As coleccións das caixas

No artigo da semana en Faro de Vigo apoio a declaración das coleccións de arte das caixas galegas como Ben de Interese Cultural.

Ás portas da inminente privatización de Novagalicia Banco, que probablemente será adquirido polo catalán CaixaBank ou polo fondo de capital risco estadounidense Guggenheim (a opción favorita de José María Castellano, o actual presidente de NGB, xa que entende facilitaría preservar a sede social e fiscal do novo banco), non hai certeza sobre cal será o futuro que lle agarda ás coleccións de arte do que foron Caixanova e Caixa Galicia. Dúas coleccións que no proceso frustrado de fusión de ambas as dúas entidades correron unha sorte dispar. Mentres a propiedade da colección da entidade viguesa quedou en mans da Fundación Novacaixagalicia, xa que as obras foron adquiridas a cargo da Obra Social, primeiro de Caixavigo e logo de Caixanova, a colección de Caixa Galicia acabou sendo transferida a Novagalicia Banco, xa que a entidade dirixida por José Luis Méndez a contabilizou como investimento do seu negocio financeiro. Dous modelos de xestión dun patrimonio artístico acumulado durante décadas que evidencian tamén dúas formas moi distintas de xestionar o negocio e de asumir a responsabilidade social e cultural destas entidades de aforro popular.

Máis alá da complexa cuestión do futuro da súa propiedade, ninguén pon en dúbida o valor destes fondos. As 5.596 pezas pictóricas, escultóricas e fotográficas da colección de Caixanova constitúen a máis grande pinacoteca galega contemporánea existente no mundo, tanto polas súas catro mil pezas de artistas galegos como pola súa calidade. A colección Caixanova ofrece un percorrido pola pintura galega que abrangue dende “O bebedor”, o famoso cadro do ourensán Antonio de Puga (século XVII), até as paisaxes románticas do vigués Serafín Avendaño e Ovidio Murguía, fillo de Rosalía de Castro; que continúa polos óleos e debuxos de Castelao e Laxeiro até as pezas dos membros da xeración Atlántica como Antón Patiño ou Menchu Lamas. Outrosí sucede coas 1.350 pezas da colección de Caixa Galicia, na que se inclúen obras asinadas por artistas como Picasso, Dalí, Joán Miró ou Chagall, xunto a figuras galegas como Maruja Mallo, Eugenio Granell, Urbano Lugrís, Tino Grandío, Isaac Díaz Pardo ou Francisco Leiro. Ao coidado hoxe da Fundación Novacaixagalicia, as pezas das dúas coleccións continúan ubicadas en diversas oficinas e sedes do banco, así como expostas na rede de centros sociais e culturais que mantén a Fundación, cunha presenza moi destacada na sede do Centro Social da rúa Policarpo Sanz de Vigo, onde no denominado “Espazo Caixanova” se expón dende 2003 unha antoloxía da colección, que se foi renovando e actualizando cada dous anos. Tanto as obras propiedade da Fundación Novacaixagalicia como as de Novagalicia Banco, tanto as que están nas instalacións do banco como as conservadas nas da Fundación, todas forman parte do patrimonio galego, xa que foron adquiridas co esforzo dos aforradores das entidades, e todas deberían ser preservadas no seu conxunto.

Tras a poxa de NGB, prevista polo FROB para finais de outubro, a ninguén se lle pode agochar a posibilidade real de que os novos propietarios da entidade, sexan norteamericanos ou cataláns, decidan vender a totalidade ou parte da colección de arte e levala fóra de Galicia. Como tampouco se pode negar o futuro moi incerto da propia Fundación Novacaixagalicia para xestionar os fondos da súa colección de arte como da rede dos seus centros sociais, culturais e de maiores, ao carecer dos fondos achegados cada ano polo negocio financeiro. Razóns abondas que xustifican a necesidade de intervención pública na catalogación das dúas coleccións e da súa blindaxe conxunta como patrimonio galego. Unha decisión que obrigaría a traballar na súa conservación e a procurar as fórmulas máis axeitadas para poñer os seus fondos a disposición de toda a cidadanía galega, como xa dende hai dous anos ven propoñendo no Hórreo a deputada do BNG Ana Pontón. Unha saída que pasa, agora, pola súa urxente declaración como Ben de Interese Cultural como, por fin, asumíu esta semana o presidente Feijóo.

Unha alternativa que debería supoñer, ademais, a potenciación do Centro Social da Fundación Caixanova de Vigo como sede principal da colección de arte galega, iniciada na nosa cidade hai cincuenta anos pola Caixa de Aforros Municipal de Vigo. Desta forma sería posible volver recuperar a idea da milla do Sireno, un espazo de dinamización para a arte galega, artellado arredor da porta do Sol viguesa, cuxos límites estarían por unha banda no Casco Vello, no inicio da rúa da Ferrería coa Pinacoteca Francisco Fernández del Riego e na rúa do Chao co futuro Centro de Fotografía de Galicia, e por outra, na rúa Policarpo Sanz, onde se ubicaría a colección permanente de arte galega das caixas e a sala de exposicións temporais da Fundación Barrié.

Onte 734: Gómez Noya, gran campión!

Javier Gómez Noya gañou onte no Hyde Park londinese o seu terceiro campionato do mundo de Triatlón. Outra proeza heroica do triatleta ferrolán afincado en Pontevedra. Despois de recuperar na bicicleta os segundos perdidos no lago Serpentine, Javi correu durante case dez quilómetros con Jonathan Brownlee, xunto co seu irmán Alistair, un dos seus eternos e nobles rivais, a quen superou nos derradeiros metros nun esprint incrible. Gómez Noya é un dos mellores deportistas galegos da historia, tanto polo seu palmarés coma pola súa actitude deportiva e cívica. Javi é un auténtico home de aceiro con corazón xeneroso, un traballador extraordinario con grande fortaleza psicolóxicaun modelo de esforzo, superación e confianza nas propias posibilidades, un gran campión. Merece os maiores recoñecementos. Beizóns.

Onte 733: Ryanair e os libros

Chamoume moito a atención este chío publicado onte por Mario Beramendi no que recuperaba unha noticia curiosa publicada en novembro do pasado ano por La Voz de Galicia. Unha muller foi obrigada no aeroporto de Manises a abandonar un avión de Ryanair, que ía iniciar o voo entre Valencia e Santiago, a causa de levar unha bolsiña cun libro e un póster, obxectos considerados como pezas de equipaxe polos que debía pagar unha taxa de 50 euros. O feito de considerar estes produtos impresos á mesma altura ca unha maleta ou cun bolso amosa unha moi escasa consideración coa cultura do libro e co afán da lectura por parte dos responsables da compañía irlandesa, como non agocha o seu voraz afán recadatorio. O máis chocante do caso é que esta prepotente compañía, denunciada en numerosas ocasións por este tipo de abusos e irregularidades, recibe importantes axudas públicas en España, entre as que cómpre salientar as subvencións da Xunta de Galicia para manter as súas liñas con Lavacolla. Ben sería que fose obrigada polas autoridades tanto a respectar a normativa da seguridade aeroportuaria como o dereito dos cidadáns a non desprenderse dos seus obxectos persoais, sexa un libro, teléfono ou lector portátil. Mágoa que nestes voos de Ryanair, subvencionados con fondos públicos, se defenda máis o xogo da lotaría ca a posibilidade da lectura.

Onte 732: Do Pindo ao Ézaro

Esta noite as lapas saltaron o río Xallas e se achegan á fervenza e ás casas do Ézaro. Continúa así un incendio voraz que leva calcinadas dúas mil oitocentas hectáreas, transformando nun volcán o que puido ser un parque natural. Desolador. Xa en 1995 o mestre Xaquín Marín adiantara a solución que para estes casos ten preparada a Consellaría de Incendios. Unha sáida que, como amosa a viñeta do xenial Bichero en Faro, non perdeu nin unha faragulla de actualidade. Mentres escribo esta notiña indignada zoan os hidroavións sobre a ría de Vigo, camiño do incendio de Vincios, onde xa van doce horas de loita contra o lume. Ademais de participar no mitin no Milladoiro, terá previsto Feijóo presentarse este sábado nalgunha das zonas cero onde a veciñanza chora polos seus eidos?

Onte 731: Catástrofe no Monte Pindo

Tremenda catástrofe no Monte Pindo. O incendio declarado o mércores en Cima de Arca arrasou 160 hectáreas, a práctica totalidade do macizo granítico do Olimpo Celta e parte das marismas de Carnota. Así o denuncia a Asociación Monte PIndo Parque Natural que atribúe o desastre tanto as adversas condicións meteorolóxicas como «á carencia máis absoluta de medidas de prevención». Mágoa que a Xunta de Galicia nunca atendese a teimosa reclamación cidadá de declaración de parque natural sobre un espazo patrimonial no que se teñen identificado até 630 especies e endemismos como o «carballo enano, alén da importancia do seu carácter mitolóxico no noso patrimonio inmaterial. Vendo as imaxes de semellante desfeita, é difícil esquecer as secuencias de Costa da Morte, a película de Lois Patiño, gravadas no Pindo, que quedarán como testemuñas do fracaso da actual política forestal e da neglixente xestión dos espazos naturais protexidos. Diante deste fatídico mes de setembro, no que arde Galicia, continúa o presidente Feijóo considerando a actual «campaña de lumes como extraordinariamente positiva»?

Onte 730: Diada en Vilarón

Ao mediodía viaxei con Agustín Fernández Paz até Vilarón, nas terras do concello da Capela, onde Xabier DoCampo nos preparou o xantar. O mestre (narrador e cociñeiro) agasallounos cunha coidada antoloxía das súas especialidades máis sabedeiras, entre as que destacou a súa «pescada ao itálico modo», unha receita, coma outras do autor d’ O libro das cidades imaxinarias, que xa forma parte do canon (aínda non publicado) da cociña galega de entre séculos. Rematou a longa sobremesa de libros, contos, falares e pesares xa na tardiña coa cerimonia da plantación do carballo viaxeiro, unha galla que María Reimóndez entregara no inverno pasado na presentación de En vías de extinción e que para sorpresa de todos prendeu no balcón da miña casa. Foi esta a contribución nosa a celebración da #Diada, unha xornada que seguimos con emoción e esperanza. O carballiño quedou en Vilarón, ben abrigado dos ventos do nordés, para gañar o futuro.

Como se pode ver nas fotos acompañounos na plantación Secundino García Mera, o noso benquerido mestre da Capela, que gardará memoria do sucedido onte en Vilarón.

Onte 729: A portada de «Cadeas»

Cadeas, a novela de Xabier López, gañadora do Premio Xerais deste ano, xa vai no prelo. Estou moi satisfeito da cuberta que preparou Miguel A. Vigo a partir dunha imaxe suxerida polo propio autor, unha foto de 1923, «Kids at the Potomac bathing beach». A foto é unha metáfora visual do carácter poroso desta novela na que se van enganchando as historias como as cereixas. Mais tamén é capaz de expresar esoutra idea máis sutil de Xabier López, que entende a novela como un vehículo para explicar a vida sempre como suma de moitas vidas distintas. Eis o debuxo conformado polas miradas, sorrisos e formas desa rapazallada na praia atlántica. Gosto, tamén, da imaxe pola súa inequívoca connotación co inicio do XX, onde se sitúa tamén o comezo do devalar dun texto cuxas historias abrangue todo un século da historia de Galicia. Volveremos nas vindeiras semanas sobre Cadeas, novela que presentaremos por vez primeira o 11 de outubro no Liceo de Betanzos.

Onte 728: Novos Blanco Amor

Revisamos onte os ferros de Dióxenes en Dolorida de Ignacio Vidal Portabales, obra gañadora o pasado ano da XXXª edición do premio Blanco Amor. Unha novela inusualmente divertida para a literatura galega actual, mesmo moi atrevida na introspección que propón sobre as relacións de parella entre homes e mulleres, coa que este profesor de Mercantil da Facultade de Dereito da USC, descoñecido nos ambientes literarios, inicia o seu percorrido na narrativa galega. Aparición sorpresiva e inminente que coincide co fallo esta fin de semana polo concello de Ferrol da edición deste 2013 do premio Blanco Amor, que recaíu na novela de Jorge Llorca O violín de Rembrandt; novela (cen por cen ferrolá) que, como coa anterior, moito me fixo rir, unhas veces polo seu carácter paródico, outras polo carácter irreverente dos acontecementos relatados. Dous Blanco Amor enfiados tanto polo carácter anovador e divertido das novelas gañadoras como polo feito curioso de ser escritas por autores debutantes serodios sen vinculación profesional co mundo literario, o que quizais poida supoñer unha interesante ampliación de límites para a nosa narrativa. Novelas e autores que merecen a nosa atención.

Onte 727: Francisco a prol da causa da paz

Admiro a determinación e afouteza do papa Francisco a prol da causa da paz e contra da intervención militar en Siria. «A guerra é sempre unha derrota para a humanidade» salientou onte durante o rezo do Ángelus. Valiosas xa foron tamén as súas declaracións criticando o negocio da venda de armas, onde está tantas veces a orixe dos conflitos.Como a presenza inédita de Francisco nunha vixilia silenciosa a prol da paz, celebrada no solpor romano, acompañando a representantes doutras crenzas e persoas laicas, ateas ou agnósticas,constituíu unha novidade extraordinaria, unha mudanza profunda no comportamento da Igrexa. Imaxinamos aos párrocos galegos convocando concentracións cidadáns a prol da paz nos adros das súas igrexas? Quedo con algunhas das palabras claras de Francisco pronunciadas no serán pola paz: «A violencia non é o camiño para a paz». «O perdón, o diálogo e a reconciliacion son as palabras da paz, na amada nación Siria, no Oriente Medio e en todo o mundo.» Será posible aínda evitar o ataque?