foco informativo sobre Barcelona, «na liña da bicapitalidade sobre a que apostou o diario» de Cebrián. Mentres, é moi significativo que en Galicia, Prisa reducise a súa oferta informativa, o seu cadro de persoal e eliminase da súa edición as páxinas semanais de cultura en lingua galega. A consideración asimétrica da presenza de El País nunhas e noutras comunidades expresa tamén o peso dos mercados informativos, publicitarios e do peso político de cada unha delas, ao que tampouco é alleo ás axudas que poden achegar a este proxecto os seus gobernos autónomos. Máis alá da crise profunda que no entorno do proceso de hibridación informativa viven os xornais editados en Madrid, non é inocente este movemento de Prisa catalanizando na rede a súa edición, como no quiosco xa fixeron El Periódico e La Vanguardia.

Onte 1107: A marca do editor

Maquetación 1Roberto Calasso, o editor de Adelphi, fixo en Cien cartas a un desconocido unha escolma dos seus textos de contracuberta ou lapela. Agora, no libro publicado tamén en Anagrama, La marca del editor, expresa a súa poética da edición cultural, para el un xénero literario híbrido, e a súa concepción da empresa editorial como unha forma e unha marca. Un ensaio no que aposta polo editor de libros únicos, eses títulos que poden correr risco de non ser editados, mais tamén por que son agarimados polo traballo do editor que deixa neles a súa marca, sexa na escolla tipográfica, na composición da páxina ou na elección dunha imaxe adecuada para a cuberta. Un editor que vai deixando a marca na confección dun catálogo, onde se pode ler a súa auténtica autobiografía. Interesoume moito a insistencia de Calasso sobre o valor do libro como obxecto, concedendo singular importancia ao deseño das portadas no actual proceso de hibridación editorial: «a portada é a lembranza de que a mente pode actuar tamén sobre a base analóxica, sen detremento da dixital».

Son moi luminosas as súas reflexións sobre a relación de complicidade entre cada colección editorial e o seu anónimo, complexo e perceptivo público, que non é outra cousa que a relación do editor cos lectores e lectoras: «a complicidade con persoas que non se coñecen pode crearse só sobre a base das reiteradas experiencias de non desilusión». Noutras palabras, o editor ten a obriga de non decepcionar aos seguidores das súas coleccións, minimizando os seus libros errados. Como tamén son importantes para forxar e continuar esa complicidade o xeito no que son presentados os libros e o contexto onde aparecen; dúas funcións esenciais do editor, a da comunicación e promoción editoriais.

En libro tan suxestivo para os que somos profesionais da edición, que non podo máis que recomendar a editores e letraferidos, recupero para o arquivo dixital unhas cantas afirmacións memorables:

«Un bo editor é aquel que publica aproximadamente unha décima parte dos libros que quixera e quizais debería publicar.»

«Unha boa editorial sería a que supostamente publica, dentro do posible, só bos libros. Ou sexa, libros dos que o editor tende a estar orgulloso e non a avergonzarse.»

«Propoño que se considere a arte da edición como unha forma de bricolaxe.»

«Unha cultura literaria recoñécese tamén polo aspecto dos seus libros».

Onte 1106: Con Ana Acuña en Marín

10399446_705169056219374_7741606275105632519_n

Acompañamos onte a Ana Acuña na presentación no Museo Manuel Torres de Marín do seu libro Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000). As profesoras Chus Nogueira e Olivia Rodríguez fixeron dúas grandes intervencións nas que salientaron a importancia deste libro para a historia da literatura galega.

Para Chus Nogueira Conciencia política e literatura galega en Madrid é «un libro necesario, xa que estuda a creación cultural nunha diáspora que até agora non fora estudada de forma sistemática; un libro, pois, pioneiro». «Un libro que establece unha estreita relación entre a creación literaria e a conciencia política. Os chamados “madrigalegos” teñen unha conciencia de subalternidade con respecto á metrópole galega». «Ana Acuña ofrece unha minuciosidade e un rigor que permite unha lectura agradable. Un texto capaz de harmonizar sentimentos, emocións e o rigor da investigación filolóxica». Continuou Nogueira salientando a importancia da obra, xa que «propón unha periodización, polo que estamos diante dunha auténtica Historia da Cultura Galega en Madrid». Rematou Chus insistindo no carácter comprometido do libro, «xa que dá voz os esquecidos», e no seu carácter de «libro fundamental para comprender unha parte da historia da cultura galega do século pasado».

Pola súa banda, Olivia Rodríguez comezou definindo a Ana Acuña como «unha sabia, unha das persoas máis importantes da cultura galega do noso tempo». Salientou despois «a lectura amena e fluída dun texto froito dun traballo titánico, artellado sobre as contribucións de 54 persoas que conversaron coa autora». DSalientou despois a importancia do estudo e da proposta de periodización dos cinco grupos xeracionais presentes no libro, dos que apenas era coñecido en Galicia o segundo, o grupo Brais Pinto, é dicir, Mocidade Universitaria, Grupo Unesco, Lóstrego e Irmandade Galega e Grupo Bilbao, o máis recente e do que forma parte a propia Acuña. Rematou Olivia Rodríguez valorando como un acerto a utilización do método de estudo de historias de vida, o que facilita o multiperspectivismo na abordaxe da fraxilidade da historia do tempo presente.

Onte 1105: Hortensia

Souben polo GCiencia, unha desas marabillas da internet galega,do trinta aniversario do Hortensia, un furacán inesquecible. Lembro que daquela había uns poucos días que viviamos en Panxón, nun apartamentiño diante do arco visigótico. O día anterior chovera e chovera, Cando regresamos da escola, fomos ao bar de Tavo, daquela o único que había no porto. Alí escoitei a profecía dun vello mariñeiro agoirando unha galerna de moito sandiós. E non se trabucou. As ondas da Madorra chegaron a estrada de Monteferro e na praia de Gaifar o mar asolagou o paseo, quedando ao pé dos edificios e dos chalés, protexidos con trabes de madeira. En Galicia cada xeración ten unha galerna na súa memoria. Na nosa foi a do Hortensia, presentada polos servizos meteorolóxicos de entón apenas como restos dun ciclón tropical. Despois fixéronse as obras do dique de abrigo do porto de Panxón. Nunca máis volveu a fereza do mar ás dunas de Gaifar. Quen dixo que non estamos afeitos a lidar con galernas e furacáns?

Onte 1104: Orgullo neofalante

2013031117404893656Son galegofalante desde os quince anos, cando decidín asumir o galego como a miña primeira lingua. Dende entón loitei día a día para vivir en galego en todos os eidos da miña vida familiar, social e laboral. Sei que fun afortunado por traballar como docente monolingüe de educación infantil e por facelo agora como editor en lingua galega. Non tiven nunca aldea de meu en Galicia nin mamei o galego no berce nin sequera tiven a oportunidade de aprendelo na escola. Un curso en agosto de 1975, impartido por Carme Panero, utilizando aquel Gallego 1 do ILG, abondou para presentarme nun horrible galego hiperenxebrista diante da miña familia e dos meus compañeiros. Daquela pensaban todos que estaba tolo, fixérame galeguista. Xaora, é unha fachenda confesar que son galegofalante por escolla, por unha convicción tatuada na miña fala, que sei nunca abandonarei. Orgullo de neofalante.

Onte 1103: Regresan os Megatoxos

XG00231001Non debe pasar desapercibida a publicación d’ Os Megatoxos e o dragón de xade, a quinta entrega da serie escrita e ilustrada por Anxo Fariña. A que é a saga xuvenil da literatura xuvenil galega máis veterana e con maior número de títulos, como tamén a que conta con máis lectores (máis que entusiastas), viaxa ao Xapón medieval de ninjas e samurais coa intención de evitar un terrible terremoto. Como nos libros anteriores, os catro superheroes galegos continúan buscando cura para a súa mutación xenética provocada polo Toxo, unha planta mutante que permite viaxar no espazo e no tempo. Aventuras, amor, fantasía, loitas, enigmas, mitos, coñecemento científico, histórico e xeográfico, continúan sendo compoñentes principais destes libros de lectura engaiolante, adictiva, que provocan o entusiasmo dos seus siareiros. Como estimulantes son para crear interese pola historia de Galicia en diálogo aberto con diversas culturas e civilizacións.

Mención á parte da serie merece a singularidade e espectacularidade da creación visual de Anxo Fariña. Utilizando a cultura manga, un trazo rotundo, que non impide a precisión dos detalles, é capaz de dotar a cada un dos personaxes da serie dunha personalidade moi recoñecible para os seus siareiros. Outrosí sucede co coidado da ambientación histórica e paisaxística, que nesta quinta entrega acada nalgunhas imaxes un altísimo nivel. Como editores sabemos que dende hai sete anos, cando apareceu o primeiro título na editorial A Nosa Terra, cada unha das seguintes entregas dos Megatoxos foi unha beizón para esa dificil tarefa de facer novos lectores para o a lingua galega na preadolescencia. Que máis se lle pode pedir? Toda a nosa gratitude e parabéns por esta proeza para Anxo Fariña.