Onte 869: Gandhi e Castelao

Coincidiu onte por vez primeira o Día Escolar pola Non Violencia e a Paz, celebrado na data do aniversario do pasamento de Gandhi, co Día da Ilustración en Galicia, data de nacemento de Castelao. Enfíase así nas aulas e bibliotecas do país noso a lembranza de dous personaxes moi relevantes na historia do século XX, contemporáneos (morreron cunha diferenza de apenas dous anos), pacifistas até o lirismo e defensores teimosos das súas comunidades e de toda a humanidade. Lembranza destes persoeiros universais inserida no marco da exaltación da creación gráfica e artística e da actividade lectora. Parabéns aos numerosos centros escolares galegos que con actividades moi diversas artellaron esta xornada transversal de lapis, cores e pombas.

Onte 868: «A illa de todas as illas» en Lugo

As presentacións d’ A illa de todas as illas, o libro de Xabier DoCampo ilustrado por Xosé Cobas, están sendo unha oportunidade para que os membros da Xeración Lamote compartan angueiras arredor da causa da lectura. Mentres na Coruña foi Agustín Fernández Paz quen glosou o texto de DoCampo, onte na librería Biblos de Lugo foi Paco Martín quen o fixo, quedando Xavier Senín de facelo o 13 de febreiro na libraría Couceiro de Santiago.

Paco Martín leu un texto moi divertido e fermoso arredor do libro, no que acreditou unha «escrita limpa e directa, na que se nota a pegada do cine un dos amores do autor». Tras glosar a peripecia dos personaxes do relato e os libros citados, rematou resumindo que «as illas esquecidas son todas as que están nesta illa Navalleira, na que os protagonistas experimentan asombros descoñecidos, novos medos, saberán da esperanza e do retorno dunha viaxe iniciática da man de John Silver».

Pola súa banda, Xabier DoCampo, despois de expresar a súa satisfacción por poder compartir esta presentación con Paco Martín, confesou que o tema do libro é a lectura, os libros e a paixón de ler. «Este é un libro de libros, un libro dendrítico (como foi definido nun artigo por Xavier Queipo), un libro porta (como sinalou na presentación da Coruña Agustín), un libro que nos comunica con outros libros». Sinalou que «ler é encontrar nos libros o que hai de ti, o que os libros din de ti, ler é buscarse nos libros para saber o máis posible dun mesmo». Recontou, despois, os libros presentes na novela, dende A illa misteriosa, «a máis fermosa da snovelas de Verne, na que o capitán Nemo está sempre presente, a pesar que só aparece ao remate», Robinson Crusoe, «a novela que representa o simbolismo das illas e o concepto de civilización», pasando por O señor das moscas e A illa dos arroaces azuis, até A illa do tesouro. «Quero reivindicar o valor destas obras clásicas da literatura infantil e xuvenil, quero reivindicar que se lean, quero alertar que estas obras existen, que se as lemos é posible vivir nunha illa deserta, quero proporcionar un camiño para ler os libros e as películas baseadas nelas». Rematou DoCampo falando da súa colaboración co ilustrador Xosé Cobas: «buscamos unha obra conxunta, un libro común».

Onte 867: Terra anfibia

Tras dous meses rachando o ceo, comezan a faltar doses de paciencia. Non se fala doutra cousa. Precisamos uns días de tregua de ballóns, ventadas e treboadas na terra e no mar. A riqueza de formas para definir «as precipitacións en forma de pingas de auga prrocedentes da condensación do vapor de auga existente na atmosfera», as que chamamos «chuvia» ou «choiva» (chuvieira, chuviñada, cebra, babuxa, borralla, poalla…), expresa apenas  a nosa condición de terra anfibia. Chove, chove.

Onte 866: O san Clemente, o premio do lectorado novo

Acompañamos a Pedro Feijoo nos actos de entrega do premio San Clemente, convocado polo IES Rosalía de Castro de Santiago e outorgado por un xurado de lectores e lectoras de 2º de Bacharelato de cinco institutos galegos. O autor d’ Os fillos do mar, gañadora da modalidade de novela galega, compartiu louvores con Arturo Pérez Reverte, gañador da modalidade de novela castelá por El tango de la guarda vieja, e o grego Petros Márkaris, gañador da de novela internacional por Liquidación final. A presenza de Feijoo, Reverte e Márkaris convocou a máis de cincocentas persoas que expresaron a esperanza que para a sociedade galega supón contar cunha xeración de lectores e lectoras novos con criterio literario.

Os tres novelistas defenderon o papel do libro e da lectura na construción do futuro. Feijoo reclamou «o libro como arma do futuro para fuxir da cadea de montaxe en serie», advertindo que «un rapaz con libro na man é toda unha declaración de intencións». Pérez Reverte reivindicou o papel dos libros como analxésico ou como espada: «Cando chegue a de Troia, que chegará, só hai dúas formas de enfrontarse a esta batalla, coma guerreiros ou como escravos. Ler axuda a enfrontarse a Troia para continuar pelexando, é imprescindible coñecer o mundo para evitar ser escravos». Pola súa banda, Petros Márkaris insistiu en que «a cultura é esencial en momentos difíciles, a cultura non é só un pracer, un lecer, a cultura é unha medicina para facerse máis fortes, para que grupos e comunidades continúen resistindo». Acabou lembrando Márkaris unha frase de Bento Spinoza: «Todo o que é aprezado é tamén difícil e estraño».

Este Premio san Clemente, xa con dezanove anos de traxectoria ininterrompida, é un dos modelos máis fermosos de intervención dunha comunidade educativa no proxecto cultural colectivo. O protagonismo do alumnado dos cinco centros participantes no desenvolvemento do concurso e de toda a ceremonia de entrega (con intervencións literarias moi brillantes e traballadas), o entusiasmo do acto de sinatura cos autores, as actividades didácticas (dentro e fóra das aulas), o interese dos medios de comunicación constitúen un modelo educativo e de promoción da formación do lector literario. Este Premio san Clemente é unha fachenda para o ensino público galego. Beizóns para Ubaldo Rueda, o incansable director do centro, alma mater da iniciativa, e para todo o equipo docente e comunidade educativa do Instituto Rosalía.

 

Carlos Oroza, poeta maior

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao poeta Carlos Oroza con motivo da homenaxe que recibiu en Mondariz Balneario.

Na noite do pasado venres no Balneario de Mondariz máis dun cento de persoas abeizoamos a Carlos Oroza con motivo do seu noventa aniversario e da publicación dunha edición popular de “Évame” (Editorial Elvira, 2013). Convocados por Xavier Romero, o editor, amigo e apoio vital do poeta, expresamos a nosa admiración a quen o granadino Tomás Paredes Romero, presidente da Asociación Española de Críticos de Arte, cualificou de “poeta enteiro, integral e universal”, tanto pola “universalidade do que comunica” coma pola “intensidade coa que o fai, dende unha claridade e creación léxica únicas, imprimindo un alento, un ritmo no verso que ningún outro poeta utiliza nin promove coma el”. Foi unha velada literaria pechada por Oroza recitando con coraxe dous dos seus máis grandes poemas, “Évame” e “América”. Inesquecible.

Desde a súa chegada a Vigo, hai máis de tres décadas que coñecemos a Carlos Oroza (nacido en Viveiro o 13 de maio de 1923), o noso eterno poeta peripatético, un camiñante anónimo polas rúas viguesas na procura da inocencia, da grinalda e do poema. Oroza camiña polo rueiro noso coa ollada á espreita, longa e profunda, a propia dun tuareg urbano disposto a abraiarse e sorprenderse. Carlos fixo do paseo conversa e abrazo, lección moral e reflexión política intensa e fugaz. Do Calvario a Príncipe, da Porta do Sol á Laxe, de Beiramar a Bouzas, Carlos Oroza sobe e baixa amodiño, caligrafando cos seu pés un camiñar por Vigo insatisfeito e preciso, vangardista e demorado, coma tamén é o seu poema. “Todas las tardes paseo mi derrota por las calles de Vigo, alguna vez me paro en la orilla y espero algún barco” declarou unha vez para expresar a razón do seu deambular ás ceibas pola nosa cidade revolcada, a quen considera a súa cidade luz, a súa paisaxe nutricia, cidade de cristal, “o lugar máis semellante a miña idea infantil de Galicia”. Afirmacións que expresan a súa pertenza á cidadanía viguesa, a pesar de ser poeta declarado sen patria nin bandeira, a voz de todos nós, capaz de facernos sentir co alento dos seus versos en “Alicia” (1985) o arrecendo da maruxía naquel recital memorable que deu hai dez anos con motivo da inauguración do museo Marco de Príncipe.

Bandido errante, definiuno o poeta Manuel Forcadela, Oroza deixou nos sesenta as súas pegadas de poeta maldito no madrileño Café Gijón, onde fundou a revista “Tropos”, xunto a Víctor Lizárraga e Victoria Paniagua. Da súa estancia en Ibiza en 1969 naceron os versos de “Malú”, máis tarde “Évame Malú”, creando as palabras que faltan, iniciando un proceso de creación léxica e reescrita permanente, dicindo o que non se di, tocando o intocable, achegando o afastado, escribindo cos pés e mans, obsesivo na procura da cerna, da esencia e da finitude. Tras a súa viaxe a Nova York, a primeiros dos setenta, para recoller o premio internacional de poesía underground abrollaron os versos de “América”, unha homenaxe a Poe, mais tamén unha tsunami de palabras medidas, exactas, que expresan a súa concepción da poesía como exercicio físico, respiración e silencio, melodía, cadencia e ritmo, canto e oración, concibido para ser pronunciado e escoitado. Foi Lawrence Ferlinghetti, outro membro da xeración beat, á que se adscribiu a Oroza, quen definiu a poesía como o que “berramos ao espertar nun bosque escuro en medio do camiño da nosa vida” e o poema como “instante fosforescente iluminando o tempo”. Nesa exaltación sitúase Carlos Oroza, cando as palabras soñan que el as nomea (autopoética), escribindo en voz alta, procurando a outredade, organizando o caos, procurando sentido o absurdo da existencia.

Coma segrel camiñante, regresou a Galicia, “En el norte hay un mar que es más alto que el cielo”, asumindo a tradición dos trobeiros galego-portugueses. Coma Mendiño e Martín Codax, desque vive nesta porción de terra gris do Norte, Oroza reside no mar que foi escrito, dignificando a comunidade na que vive, apostando por unha poesía que enxerga futuro, por un texto que anuncia, que avanza o que está por vir, o que escribe unha liña que soña, que pon no pé no aire para ver dende aquel outeiro a nosa cidade iluminada.

Autor dun poema único, escrito a xeito de rolo, miniado coma un códice, corrixido até a extenuación, Carlos Oroza fixo da poesía a súa vida. Pasou necesidades, mais nunca se queixou nin nunca se dobregou. Renunciou a todo, confesou a Rogelio Garrido nunha longa entrevista en “Faro de Vigo”, que “decidiu perder para gañar”. Nunca se rendeu. “No es el orden ni es el tiempo el que nos da el placer”. Con noventa anos continúa reclamando que “o trigo medre nas fronteiras”, sabe que axiña “comenzará a chover e non haberá portais nin recantos para nós”. Carlos Oroza é un poeta maior que merece a nosa gratitude, admiración e afecto. O concello de Vigo débelle unha gran homenaxe.

Onte 865: Balada dun perdedor

Acabei a fin de semana indo ao cine para ver A propósito de Llewyn Davis, a película máis recente dos irmáns Coen. Gustoume. Tras unha narración circular, coma moitas das cancións folk, que rematan co verso inicial, os Coen ofrecen outro dos seus clásicos, a balada dun perdedor para o que non admiten outra saída co fracaso. Apenas algúns acenos de humor e unhas cantas chiscadelas de ironía (eis a sombra final de Dylan) alivian ao espectador desta comedia musical na que se homenaxea ao Nova York de comezos dos sesenta e aqueles folkies que non chegaron a mudar a historia da música. A fasquía clasicista da película abonda para salientar o laconismo dun persoanxe, Lewyn Davis, que representa un heroe melancólico, tan consciente do seu talento artístico coma incapaz de acertar nalgunha das súas relacións humanas. Só a impecable interpretación das súas cancións («Hang me, on hang me») alixeiran a atmosfera de dramático pesismismo que tingue toda a película. Os Coen non deixan espazo ningún para a compracencia nin para o inxenuo optimismo. Abonda con volver sobre as cancións.

Onte 864: IVE cultural

O Goberno rebaixa o IVE da arte do 21 % ao 10 %, mais non o fai co resto dos sectores culturais. As entradas de cines, teatro e concertos, así como os libros electrónicos, continuarán hipergravados con ese 21 %, que está desfacendo o tecido do consumo cultural. Non é moi doado entender as diferenzas que o Goberno establece entre o sector artístico e o resto culturais. A hipótese pesimista é que Montoro considere as obras de arte como un sector refuxio para os investimentos ociosos de «grandes fortunas». A hipótese optimista tería que ver co desexo de Wert de graduar as baixadas do IVE cultural coa intención de vendelas a cada un dos sectores como o seu triunfo diante da «incomprensión do feito cultural por parte de Montoro». Quere Wert, aprobada a LOMCE, recuperar a súa imaxe nos Goya 2014?

Onte 863: Con Carlos Oroza en Mondariz

Resultou excelente a homenaxe que onte se lle tributou no Balneario de Mondariz a Carlos Oroza con motivo do seu noventa aniversario. Gostei moito da intervención de Tomás Paredes Romero, para quen «un poeta é un acontecemento», o que para o crítico de arte granadino sucede en contados escritores de versos. Tras expresar a súa admiración incondicional pola figura de Oroza, cualificouno como «poeta enteiro, integral e universal», que concibe «a poesía non como un feito literario senón coma un prendimento na esencia das cousas». Tras as intervencións que fixemos outros chufadores, Oroza recitou con coraxe dous dos seus máis grandes poemas, «Évame» e «América». Parabéns a Xavier Romero, editor e apoio vital do poeta, polas magníficas edicións de Évame na editorial Elvira e pola perfecta organización dunha homenaxe conducida con elegancia por Julio Alonso e patrocinada polo Balneario de Mondariz. Unha noite inesquecible.

Onte 862: O almanaque de Ripalda

O escritor Xosé Lois Ripalda vistoume onte para me agasallar co seu libro máis recente, A cultura do viño, e para entregar ao persoal da editorial exemplares do Almanaque Agrícola ZZ 2014 publicado por Syngenta. Outro ano máis o popular ZZ inclúe un traballo de Ripalda, «Os carpinteros de ribeira», como gañador do certame de investigación etnográfica «Rescatando un anaco da nosa cultura». Como é adoito, o etnógrafo e mestre de Erbedeiro ofrece un completo traballo icónico e textual sobre este oficio tradicional do litoral, mais tamén das veas fluviais de Galicia. En dez páxinas de tipografía apretada, enriquecida con debuxos moi xeitosos, debúllanse con agarimo e espirito didáctico os procesos do oficio da carpintaría de ribeira, a tipoloxía e descrición das diversas embarcacións, os materiais e ferramentas utilizadas, así como o patrimonio inmaterial asociado de lendas, contos, adiviñas, cantigas e refráns. Un grande traballo de esculca e recuperación dun vocabulario específico, outra achega de Ripalda ao tesouro colectivo da nosa lingua que, ademais, constitúe un excelente recurso didáctico (agardo que, como os de anos anteriores, se publique en formato pdf decontado).

Mención á parte merece o Almanaque ZZ, publicado de forma ininterrompida dende hai SESENTA E DOUS ANOS, quizais a publicación en galego de maior tiraxe en todo este período.   O ZZ continúa a tradición que en 1857 iniciara O Gaiteiro de Lugo e que logo, desde os anos sesenta, continuara O Mintireiro Verdadeiro promovido polo crego José Regadío en Palas. Estes almanaques agricolas, que permitiron o uso continuado do galego (mesmo nos anos máis difíciles do franquismo) continúan tendo certa graza, algunhas veces certamente chocalleira, por que non abandonaron a súa intención literaria (a propia Rosalía chegou a publicar neles) nin a de promoción do folclore popular. Predicións, chistes, as lúas, as datas das feiras, consellos para o cultivo da vide, acompañan a outros textos de maior entidade literaria destes libriños en galego que nunca foron considerados como tales pola cultura «oficial».

Dende o punto de vista editorial, o almanaque, como algúns programas de festas, é un libro híbrido, de difícil clasificación, tanto polos seus contidos moi heteroxénos, pola súa forma de distribución non venal en establecementos agrícolas, coma pola ausencia de metadatos e outros rexistros que acompañan a libros ou revistas. No entanto, os almanaques, sobre todo este ZZ, son publicacións moi porosas, capaces de chegar a públicos amplos, o que axuda a ampliar o perímetro de lectura en lingua galega, ao tempo que axuda a conservar o lume de transmisión da cultura tradicional agraria. O que non é pouco.

Beizóns para o mestre Ripalda e para os editores do ZZ pola súa continuidade.