Onte 651: O consumo de papel

Leo que o consumo de papel para prensa e impresión de libros caeu un 36% dende o inicio da crise en 2008. Unha porcentaxe elevadísima, mais cribel se temos en conta a redución das vendas de xornais e libros no mesmo período. A información, achegada por Aspapel, asociación de fabricantes de papel, atribúe o descenso de 2009 aos bruscos efectos da crise económica, mais o do pasado ano «á irrupción dos novos formatos electrónicos». Porén, o sector papeleiro compensa esta baixa co incremento da produción de tisú e cartón para embalaxe e produtos hixiénicos e sanitarios. Unha radiografía ben interesante do díficil tránsito que vive o sector da edición, da prensa e das artes gráficas no entorno da crise deflaccionaria e da disrupción da comunicación dixital.

Onte 650: Messi

Tras a imputación de Messi por fraude fiscal, o seu xogo da serpe paréceme moito menos excitante e fermoso. A partir de agora, inevitablemente, cada vez que Lionel canee aos seus defensores a velocidade de vertixe, non só estarei vendo a un extraordinario futbolista, quizais o mellor do noso tempo, tamén a un cidadán que semella non respectou as súas obrigas colectivas. Todos os servidores públicos, tamén as persoas que gozan do aprezo social (como os artistas e deportistas de elite), teñen a obriga engadida de ser referentes sociais (e mesmo morais), xa que funcionan como «modelos» para a opinión pública. Non se pode diferenciar o deportivo do público e do político. Eis a cerna desta presunta fraude coa que Messi perdería a súa inocencia e candidez.

Onte 649: «Os fillos do mar», premio San Clemente

Foi unha ledicia coñecer que o Premio Arcebispo Xoán de San Clemente fose esta ano para Pedro Feijoo pola súa novela Os fillos do mar. Tras o éxito de boca orella desta obra, aparecida a pasada primavera e da que levamos publicadas catro edicións, son lectores e lectoras de Segundo de Bacharelato os que a recoñecen agora como mellor novela en galego do ano 2012. Un premio que felizemente Feijoo recibe cando inicia a andaina a edición en castelán desta súa primeira novela. Poucas veces participamos nun debut literario tan esperanzador. Parabéns, Pedro!!!

Onte 648: Panificadora 2016

Antón Pulido, o grande pintor e amigo de meu, envíanos esta marabilla, a dixitalización dun augaforte do cartel anunciador da «Gran retrospectiva de Laxeiro» que se inaugurará o 23 de febreiro 2016 na Panificadora Centro Cultural de Vigo, coincidindo coa celebración dos 108 anos do nacemento do pintor de Donramiro e co viséximo cabodano do seu pasamento. Ten moita razón Pulido anticipando esta importante convocatoria. Máis aínda nestes días axitados nos que convén actualizar os nosos soños máis felices para esta cidade revolcada, que nalgunhas ocasión tanto nos doe. Que foi do proxecto de instalar na Panificadora a biblioteca do estado? Que foi do proxecto de recuperación integral da Panificadora para usos culturais e cívicos?

Un proxecto para Vigo

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño unha reflexión sobre os males que sofre Vigo e a súa área metropolitana, as portas ca concentración en defensa de Peinador convocada polo alcalde Abel Caballero.

Coa chegada do verán é aínda máis doado comprobar o estado agonizante do aeroporto de Peinador, pola perda de frecuencias, a deteriorización da calidade dos seus servizos e o incremento do prezo dos billetes. Incapaz de competir coas axudas públicas que reciben algunhas das compañías que operan nas terminais da súa contorna, tanto as galegas (Alvedro e Lavacolla) como a portuguesa (Sa Carneiro), o aeroporto vigués no último ano, coa perda do 15% dos seus usuarios e o 50% das súas mercadorías, retrocede a cifras de tráfico de hai máis dunha década.

Unha situación aeroportuaria agravada pola falta dunha alternativa ferroviaria competitiva que permita ao máis do medio millón de persoas da área metropolitana viguesa viaxar fóra da nosa comunidade nunhas condicións de prezo, tempo e comodidade atractivas. Como a pasada semana puiden comprobar en carne propia, o novo traxecto de mañán do tren Alvia a Chamartín leva sete (longas) horas (con máis de media hora de atraso sobre o horario previsto), mentres o tren-hotel nocturno supera as nove horas e media. Sen esquecer que en calquera destas dúas alternativas a duración do traxecto entre Vigo e Ourense supera as dúas horas. Viaxes interminables, agotadoras, moi dificilmente recomendables para utilizar na actividade laboral ou como alternativa de interconexión con outros traxectos.

Hai razóns abondas, polo tanto, para a indignación da cidadanía viguesa sobre a situación do seu aeroporto, como é doado comprender o chamamento para manifestala que o alcalde e o seu equipo de goberno realizaron convocando unha concentración na Porta do Sol no serán do vindeiro mércores.

Mais non seriamos xustos se considerásemos a precariedade de Peinador como o primeiro problema da nosa área metropolitana e o chamamento do goberno municipal vigués como unha iniciativa política inocente. Peinador é apenas un síntoma dunha doenza máis grave (e dolorosa), a da falta dun proxecto estratéxico vertebrador de Vigo e a súa área metropolitana, no marco de Galicia, do noroeste peninsular e da fachada atlántica europea. Unha carencia, que arrastramos ao longo das tres últimas décadas, á que non é allea nin o escasísimo peso da clase política viguesa en cada un dos seus partidos nin a ausencia de modelos estables de xestión e liderado das principais institucións metropolitanas e municipais. Cómpre recoñecer de vez que Vigo ten dificultade de traducir o dinamismo e as iniciativas dos seus empresarios e traballadores (nos sectores máis diversos, dende os industriais, até os comerciais, artísticos e culturais) en proxectos e liderados políticos facilitadores e estruturantes. Un problema que ten moito que ver co fracaso das súas elites e a carencia de institucións facilitadoras do encontro e da confrontación cívica. Peinador agoniza e o porto de Vigo perde tráficos (mesmo de cruceiros, que gaña o porto da Coruña) e a súa posibilidade de ser declarado porto nodal europeo, a consecuencia da falta dun plan integral de transportes, unha desas políticas estratéxicas, deseñadas a longo prazo e compartidas por unha ampla maioría política e social. Úrxenos contar cun mapa estrátexico para integrar o territorio galego, ás principais infraestruturas e a reforma das nosas administracións e servizos públicos. Eis a cerna de boa parte das nosas doenzas.

O primeiro problema da área metropolitana é o desemprego, que xa afecta a unha de cada catro persoas. Como a primeira angueira de toda a nosa clase política e das nosas forzas sociais  e colectivos veciñais ten que ser agora como facerlle fronte á crise do sector naval, ameazado de morte pola aplicación da tax-lease, que supoñería a súa liquidación definitiva. Como tampouco debería ser menor o seu interese por contribuír a procurar unha saída para Pescanova, a nosa primeira empresa transnacional, como para achegar unha saída xusta para os milleiros de preferentistas estafados no seu día pola caixa de aforros.

Co Partido Popular de Vigo sen candidatura para o Campo o de Granada, pagando en Santiago e na Coruña ás subvencións millonarias que non quere para o aeroporto de Vigo; co BNG automarxinado e fanado na súa iniciativa municipal polo seu apoio orzamentario, a ninguén pode estrañar que Abel Caballero, cómodo e en solitario, mobilice a indignación cidadán procurando, coma nun xogada de billar a tres bandas, a carambola da soñada maioría absoluta. No entanto, sexa cal fose a saída ao problema do Peinador agonizante –descoñecemos as alternativas de cada un dos partidos, máis alá  da posibilidade de pagar ás compañías a fondo perdido (o que non semella moi xusto), o Vigo (necesariamente metropolitano) debe recuperar o seu proxecto estratéxico. Mentres non o faga, temo que continuaremos mesturando allos con bugallos.

Onte 647: Sés «co xenio destrozado»

Desque o venres merquei o disco en Andel estou enganchado Co xenio destrozado, o segundo cedé de Sés. Un disco xenial, marabilloso, memorable, potente. Unha voz engaiolante capaz de enluvarse en cada tipo de canción. A madurez dunha cantora e compositora en estado de graza. Unha ducia de temas imprescindibles, unha variedade musical espectacular, un catálogo dos ritmos máis clásicos do rock e da música popular hispanoamericana, dende a balada, a milonga, a rancheira, o blues, os ritmos doces do Caribe, mesmo o tango, até varias xeracións do rock and roll máis xenuíno. Un prodixioso catálogo musical no que aínda brillan máis unhas letras (todas elas rimadas por Sés) que avalan entre a denuncia da desiguldade, a reivindicación da esperanza e a proclamación do amor e o desamor máis arrebatado. Cancións inesquecibles como «Concordia de papel», «Milonga de aquí» (un auténtico manifesto dende a insurxencia dese este recuncho do mundo), «Rebelarse a conciencia», «Boto en falta unha ilusión», «Se non podo ir onde ti estás» ou «Unha mañá de setembro»… Este é un disco de denuncia do conformismo, un auténtico ciclón de entusiasmo do rock and blues. Cantando en galego, con letras significativas cen por cen, esta bluseira con alma de pandereteira, a Patti Smith de noso, aventuro vai abrir unha nova fronteira para a música en galego. Co xenio destrozado é un disco moi recomendable. Beizóns Sés!

Onte 646: O éxito do punto gal

A aprobación por parte do ICANN dos novos dominios punto gal e punto eus, para a lingua e cultura galegas e euscalduna, constitúe un éxito colectivo moi esperanzador. A partir de inicios de 2014 contaremos coa posibilidade de achegar un novo pulo á presenza da nosa lingua e do pobo galego na Internet. A consecución do punto gal terá unha consecuencia simbólica (Galicia,o seu pobo, a súa lingua e a súa cultura contarán cunha presenza diferenciada na rede universal), mais tamén impulsará a presenza do galego en Internet, xa que os beneficios xerados pola xestión do dominio serán reinvestidos nesta tarefa. Os promotores teimosos da iniciativa merecen todas as nosas beizóns e gratitude. Con todo, o académico Manuel González merece todos os parabéns. Na mesma semana que abriu o Portal das palabras, proxecto que codirixe, a asociación Punto Gal, da que é presidente, fundador e impulsor, obtén esoutro éxito. Senllos fitos históricos extraordinario para a lingua galega, que moito lle deben ao coñecemento e á capacidade de forxar proxectos colectivos do lingüista de Mazaricos. Coincidindo co trinta aniversario do aprobación da Lei de Normalización Lingüística, entre pasos adiante e algúns atrás, foi esta unha semana para a esperanza da lingua galega.

Na foto aparecen algúns dos membros da directiva da Asociación Punto Gal.

Onte 645: «As vidas de Nito» de Xabier Paz

A presentación da segunda novela de Xabier Paz, As vidas de Nito, ateigou a libraría Andel de Vigo. Foi Iolanda Veloso, voceira do grupo municipal do BNG de Vigo, a que presentou unha novela que comezou definindo como «densa e fermosa», agradecendo ao autor «o moitísimo que me fixo sentir, dende momentos eruditos, a moitas emocións e sentimentos, xa que esta é unha novela chea de poesía». Veloso recoñeceu na novela A Coruña, a súa cidade natal, tamén a do autor, «sobre todo naquelas aventura de verán, que é cando se aprendan máis cousas». Referiuse despois a que lle interesara moito o feito de que fose «contada por unha persoa que é diferente, que non encaixa na normalidade, o que permite ofrecer perspectivas moi diferentes», lembrando despois a actualidade deste enfoque, xa que por poñer un caso, como lera recentemente nun artigo, hoxe «as persoas con autismo son un indicador da saúde social». «Ademais, a novela fala moito de educación relixiosa e segregada que recibiu Nito, onde as mulleres convértense en nais e irmáns». Despois de comentar diversos parágrafos da obra, a presentadora salientou que «constituía un raro privilexio para cada lectora poder enfrontarse a un texto no que se tenden pontes entres disciplinas diversas para explicar o sentido da vida. As vidas de Nito fala da vida e da morte. Fala de vidas poliédricas, das vidas que vamos superpoñendo cada un de nós». Rematou as súas palabras confesando que cando estaba lendo esta novela «estaba convencida de que falaban de min». «Estou convencida que todo o mundo cando a lea saberá que fala de si». «Parabenizo a Xabier por ofrecernos esta novela coa que nos reconciliamos coas vidas que vivimos e coas que viviremos».

Pola súa banda, Xabier Paz comezou as súas palabras definindo a novela como «unha reflexión sobre a natureza humana dun rapaz de crecemento tardío». Agradeceu aos seus amigos Merce e Vítor o feito que despois da publicación de Renacer o emprazasen a escribir sobre el mesmo. Recoñeceu que utilizara un eixo improbable como eixo da trama, a semellanza do tango inverso protagonizado por Nito e Elba. «Pelexar coas fichas documentais e temáticas foi o máis difícil da escrita da novela. A ambición era a reflexión sobre o ser humano dende todas as perpectivas». Confesou que desbotara tres fichas que lle interesara, a de Frei Diego Landa, autor da Relación das cousas de Yucatán, a civilización que axudara a liquidar, a do sermón de San Antonio dos peixes e a da condesa Elisabeth Barthory, a condesa sanguenta. Utilizando a proxección de fotografías, falou do tempo e dos espazos de Nito, «un neno que medra con moita dificultade nos anos 50 nunha cidade con alcaldes da envergadura de Picadillo e Alfonso Moilna». Rematou a súa intervención, referíndose ao que na novela chámase «A desfeita», o desastre da modernización e a corrupción dos anos posteriores á chamada Transición Política.

Onte 644: O portal das palabras

Foi unha beizón que o Seminario de Lexicografía da Academia Galega, en colaboración coa Fundación Barrié, inaugurase o Portal das palabras. Pareceume unha marabilla, sobre todo polas súas enormes posibilidades de aproveitamento didáctico. Gustei do deseño da ferramenta, non só pola claridade do grafismo web, tamén polo emprego das utilidades hipertextuais e multimodais, esenciais nun libro dixital en liña. Benvida, tamén, a nova versión do Dicionario normativo da RAG, que acada as 50.000 entradas e novas e importantes utilidades de consulta, así como a súa versión para Android. Pasos decisivos (históricos) no proxecto de modernización do traballo lexicográfico da Academia, un dos proxectos principais da presidencia de X.L. Méndez Ferrín. Parabéns á Academia por este chimpo de xigante a prol do florecer da lingua galega.

Manuel Lueiro Rey. A liberdade ferida

Iago Nicolás fíxonos este agasallo para axudar a facer visible o libro de homenaxe a Manuel Lueiro Rey, no que participamos medio cento de persoas unidas pola admiración e a amizade co inesquecible escritor do Grove.

Manuel Lueiro Rey. A liberdade ferida será presentado por vez primeira o sábado 22 de xuño, ás 20:00 horas, na Galería Besada (Rúa Concepción Arenal 1 baixo) do Grove, acto no que participarán Ramón Nicolás, Luís Cochón, Xesús Alonso Montero e o editor. Despois, o martes 25 de xuño será presentado na Libraría Paz de Pontevedra (Peregrina 29) tamén as 8 da tarde, contando coa presenza de Nicolás, Cochón e o editor.