Onte 1044: O consenso puntogal

Horas felices as de onte ao mediodía no acto da presentación do programa Pioneiros do dominio.gal. Dende o 25 de xullo, noventa e tres dominios de internet correspondentes a administracións públicas, entidades sen ánimo de lucro e algunhas empresas darán a coñecer os seus servizos, produtos e información en lingua galega baixo o dominio diferencial de puntogal. Galicia e a lingua galega conta xa con este valiosísimo carnet de identidade, «que aumenta a nosa conciencia de país, a nosa cohesión social e a nosa autoestima como pobo», como salientou no acto o profesor Manuel González González, presidente da Asociación Punto Gal. Unha conquista acadada en mancomún, á que non foi allea o traballo voluntario, xeneroso, totalmente altruísta dos membros da asociación Puntogal, que contou co consenso de todas as forzas políticas do Parlamento Galego e co apoio das máis diversas forzas sociais e culturais. Atrévome a dicir que a do Puntogal é a mellor noticia para Galicia e para a nosa lingua da última década, tanto pola súa transcendencia para participarmos con garantías no actual proceso de hibridación comunicacional e cultural coma polo exitoso proceso realizado para chegar a acordos amplos e inclusivos para o conxunto da sociedade galega. A vindeira semana poderemos visitar as páxinas de xerais.gal, prolingua.gal, amesa.gal, celta.gal, rcdeportivo.gal, galiciaconfidencial.gal, sermos.gal, praza.gal, gadis.gal, academia.gal, algúns destes nomes Pioneiros. E a finais deste 2014 poderemos incorporarnos o resto dos que formamos o perimetro en Internet dunha comunidade de catro millóns de persoas. Parabéns A Manuel González González, como presidente, a Edita de Lorenzo, como nova directora xeral do dominio, e ao resto dos membros de Punto Gal por esta gran proeza.

Onte 1043: Fogares palestinos

gazaefeO primeiro obxectivo militar en Gaza son os fogares palestinos. Desde os acordos de Oslo de 1993, a  Declaración de Principios na que se pretendía deseñar un proceso de paz para Palestina, Israel destruíu máis de 12.000 fogares, o que explica o elevadísimo número de vítimas civís, só no ataque dos últimos días 583 persoas, 82 % delas picariños, vellos e mulleres.

Co argumento de atacar aos milicianos de Hamas, o exército israelita xustifica o seu masacre e bate sen piedade sobre os fogares familiares, provocando o terror entre a poboación civil e o desprazamento de milleiros de refuxiados. Ben sabemos que na guerra a verdade é sempre a primeira das vítimas. Eis a faciana do xenocidio sionista na faixa de Gaza, fronte ao que a Comunidade Internacional, especialmente a Unión Europea, permanece vergonzosamente «indiferente». Onte nas rúas de Vigo expresouse a solidariedade con Palestina e reclamouse a intervención internacional, único xeito de parar os ataques contra os fogares palestinos en Gaza.

Teatro García Barbón

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño que o edificio do Centro Cultural da caixa de aforros recupere os seus nomes tradicionais.

Teatro_García_BarbónVigo contou cun gran teatro en 1832. Foi o que na praza da Princesa, extramuros, inaugurou o rico comerciante Norberto Velázquez Moreno. Aquel Teatro de Vigo, gabado por Nicolás Taboada Leal como o mellor da Galicia do seu tempo, funcionou na Porta do Sol durante case medio século, até que en 1882 abriu outro máis amplo e moderno, o Circo-teatro Tamberlick. Este segundo teatro vigués, concibido polo mestre de obras Sesmero como un espazo polivalente, serviu na rúa do Circo (hoxe Eduardo Iglesias), durante case un século, como teatro, circo, primeiro cine vigués e foro político, onde Pablo Iglesias, o ferrolán fundador do PSOE, pronunciou o 6 de xaneiro de 1900 un extraordinario discurso de hora e media de duración. O terceiro dos teatros vigueses foi o Rosalía de Castro, cuxos nomes de proxecto, segundo Jaime Garrido Rodríguez, foran “Romea” e “Cervantes”, situado entre as rúas Policarpo Sanz, Reconquista, Marqués de Valladares e Rosalía de Castro (hoxe Darío Álvarez Blázquez). Un gran teatro decimonónico de estilo italiano, cuxo modelo era a Scala de Milán, inaugurado o 15 de xullo de 1900, tras quince anos de obras, que tivo vida efémera, xa que foi destruído por un incendio o 8 de febreiro de 1910, cando alí se celebraba un baile de entroido.

Sobre as cinzas do teatro Rosalía de Castro as herdeiras do filántropo verinés José García Barbón encargaron a Antonio Palacios a construción dun gran teatro ao servizo de Vigo. Un proxecto ambicioso que o arquitecto porriñés expuxo á cidadanía viguesa hai un século, un edificio monumental con funcións de teatro, casino e cine que tras máis dunha década de traballos sería inaugurado en 1927 como teatro García Barbón. Dende entón, o gran teatro de Palacios foi considerado como unha das iconas vigueses, fachenda arquitectónica do pulo dunha cidade laboriosa e cosmopolita. Albergaba os salóns do elitista Casino, un gran teatro con acceso dende a rúa Policarpo Sanz e do cinematógrafo Rosalía de Castro (bautizado xa así na súa inauguración) con acceso dende Marqués de Valladares. Cinema coqueto, ao que despois se engadiría un restaurante e cafetaría, que durante os anos setenta funcionaría como sala viguesa de Arte e Ensaio, onde vimos películas inesquecibles e inentendibles como aquela búlgara “Corno de cabra” en cartel durante moitas semanas.

Adquirido por Caixavigo para transformalo en centro cultural, o García Barbón foi rehabilitado, baleirado na súa totalidade, entre os anos 1982 e 1984, polo arquitecto Desiderio Pernas. Unha rehabilitación non exenta de polémica, xa que foi modificada a fachada orixinal de Palacios da rúa Marqués de Valladares, ademais de cubrirse a terraza cunha cuberta de cobre baixo a que se instalou unha biblioteca. A esa reforma de Pernas pertencen as magníficas esculturas dos cabalos de bronce de Xoán Oliveira e as cinco pezas alegóricas de Manuel García Buciños da fachada principal.

Tras esta rehabilitación o edificio foi rebautizado como Centro Cultural Caixavigo e, máis tarde, seguindo o proceso de fusións da entidade prropietaria, como C.C. Caixanova e C.C. Novacaixagalicia. Xaora, a pesar da teimosa insistencia dos responsables da caixa de aforros de erradicar os nomes de García Barbón e Rosalía de Castro de edificio tan emblemático, a memoria popular viguesa, sempre tan sabia e prudente, continuou utilizándoos. Hoxe, cando Vigo perdeu para sempre a caixa de aforros e tamén a sede da fundación Novacaixagalicia (unha decisión da Xunta de Galicia que Núñez Feijoo debe explicar con detalle), e antes de asistir a un novo bautizo do edificio, semella moito máis razoable recuperar as denominacións históricas e populares para o que continúa sendo o primeiro teatro de Vigo: “Teatro García Barbón” e “Auditorio Rosalía de Castro”; ás que atrevo propoñer se engadan as de “Biblioteca Plácido Castro”, en lembranza do grande tradutor, e “Sala de Arte Urbano Lugrís”, en memoria do que foi o pintor primeiro da cidadeatlántica. Este exercicio de restitución da memoria cultural viguesa debería estenderse ao edificio onde a caixa de aforros instalaou o seu Centro Social na rúa Policarpo Sanz, que debería recuperar o seu nome popular de “Casa Bárcena”.

Na nova etapa que abre a fundación Novacaixagalicia, bautizada como A Fundación, un proceso do que moi pouco sabemos os cidadáns galegos, é imprescindible que os sinais de identidade vigueses sexan respectados. Os propietarios de Abanca, como tamén os responsables de A Fundación, onde van ter un importante peso decisorio, non poden esquecer que o Teatro García Barbón, o Auditorio Rosalía de Castro e o Centro Social Casa Bárcena (e a súa colección de arte galega, a primeira e máis importante do patrimonio de noso) forman parte esencial do ser de Vigo e da súa área metropolitana.

Onte 1042: Illa da memoria

Foto_de_Miguel_Riopa_19-07-2014

A axencia francesa AFP chiaba onte a tarde esta gran foto de Miguel Riopa para ilustrar os actos celebrados na illa de san Simón con motivo da Homenaxe nacional ás vítimas do franquismo organizados pola Iniciativa Galega pola Memoria. Magoa o escaso eco que este acto recibiu nos medios galegos, apenas unha mostra da hibernación á que esta sometido o proceso de recuperación da memoria desque goberna o Partido Popular, como proba a  paralización do proxecto interuniversitario «Nomes e voces» e o da propia Lei de Memoria histórica de 2008, sen recursos nin dotacións para desenvolver as súas finalidades. Denunciouno alí Manuel Rivas o pasado sábado: «non existe respecto pola memoria histórica en España», continúan »impunes» algúns crimes franquistas e moitas fosas comúns agardan ser abertas. Nunca esquecemos que San Simón, onde vivimos tantos momentos felices, é a illa da memoria, testemuña silente ao fondo da ría da dor de milleiros de persoas que alí foron recluídas e de tantas outras cuxa dor non foi aínda reparada. A gran foto de Riopa quedará na nosa memoria para nunca esquecelo.

Onte 1041: O poeta de Nemancos

Viaxei con Ferrín a Muxia para participarmos no acto de entrega da segunda edición do premio de poesía López Abente. organizado pola fundación homónima. Un premio que correspondeu a Laureano Araújo Cardalda polo poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario, que publicrá Xerais en novembro. Unha obra que María Canosa, membro do xurado, caracterizou como «fresca e dinámica, cun fñio condutor poderoso, capaz de abordar diversos estados de ánimo», «versos cargados de simbolismo e sentimentos nos que se xoga coas palabras e con estruturas moi diversas».

Abrira o serán literario Ferrín unha magnífica conferencia sobre don Gonzalo López Abente, a quen definiu como «o poeta de Nemancos» e «figura importante da literatura galega». Expresou Ferrín a súa perplexidade polo feito de que en Muxía, e Ponteceso, Laxe, ou Corcubión, vilas mariñeiras sempre ao norte da Rías Baixas e ao sur da Coruña, na terra de Nemancos, aparecese no século XIX unha burguesía navieira con apelidos como Abente, Miñones ou Lastra, sendo con frecuenca figuras ilustres pola súa cultura, como polos seus vínculos cos movementos agrarista e republicano. «López Abente pertence a esa clase. Pola súa formación universitaria, polas súas lecturas en varios idiomas, tiña acceso á poesía inglesa e francesa. Mais a súa formación púxoa a disposición da poesía, foi a súa forma de conectar co mundo. Chantou un pé na poesía popular e outra na poesía internacional do decadentismo francés e prerrafaelismo inglés». Situou Ferrín a Abente como membro da xeración de escritores nacidos na década de 1870, que recibiron a influencia de Rosalía e de Pondal. «A esa xeración pertence Cabanillas, Noriega e o contista Álvarez Nóvoa, que tratan de levar a literatura galega na dirección do idealismo, como sucedía no resto das culturas do seu tempo. Pretendían transformar o mundo, como López Abente facía en Bretemada, outro mundo máis fermoso». Ocupouse, despois, Ferrín da poética abentiana, «López Abente ofrece unha palabra poderosa na dicción, que se reflicte no uso de palabras plenas como “Nemancos”, ademais dun uso máis abundante de imaxes e léxico ca o propio Pondal».

Onte 1040: Metanovela popular

XG002253012Moi interesante resultou a presentación na Pobra do Caramiñal, na Torre de Bermúdez, onde ten a súa sede o Museo Valle Inclán, de Liña azul, a obra de David Pobra gañadora do último premio de novela curta de Ribeira. Foi Encarna Montemuíño, a concelleira de cultura, quen abriu o acto realizando un completo percorrido pola traxectorial do autor e salientando o carácter metaliterario da novela.

Comezou David Pobra relatando a xénese de Liña azul, «unha novela cuxo tema é a literatura». Confesou, despois, que quixo facer «unha novela non compracente, mais que fose fácil de ler, que asumise riscos, como os de ir contra os preceptos da narrativa, mesturando sen avisar ao lector a primeira e a terceira persoas, para que fosen confluíndo no texto, como as normativas ortográficas do galego». «Na novela hai dous niveis de lectura, que se van cruzando até confluír un no outro, o diexético e o do propio proceso de escritura».

David_Pobra_19-07-2014

Puxo como exemplo desta confluencia que o personaxe principal, o detective Palmeira, quere ser un tipo duro, xa que esa é a imaxe que ten de si mesmo. Mais o narrador ri desa pretensión. «Na novela hai un xogo de monecas rusas até confundirse». «Non hai como perderse nas cidades para coñecelas, na novela pretendín o mesmo, ir por camiños que non coñecía e convidar ao lector a exploralos até chegar ao final. Quería crear unha ambigüidade cunha historia de por medio, escapando das digresións metaliterarias. Quixen facer unha novela divertida, onde se destilase moito humor. Como sinalou o crítico Francisco Martínez Bouzas “Liña azul trae a medicina contra as digresións farragosas da novela metaliteraria”. Quixen facer unha metanovela popular. Esta é a razón das numerosas referencias a Harry Potter ou ao cómic. O importante das lecturas do protagonista é que sirven para definilo como personaxe. En definitiva, introducir o xénero metaliterario no molde da novela negra penso que foi un acerto».

David Pobra asumiu que a súa proposta non estaba exenta de riscos, especialmente no que atinxe ao pacto narrativo co lector, propio da novela realista.«Pretendín que o lector sexa consciente de estar lendo un artificio; esa é a razón da presenza de Antela, o personaxe feminino que utiliza a normativa reintegracionista, que anima ao detective a mudar de novela». Rematou Pobra expresando a súa satisfacción polos comentarios que recibira de lectores que consideraban a relectura de Liña azul coma mellor ca primeira que fixeran. «Non pode haber mellor piropo para o libro. Creo que, efectivamente, a novela resiste a relectura, como tamén anima á escritura, a crear algo propio, desacralizando o acto de escritura, o feito de sentar o cu e poñerse a escribir».

Onte 1039: Reimóndez, premio da Voz

Maria_ReimondezLevamos unha boa ledicia onte co premio de novela por entregas de La Voz de Galicia que recibiu a escritora María Reimóndez. Polo pouquiño que adiantou o xurado, A dúbida, a obra gañadora que o xornal publicará ao longo do mes de agosto, promete o máximo interese: »unha muller é sorprendida pola chegada da policía a súa casa para deter ao seu marido, un político, por un presunto delito de abusos sexuais a menores». O conflito psicolóxico da muller, a dúbida de se realmente o coñecía, alicerza unha trama onde as vinganzas políticas e a corrupación son outros ingredientes. No seu discurso, María Reimóndez agradeceu o premio, reclamou que os medios de comunicación respectasen a lingua galega decote e propuxo aos responsables de La Voz de Galicia que fose o primeiro medio que asumise a proposta da campaña «Como cho digo». Foi moi significativa, tamén, a reclamación da baixada do IVE cultural ao 10 % realizada por Ramón Pernas, director de Ámbito Cultural, patrocinador do certame, á que sorprensivamente se sumou despois o conselleiro de Cultura e Educación. Parabéns, mil e cun cento, para María Reimóndez por este recoñecemento no que, tras o premio Xerais, semella o seu gran ano.

Onte 1038: Contos do mar de Irlanda

XG00224001Dediquei unhas cantas horas da tarde de onte a mergullarme nese océano narrativo que é Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto. Tras Fumareu, O retorno dos homes mariños e Contos da Coruña, Xurxo volve ofrecer outro librobarco, un libromar que convida a navegar polas mil ribeiras do mar de noso. Medio cento de recortes poderosos protagonizados polo nosos labregos do Atlántico, heroes que partiron cara o paralelo 48 e recalaron no porto de Bouzas, a nosa capital do mar, ou nos peiraos do Berbés e do Muro da cidadeatlántica, epicentros desde os que a nosa flota desplegou a súa tecnoloxía nos mares de Terranova e Gran Sol. Un libro coral no que se recompilan as voces de xentes humildes do mar, dos mariñeiros, patróns e fogueiros, dos gaiteiros do mar, de redeiras, traballadoras da conserva ou descargadores da coia. Un libro arca que recolle os tesouros das falas mariñeiras, incluídos os topónimos da costa e talasónimos galegos da xeografía do Irish Sea.

Un libro esponxa épico no que reborda a vida, a emoción, o relato, a música, no que se reúnen textos excepcionais, como «Xulio Verne no país das marabillas», unha crónica extraordinaria escrita polo patrón do Ría de Aldán no ano 73, ou como «O neno da curva de San Gregorio», a historia do mariñeiro pintor, Un libro, pois, cheo de vida, co arrecendo do salitre e do pedramol.

O mércores 23 abriremos rota de presentacións no Museo Massó de Bueu, para continuar no Festigal o 25, na Feira da Coruña o serán do sábado 2 de agosto. Aquí traeremos crónica e impresións destes primeiros lances dun libro que aventuro vai gustar moito.

Onte 1037: Barrio do Cura

Souben onte desta peza audiovisual sobre o Barrio do Cura, alicerzada sobre o texto e a voz do poeta Xabi Xil Xardón. Unha marabilla!!! Quedei sen palabras. Afondoume. Non é ese para min un espazo calquera, no forno do señor Domingos, o noso veciño fronte por fronte, está o celme da miña nenez, moitas horas daqueles días felices, o arrecendo das empanadas e tarteiras da miña nai e os roscóns da miña avoa e miña madriña chegadas das Travesas. No Barrio do Cura estaba o estanco de Maruxa co faro de cada día, máis tamén coas novelas de mamá, as medias da avoa e, anos máis tarde, o meu Triunfo. No Bar Madrid botaba papá a quiniela e eu agardaba a Julito Bernárdez para subir para o colexio. Na ferraxaría industrial dos Sanmartín sempre había tanto balbordo como na moblaría desorde e medo, moito medo, cando morreu tan noviño o rapaz do terceiro, o fillo do carpinteiro. Nunca esquecerei a desgraza de Concha na carnizaría, nunca, nin o accidente do Dyane do meu pai no cruzamento de Llorente. No bar Mascato dicía a avoa Filo que ían os borrachóns de retirada, despois de visitar a taberna de Armando do calellón das Angustias. Máis tarde souben que os pintores e intelectuais como Laxeiro frecuentaban o Roucos para fartarse coas tortillas e as filloas larpeiras de Sira. Os ultramariños da Aldea eran moi escuros, xusto ao pé da casa da mestra onde aprendín a ler. Nos calellóns do Barrio do Cura quedou ancorada unha parte da miña memoria máis luminosa. Mágoa que sexa tan difícil evitar a desaparición deste derradeiro reduto da arquitectura mariñeira máis tradicional do Berbés. Quedan, en palabras de Xardón, as primaveras no barrio de luz e máis non dar, e nós entre ruínas. Quedan.

A miña gratitude aos autores desta peza, que para min constitúe un grande agasallo. Xardón, Miriam Rodríguez e Pablo Kaufmann, beizóns.

Celso Collazo, xornalista

No artigo desta semana en Faro de Vigo homenaxeo ao xornalista Celso Collazo:

Celso-Collazo-en-Plaza-Guadalix-768x1024Hai uns días morreu en Guadalix de la Sierra Celso Collazo Lema, unha das lendas galegas do xornalismo internacional. Nacido en Vimianzo o 15 de novembro de 1921 no berce dunha familia galeguista (o seu pai, colaborador de Castelao, foi paseado en Ponteareas no mes de setembro de 1936 e o seu tío, pouco despois, en Ourense), Collazo pertenceu a esa xeración de galeguistas históricos formada por persoas extraordinarias como Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto, Plácido Castro, Xosé María Álvarez Blázquez ou Valentín Paz Andrade, ás que coñeceu en Vigo na segunda metade da década de 1940 na tertulia do café bar Derby, unha illa de libre pensamento e lecer que rexía Albino Mallo García, situada na praza de Urzaiz, á que tanto debe a cultura viguesa no franquismo.

Souben da vida de lenda de Collazo polo tamén xornalista Carlos G. Reigosa, un dos seus grandes amigos e valedores, a quen asesoraba na documentación da súa vindeira novela, sobre todo nos episodios referidos a presenza no porto de Vigo de nazis e xudeus, coincidindo cos anos de remate da Segunda Guerra Mundial. Un tempo ao que o vimiancés non foi alleo, xa que chegou a nosa cidade de fortuna no ano 45, tras pasar antes pola Coruña e Pontevedra, comezando a frecuentar a tertulia que despois de xantar se desenvolvía no Derby, daquela rebautizado como Bar Imperial, xa que foron erradicados dos locais os nomes estranxeiros. Conta o meu admirado Álvaro Álvarez Blázquez que entre as ringleiras de mesas e baixo a luz dos espellos reuníanse pintores e escritores vigueses para falar de todo o xeneroso mundo das humanidades e tamén do que sabían había que calar Alí acudían, entre outros, Plácido Castro, Paco del Riego, Xaime Isla, Maside, Laxeiro, Lugrís, Priego de Oliver, Pepe Meixide, Xosé Sesto, Sevillano, Xavier Andrade, os catro irmáns Álvarez Blázquez e, tamén, o mozo Celso Collazo quen destacaba por ser un xogador invencible de xadrez, capaz de ser o único que fixo táboas nunha partida simultánea que alí xogou con xadrecistas vigueses o fenómeno Arturito Pomar.

Segundo Albino Mallo naquelas tertulias do Derby destacaba Collazo pola súa cultura, “de quen apenas se sabía que facía á parte de ler”. Naquel foro era considerado como “a gran promesa da literatura galega”, por algunha das súas colaboracións en “La Noche”, e admirado pola súa facilidade para aprender idiomas, contanto apenas cun dicionario e unha gramática, o que despois lle abriría moitas portas. Foi o xornalista Manuel Blanco Tobío quen en 1951, cando Celso estaba moi apretado polas necesidades económicas, lle ofreceu un emprego en Madrid na Dirección General de Prensa, onde comezou a súa traxectoria como xornalista e ao ano seguinte casou coa pintora coruñesa María Antonia Dans. En 1957 foi enviado especial en Londres do diario “Pueblo”, incorporándose o mesmo ano na axencia EFE da man de Carlos Mendo para montar a súa primeira corresponsalía na cidade do Támese. Iniciou así a súa traxectoria como correspondente da axencia española en Londres (1957-68), Moscova (1970-75), Nova York (1975-77) e Washington (1980-82). En todos estes destinos a súa foi casa de acollida para os seus amigos galeguistas, como sucedeu en 1966 cando Del Riego e Cunqueiro viaxaron a Londres. Entrevistou en exclusiva ao presidente Carter en 1980 antes da súa viaxe a Europa e, como sinalou Jorge Mira, foi un dos primeiros xornalistas que se ocupou da divulgación científica e tecnolóxica, sobre todo do desenvolvemento da informática e do nacemento da rede, chegando a formar parte da Academia das Ciencias de Nova York.

Colaborou na fundación da editorial SEPT e, a pesar do seu periplo internacional, nunca perdeu o seu contacto con Galicia e coas iniciativas galeguistas. O pasado ano, cando xa non podía ler nin consultar Internet, vivindo días difíciles de soidade, sen apoio case ningún, doou á Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura 17.700 documentos da súa biblioteca persoal de grande valor, milleiros de fotografías, libros e revistas, o 80 % en inglés, entre os que hai moitos exemplares da colección de “The Times Book Review”, ademais doutros documentos sonoros e audiovisuais. Conversador infatigable, posuía unha memoria extraordinaria que compartía con xenerosidade. Mestre de xornalistas, un dos promotores da apertura informativa internacional do franquismo, Celso Collazo fixo súa a frase do seu amigo Peter Tunne: “o papel esencial da prensa non é satisfacer ao informante, senón confortar ao aflixido e aflixir ao confortado”. No entorno da actual crise de hibridación do xornalismo nun mundo multipolar, a figura do xornalista galego Celso Collazo merece ser posta en valor. O día 2 de agosto terá en Vimianzo, a súa vila natal, o seu primeiro recoñecemento en Galicia. Non era sen tempo!